Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Mércores, 20 de decembro de 2000 Páx. 16.706

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 30 de novembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico.

O Regulamento (CEE) 3760/1992, do consello, do 20 de decembro, polo que se establece un réxime comunitario da pesca e a acuicultura (DOCE do 31 de decembro), fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999, do Consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación da pesca (DOCE do 26-6-1999), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) 2792/1999, do consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro), constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun Estado membro, sen prexuízo das especificidades rexionais, con vistas a logra-los obxectivos establecidos no Regulamento (CE) 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autó

noma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Con tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións e regúlase o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico ós tripulantes de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

A finalidade específica destas axudas é a de palia-los efectos sociais derivados das medidas de reestructuración do sector pesqueiro e contribuír á revitalización das zonas que dependen da pesca, mediante a adopción das seguintes medidas en favor dos pescadores: a) axudas á xubilación anticipada; b) primas globais individuais; c) primas globais individuais por reconversión ou diversificación profesional; d) primas individuais a pescadores de idade inferior a 35 anos.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 12 así como disposicións concordantes do Regulamento (CE) 2792/1999, do consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca e na normativa básica do Estado.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

As convocatorias anuais, que poderán ser varias, rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde, e se é o caso, pola normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Para o exercicio do ano 2001 será con cargo á aplicación orzamentaria 01.12.03.614.B.780.0 e cun importe máximo de 60.382.000 pesetas, conforme a normativa anticipada de expedientes de gasto e condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axustado e suficiente unha vez aprobado o orzamento.

As axudas financiaranse con cargo ós fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os pescadores que sexan tripulantes de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia afectados por axuste estructural da flota por paralización definitiva ou por exportación do buque a un terceiro país e que reúnan todos e cada un dos requisitos e condicións establecidos máis adiante para cada unha das medidas.

Para estos efectos, entenderase por «pescador» calquera persoa que exerza a súa actividade profesional principal a bordo dun buque de pesca marítima en activo.

Un mesmo pescador non pode beneficiarse de máis dunha das medidas previstas.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios ó formalizaren a súa solicitude sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a elas.

Deberán facilitar toda a información que lle sexa requirida en relación a aquelas e á súa contabilización e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como

os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Coa solicitude e coa petición do pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para os mesmos feitos e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, en caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Requisitos, condicións e importes máximos.

Para acollerse a unha das medidas previstas a continuación, o solicitante deberá reunir tódolos requisitos e someterse ás condicións que, para cada unha delas, se sinalan seguidamente e estar enrolado e en alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, ou situación asimilada á alta, nun buque pesqueiro, coas matizacións que se indican nas letras b) e d) deste artigo.

Situación asimilada á alta, para estes efectos, é a que leva aparellada a reserva do posto de traballo.

Así mesmo, para ser beneficiario destas medidas o solicitante non debe ter posibilidades de xubilarse aínda.

A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias, e non se poderán supera-los importes máximos que para cada medida se indican a continuación.

a) Axudas á xubilación anticipada.

Requisitos e importe máximo:

-No momento de acollerse á xubilación anticipada, a idade dos beneficiarios non poderá diferir en máis de 10 anos da idade legal de xubilación que estableza a lexislación vixente, ou deberá ser como mínimo de 55 anos.

-Os beneficiarios deberán acreditar que exerceron durante un mínimo de 10 anos a profesión de pescador.

O importe das axudas, que poderán percibirse ata acada-la menor idade de xubilación ordinaria a teor da normativa reguladora do réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, sempre dentro do período de vixencia do actual programa operativo IFOP, poderá ascender ata o importe dun plan de prexubilación debidamente formalizado.

Non obstante, as cotizacións ó réxime normal de xubilación dos pescadores durante o período de xubilación anticipada non poderán beneficiarse da axuda financeira.

Condicións:

Os beneficiarios da medida deben abandonar definitivamente a profesión de pescador.

b) Primas globais individuais.

Requisitos e importe máximo:

Os pescadores que poidan acreditar que exerceron a profesión durante doce meses como mínimo, sobre a base dun custo subvencionable limitado a 10.000 euros (1.663.860 pesetas) por beneficiario individual e sempre que o buque pesqueiro no que estean embarcados os beneficiarios da medida sexa obxecto dunha paralización definitiva das actividades pesqueiras.

Debe estar enrolado e en alta, ou situación asimilada, o período comprendido entre a solicitude da axuda de paralización definitiva e a materialización efectiva desta.

Condicións:

A prima será reembolsada pro rata temporis no caso de que o beneficiario volva a exerce-la profesión de pescador nun prazo inferior a un ano tralo cobramento da prima.

c) Primas globais individuais por reconversión ou diversificación profesional.

Requisitos e importe máximo:

Poderán concederse primas globais individuais non renovables ós pescadores que poidan acreditar polo menos cinco anos de exercicio da profesión, con vistas á súa reconversión profesional ou á diversificación das súas actividades nun sector que non sexa o da pesca marítima, dentro dun plan social individual ou colectivo, sobre a base dun custo subvencionable limitado a 50.000 euros (8.319.300 pesetas) por beneficiario individual; a Administración xestora determinará a contía individual en función da amplitude do proxecto de reconversión e de diversificación, así como dos esforzos financeiros efectuados polo beneficiario.

Condicións:

-A prima será reembolsada pro rata temporis no caso de que o beneficiario volva a exerce-la profesión de pescador nun prazo inferior a cinco anos despois do cobro da prima.

-Os beneficiarios da medida exercerán realmente unha nova actividade.

d) Primas individuais a pescadores de idade inferior a 35 anos.

Requisitos e importe máximo:

Poderán concederse primas individuais a pescadores de idade inferior a 35 anos que poidan acreditar polo menos cinco anos de exercicio da profesión ou que poidan acreditar unha formación profesional equivalente e que adquiran por primeira vez un buque de pesca en propiedade total ou parcial, sempre que se cumpra o seguinte:

-O buque de pesca deberá ter unha eslora comprendida entre 7 e 24 m; no momento de adquisición da propiedade, deberá ter unha antigüidade comprendida entre 10 e 20 anos, deberá ser operativo e estar inscrito no rexistro de buques de pesca da Comunidade -Censo da Flota Pesqueira Operativae no da Comunidade Autónoma.

-A transferencia de propiedade non terá lugar dentro da mesma familia ata o segundo grao de parentesco.

-Non será necesario que o beneficiario se atope enrolado e en alta se acredita formación profesional ou equivalente ó exercicio profesional.

A Administración xestora determinará a contía de cada prima individual baseándose en particular no tamaño e na antigüidade do buque, así como nas condicións financeiras da adquisición (custo de adquisición da propiedade; nivel e condicións dos préstamos bancarios; garantías ofrecidas, se é o caso, por terceiros e outras facilidades de orde financeira) e os restantes criterios e requisitos que guíen a adquisición.

A contía da prima non deberá exceder en ningún caso do 10% do custo de adquisición da propiedade nin supera-la cantidade de 50.000 euros (8.319.300 pesetas).

Condicións:

A prima será reembolsada pro rata temporis no caso de transferencia da propiedade adquirida polo beneficiario ou de que o buque se vexa suxeito á retirada permanente nun prazo como mínimo inferior a cinco anos tralo cobramento da prima.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección de expedientes de solicitude de axudas están en relación coa finalidade

específica destas, de modo que son prioritarios aqueles expedientes que mellor a cumpren.

Artigo 10º.-Procedemento de concesión das axudas.

O procedemento de concesión destas axudas consta de dúas fases, a primeira de selección de expedientes e a segunda de outorgamento efectivo da subvención.

Artigo 11º.-Solicitudes e prazo de presentación.

Achegarase a seguinte documentación en orixinal e tres copias:

a) Solicitude en impreso normalizado que se xunta como anexo I desta orde.

b) Declaración do anexo II desta disposición.

c) Declaración do anexo III, cuberta no epígrafe correspondente.

d) Copia cotexada do DNI.

e) Informe de vida laboral expedido polo Instituto Social da Mariña, que poderá formularse en impresión informatizada.

f) Copia compulsada da cartilla de inscrición marítima.

g) Segundo o tipo de medida solicitada, ademais.

1. Axudas á xubilación anticipada.

Copia cotexada ou dilixenciada da solicitude de convenio especial co Instituto Social da Mariña, e a súa cuantificación.

2. Primas globais individuais.

Acreditación da finalización da relación laboral coa empresa titular do buque paralizado definitivamente.

3. Primas globais individuais por reconversión ou diversificación profesional.

Plan e proxecto detallado de reconversión ou diversificación, con acreditación do cumprimento dos requisitos e posesión das autorizacións para levalo a cabo e cuantificación precisa do seu importe económico sen IVE.

4. Primas individuais a pescadores de idade inferior a 35 anos.

-Acreditación da formación profesional ou equivalente a cinco anos de exercicio da profesión de pescador, se é o caso.

-A acreditación da adquisición total ou parcial dun buque de pesca, que reúna os requisitos para que a operación poida ser subvencionable a teor do preceptuado no artigo 8 d) desta orde.

A solicitude presentarase nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou en calquera das oficinas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde ou da convocatoria correspondente.

Artigo 12º.-Selección de solicitudes.

A selección de tódalas solicitudes presentadas na convocatoria correspondente, que reúnan a totalidade dos requisitos, realizarase aplicando os criterios establecidos nesta orde.

A relación de expedientes seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios das delegacións territoriais e comarcais da consellería, a partir do trixésimo día hábil contado a partir do seguinte ó de terminación do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 13º.-Fase de concesión das axudas.

Ós solicitantes ós que se lles seleccione o seu expediente e acreditasen o cumprimento de tódolos requisitos, concederáselle-la axuda.

Artigo 14º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 15º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de seis meses contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificara resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 16º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos casos, a partir do día seguinte á notificación da resolución.

Artigo 17º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18º.-Aceptación da axuda.

A axuda deberá ser aceptada expresamente no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que se notifique a resolución de concesión.

Se o interesado non presenta a aceptación expresa dentro do prazo sinalado entenderase que renuncia á súa petición.

Artigo 19º.-Requisitos para a proposta de pagamento.

Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que os beneficiarios estean ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidad Autónoma.

b) Segundo o tipo de medida ademais.

1. Xubilación anticipada.

Existencia de convenio formalizado co I.S.M.

2. Primas globais por reconversión e a pescadores de idade inferior a 35 anos.

-Acreditación da realización do investimento, no primeiro caso mediante a correspondente acta dos servicios periféricos da consellería.

-Pagamento dos investimentos realizados.

Artigo 20º.-Documentación para o pagamento.

Para o pagamento da axuda, que deberá ser solicitado polo interesado unha vez que reúna as condicións para iso, achegarase a seguinte documentación, con tres copias:

a) Declaración do anexo IV desta orde.

b) Certificación acreditativa de que o beneficiario está ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

A acreditación do cumprimento das obrigas sociais polo pescador poderá ser realizada a través da certificación de estar ó día das súas obrigas coa Segu

ridade Social da empresa armadora na que prestaba servicios aquel.

c) Nas medidas en que a seguir se indican, ademais.

1. Axudas á xubilación anticipada.

Copia cotexada ou dilixenciada do documento de formalización do convenio especial co Instituto Social da Mariña.

2. Primas globais individuais por reconversión ou diversificación profesional.

-Facturas orixinais do investimento realizado que poderán ser devoltas, a petición do interesado, unha vez tomada razón da súa utilización para os pagamentos con fondos IFOP.

-Certificación do acredor acreditativa do pagamento das ditas facturas.

-Certificación bancaria do pagamento delas.

3. Primas individuais a pescadores de idade inferior a 35 anos.

-Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque adquirido total ou parcialmente polo beneficiario, con referencia ó negocio xurídico no que se realizou a adquisición.

-As facturas e certificacións ás que se fai referencia nos tres epígrafes do punto 2 anterior, que poderán ser substituídos por documento público de compravenda do buque no que consten tódalas circunstancias e pagamentos efectivamente realizados.

d) As axudas obxecto desta orde faranse efectivas unha vez que o buque cause baixa definitiva no Censo da Flota Pesqueira Operativa.

e) O pagamento das axudas establecidas na presente orde queda condicionado á aprobación do seu proxecto, remitido para este efecto á Comisión Europea.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 17 de setembro de 1998 (DOG do 24 de setembro) e toda a normativa de igual ou inferior rango que se opoña ó preceptuado nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura