Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 08 de xaneiro de 2001 Páx. 273

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da liña soterrada de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV. Repsol-A Grela, nos termos municipais de Arteixo e A Coruña. (Expediente IN407A 00/147-1).

Examinado o expediente instruído por instancias da empresa Repsol Petróleo, S.A., con enderezo para

efectos de notificación en Bens, s/n; 15008 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 23 de xuño de 2000 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución da liña de alta tensión soterrada, a 220 kV, de conexión da ampliación da planta de coxeración situada na súa factoría da Coruña coa subestación da Grela, presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-As características técnicas básicas da instalación, que se solicita debido á imposibilidade de utiliza-la LAT a 66 kV existente de conexión á subestación de Sabón, son as seguintes:

-Liña soterrada de alta tensión, a 220 kV, baixo tubo en gabia de 1,5 m de profundidade e 0,7 de largo, con conductores unipolares tipo XLPE 220/127 kV de 3(1x1200) mm Al, de 4.200 m de lonxitude, co orixe na subestación de Repsol Petróleo e remate na nova subestación da Grela de Unión Fenosa Distribución, S.A.

A liña discorre nun tramo de 1.350 m pola factoría de Repsol e polas rúas do concello de Arteixo e noutro tramo de 2.850 m polas rúas do concello da Coruña. Acompañará en todo o recorrido cable de fibra óptica, tipo PKP, de 32 e 8 fibras, baixo tubo, para comunicacións.

Terceiro.-A Delegación Provincial da Coruña someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 26 de xuño de 2000, publicada no DOG do 4 de xullo e BOP da Coruña do 8 de xullo.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, a fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Cuarto.-Durante o período no que se someteu a trámite de información pública, non se recibiron alegacións.

Quinto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado

polo Decreto 181/1999 do 21 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-Debe autorizarse a presente instalación de conexión a un punto diferente do actualmente existente, xa que, aínda que o artigo 10, punto 2º do Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables especifica que os productores que teñan interconectados en paralelo os seus grupos coa rede xeral o estarán nun só punto, de utilizarse a LAT a 66 kV existente de conexión á subestación de Sabón, de 140 MVA de potencia autorizada, superaríase o límite legal de potencia máxima que se pode instalar nunha subestación.

O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la liña de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV Repsol Petróleo-A Grela, nos termos municipais da Coruña e Arteixo.

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria