Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 29 de decembro de 2000 Páx. 17.124

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de decembro de 2000 pola que se establece o réxime dos incentivos á contratación por conta allea respecto dos contratos celebrados no último trimestre do ano 2000.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril e 202/2000, do 21 de xullo, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumento da política activa de emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, e no marco dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinados o 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia, estableceuse un conxunto de medidas para o fomento da contratación por conta allea, a través de diferentes programas, que teñen como finalidade facilita-la creación de emprego estable e de calidade, que favoreza a competitividade das empresas e a incorporación e permanencia no mercado laboral dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, principalmente mocidade, mulleres, parados de longa duración, desempregados maiores de 45 anos, persoas con discapacidade e colectivos en perigo de exclusión social.

Co obxecto de lles proporcionar a estes programas continuidade durante todo o ano e que non se produza unha ruptura na xestión deles por razón da temporalidade nos prazos de presentación das solicitudes, é conveniente articular unha norma ponte que recolla tódalas contratacións que se realicen no último trimestre do ano 2000 ás que se lles aplicarán as bases reguladoras dos incentivos á contratación por conta allea para o ano 2000.

Estas bases están fixadas na Orde do 13 de marzo de 2000, pola que establecen os programas de fomento da contratación e da estabilidade no emprego para o ano 2000 (DOG nº 60, do 27 de marzo; corrección de erros DOG nº 87, do 8 de maio).

Neste marco de actuación a presente orde ten por obxecto prorroga-la aplicación da dita orde que establece as bases reguladoras dos seguintes programas: A) Programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade; B) Programa de fomento da contratación indefinida; C) Programa de apoio á substitución de persoas traballadoras por causa de maternidade-paternidade ou en excedencia para o coidado de familiares; D) Programa de axudas á contratación de traballadores desempregados en perigo de exclusión social; E) Programa de fomento dos contratos en prácticas de mozos titulados e para a innovación tecnolóxica; e, F) Programa de incentivos á creación de emprego por reordenación do tempo de traballo.

De acordo co anterior e de conformidade co disposto no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 novembro de 2000, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e ó existir crédito axeitado para o dito fin no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 13 de outubro de 2000, o financiamento das axudas previstas nesta orde relizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.04.241A.471.0, 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B.475.0.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación e réxime das axudas.

1. As axudas e subvencións ás contratacións realizadas desde o 1 de outubro ata o 31 de decembro de 2000 rexeranse pola Orde do 13 de marzo de 2000, pola que se establecen os programas de fomento da contratación e da estabilidade no emprego para o ano 2000 (DOG nº 60, do 27 de marzo; corrección de erros DOG nº 87, do 8 de maio).

2. A dita orde fixa as bases reguladoras, comúns e específicas, dos incentivos para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego, a través dos seguintes programas:

I. Programa de axudas á contratación indefinida das persoas con discapacidade.

II. Programa de fomento da contratación indefinida:

-Axudas á contratación indefinida inicial.

-Axudas á transformación de contratos de duración determinada ou temporais en indefinidos.

-Axuda excepcional á creación do primeiro emprego.

III. Programa de apoio á substitución de persoas traballadoras por causa de maternidade-paternidade ou en excedencia por coidado de familiares.

IV. Programa de axudas á contratación de traballadores desempregados en perigo de exclusión social.

V. Programas de fomento dos contratos en prácticas de mozos titulados e para a innovación tecnolóxica:

-Programa de fomento dos contratos en prácticas.

Programa de apoio á contratación en prácticas relacionada con proxectos I+D.

-Programa de axudas á transformación dos contratos en prácticas en indefinidos e a contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D.

VI. Programa de incentivos á creación de emprego por reordenación do tempo de traballo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes das axudas previstas nesta orde finalizará o 28 de febreiro do ano 2001. As ditas solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos da Orde do 13 de marzo de 2000 pola que se establecen os programas de fomento da contratación e da estabilidade no emprego para o ano 2000 (DOG nº 60, do 27 de marzo; corrección de erros DOG nº 87, do 8 de maio), e ir acompañadas da documentación esixida en cada caso, incluída a que se esixe para a xustificación do pagamento.

4. O prazo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro desta orde será de tres meses que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa entenderase desestimada.

5. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, na Orde do 13 de marzo de 2000 pola que se establecen os programas de fomento da contratación e da estabilidade no emprego para o ano 2000 (DOG nº 60, do 27 de marzo; corrección de erros DOG nº 87, do 8 de maio) e na presente orde.

Artigo 2º.-Financiamento.

1. O financiamento para o ano 2001 das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.471.0, ata un importe máximo de 100.000.000 de pesetas (601.012,104 euros),

14.04.241A.473.0, ata un importe máximo de 400.000.000 de pesetas (2.404.048,417 euros), e 14.04.241B.475.0, ata un importe máximo de 1.000.000.000 de pesetas (6.010.121,043 euros).

2. Para o caso de que existan remanentes destes fondos, logo de atender tódalas solicitudes que cumpran os requisitos e condicións esixidas, destinaranse ó financiamento dos programas de fomento do emprego para o ano 2001.

Disposición adicional

Única.-As solicitudes de axudas correspondentes ós distintos programas de fomento da contratación e da estabilidade no emprego relacionados no artigo 1º.2 desta orde que non poideran ser atendidas no exercicio 2000 por falta de dispoñibilidade orzamentaria, e sempre que reunisen os requisitos e observasen os prazos establecidos na súa normativa reguladora poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios que financian esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Empleo para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude