Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 27 de decembro de 2000 Páx. 16.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de novembro de 2000 pola que se regulan as probas para os alumnos que, tendo iniciadas as ensinanzas de bacharelato unificado e polivalente e non as tendo finalizadas, poidan obte-lo título correspondente durante os dous anos académicos seguintes a extinción destas ensinanzas.

O Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, modificado e com

pletado polos reais decretos 1487/1994, do 1 de xullo, 1468/1997, do 19 de setembro, en materia de ensinanzas artísticas, 173/1998, do 16 de febreiro, e, finalmente, 1112/1999, do 25 de xuño, establece, no artigo 15, que nos dous anos académicos seguintes á extinción das ensinanzas de formación profesional de primeiro grao, bacharelato unificado e polivalente e formación profesional de segundo grao, respectivamente, os alumnos que tendo iniciadas estas ensinanzas non as finalizasen, poderán realizar probas de avaliación para obte-los títulos correspondentes. E, así mismo, que as administracións educativas arbitrarán as medidas oportunas para tales efectos e facilitarán a preparación das probas por parte dos alumnos respectivos.

Cómpre, polo tanto, que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tendo en conta que no derradeiro ano académico 1999/2000 se extinguiron as ensinanzas de bacharelato unificado e polivalente, regule a organización das citadas probas durante os cursos 2000/2001 e 2001/2002 que permitan ós alumnos que iniciaron esas ensinanzas e non puideron finalizalas, obte-lo título de bacharelato establecido pola Lei 14/1970, do 4 de agosto.

En consecuencia co anteriormente exposto e en virtude das atribucións conferidas no artigo 15 do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as probas para a obtención do título correspondente ás ensinanzas de bacharelato unificado e polivalente previstas no artigo 15 do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, que terán lugar durante os cursos 2000/2001 e 2001/2002.

Artigo 2º.-Acceso dos solicitantes.

1. Poderán inscribirse e realiza-las probas de avaliación para a obtención do título de bacharelato establecido pola Lei 14/1970, os alumnos que no curso 1999/2000 estiveron matriculados ou reunían os requisitos académicos necesarios para matricularse en 31 do bacharelato unificado e polivalente (BUP) ou, condicionalmente, en COU con materias pendentes.

2. Para os alumnos matriculados no ano académico 2000/2001 condicionalmente en COU ou en segundo curso do bacharelato establecido pola Lei orgánica 1/1990 con materias pendentes de BUP, decláranse equivalentes as probas, ás que fai referencia esta orde, ó proceso de avaliación establecido no punto 2.4º da Orde do 24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto).

Artigo 3º.-Centros.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinarán, no prazo máximo dun mes contado a partir da data de publicación desta orde, os centros nos que se realizarán as probas. Estes centros arbitrarán as medidas oportunas para a realización das probas e facilitaranlle ó alumnado a información necesaria.

Artigo 4º.-Características das probas.

1. Poderanse realizar probas de tódalas materias que integraban os cursos de bacharelato unificado e polivalente.

2. Os alumnos matriculados nestas probas non terán que examinarse das materias aprobadas anteriormente.

3. A elaboración, aplicación e avaliación das probas serán realizadas nos centros que a delegación provincial determine, polos xefes dos departamentos didácticos correspondentes ás materias obxecto de proba ou, no caso de ausencia xustificada, polo profesor que o director designe.

4. Os exercicios correspondentes ás probas quedarán arquivados no departamento correspondente ata a prescrición do prazo de reclamacións.

5. Os contidos das probas serán establecidos de acordo coa programación didáctica aprobada para cada departamento didáctico o último curso que se impartiu cada materia.

6. As probas establecidas nesta orde realizaranse dúas veces cada ano académico, nos períodos do 1 ó 10 de xuño e do 1 ó 10 de setembro respectivamente.

Artigo 5º.-Matrícula.

1. O período de matrícula para a realización destas probas será do 1 ó 30 de abril de cada un dos dous anos académicos nos que teñan lugar.

2. A matrícula formalizarase na secretaría dos centros designados polas delegacións provinciais, no impreso establecido no anexo I desta orde, ó que se deberá xuntar fotocopia do documento nacional de identidade, libro de cualificacións e certificación oficial das materias aprobadas anteriormente. A formalización da matrícula terá efectos para concorrer ás probas en xuño e en setembro de cada ano.

Artigo 6º.-Avaliación das probas.

1. A avaliación conxunta das probas reguladas por esta orde será realizada polos xefes dos departamentos didácticos correspondentes ás materias obxecto de proba. Para tal efecto terán lugar, presididas polo xefe de estudios, as reunións necesarias para avalia-los alumnos presentados e consignar nas actas, elaboradas pola secretaría, as cualificacións correspondentes, cubrindo unha acta por cada curso.

2. A secretaría de cada centro no que se realicen as probas consignará as cualificacións no expediente

do alumno e arquivará as actas correspondentes. Unha copia de cada acta será remitida ós respectivos servicios provinciais de inspección educativa.

3. A secretaría cubrirá o libro de cualificacións dos alumnos matriculados e realizará, se é o caso, a proposta de expedición do título de bacharelato establecido pola Lei 14/1970.

Artigo 7º.-Reclamacións sobre as cualificacións.

1. Os alumnos ou os seus representantes legais poderán reclamar, ante a dirección do centro no que se realizaron as probas, nun prazo de 5 días contados a partir da data de publicación das cualificacións, cando consideren que estas se outorgaron sen a obxectividade requirida debido a:

a) Inadecuación da proba proposta coa programación didáctica aprobada para cada materia.

b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos.

Para estes efectos a secretaría publicará, no seu taboleiro de anuncios, ó día seguinte da sesión de avaliación, as cualificacións dos alumnos.

2. Formalizada a reclamación contra as cualificacións das probas, o director do centro dará traslado dela ó xefe do departamento didáctico correspondente, quen poderá ratificarse na cualificación outorgada ou estima-la procedencia de rectifica-la cualificación reclamada. Neste caso, o director do centro ordenará formalmente a dita rectificación. En todo caso, o director deberá resolve-la reclamación presentada no prazo de cinco días naturais.

Contra esta resolución poderase recorrer, a través do director do centro, perante o delegado provincial no prazo de 5 días. Nese caso, o director remitirá, no prazo de 24 horas, o expediente ó delegado provincial que, logo do informe da Inspección Educativa, fará a resolución procedente nun prazo máximo de 10 días naturais.

Contra esta resolución pódese presentar recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, de acordo co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízanse a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa e a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dictar, no ámbito das súas competencias, as instruccións oportunas para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria