Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 08 de xaneiro de 2001 Páx. 272

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico do río Xesta, no río Oitavén ou Xesta, no termo municipal da Lama, provincia de Pontevedra. (Expediente 83/2000 A.T.).

Visto o escrito presentado pola sociedade Desarrollo Energético de A Lama, S.L., con enderezo para efectos de notificacións en r/ Cantón Grande, nº 6, 6º A, 15003 A Coruña, polo que se solicita autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións do aproveitamento hidroeléctrico do río Xesta no río Oitavén ou Xesta, termo municipal da Lama, provincia de Pontevedra, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Por resolución do Presidente de Augas de Galicia, con data do 28 de marzo de 2000, outorgouse a favor da sociedade Desarrollo Energético de A Lama, S.L. unha concesión para aproveitar 2.250 l/s de auga do río Oitavén ou Xesta , no termo municipal da Lama (Pontevedra), con destino a producción de enerxía eléctrica.

Segundo.-Con data do 4 de abril de 2000, a empresa Desarrollo Energético de A Lama, S.L., solicita a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica do río Xesta.

Terceiro.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica do río Xesta, segundo o proxecto de execución dela, asinado polo enxeñeiro de camiños Carlos López de Toledo Ortiz e polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares teñen as seguintes características:

-Azude de derivación e toma.

-Caudal máximo derivado: 2.250 l/s.

-Salto total: 181 m (entre cotas 580 e 399 m.s.n.m.).

-Dúas turbinas tipo Francis de eixe horizontal a 1.000 r.p.m.

-Dous xeradores síncronos trifásicos de 2.080 kVA de potencia e tensión de xeración 6.000 V cada un.

-Un transformador de potencia principal de 5.000 kVA e relación de transformación 6/20 kV.

-Un transformador para servicios auxiliares de 50 kVA e r.t 20/0,398 kV e ademais disporase dun transformador para alimentación dos elementos instalados no azude e cámara de carga, de 15 kVA e r.t. 400/660 V.

-Instalacións de mando, control, protección e medida.

Cuarto.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra emitiu informe

favorable, propoñendo a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1998, do 18 de marzo.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

-Autorizar administrativamente as instalacións dos equipos electromecánicos do aproveitamento hidroeléctrico do río Xesta, situado no río Oitavén ou Xesta, termo municipal da Lama, provincia de Pontevedra.

-Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas do citado aproveitamento hidroeléctrico.

Queda obrigada a empresa titular da instalación a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto a presente resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria