Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Mércores, 20 de decembro de 2000 Páx. 16.698

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 28 de novembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros.

O Regulamento (CEE) nº 3760/1992 do Consello, do 20 de decembro, polo que se establece un réxime comunitario da pesca e a acuicultura (DOCE do 31-12-1992), fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999 do Consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación da pesca (DOCE do 26-6-1999), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30-12-1999), constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun Estado membro, sen prexuízo das especificidades rexionais, con vistas a logra-los obxectivos establecidos no Regulamento (CE) nº 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións, e regúlase o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

A finalidade específica destas axudas é a de contribuír a acadar un equilibrio duradeiro entre os recursos da pesca e a súa explotación mediante o axuste do esforzo pesqueiro, a través da paralización definitiva das actividades pesqueiras dos buques.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 7 así como disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca e na normativa básica do Estado.

En particular, e para ter acceso ás axudas, os beneficiarios deberán cumpri-las condicións e criterios de intervención estipuladas no punto 1.1 do anexo III do citado Regulamento (CE) nº 2792/1999.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

As convocatorias anuais, que poderán ser varias, rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde e, se é o caso, pola normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Para o exercicio do ano 2001 será con cargo á aplicación orzamentaria 01.12.03.614.B.771.0 e cun importe máximo de 545.300.000 pesetas, conforme a normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto e condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axustado e suficiente unha vez aprobado o orzamento.

As axudas financiaranse con cargo ós fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os propietarios de buques pesqueiros de dez anos ou máis, que paralicen definitivamente a actividade pesqueira destes por algún dos procedementos indicados máis adiante e, que reúnan todos e cada un dos requisitos que tamén se establecen.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios ó formalizaren a súa solicitude sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e a súa contabilización e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, en caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios e, de se-lo caso, administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes delas, seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Forma de realización da paralización.

A paralización definitiva das actividades pesqueiras dos buques poderá acadarse mediante:

a) O despezamento do buque.

b) O traspaso definitivo do buque a un país non pertencente á Unión Europea, logo de acordo das autoridades competentes do país de que se trate, sempre que se respecten tódalas condicións seguintes:

-Que existan garantías adecuadas de que non se vai a vulnera-lo dereito internacional, en particular no que se refire ás normas de conservación e xestión dos recursos do mar ou outros obxectivos da política pesqueira común e no que se refire ás condicións de traballo dos pescadores.

-Que o terceiro país ó que se traspase o buque non sexa un país candidato á adhesión.

-Que o traspaso supoña unha reducción do esforzo pesqueiro respecto dos recursos previamente explotados polo buque traspasado; non obstante, non se aplicará este criterio cando o buque traspasado perdera posibilidades de pesca no marco dun acordo pesqueiro coa Comunidade ou no marco doutro acordo.

c) A asignación definitiva do buque a tarefas que non sexan pesqueiras.

Artigo 9º.-Requisitos e condicións.

Para acollerse á paralización definitiva deberán cumprirse os requisitos e condicións que a seguir se establecen.

a) Requisitos.

1. Que o buque exercera unha actividade pesqueira durante polo menos 75 días de mar en cada un dos períodos de doce meses anteriores á data de solicitude de paralización definitiva, ou ben, se é o caso, unha actividade pesqueira durante polo menos o 80% do número de días de mar autorizados pola normativa nacional vixente para o buque de que se trate.

2. Que ó solicita-la axuda o buque estea libre de cargas e gravames, e conte coas autorizacións pertinentes para a forma de realización da paralización que se pretenda.

b) Condicións.

1. Antes da paralización definitiva, o buque deberá estar inscrito no Censo da Flota Pesqueira Operativa

-como rexistro comunitario de buques pesqueiros-, e no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No momento da decisión de concesión da prima, o buque deberá estar en activo.

3. Trala paralización definitiva, a licencia de pesca deberá ser anulada e o buque deberá ser definitivamente excluído do rexistro comunitario de buques pesqueiros.

4. No caso de traspaso definitivo a un terceiro país, o buque deberá inscribirse no rexistro dese terceiro país sen demora e aplicaráselle a prohibición definitiva de volver a augas comunitarias.

c) No caso de perda do buque entre o momento da decisión de concesión da prima e a paralización definitiva real, efectuarase unha corrección financeira equivalente á indemnización pagada polo seguro.

d) Os buques que foran obxecto dunha axuda por paralización definitiva non poderán ser achegados como baixas para novas construccións ou modernizacións.

Artigo 10º.-Importe das axudas.

A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

As axudas públicas á paralización definitiva, aboadas ós beneficiarios, non poderán exceder das contías seguintes:

a) Primas por despezamento:

-Buques de 10 a 15 anos: baremos dos cadros 1 e 2 do anexo IV do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, e que se transcribe como anexo I desta orde.

-Buques de 16 a 29 anos: baremos dos cadros 1 e 2 citados reducidos nun 1,5 % por cada ano que pase dos 15 anos.

-Buques de 30 anos ou máis: baremos dos cadros 1 e 2 citados reducidos nun 22,5%.

b) Primas por traspaso definitivo a un terceiro país: os importes máximos das primas por despezamento previstas na letra a), reducidos nun 50 %; non obstante, non se admitirá ningunha axuda pública por este concepto para os buques de tonelaxe inferior a 20 TRB ou 22 GT ou que teñan 30 anos ou máis, salvo nas condicións que se establecen na alínea d) deste artigo.

c) Primas noutros casos de paralización definitiva das actividades pesqueiras: os importes máximos das primas por despezamento previstos na letra a), reducidos nun 50 %; non obstante, non se admitirá ningunha axuda pública por este concepto para os buques de tonelaxe inferior a 20 TRB ou 22 GT, salvo nas condicións que se establecen na alínea d) seguinte.

d) Non obstante o disposto nas letras b) e c) deste artigo, cando o buque sexa asignado definitivamente á conservación do patrimonio histórico no territorio dun Estado membro, a actividades de investigación ou de formación pesqueira de organismos públicos ou paraestatais dun Estado membro, ou incluso ó control das actividades pesqueiras, en particular nun terceiro país, a axuda pública concederase nas condicións establecidas na letra a) deste artigo.

As primas por paralización definitiva non serán acumulables con outra axuda comunitaria. Estas primas reduciranse:

-Nunha parte do importe percibido anteriormente en caso de axuda á modernización ou de prima a unha asociación temporal de empresas; esta parte calcularase pro rata temporis do período de cinco anos precedentes á paralización definitiva.

-Na totalidade do importe percibido con anterioridade en caso de axuda á paralización temporal, aboada durante o ano anterior á paralización definitiva.

Artigo 11º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección de expedientes de solicitude de axudas están en relación coa finalidade específica destas, de modo que son prioritarios aqueles expedientes que mellor a cumpren.

A orde decrecente de prioridade responde ó seguinte:

1. Cumprimento dos obxectivos do Programa de orientación plurianual para a flota pesqueira vixente en cada momento.

2. Necesidade de eliminación de modalidades de pesca non selectivas e inclusión en plans de pesca, se se producen e publican.

3. Resolución dos problemas que presenten os acordos internacionais de pesca.

Artigo 12º.-Procedemento de concesión das axudas.

O procedemento de concesión destas axudas consta de dúas fases, a primeira de selección de expedientes e a segunda de outorgamento efectivo da subvención.

Artigo 13º.-Fase de selección.

Para participar na fase de selección deberase solicitar na forma e prazo que se indica a continuación.

A Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados elaborará unha proposta de expedientes priorizada conforme o artigo 11º e ata onde cheguen as dispoñibilidades orzamentarias, que se remitirá á Secretaría Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Acadado o acordo entre ámbalas administracións procederase á resolución das solicitudes seleccionadas.

O importe dos sobrantes que puideran existir por calquera causa adicionarase, logo da súa incorporación, á convocatoria seguinte.

Artigo 14º.-Solicitudes e prazo de presentación.

Para poder participar no proceso selectivo será requisito imprescindible que o solicitante dispoña da autorización para o despezamento, para a exportación, ou reúna os requisitos e permisos para ser asignado a tarefas que non sexan pesqueiras.

Para o cobro da axuda, se é o caso, son inmodificables a forma de realización da paralización e a titularidade do buque, salvo caso de sucesión por causa de morte.

A) Achegarase a seguinte documentación, en orixinal e tres copias.

a) Solicitude en impreso normalizado que se xunta como anexo II desta orde.

b) Copia cotexada do DNI do propietario do barco.

c) Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque e de que este estea libre de cargas e gravames.

d) A autorización para o despezamento, a exportación ou os permisos para a asignación do buque a tarefas non pesqueiras, a que se fai referencia no parágrafo primeiro deste artigo.

e) Declaración do anexo III desta disposición.

f) Declaración do anexo IV.

g) Certificación de despachos, expedida pola capitanía marítima correspondente, acreditativa de que o buque foi despachado para a actividade pesqueira durante polo menos 75 días de mar en cada un dos períodos de doce meses anteriores á data de solicitude da paralización definitiva.

h) Copia certificada da folla de asento de inscrición marítima do buque, na que conste asentada anotación de que se expide para solicitar axuda por paralización definitiva.

i) Relación de pescadores que formen parte da tripulación do buque obxecto da solicitude de paralización cos NIF e número de afiliación no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, no momento de petición da axuda, conforme o modelo do anexo V, acompañándoa coa fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol de dotación do buque.

j) Certificación bancaria de conta da que sexa titular o solicitante, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

Se o solicitante é unha pluralidade de persoas, deberán ser titulares todas elas da conta bancaria.

B) Se o barco pertence a unha persoa xurídica.

1. Substituirase o documento indicado na alínea A. b) anterior pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas, e xuntarase a copia cotexada do DNI do representante.

2. Certificación rexistral na que figuren a súa constitución e os estatutos vixentes así como poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade no caso de que tal poder non conste na certificación.

C) Se o buque pertence a unha pluralidade de persoas.

1. A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita por tódolos propietarios.

2. A copia cotexada do DNI achegarase de cada un dos propietarios da embarcación.

As solicitudes presentaranse nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou en calquera das oficinas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde ou da convocatoria correspondente.

Artigo 15º.-Selección de solicitudes.

A selección de tódalas solicitudes presentadas na convocatoria correspondente, que reúnan a totalidade dos requisitos, realizarase aplicando os criterios establecidos nesta orde e segundo o procedemento establecido na normativa básica do Estado.

A relación de expedientes seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios das delegacións territoriais e comarcais da consellería, e sen prexuízo dunha maior difusión a través das organizacións do sector, a partir do cuadraxésimo día hábil contado a partir do seguinte ó de terminación do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 16º.-Fase de concesión das axudas.

Ós solicitantes ós que se lles seleccione o seu expediente e teñan acreditado o cumprimento de tódolos requisitos, concederáselle-la axuda.

Artigo 17º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, sen prexuízo da aprobación, se é o caso, polo Consello da Xunta.

Artigo 18º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de seis meses contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificara resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 19º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos casos, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 20º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 21º.-Aceptación da axuda.

A axuda deberá ser aceptada expresamente no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel no que se notifique a resolución de concesión.

Se o interesado non presenta a aceptación expresa dentro do prazo sinalado entenderase que renuncia á súa petición.

Artigo 22º.-Prazo para a materialización.

A retirada da actividade pesqueira do buque, mediante a materialización efectiva do despezamento, a exportación ou a asignación deste a tarefas que non sexan pesqueiras, deberá realizarse dentro do prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da notificación da resolución de concesión da prima.

Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga, por resolución do director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados, que deberá pedirse dentro do prazo indicado no parágrafo anterior e, se é o caso, concederse polo tempo mínimo imprescindible para concluí-la materialización; o solicitante da prórroga deberá garantir, mediante aval do importe do catro por cento da prima concedida, o bo fin da materialización.

Se o interesado non procede á materialización dentro do prazo, ou da prórroga, entenderase que renuncia á axuda para tódolos efectos, e con perda da garantía constituída, se é o caso.

Artigo 23º.-Requisitos para a proposta de pagamento.

Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que a paralización definitiva estea efectivamente materializada, mediante o despezamento do buque, a súa exportación, ou a súa alta na actividade distinta da pesqueira á que se asignara, quedando condicionado o pagamento á comunicación da data de rexistro na comisión do proxecto desta orde.

b) Que os beneficiarios estean ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñan pendentes de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Que o buque fora dado de baixa no Censo da Flota Pesqueira Operativa, -como rexistro comunitario de buques pesqueiros-, así como no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que os tripulantes do buque foran notificados formalmente da concesión da axuda por paralización definitiva e dos seus eventuais dereitos, se é o caso.

Artigo 24º.-Documentación para o pagamento.

Para o pagamento das axudas, que deberá ser solicitado polo interesado unha vez materializada a paralización definitiva, achegarase a seguinte documentación, con tres copias:

a) Declaración do anexo VI desta orde.

b) Certificacións acreditativas de que o beneficiario está ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendentes de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Acreditación de que notificou formalmente a tódolos tripulantes a concesión da axuda por paralización definitiva do buque, mediante a achega do documento de comunicación que se une como anexo VII desta orde, debidamente cuberto, xunto coa fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol do buque no momento do cesamento da actividade pesqueira.

d) Segundo o tipo de materialización da retirada da actividade pesqueira do buque:

1. Despezamento.

Certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa de que o buque foi efectivamente despezado.

2. Exportación.

-Copia compulsada do documento único aduaneiro (DUA), debidamente cuberto e rexistrado.

-Acordo das autoridades competentes do país ó que se exporta o buque, autorizando a súa importación e os seus condicionantes.

3. Asignación definitiva a tarefas non pesqueiras.

Certificación acreditativa da alta no correspondente rexistro como buque non pesqueiro ou, se é o caso, da súa asignación definitiva á conservación do patrimonio.

O pagamento das axudas establecidas na presente orde queda condicionado á aprobación do seu proxecto, remitido para este efecto á Comisión Europea.

Disposición transitoria

Con efectos exclusivamente para o exercicio 2001, exímese do requisito de presenta-los documentos autorizatorios a que se refire o artigo 14.A) alínea d) conxuntamente coa solicitude, debendo facelo coa documentación para o pagamento.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 22 de febreiro de 1995 (DOG do 7 de marzo) e toda a normativa de igual ou inferior rango que se opoña ó preceptuado nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Baremos

Cadro I

Categoría de buque por clase de

tonelaxe (GT)

Euros

0 < 1011.000/GT + 2.000
10 < 25 5.000/GT + 62.000
25 < 100 4.200/GT + 82.000
100 < 300 2.700/GT + 232.000
300 < 500 2.200/GT + 382.000
500 ou máis 1.200/GT + 882.000

Cadro II

Categoría de buque por clase de

tonelaxe de rexistro bruto (TRB)

Euros

0 < 258.200/TRB
25 < 506.000/TRB + 55.000
50 < 1005.400/TRB + 85.000
100 < 2502.600/TRB + 365.000

A partir do 1 de xaneiro de 2000, para os buques de máis de 24 metros entre perpendiculares, e a partir do 1 de xaneiro de 2004, para tódolos buques, só se aplicará o cadro I.

Nivel de participación financeira.

Os límites da participación financeira comunitaria (A), do conxunto das participacións financeiras públicas (nacionais, rexionais ou doutro tipo) do Estado membro correspondente (B), axustaranse ós requisitos seguintes, expresados en porcentaxe dos gastos subvencionables:

50% n A n 75% B o 25%