Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 08 de xaneiro de 2001 Páx. 274

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución do parque eólico denominado Caxado. (Expediente 6/1999-EOL).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Made Energías Renovables, S.A. (actualmente denominada Endesa Cogeneración y Renovables) con domicilio para efectos de notificacións na Rúa do Castiñeiriño, 12-3º A, C.P. 15702-Santiago de Compostela, sobre autorización das instalacións do par

que eólico denominado Caxado; resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 16 de novembro de 1999, Jerónimo Llompart Homs, en nome e representación de Made Energías Renovables, S.A. solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución, do parque eólico denominado Caxado, de 24,42 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa mencionado, 2619/1996, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e Decreto 205/1995, mediante resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 1 de decembro de 1999, publicada no DOG do 20 de decembro, no xornal Ideal Gallego do 21 de decembro, no BOP de Lugo do 27 de decembro e no taboleiro de anuncios do concello das Pontes.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Constantino Gago Conde solicita información relativa ós bens e dereitos afectados pola instalación do parque eólico.

2. Juan Ramil Barja, a empresa Financiera Maderera, S.A., Lourdes Corral Novo e a súa irmá Mª del Carmen, respectivamente, alegan que na valoración dos seus predios debe terse en conta o arboredo existente nelas. Estas últimas alegan, así mesmo, a existencia dun erro de titularidade.

3. Alberto Corral Tojeiro, Mª Irene Cabaleiro e 46 máis manifestan que na notificación individual non se define con precisión a situación nin o grao de afección dos predios incluídos na relación de bens e dereitos afectados pola instalación do parque eólico. Así mesmo, o primeiro alega a existencia dun erro de titularidade.

4. Formúlanse, fóra de prazo, as seguintes alegacións:

-Julio Seoane Pernas, alega que os predios nº 38 e 39 do parcelario constitúen un único predio da súa propiedade e que a traza do predio nº 43 é incorrecta.

-Alberto Corral e Outros manifesta que na relación de bens e dereitos afectados non se inclúe un predio situado entre os predios nº 52 e nº 53, propiedade, pro indiviso, do alegante, Antonio Fernández, Francisco Corral e Hortensio Ramil.

-Por último, Celia Pena Penabad alega que o predio nº 10 do plano parcelario é propiedade, pro indiviso, da alegante e das súas irmás, non tendo sido notificada como afectada.

Terceiro.-O 25 de outubro de 2000 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, coas seguintes características básicas:

Situación e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

CaxadoAs PontesXY

10.594.2004.821.300

20.594.8004.821.000

30.594.5004.819.400

40.597.0004.819.000

50.598.0004.818.300

60.598.5004.819.000

70.599.6004.818.000

80.599.0004.817.400

90.597.0004.818.000

100.597.0004.817.300

110.595.0004.818.100

120.593.1004.820.000

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores: 37.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

Xeradores: MADE AE-46/I.

Potencia total instalada: 24,42 MW.

Producción anual estimada: 68.006 MWh/ano.

Investimento previsto: 3.625.905.696 pesetas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-37 centros de transformación de 700 kVA de potencia unitaria e relación de transporte de transformación 0,69/30 kV, instalados unitariamente en interior de torre de aeroxerador coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre centros de transformación de aeroxeradores e transformador de potencia de subestación 30/132 kV.

-Liñas subterráneas de comunicacións entre aeroxeradores e subestación 30/132 kV formadas por cable de comunicación con tres pares independentes.

Cuarto.-O 16 de novembro de 2000, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico, quedando condicionada a posición do aeroxerador número 11 á presentación polo promotor da documentación requirida no número 10.1. dela, e posterior informe favorable do órgano ambiental.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Na notificación individual que recibiu cada particular afectado, se establece o número do predio ou predios que se lle asignan segundo o plano parcelario da instalación do parque, o lugar onde esta se encontra, a superficie e zonas afectadas, así como o concello ó que corresponden os bens e o tipo de cultivo existente neles. Non obstante, toda a información relativa ós bens e dereitos afectados pola instalación do parque eólico estivo ó dispor dos alegantes no Concello das Pontes e na Delegación Provincial de Industria da Coruña, para a súa consulta e exposición pública.

2. Con respecto a posibles erros na titularidade dos predios afectados pola instalación do proxecto, cabe dicir que a empresa beneficiaria tomará razón delas, non obstante será no levantamento de actas o momento no que pode demostra-la titularidade delas, achegando a documentación acreditativa necesaria.

3. Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas, por non ser obxecto desta fase do expediente. Corresponde esta valoración á fase de prezo xusto, cando se proceda á declaración de utilidade pública da dita instalación.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966 sobre autorización de instalacións eléctricas e no Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, ó abeiro do establecido nos artigos 11 e 14 do Decreto 2617/1966 e no artigo 13 do Decreto 205/1995,

RESOLVE:

-Autorizar a Made Energías Renovables, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Caxado, no Concello das Pontes.

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Made Energías Renovables, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 72.518.114 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, alínea 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 3.625.905.696 pesetas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Made Energías Renovables, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se for o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento das condicións impostas nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 16 de novembro de 2000, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industia