Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 08 de xaneiro de 2001 Páx. 259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 305/2000, do 7 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ribadeo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto para a depuración de augas residuais en Rinlo.

O Concello de Ribadeo, en sesión que tivo lugar o día 16 de xuño de 2000 aprobou o proxecto das obras para a depuración de augas residuais en Rinlo, e na sesión do 17 de outubro de 2000, o Pleno acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A dirección xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe con data do 21 de novembro de 2000 no sentido de que non existen problemas de índole urbanístico para a execución do proxecto nos solos afectados que teñen a condición de solo non urbanizable común e solo urbano de núcleo rural, nembargantes no solo non urbanizable de protección especial de costas e segundo o determina o artigo 116

do Plan xeral de ordenación urbana no seu punto 4º, parágrafo 2º faise constar que nos primeiros 20 metros fóra da ribeira do mar prohibiranse os colectores paralelos.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que logo segundo sinala o concello as augas residuais do núcleo urbano de Rinlo son na actualidade vertidas directamente á zona portuaria de Rinlo, convertindo deste xeito o seu tratamento nunha necesidade sanitaria básica ademais de ser un servicio obrigatorio por estar recollido no Plan de saneamento da Xunta de Galicia.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día sete de decembro de dous mil.

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ribadeo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto Depuración de augas residuais en Rinlo.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais