Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 27 de decembro de 2000 Páx. 16.866

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 1 de decembro de 2000 pola que se establece o procedemento para solicita-la acreditación de actividades no sistema acreditador da formación continuada das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, polo que se regula a organización do sistema acreditador da formación continuada dos profesionais sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, dictouse como consecuencia da necesidade de actualizar permanentemente os coñecementos e as capacidades dos profesionais sanitarios ó avance científico-técnico en ciencias da saúde.

A formación continuada como formación de carácter voluntario, non regrado e de calidade, motivada polo interese persoal e vinculada ó desenvolvemento laboral, trata de manter e mellora-la competencia profesional.

Co fin de garanti-las múltiples actividades formativas dirixidas ós profesionais do Servicio Galego de Saúde, asinouse un protocolo de adhesión ó convenio da conferencia sectorial, adoptado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, sobre formación continuada das profesións sanitarias. En virtude del atribúeselles ás comunidades autónomas a organización, xestión e avaliación do sistema de acreditación dos servicios, centros e entidades provedoras, así como das actividades de formación continuada.

Así pois, o antedito decreto regula os órganos necesarios e o proceso que posibilite a acreditación da formación sanitaria continuada na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 8º, relativo ó procedemento de acreditación, dispón que a acreditación de centros ou unidades docentes, así como das actividades concretas de formación se levarán a cabo conforme unha serie de normas procedementais referentes ó modelo normalizado de solicitude, á avaliación desta, á proposta de acreditación e á resolución, así como á revisión e ós recursos correspondentes.

Para tal fin, de acordo coas atribucións que me confire a disposición derradeira primeira do Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento deste decreto, así como o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Profesións sanitarias e titulacións acreditables.

Poderán ser obxecto de acreditación, de acordo cos criterios establecidos pola Comisión Nacional de Formación Continuada, as actividades relacionadas coas seguintes profesións sanitarias: medicina, farmacia, veterinaria, odontoloxía, enfermería, fisioterapia, terapia ocupacional, podoloxía e nutrición humana e dietética e, igualmente, aqueloutras vinculadas coas titulacións de física, bioloxía, química, bioquímica e psicoloxía clínica, sempre que sexan actividades relacionadas na súa especialización coas ciencias da saúde.

Artigo 2º.-Solicitudes.

As solicitudes de acreditación das actividades de formación continuada dirixidas ós profesionais sanitarios serán presentadas polos promotores públicos ou privados interesados ante a Secretaría Técnica do sistema acreditador con sede na Subdirección Xeral de Programas Asistenciais, cunha antelación de dous meses á data de inicio de actividades -en orixinal-e catro copias segundo o modelo normalizado recollido no anexo I, no que se fará consta-lo seguinte:

a) Entidade solicitante.

b) Actividade para acreditar, con indicación do nome e título da actividade, director e responsable

dela, provincia e poboación onde se realiza esta, tipo de actividade, número máximo de participantes e número total de horas previstas estimadas, data de inicio e de finalización da actividade e profesionais ós que se dirixe a actividade.

c) Características desta actividade:

-Obxectivos: xerais e específicos.

-Organización: incluirá o calendario, os recursos humanos e materiais necesarios para a formación, o número e método de selección dos participantes e, por último, como material adicional, o tipo de soporte informático e o sistema de elaboración e avaliación de manuais e cuestionarios.

-Pertinencia da actividade.

-Metodoloxía.

-Avaliación.

d) Financiamento.

e) Información adicional que o peticionario considere relevante para os efectos de acreditación.

Artigo 3º.-Emenda e mellora das solicitudes.

Se a solicitude non cumpre cos requisitos do artigo anterior requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos esixidos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º.-Tramitación das solicitudes.

A Secretaría Técnica, trala recepción, rexistro e valoración formal das solicitudes de acreditación, remitirá estas ós membros do Comité de Acreditación conforme o establecido no artigo 7 do Decreto 8/2000.

O Comité de Acreditación, órgano encargado da avaliación das solicitudes conforme o artigo 5 do Decreto 8/2000, elevará á Comisión Autonómica de Formación Continuada, a través da Secretaría Técnica, a proposta de acreditación, a cal emitirá o seu acordo conforme as directrices establecidas pola Comisión Nacional de Formación Continuada.

Así mesmo, os expertos de formación continuada poderán levar a cabo auditorías por instancia da comisión, conforme o establecido no artigo 8º b) do Decreto 8/2000.

Artigo 5º.-Resolución.

O órgano competente para resolve-la acreditación será a Comisión Autonómica de Formación Continuada. A resolución emitirase seguindo os criterios xerais, comúns e mínimos da Comisión Nacional de Formación Continuada e con validez no conxunto do Sistema Nacional de Saúde, conforme o disposto no artigo 3 do Decreto 8/2000. A Secretaría Técnica

encargarase de notificarlles esta resolución ós promotores.

O prazo máximo para resolver e notifica-la resolución será de tres meses desde o día seguinte ó da data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución, poderase entender estimada a solicitude, conforme o artigo 43.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Certificación.

A Secretaría Técnica emitirá as certificacións de acreditación das actividades de formación continuada xunto coa dilixencia correspondente, segundo o establecido no artigo 7 do Decreto 8/2000.

Artigo 7º.-Revisión e recursos.

Contra as acreditacións da comisión poderase solicitar por unha soa vez revisión ante a Secretaría Técnica, e o órgano competente para resolver será a Comisión Autonómica de Formación Continuada.

Fronte á resolución da acreditación poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade cos artigos 48 e 114 a 117 da Lei 30/1994, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Auditoría.

Como consecuencia da actividade de avaliación prevista no artigo 3 do Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, será a Comisión Autonómica de Formación Continuada a encargada da auditoría das actividades acreditadas. Para estes efectos, os promotores, a través da Secretaría Técnica e por requirimento desta, deberán remitir no prazo de 15 días a seguinte documentación:

-Lista de participantes

-Modificación eventual da información achegada ó formulario.

-Relación de participantes ós que se lles expida o certificado.

-Persoa de contacto para a eventual realización da auditoría in situ.

-Sistema de avaliación empregado.

-Modelo de certificado entregado.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2000.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais