Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 26 de decembro de 2000 Páx. 16.830

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de novembro de 2000 pola que se aproban as modificacións dos artigos 4 e 23 dos estatutos da Fundación Francisco-José Traspuesto Miguel e se inscriben no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Analizado o expediente de referencia, promovido pola Fundación Francisco-José Traspuesto Miguel.

Resultando que esta fundación foi clasificada como docente pola Orde do 15 de setembro de 1998 (DOG

do 24); e declarada de interese galego pola Orde do 23 de febreiro de 1999 (DOG do 15 de marzo), encontrándose inscrita no Rexistro de Fundacións desta consellería co número 186.

Resultando que a Fundación Francisco-José Traspuesto Miguel solicitou ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a modificación dos seus estatutos.

Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da citada fundación.

Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.

Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/1983 e 32.3º e 38 do dito regulamento.

Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional.

Esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Aproba-las modificacións dos artigos 4 e 23 dos estatutos da Fundación Francisco-José Traspuesto Miguel, que quedan redactados:

Artigo 4º.-Obxecto e fins fundacionais.

A fundación terá por obxecto o seguinte:

1. A atención dos estudios, sufragando total ou parcialmente os gastos seus, dos fillos dos empregados fixos das empresas Cablerías Conductoras, S.A., Dik Mgi Coutier, S.A. e Productos Koala, S.A., que se desenvolverá da seguinte maneira:

A) Gastos de matrícula, libros e material escolar en centros oficiais, desde o ensino primario ata os estudios superiores, comprendendo carreiras universitarias ou de escolas superiores de calquera clase, mentres non se produza perda de curso por alumno; recuperará o seu dereito cando aprobe un curso posterior.

B) Gastos e atencións de garderías infantís.

C) Gastos para a aprendizaxe e perfeccionamento do idioma inglés, aínda que sexa no estranxeiro, para estudiantes de 14, 15 e 16 anos, que obtivesen cualificación de aprobado no curso de estudios último na data de solicitude dos ditos gastos.

D) Gastos para titulados universitarios ou de escolas superiores para a obtención dun máster ou curso de especialización tanto en España como en calquera país estranxeiro, atendendo ó expediente académico do solicitante, que será valorado polo Padroado.

Para gozar das prestacións e axudas desta fundación son requisitos imprescindibles:

Que se trate de fillos de empregados fixos nas mencionadas empresas e mentres sexa socio maioritario nelas, directa ou indirectamente, Francisco-José Traspuesto Miguel, conforme o disposto no artigo 19 destes estatutos, e os fillos dos empregados que fosen fixos e que o seu abandono ou marcha das empresas fose debido a xubilación legal pactada.

Se algún dos beneficiarios por esta fundación non puidesen asistir, por causa xustificada, a clases, garderías ou estudios, que lle correspondese ó período escolar no que está incluído por razón da súa idade, percibirá a mesma cantidade que se asistise ás ditas clases ou servicios, logo de aceptación polo Padroado.

2. Cando o último fillo/a de empregado fixo de Cablerías Conductoras, S.A., Dik Mgi Coutier, S.A. e Productos Koala, S.A., perceptores de axudas da fundación terminase os seus estudios ou decidise suspendelos, a fundación dedicará os seus recursos á realización das actividades de proxección industrial, asistenciais, sociais, cívicas, educativas, culturais, científicas, deportivas, sanitarias, e, en xeral, de todo tipo de actividades que persigan fins de interese xeral, que sexan no seu momento determinadas polo padroado da fundación e que se desenvolvan preferentemente en Vigo e a súa área de influencia, mediante a correspondente modificación estatutaria.

Artigo 23º.-Extinción da fundación.

1. A fundación considerarase rematada nos supostos e causas establecidas pola normativa de fundacións.

2. A extinción da fundación salvo nos supostos de fusión, determinará a apertura do procedemento de liquidación, que será realizado polo órgano de goberno da fundación baixo o control do protectorado, segundo o procedemento establecido regulamentariamente para tales efectos.

3. Os bens e dereitos resultantes da liquidación destinaranse ás fundacións ou entidades non lucrativas privadas con domicilio en Vigo, que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, incluso para o suposto da súa disolución, á consecución daqueles, ou ben que sexan consideradas entidades públicas con domicilio en Vigo de natureza non fundacional, que persigan fins de interese xeral. A determinación das entidades e o procedemento de adxudicación dos referidos bens será realizado polo padroado da fundación.

4. No caso de que non puidesen destinarse os bens e dereitos ás entidades referidas no punto anterior, ben pola inexistencia das ditas entidades ou porque elas non reúnan os requisitos determinados polo artigo 31 da Lei española 30/1994, do 24 de novembro,

de fundacións e de incentivos fiscais á participación privada a actividades de interese xeral, referidos no parágrafo anterior, os bens e dereitos resultantes da liquidación da fundación destinaranse a fundacións ou entidades non lucrativas privadas que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, incluso no suposto da súa disolución, á consecución daqueles, ou ben que sexan consideradas entidades públicas de natureza non fundacional, que persigan fins de interese xeral, que determine o padroado da fundación.

5. No caso de que o cometido referido no parágrafo anterior non sexa levado a cabo polo padroado da fundación, este será cumprido polo protectorado da fundación.

Segundo.-Practica-la inscrición desta modificación estatutaria no Rexistro de Fundacións deste protectorado, logo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da cal entrarán en vigor tales cambios estatutarios.

Terceiro.-Esta disposición pon fin á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo 109 c) da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria