O Decreto 116/1987, do 14 de maio, que establecía a obriga de estar en posesión do certificado de mariscador para poder obte-lo carné de mariscador, foi un punto de inflexión no camiño que conduce á profesionalización das actividades marisqueiras en Galicia. A creación deste certificado, que é semellante ó tradicional certificado de competencia de
mariñeiro, rapidamente aceptado polo colectivo de mariscadores, non só supuxo contar cun instrumento de formación e información ó sector, se non cunha ferramenta de coñecemento dos problemas e inquietudes que existían neste colectivo.
A publicación dos Decretos 428/1993 e 425/1998, do 17 de decembro, polos que se refunde a normativa en materia de formación náutico pesqueira e sobre o permiso de explotación para exerce-la actividade pesqueira e marisqueira respectivamente, actualiza o marco normativo xeral destes certificados de cualificación e da súa esixencia, que se completa nas ordes que o desenvolven. A evolución do marisqueo provocada por esta regulamentación coa creación dos permisos de explotación, os plans de explotación e o réxime de explotación dos recursos específicos, fixeron varia-los obxectivos e por tanto os contidos da formación, que aínda manténdose nos parámetros básicos que establece a Orde do 19 de abril de 1988 pola que se regula o curso de formación para a obtención do carné de mariscador, fai conveniente, logo do tempo transcorrido, modificar para facelos concordantes coa situación actual, adaptándoos tanto para o marisqueo como para os recursos específicos.
A análise das necesidades formativas á vista dos obxectivos de profesionalización e de pesca responsable aplicables ó sector fai que se orienten os programas atendendo non só os aspectos biolóxicos e productivos como facía a regulación existente, senón enmarcando estes no contexto dunha explotación sustentable e responsable, no que os aspectos de organización e comercialización teñen un papel fundamental en conseguila. Esta nova orientación non estaría completa se a preocupación por aqueles aspectos de seguridade e de prevención de riscos laborais, non se reflectisen no programa, que ten en conta módulos específicos de seguridade e hixiene.
Na determinación dos programas e contidos dos diferentes certificados regulados nesta orde, traballouse a prol da simplificación e da maior universalidade posible de cada un deles, polo que a programación se realiza baseándose nun tronco común a tódolos certificados, que se completa con módulos específicos para cada un deles en relación cos aspectos productivos, normativos e de seguridade que lle son singulares, co que se consegue, a máis dun corpus común de coñecementos entre tódolos que teñen actividades semellantes, que poida existi-la posibilidade de obte-los outros certificados coa única realización dos módulos específicos.
Tendo en conta a recente públicación do Decreto 210/2000, do 21 de xullo, polo que se regulan as certificacións profesionais para a extracción de recursos mariños con tecnicas de mergullo, no que se deslinda a actividade de extracción de recursos mariños da de mergullo profesional, e orienta a formación especificamente a esta actividade, faise necesario establecer un mecanismo para que aqueles mergulladores profesionais que desexen acceder á explotación de recursos complementen os seus coñecementos naqueles aspectos organizativos e biolóxi
cos que non están presentes nos programas de formación do mergullo profesional, mediante o certificado de mariscador a mergullo.
Por outra banda, ter unha formación básica sobre os recursos marisqueiros, sobre a súa explotación e organización non só é preciso para o exercicio da actividade extractiva, senón que xa é necesaria para poder participar no proceso de optar a un permiso de explotación, sendo polo tanto necesario poñela ó alcance de todos aqueles que poidan estar interesados aínda que logo non acaden o dito permiso. Isto implica un labor de extensión da formación a todo aquel que a solicite, transformado así esta nun elemento de divulgación e concienciación das poboacións litorais sobre o marisqueo responsable e a súa profesionalización.
Polo exposto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
A obtención dos certificados de cualificación para o exercicio do marisqueo a pé (certificado de mariscador), da extracción de percebe (certificado de percebeiro), ou da extracción de recursos mariños mediante técnicas de mergullo (certificado de mariscador a mergullo), realizarase consonte o disposto na presente orde.
Artigo 2º
Para obter calquera dos certificados de cualificación, os aspirantes deberán asistir con regularidade ós cursos de formación que se impartan e supera-las probas de avaliación que se realicen, consonte o regulado no anexo I.
Artigo 3º
Os aspirantes a participar nos cursos acreditarán documentalmente que cumpren os seguintes requisitos:
1. Ser maiores de 16 anos.
2. Ter rematada a escolarización obrigatoria.
Os aspirantes ó certificado de mariscador a mergullo deberán acreditar unicamente estar en posesión dunha titulación de mergullo profesional.
Artigo 4º
Ós aspirantes que superen esas probas seralles emitida a correspondente certificación acreditativa.
Artigo 5º
A duración, programación e contidos teóricos e prácticos dos cursos de formación axustarase ó establecido no anexo II. O programa común será adaptado mediante a incorporación dos módulos específicos establecidos.
Artigo 6º
Para a organización dos cursos seguirase o procedemento establecido nos artigos 8º a 13º da Orde do 8 de setembro de 1998, pola que se regula o procedemento para a obtención dos títulos de competencia de mariñeiro, radiotelefonista naval restrinxido, patrón local de pesca e patrón costeiro poli
valente na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 188, do 28 de setembro), en concordancia co establecido na presente orde.
Os organizadores garantirán a información ós interesados mediante a publicación no taboleiro de anuncios da confraría ou entidade ou por calquera outro medio que permita a maior difusión, da celebración do curso, coa data límite de celebración e inscrición nel.
Disposicións adicionais
Primeira.-Os recolectores en apnea ou submarinos que teñan a súa certificación profesional obtida consonte o Decreto 210/2000, do 21 de xullo, están exentos de realiza-lo curso de certificado de mariscador a mergullo para a súa obtención.
Segunda.-Créase no Negociado de Titulacións Náutico Pesqueiras o Rexistro de Certificados de Cualificación en Actividades Marisqueiras, no que serán anotados tódolos certificados emitidos ós aspirantes que superen os requisitos establecidos na presente orde.
Disposicións transitorias
Primeira.-A tódalas persoas que na data de entrada en vigor desta orde estivesen en posesión do certificado de mariscador seralles validado de oficio e anotado no rexistro correspondente.
Segunda .-A tódalas persoas que na data de entrada en vigor desta orde estivesen en posesión dun permiso de explotación para o percebe seralles emitido o certificado correspondente unha vez realizado o modulo de seguridade.
Disposición derrogatoria
Única.-Derrógase a Orde do 19 de abril de 1988, pola que se regula o curso de formación para a obtención do carné de mariscador.
Disposicións derradeiras
Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para a publicación daquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2000.
Amancio Landín Jaraiz
Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura
ANEXO I
Estructura e avaliación
1. A carga lectiva dos cursos de formación será a seguinte:
40 horas lectivas, segundo a seguinte distribución horaria:
Módulo de producciónParte común8 horas lectivas.
Parte específica 4 horas lectivas.
Módulo de organizaciónParte común12 horas lectivas.
Módulo de comercializaciónParte común 6 horas lectivas.
Módulo de xestión Parte común 4 horas lectivas.
Módulo de seguridade Parte específica 5 horas lectivas.
AvaliaciónProba de avaliación 1 hora.
Os cursos de certificado de mariscador a mergullo terá a mesma programación e distribución horaria agás que non se incluirá o modulo de seguridade cun total de 35 horas lectivas.
2. Para acceder á proba de avaliación será preciso ter asistido ó 75% do horario lectivo.
3. A proba de avaliación comprenderá a resposta a un cuestionario dun mínimo de 5 preguntas tipo test ou de resposta curta, por cada un dos módulos do programa, debendo responderse correctamente un 50%.
Realizaranse avaliacións continuas ó longo do curso, facendo media cos resultados da proba de avaliación para determina-la cualificación final de apto ou non apto.
ANEXO II
Programa
1. Módulo de producción.
A. Parte común.
1. O marisqueo como actividade económica en Galicia.
2. Xeneralidades sobre o medio mariño.
3. O marisqueo e as especies mariñas de interese marisqueiro.
4. Evolución dun banco natural: a explotación racional do recurso. Os plans de explotación.
5. O PERMEX e a Lei de infraccións en materia de protección de recursos.
B. Parte específica.
1. Mariscador.
1. Os moluscos: ecoloxía, anatomía, bioloxía e principais especies.
2. O cultivo de moluscos mariños de interese comercial.
2. Percebeiro.
1. Os crustáceos. O percebe
2. A explotación racional deste recurso.
3. Mariscador a mergullo.
1. Os recursos mariños extraídos con técnicas de mergullo.
2. A explotación racional deste recurso.
3. Normas de calidade.
2. Módulo de organización.
1. A organización. Estructura, normas e participación.
2. As confrarías.
3. As Organizacións de Productores Pesqueiros (OPP).
4. Órganos da Comunidade Autónoma. A Administración autonómica.
3. Módulo de comercialización.
1 A comercialización dos recursos mariños.
2. A primeira venda. As lonxas.
3. A comercialización.
4. O proceso comercial.
4. Módulo de xestión.
1. Marisqueo e xestión.
2. O imposto do valor engadido (IVE).
3. O imposto das persoas físicas (IRPF).
4. O sistema español de Seguridade Social.
5. Módulo de seguridade.
1. Mariscador.
1. Principios xerais de seguridade e saúde laborais. A prevención de riscos laborais.
2. Principais riscos laborais do marisqueo.
3. Os equipos de protección individual (EPI).
4. Primeiros auxilios.
2. Percebeiro.
1. Principios xerais de seguridade e saúde laborais. A prevención de riscos laborais.
2. Principais riscos laborais no proceso extractivo.
3. Os equipos de protección individual (EPI).
4. O compañeiro como base principal da seguridade.
5. Primeiros auxilios.