Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2001 Páx. 701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 309/2000, do 15 de decembro, polo que se cede, a título gratuíto, ó Instituto Galego de Promoción Económica, unha parcela patrimonial integrada no Parque Tecnolóxico de Galicia, no termo municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a titularidade das parcelas patrimoniais do Parque Tecnolóxico de Galicia, situado no termo municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense), agás as que foron alleadas a distintas entidades privadas.

A orde do conselleiro de Economía e Facenda do 14 de xullo de 1994 (DOG nº 143, do 27 de xullo, e corrección de erros DOG nº 175, do 9 de setembro), declarou a alienabilidade das parcelas do Parque Tecnolóxico de Galicia.

O Parque Tecnolóxico de Galicia naceu como un instrumento de promoción industrial, que fomenta a utilización de tecnoloxías avanzadas, fundamentalmente en tecnoloxías de I+D.

A Comunidade Autónoma, no marco das súas competencias exclusivas de fomento e planificación da actividade económica, considera prioritaria a política activa de promoción da actividade empresarial mediante a habilitación de solo industrial e das infraestructuras necesarias para a implantación na Comunidade Autónoma de empresas que teñan carácter estratéxico pola súa actividade ou polo seu carácter dinamizador nun determinado territorio. En aplicación desta política, encomendoulle á sociedade pública SPI Galicia, S.A. a construcción dunhas naves industriais nunha parcela do parque tecnolóxico na procura de contribuír ó desenvolvemento tecnolóxico e de alentar iniciativas que permitan crear riqueza e emprego na Comunidade Autónoma.

Pola súa parte o Instituto Galego de Promoción Económica (en diante Igape) é un ente de dereito público, que se configura como un instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego. Á vista dos específicos fins e funcións do Igape, resulta máis conveniente incorpora-la citada parcela no patrimonio do devandito ente público, debendo enmarcarse esta actuación nun vindeiro plano de actuación global na política de habilitación de infraestructuras referida anteriormente.

Os artigos 24 e 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia (trala modificación establecida pola Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión), así como os artigos 60 e 83 e seguintes do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da antedita Lei 3/1985, regulan as cesións gratuítas de bens inmobles.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Instituto Galego de Promoción Económica, da parcela patrimonial integrada no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas (Ourense), que se describe a continuación e resulta da reparcelación das parcelas 1L, 2L, 3L, 5L e 6L:

1L nova: parcela de 11.647 m de superficie con fronte (sur e oeste) á rúa Pontevedra e que linda á esquerda entrando (norte), en liña recta de 58 m, coa parcela 4L; e ó fondo (leste), en liña quebrada de 64,23 m, 5,09 m e 114,23 m coa parcela 2L nova.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión da parcela descrita é a potenciación do desenvolvemento da política activa de

promoción da actividade empresarial mediante a habilitación de solo industrial e das infraestructuras necesarias para a implantación na Comunidade Autónoma de empresas que teñan carácter estratéxico pola súa actividade ou polo seu carácter dinamizador nun determinado territorio. As actividades que se leven a cabo dentro do Parque Tecnolóxico de Galicia realizaranse promovendo as actuacións necesarias para a instalación de empresas que cumpran os requisitos e normas de admisión a el.

b) O cesionario subrógase en tódolos dereitos e obrigas derivados da titularidade das parcelas cedidas. En especial, nas obrigas económicas derivadas do encargo a SPI Galicia da construcción de diferentes naves por un importe de proxecto de 489.729.028 pesetas.

c) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

d) Tódolos gastos e impostos derivados da transmisión serán por conta do cesionario.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, quince de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda