Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2001 Páx. 363

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de decembro de 2000 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á mocidade e se procede á súa convocatoria.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude considera obxectivo prioritario potencia-la actividade asociativa xuvenil para promove-lo desenvolvemento comunitario e a participación da mocidade na vida social, política, económica e cultural. Para conseguir este obxectivo é fundamental prestar apoio ás entidades que traballan neste eido, posibilitando a realización de actividades que sexan de interese para a poboación xuvenil, fomentando e potenciando dese xeito o seu nivel participativo. Por isto establécense as presentes axudas, dirixidas á promoción do asociacionismo xuvenil, así como a posibilita-la realización de actividades de carácter ambiental, de carácter socioeducativo dirixidas a incrementa-la concienciación social sobre as distintas problemáticas que afectan a mocidade, de carácter formativo, de animación sociocultural, de aire libre, e aqueloutras dirixidas a incrementa-la formación integral da mocidade así como as relacións e intercambios con outros

grupos doutros ámbitos territoriais e culturais.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto. O artigo 1º.1 desta orde establece que os expedientes de gasto imputables ós capítulos II, IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán iniciarse no exercicio inmediatamente anterior, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación.

A aplicación desta orde supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución orzamentaria, beneficiando moi especialmente ós propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, toda vez que o artigo 3º.1 dispón que na tramitación anticipada de expedientes de subvencións se poderá chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

A Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentaria e de función pública e actuación administrativa modifica o disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que establece o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia; sen prexuízo das normas que desenvolven o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente disposición ten por obxecto establece-las bases que rexen as axudas para actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á mocidade e proceder á súa convocatoria.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades:

a) Promoción do asociacionismo xuvenil.

b) Actividades de aire libre, ambiente e natureza.

c) Realización de actividades de carácter socioeducativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan a modicade.

d) Actividades de formación dirixidas a mocidade.

e) Programas de animación sociocultural en xeral.

f) Intercambios con entidades xuvenís doutras comunidades autónomas e países estranxeiros.

g) Calquera programa polivalente de actividades que incidan na formación integral da mocidade.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude financiará as anteditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 cunha contía máxima de 50.000.000 de pesetas.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvencións as organizacións xuvenís e entidades prestadoras de servicios á mocidade inscritas no correspondente censo, dependente da Dirección Xeral de Xuventude (Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG nº 49, 10/III/2000), na data de publicación da presente orde no DOG, extremo que deberán facer constar no impreso de solicitude no espacio reservado para tal fin (anexo I). Non poderán solicitar subvención aquelas entidades das que a súa inscrición no dito censo se atope en trámite o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

2. Será requisito imprescindible para poder solicitar subvención ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes dirixiranse á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando se trate de entidades de ámbito superior a unha provincia, ou ó correspondente delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no caso de entidades de ámbito provincial ou inferior.

Poderán presentarse no rexistro xeral desta consellería, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa que subscribe a solicitude e acreditación da súa lexitimación como representante da entidade, mediante certificación do secretario da entidade ou fotocopia compulsada da acta na que se recolla a composición do órgano de dirección.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Certificado dunha conta bancaria aberta pola entidade.

d) Breve memoria explicativa do proxecto de actividades que se pretenden realizar, especificando para cada unha delas: actuacións que comprenderá a realización da actividade, número estimado de beneficiarios, lugar e datas de realización, obxectivos perseguidos e orzamento de gastos por capítulos.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Por parte da Dirección Xeral de Xuventude ou das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, requirirase a corrección dos defectos apreciados na documentación presentada ou a falta de documentación, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Contía máxima obxecto de subvención.

1. A contía da axuda concedida non poderá exceder do 75% do orzamento total da/s actividade/s subvencionada/s.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación dos proxectos presentados terán consideración prioritaria os recollidos nas alíneas a), b), c) e d) do artigo 1º.2. A avaliación dos proxectos presentados efectuarase conforme os seguintes criterios:

-Aqueles con finalidade formativa, educativa ou informativa.

-O número de destinatarios e a proxección social das actividades propostas.

-Os programas promovidos por entidades de ámbito rural, sendo destinataria principal a mocidade deste medio.

-O carácter continuado e non simplemente ocasional das actividades programadas.

Artigo 7º.-Resolución.

1. No caso das entidades de ámbito superior a unha provincia, unha vez emitido informe sobre as solicitudes polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude, a directora xeral de Xuventude elevará a correspondente proposta de resolución á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, o informe previo e a proposta serán emitidos polos servicios técnicos da correspondente delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e a resolución, por delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, será dictada polos delegados provinciais da consellería, que porá fin á vía administrativa.

3. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máxi

mo de catro meses, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictara ou ser impugnados directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

4. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude reserva para si o dereito de orientar tecnicamente as actividades e comproba-los datos económicos, así como de divulgar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

5. Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da recepción da notificación, para retira-la documentación presentada. Trascorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención e antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, o beneficiario da subvención terá que acreditar previamente ó cobramento que se atopa ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 78.4º da Lei de réxime financeiro e orzamentario en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa; sen prexuízo do que se estableza na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

2. A xustificación das axudas efectuarase antes do día 15 de outubro de 2001, mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias compulsadas, que ademais irán recollidas nunha relación na que figurarán todas elas xunto co seu importe, relación que deberá ser asinada pola persoa responsable da entidade subvencionada.

Para os efectos de xustificación soamente se admitirán os recibos ou facturas que se acheguen e que figuren na relación, especificando en cada un deles a actividade realizada, así como o NIF do que subscribe, que deberá ser persoa allea á entidade receptora.

Ademais, deberase presentar unha breve memoria na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto de subvención, vinculando cada factura á actividade subvencionada e efectivamente realizada.

Igualmente, deberá achegarse no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro

pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 8º, poderase proceder ó pagamento da subvención.

2. Non obstante, unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a directora xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, sempre que o seu importe non supere os límites que estableza a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 para o anticipo de pagamentos en subvencións correntes. En todo caso, o pagamento anticipado debe ser xustificado segundo o establecido no artigo 8º da presente orde, e esta xustificación efectuarase antes do 15 de outubro de 2001.

Nos demais casos, o procedemento de pagamento efectuarase conforme dispoña a normativa orzamentaria de aplicación.

3. No caso de non aplicar ó fin previsto a totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude só aboará a parte proporcional do investimento real efectuado.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

As entidades beneficiarias das axudas quedarán obrigadas:

1. A non modificar, sen autorización expresa da directora xeral de Xuventude ou do delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, segundo o caso, o programa de actividades inicialmente previsto.

2. A admiti-la comprobación da execución dos proxectos subvencionados por parte da Dirección Xeral de Xuventude ou por parte dos órganos territoriais da consellería.

3. A facer constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron axuda da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, empregando para isto a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. A presentar, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

5. Estar sometido ás actuacións de comprobación que serán efectuadas pola Dirección Xeral de Xuventude, e as de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Artigo 11º.-Posible revogación da subvención.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude procederá ó reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposición adicional

Única.-No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito da súa competencia, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polas entidades solicitantes, desde o 1 de xaneiro de 2001, se son actividades que se consideran importantes para a mocidade, conforme os criterios de avaliación establecidos no artigo 6º desta orde, e cumpren os requisitos esixidos e condicións establecidas nela.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude