Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 09 de xaneiro de 2001 Páx. 348

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 29 de novembro de 2000, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación dos montes Montecelo e Castrosenín, pertencentes á parroquia de Mourente do concello de Pontevedra.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co diposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: José Luis Díez Yáñez, delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente.

Vocais:

Luis Mª Muíños Vidueira, letrado da Asesoría Xurídica da Xunta.

Isabel Catoira Lamela, avogada polo colexio da provincia.

Teodoro Arribas Serrano, xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais.

Vocais representantes da parroquia de Mourente do concello de Pontevedra:

Manuel Solla Tomé.

José Carlos Morgade Martínez.

Vocais representantes da parroquia de Bora do concello de Pontevedra:

Adolfo J. Abeledo Moreira.

José Couto Castro.

Secretaria: Mª José León Gómez, xefa do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente.

Na cidade de Pontevedra, ás dezasete horas do día dezanove de outubro de 2000, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación dos montes Montecelo e Castrosenín da parroquia de Mourente do concello de Pontevedra.

Por parte dos vocais representantes da parroquia de Mourente maniféstase a súa queixa por non seren convocados á reunión do xurado na que o expediente de que se trata foi incluído na orde do día e incoado polo citado órgano colexiado, así como a reunión do mesmo órgano na que se nomeou instructor do referido expediente.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O presidente da Comunidade de Montes da parroquia de Mourente do concello de Pontevedra solicitou en data 20-9-1996, a clasificación como veciñais en man común dos montes Montecelo e Castrosenín.

Segundo.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais, na súa reunión de data 4-6-1997, acordou inicia-los trámites clasificación dos referidos montes, solicitando informe do Servicio Provincial do Catastro e, unha vez tramitado, a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da entón Delegación Provincial de Agricultura, Gandería e Montes de Pontevedra, para o seu estudio e informe.

Terceiro.-Recibida con data do 11-8-1997 a información solicitada ó catastro, remitiuse o expediente ó Servicio de Montes e Insdustrias Forestais o día 27-10-1997, emitíndose o informe do citado servicio con data do 13-7-1998.

Cuarto.-Posteriormente e de conformidade co artigo 21 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, solicitouse con data do 16-7-1998 a certificación de cargas ó correspondente rexistro da propiedade, a cal foi recibida con data do 27-8-1998.

Quinto.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais na súa reunión de data 22-7-1998

acordou o nomeamento de Teodoro Arribas Serrano como instructor do expediente de referencia, acordo que foi correctamente notificado ós interesados no expediente.

Sexto.-Así mesmo, e con estricta observancia dos trámites previstos no artigo 23 do citado Decreto 260/1992, procedeuse á apertura do trámite de audiencia formulándose as alegacións que se consideraron oportunas.

Sétimo.-Os montes Montecelo e Castrosenín, obxecto do presente expediente de clasificación, obedecen á seguinte descrición segundo a solicitude presentada:

Concello: Pontevedra.

Parroquia: Mourente.

Nome do monte: Montecelo.

Cabida: 18 ha.

Lindes.

Norte: predios particulares.

Sur: predios particulares.

Leste: predios particulares.

Oeste: resto do monte clasificado.

Nome do monte: Castrosenín.

Cabida: 17 ha.

Lindes.

Norte: predios particulares.

Sur: antena radiofónica e resto do monte.

Leste: predios particulares e parroquia de Bora.

Oeste: predios particulares.

Fundamentos de dereito.

1. A Comunidade que demanda a presente clasificación ten xa clasificadas con data 11-12-1981 sete parcelas que suman 27,9 ha das 48 ha que se investigan no estudio previo e que inclúen a parcela nº 3 denominada Castrosenín onde se declaran 20,4 ha, e a nº 7 denominada Montecelo donde se clasifican 0,8 ha, tratándose da clasificación de dous montes que xa foron estudiados e clasificados en parte en data 11-12-1981.

2. Polo que afecta ó monte Castrosenín, estudiouse e clasificouse a parte sur, en concreto dende o Centro de Protección de Menores que quedou excluído, cara ó sur. Ó norte do dito centro e contiguo a el atópase situada outra parcela do dito monte que non se considerou no estudio e clasificación do ano 1981.

Dentro do recinto do monte Castrosenín para clasificar como veciñal en man común existen:

1. Instalacións de captación de auga: tres instalacións de captación, consistentes en pozos dentro dos recintos pechados con peche de postes de formigón e aramado, dos que parten encanamentos enterrados que conducen as augas a senllos depósitos de formigón armado, dos que así mesmo parten encanamentos enterrados, que conducen as augas a núcleos urbanos próximos, atravesando o monte e as propiedades particulares que o circundan, seguindo e baixando en dirección oeste.

2. Instalacións deportivas: campo de fútbol pechado con tea metálica, con instalacións de iluminación e edificación de vestiuarios, así como apertura de pista de acceso a el con espacio acondicionado de entrada ó recinto.

3. Liña eléctrica de alta tensión: este monte para clasificar aparece atravesado por unha liña eléctrica de alta tensión, con dúas torretas de sustentación do tendido dentro do recinto do monte, e que aparecen indicados na planimetría achegada.

4. Camiños e pistas: este monte aparece atravesado por camiños e pistas de servidume e de saca de madeira, algúns aparecen indicados na planimetría que se achega.

A superficie que abarca o campo de fútbol é de 0,7800 ha e a correspondente ás tres captacións de auga entre peche e depósitos é de 0,2027 ha.

3. Con relación ó monte Montecelo, no estudio e clasificación de data 11-12-1881 incluíuse unha parcela de aproximadamente 0,8 ha que se corresponde coa parte sur que actualmente non está ocupado polo Colexio Príncipe Felipe e Residencia Sanitaria Montecelo. Así mesmo, considérase que o monte Montecelo, do cal se solicita a clasificación, non cumpre o artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, ó non aproveitarse na actualidade en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros da agrupación veciñal.

4. En consideración ó exposto, e de conformidade co sinalado no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, así como no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa cualidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

En consecuencia, vistos os preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, o instructor propón e de maneira unánime o xurado acorda:

1. Clasificar como veciñal en man común o monte Castrosenín por reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, correspondéndose coa planimetría elaborada para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable da presente resolución, e de acordo coa seguinte descrición:

Nome do monte: Castrosenín.

Cabida: 13,7080 ha. Na dita cabida figuran incluídas:-Instalacións deportivas: campo de fútbol: 0,7800 ha.

-Captacións de auga: 3 captacións de auga que entre peche e depósitos supón: 0,2027 ha.

Lindes.

Norte: estrada local a Bora, camiño de Castroverde a Bouza, que limita polo sur a propiedade de Ana Bugallo Cabada, Manuel Cachafeiro, Rogelio Fontán Sobral e outros.

Sur: recinto do antigo Centro Tutelar de Menores, hoxe Cuartel dos Grupos Rurais da Garda Civil, monte e propiedades particulares de Alejandro Tomé Rodríguez, Benigno Ouzán Tomé, Benito Sanmartín, María Sanmartín, José Gómez Sanmartín, Manuel Ramallo Pintos e outros.

Leste: camiño que desde a estrada que vai a Bora, sube a Castro-Senín, e propiedades particulares de Enrique Sanmartín Fraga, Luciano Sanmartín Fraga, Rosa Riveiro Laje, Manuel Cendón Barcala, Manuel Ruibal Tomé, parroquia de Bora e outros.

Oeste: Manuel Cachafeiro, Rogelio Fontán Sobral, Isolina Veiga Cortegoso, Máximo Otero, Marina Sanmartín, José Gómez, Clara Castro Villaverde, Manuel Solla Tomé e outros.

Descripción do perímetro.

Comézase o precorrido pola parte norte e precisamente no punto do camiño que circunda o recinto C.P.M. (Centro de Protección de Menores, hoxe Garda Civil) onde comeza o muro de pedra que circunda as propiedades particulares; baixando en dirección oeste, polo nomeado muro de pedra que vai pechando as propiedades particulares, percorrendo uns 105 m, cruza un camiño que sobe, seguindo baixando polo nomeado muro de pedra, percorrendo uns 90 m ata atoparnos cun cambio de sentido en dirección norte, percorrendo uns 18 m atravesando un camiño, aparece novamente outro muro de pedra que tomando dirección noroeste vai pechando as propiedades particulares ata chegar a un cruzamento de camiños percorridos uns 57 m; tomando dirección norte segue muro de pedra pechando propiedades particulares e percorrendo uns 175 m encontramos un camiño que baixa preto do muro e que penetra nas propiedades particulares, e precisamente neste punto, e a uns 4 m do eixe do nomeado camiño, tomando dirección NLE,

atopamos un marco grande (indicado no plano co nº 7) parte duns marcos que van pechando as propiedades particulares; seguindo na mesma dirección NLE e a unha distancia duns 94 m subindo, atópase o marco nº 6 preto dun camiño antigo; segue o peche por un antigo camiño que sobe en dirección LE, e a unha distancia duns 158 m atópase o marco nº 5; tomando dirección NO, baixando atópanse os marcos números 4, 3, 2 e 1 percorrendo unha distancia total de 297 m; faise constar así mesmo que o marco nº 4 aparece arrancado e tirado no chan, manifestando os representantes da comunidade que asistiron ó apeo, que o nomeado marco se encontra no seu sitio; o marco nº 1 aparece medio enterrado, preto dun muro de pedra que comeza a pecha-las propiedades particulares, facéndose constar que aparece sinalado cun poste de formigón armado, preto del; a partir deste punto e sempre seguindo muro de pedra de peche de propiedades, o mesmo vai

tomando distintas direccións percorrendo un total de 716 m ata encontrarnos co camiño de Castroverde a Bouza e Mourente; seguindo a nomeada estrada e en dirección LE, segue pechando esta ata atopa-la que conduce a Bora e enlace coa de Pontevedra-Ourense, sendo a distancia percorrida neste tramo de 174 m; séguese pola estrada nomeada que vai a Santa María de Bora, e na mesma dirección LE, percorrendo 134 m ata encontrar un camiño que parte en dirección S., subindo e percorrendo uns 170 m ata encontrar novamente o muro que vai pechando as propiedades particulares, percorrendo unha distancia de 277 m ata encontrar de novo o camiño que sobe; sobe polo camiño ata encontrarnos cunha curva pechada, onde se atopa novamente cun muro de pedra sendo esta distancia percorrida de 112 m; séguese subindo polo nomeado muro de pedra de propiedades particulares preto dunha torreta da L.A.T. e un antigo cruceiro (ámbolos dous dentro do monte) que aparecen indicados no plano, ata chegar a encontrarse

cun camiño que vai a Corbal (parroquia de Bora) e que aparece cortado pola liña que divide coa parroquia de Santa María de Bora, resultando un percorrido de 154 m; cruza o camiño en dirección SO pola liña parroquial ata encontrar un novo muro de pedra que pecha as propiedades, percorrendo unha distancia de 30 m preto deste muro encóntrase o marco parroquial onde cambia de dirección o SLE a nomeada liña; séguese polo muro de pedra de peche das propiedades nunha distancia de 170 m; toma de novo dirección SO, atravesando camiño, ata o peche do recinto do C.P.M. nunha distancia de 13 m; seguindo o peche do recinto, ata encontrarnos co punto de partida do apeo, resultando ata este punto unha distancia perimetral do peche do recinto de 343 m; resultando finalmente que o perímetro do peche do monte para clasificar é de 3.295 metros.

2. Non clasificar como veciñal en man común o monte Montecelo por non aproveitarse na actualidade en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros da agrupación veciñal.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 29 de novembro de 2000.

José Luis Díez Yáñez

Delegado provincial de Pontevedra e

presidente do Xurado