Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 29 de decembro de 2000 Páx. 17.123

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 27 de decembro de 2000 pola que se modifica a do 21 de setembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros e se particulariza para o exercicio 2001 o devandito procedemento.

No último parágrafo do artigo 8 da Orde do 21 de setembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros (Diario Oficial de Galicia nº 189, do 28 de setembro), establécese erroneamente a posibilidade de que se reduza a participación dos beneficiarios privados no financiamento de investimentos relativos á reducción de efectos sobre o ambiente, que non é aplicable a esta liña de axudas, polo que cómpre modifica-lo referido artigo neste sentido.

Por outra banda, a antedita orde establece no seu artigo 4 que nos exercicios sucesivos da vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 as

axudas se outorgarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do ano correspondente, e o seu artigo 14 establece que o prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria.

Por iso, rematado o prazo de presentación de solicitudes para o exercicio 2000 ó abeiro da referida orde e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o vindeiro exercicio orzamentario, cómpre tamén establece-las condicións particulares para a concesión destas axudas no exercicio 2001.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a Orde do 21 de setembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros (Diario Oficial de Galicia nº 189, do 28 de setembro) no seu artigo 8, que queda redactado como segue:

«Artigo 8º.-Importe das axudas.

O importe das axudas previstas nesta orde terá que aterse ó establecido no grupo 3 do cadro III incluído no anexo IV do Regulamento CE nº 2792/1999, do 17 de decembro, e que a seguir se amosa:

Grupo 3

Rexións do obxectivo nº 1 (*)Participación financeira comunitaria n 35%

Participación financeira estado membro o 5%

(*) Incluídos os previstos no punto 1 do artigo 6 do Regulamento (CE) nº 1260/1999

Os titulares dos proxectos que ó abeiro desta orde teñan a consideración de auxiliables poderán ser beneficiarios dunha axuda económica en forma de subvención de capital de ata o 50% do custo do correspondente investimento elixible».

Artigo 2º

Para o exercicio orzamentario 2001 as axudas ó abeiro da Orde do 21 de setembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros (Diario Oficial de Galicia nº 189, do 28 de setembro) outorgaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.722C.770.0 que figura dotada no proxecto da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001 e ata un importe máximo de 332.854.000 pesetas.

En todo caso e de conformidade co disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola

Orde do 27 de novembro de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 231, do 29 de novembro), o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001.

Artigo 3º

Para a concesión de axudas ó abeiro da devandita Orde do 21 de setembro de 2000 con cargo ó exercicio orzamentario 2001, o prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura