Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 08 de xaneiro de 2001 Páx. 253

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 304/2000, do 21 de decembro, sobre subvencións a fondo perdido para rehabilitación de vivendas no medio rural de Galicia.

O Decreto 199/1996, do 2 de maio, prorrogaba o prazo de vixencia do Decreto 142/1992, do 5 de xuño, sobre subvencións a fondo perdido para rehabilitación de vivendas familiares no medio rural de Galicia, ata o 31 de decembro de 1999.

A xeral aceptación destas axudas, así como a necesidade aínda existente de actuacións de rehabilitación nas vivendas do medio rural de Galicia, explican a oportunidade da publicación dunha nova normativa que, por unha banda, continúe como eficaz instrumento incentivador da rehabilitación no devandito medio e pola outra responda ás actuais disposicións da nova normativa autonómica e estatal en materia orzamentaria, procedemental e fiscal.

Así, na presente disposición, amplíanse as actuacións con protección especial ás actuacións en elementos exteriores, incluíndo as actuacións en cubertas segundo a tipoloxía da zona pola importancia do seu impacto no medio, admítese a compatibilidade destas axudas coas de rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos, de especial relevancia no caso das vivendas situadas no Camiño Francés de Santiago, e adáptase a esixencia do requisito de residencia no termo municipal da vivenda á peculiar situación dos galegos retornados.

Modifícase, ademais, a limitación dos ingresos ponderados, que pasa a expresarse en millóns de pesetas, abandonando a referencia ó salario mínimo interprofesional para simplificar no posible o seu cálculo.

Modifícanse, así mesmo, os artigos que fan referencia á tramitación administrativa e contable e introdúcense outros novos para cumpri-los requisitos da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1999, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por último, o presente decreto adáptase ó novo réxime xurídico das subvencións que se introduce no ordenamento pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e que modifica as disposicións do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

O presente decreto desenvolverase mediante ordes anuais que determinarán a contía dos recursos, así como o prazo de presentación de solicitudes de cada convocatoria.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Gali

cia na súa reunión do día vinteún de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante subvencións a fondo perdido, a rehabilitación das vivendas rurais galegas así como a súa adecuación ó medio ou á tipoloxía propia da zona.

Artigo 2º.-Concepto de vivenda rural.

Para efectos deste decreto considéranse vivendas rurais:

a) As vivendas unifamiliares situadas en entidades de poboación inferiores a 500 habitantes.

b) As vivendas unifamiliares situadas en núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios con planeamento municipal vixente, sempre que os núcleos sexan rurais ou, no caso de núcleos urbanos, sempre que a ordenanza de aplicación contemple como compatible o uso da vivienda unifamiliar.

c) As vivendas unifamiliares situadas en núcleos entre 500 e 1.500 habitantes dos municipios sen planeamento sempre que teñan un claro carácter rural e non sexan características de aglomeracións ou concentracións urbanas.

Artigo 3º.-Condicións para a rehabilitación.

Para seren obxecto das axudas reguladas no presente decreto as vivendas deberán ter máis de 15 anos de antigüidade e dedicárense a residencia habitual e permanente do beneficiario.

Artigo 4º.-Actuacións protexibles.

1. As actuacións que se inclúen no ámbito de protección que se establece neste decreto son as seguintes:

A) Actuacións en elementos exteriores con protección especial.

1. Acabamentos de fachada segundo a tipoloxía da zona.

2. Carpintería exterior segundo a tipoloxía da zona.

3. Cubertas segundo a tipoloxía da zona.

B) Outras actuacións.

1. Obras dirixidas a garanti-las condicións hixénico-sanitarias e de habitabilidade.

2. Acondicionamento térmico, illamentos e estanquidade da vivenda.

3. Mellora das instalacións eléctricas e adecuación ó regulamento de baixa tensión.

4. Adaptación da vivenda para uso de minusválidos.

5. Supresión de elementos engadidos.

6. Acabamentos interiores.

7. Reforzo e substitución parcial de elementos estructurais, quedando excluídas as reconstruccións

totais das casas en ruína ou como consecuencia de demolición ou baleiramentos da edificación primitiva.

2. Estas actuacións poderán solicitarse para a ampliación do espacio habitable dentro dos límites da edificación existente, quedando excluídas tódalas actuacións en vivendas con ampliacións que supoñan aumento ou modificación do volume da edificación primitiva feitas cunha antigüidade inferior ós 15 anos.

As devanditas actuacións deberán, así mesmo, respectar e mante-las características tipolóxicas valiosas da edificación primitiva, conservando tódolos elementos merecentes de protección polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico ou da tipoloxía tradicional.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas, propietarias ou usufructuarias, co consentimento do nu propietario, das vivendas rurais que pretendan a súa rehabilitación para uso propio, que obteñan uns ingresos familiares ponderados que non excedan de 2,5 millóns de pesetas e que veñan residindo nos últimos cinco anos dentro do termo municipal onde está situada a vivenda que se vai rehabilitar.

O cálculo dos devanditos ingresos familiares e a súa ponderación determinaranse por orde da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda.

Ós galegos residentes no exterior da Comunidade Autónoma non se lles esixirá o requisito de residencia e poderán optar ás axudas sempre que cumpran os demais requisitos; ós retornados nos últimos cinco anos esixiráselle-lo requisito de residencia unicamente desde o seu retorno.

As persoas físicas que residan, sen pagaren renda ningunha, en vivendas propiedade de institucións privadas sen fins de lucro, poderanse acoller ás axudas achegando o documento de autorización da institución correspondente. Tanto a vivenda obxecto de rehabilitación como o solicitante das axudas deberán reuni-los demais requisitos esixidos neste decreto.

Artigo 6º.-Axudas.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo ós orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dentro das dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas ordes de convocatoria, poderá subvenciona-las actuacións de rehabilitación recollidas no artigo 4º nas contías seguintes:

1.1. As actuacións comprendidas dentro da alínea A) do referido artigo acadarán unha subvención do 40% do orzamento protexible.

1.2. As actuacións comprendidas dentro da alínea B) terán unha subvención do 30% do orzamento protexible.

2. O orzamento protexible obterase por aplicación dos prezos que figuren no catálogo de traballos que será establecido por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, na que, así mesmo, se establecerán os importes mínimo e máximo do mencionado orzamento.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes de subvención para a rehabilitación das vivendas presentaranse nas delegacións provinciais do IGVS que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, axustándose ó modelo e cos documentos que serán determinados por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que, así mesmo, establecerá a especial tramitación das solicitudes formuladas polos galegos residentes no exterior da Comunidad Autónoma.

A solicitude de subvención supoñerá que a Comunidade Autónoma poderá facer uso da información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente ou solicitala, no marco da colaboración que se estableza, da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou doutras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de outorgamento e aboamento das subvencións.

Artigo 8º.-Prazo.

O prazo de comezo e finalización para a presentación de solicitudes determinarase por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 9º.-Aprobación provisional.

1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, examinadas estas, á vista da documentación presentada e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o delegado provincial do IGVS elevará proposta de aprobación provisional de cada expediente, no caso de cumprirse os requisitos esixidos, ou proposta de denegación motivada, nos supostos de incumprimento, ó director xeral do instituto, quen, á vista delas e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles na correspondente aplicación orzamentaria, resolverá o que segundo dereito proceda.

A resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada en alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación.

2. A aprobación provisional comprenderá as actuacións que se van realizar, o prazo da execución das obras, o orzamento e a subvención máxima que se concederá.

3. O prazo de execución das obras non poderá exceder dun ano, contado a partir da data de notificación da aprobación provisional.

Artigo 10º.-Criterios de asignación de recursos.

Se o importe total das axudas a recoñecer fose superior ós recursos económicos dispoñibles en cada orde de convocatoria, estos asignaranse en orde inversa ós ingresos familiares ponderados dos solicitantes, de menor a maior.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que en aplicación do devandito criterio queden sen asignación de recursos.

Artigo 11º.-Facultade de inspección.

Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar tódalas inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados, a execución das obras aprobadas ou o destino da subvención concedida.

Artigo 12º.-Aprobación definitiva.

1. Unha vez executadas as obras dentro do prazo concedido, o beneficiario disporá de 15 días desde a terminación delas para comunicar por escrito á delegación provincial correspondente do IGVS a súa finalización, achegando fotografías que mostren tódalas obras realizadas. A inactividade do interesado dará lugar á denegación da aprobación definitiva por incumprimento das condicións de outorgamento da subvención.

O delegado provincial do IGVS, á vista da documentación presentada, despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, proporá ó director xeral outorgar ou denega-la aprobación definitiva do expediente, quen resolverá o que segundo dereito proceda.

A resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada en alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación.

2. Será motivo de denegación da aprobación definitiva non executa-las obras aprobadas inicialmente dentro do prazo concedido. Non obstante, poderá propoñerse e outorgarse a aprobación parcial do expediente naqueles casos en que, cumpridos os demais requisitos, con excepción do referido ó importe mínimo do orzamento protexible, se comprobe que as obras executadas de entre as aprobadas inicialmente acadan como mínimo o 50% do orzamento.

3. Na aprobación definitiva constará o importe da subvención concedida, así como a obriga de destina-la vivenda rehabilitada a residencia habitual e permanente do beneficiario durante o prazo, como mínimo, de 5 anos, contados a partir da dita aprobación definitiva.

No caso dos galegos residentes no exterior da Comunidade Autónoma, esta obriga limitarase á residencia na vivenda rehabilitada durante polo menos trinta días ó ano, no mesmo período.

4. A aprobación definitiva dará lugar ó pagamento da subvención. Previamente, o beneficiario deberá

acreditar que se atopa ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Igualmente, deberá presentar unha declaración sobre a solicitude e obtención doutras axudas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión das axudas.

Artigo 13º.-Prazos de resolución.

De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, o prazo máximo establecido para resolver e notifica-las resolucións provisional e definitiva será de seis meses. Así mesmo, segundo o disposto no artigo 44.1º da antedita lei, vencido o prazo máximo establecido sen que se dictara e notificara a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 14º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para o outorgamento da subvención suporá, ademais das sancións que puideran corresponder, a obriga de reintegro da axuda percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15º.-Compatibilidade.

Os beneficios establecidos na presente disposición:

1. Son compatibles, para as mesmas actuacións, coas axudas autonómicas para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos, sen que en ningún caso o total das subvencións concorrentes poida supera-lo 75% do orzamento protexible.

2. Son incompatibles con cualquera outra axuda con cargo ós orzamentos do IGVS, ou do Ministerio de Fomento naquelas xestionadas polo IGVS destinadas ás mesmas actuacións.

3. Non poderán concederse a aquelas persoas que, ó abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para actuacións de rehabilitación ou reconstrucción, as teñan solicitado para a mesma vivenda nos catro exercicios inmediatamente ante

riores ó da publicación de cada convocatoria, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes remataran o seu procedemento sen obter beneficio ningún.

Disposición transitoria

As axudas económicas solicitadas dentro de prazo ó abeiro de convocatorias anteriores seguirán tramitándose conforme a normativa aplicable a elas, ben que o seu outorgamento quedará supeditado ó cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente sobre outorgamento de subvencións e, en especial, dos establecidos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Así mesmo, a tramitación administrativa levada a cabo conforme a normativa anterior entenderase sempre sen prexuízo da aplicación da normativa en vigor reguladora do réxime e control da aplicación das subvencións públicas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os decretos 142/1992, do 5 de xuño e 199/1996, do 2 de maio e ordes de desenvolvemento, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

Disposición derradeira

O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dictar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteún de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial

Obras Públicas e Vivenda