Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 08 de xaneiro de 2001 Páx. 258

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de novembro de 2000 pola que se autoriza o centro privado San José de la Guía de Vigo (Pontevedra) para imparti-los ciclos formativos de grao superior de educación infantil e integración social.

Examinado o expediente instruído por instancia do titular do centro privado San José de la Guía Vigo (Pontevedra), solicitando autorización para imparti-los ciclos formativos de grao superior de educación infantil e integración social.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo; Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias; Real decreto 777/1998 (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados

aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo; Decreto 296/1999 (DOG do 18 de novembro), polo que se desenvolven determinados aspectos dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia; Orde do 21 de decembro de 1999 (DOG do 31 de xaneiro de 2000), pola que se regulan determinados aspectos relativos á autorización de centros privados exclusivos de formación profesional específica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar ó centro privado San José de la Guía de Vigo, para poder imparti-los ciclos formativos de grao superior de educación infantil e integración social, segundo se especifica no anexo desta orde.

Segundo.-Mentres non se extinguen as ensinanzas de FP2, segundo o calendario de aplicación da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, poderán seguir impartindo as ensinanzas da rama: servicios socioculturais e á comunidade; especialidade: xardín de infancia.

Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro.

Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.

Quinto.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día siguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Vigo.

Enderezo: Doutor Corbal, 25.

Código do centro: 36011361.

Denominación: centro San José de la Guía.

Titular: Misioneras Siervas de San José.

Ensinanzas que se autorizan:

Familia profesional: servicios socioculturais e á comunidade.

2 ciclos formativos de grao superior de educación infantil (4 unidades para 20 postos escolares/unidade).

1 ciclo formativo de grao superior de integración social (1 unidade para 30 postos escolares).

Composición resultante:

a) Centro de educación infantil: 3 unidades.

b) Centro de educación primaria: 6 unidades.

c) Centro de educación secundaria: 4 unidades de educación secundaria obrigatoria.

d) Centro de formación profesional específica:

2 ciclos formativos de grao superior de educación infantil (4 unidades para 20 postos escolares/unidade).

1 ciclo formativo de grao superior de integración social (1 unidade para 30 postos escolares).