Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Martes, 19 de decembro de 2000 Páx. 16.650

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de decembro de 2000 pola que se convocan axudas económicas para os alumnos e alumnas que realizan formación práctica en empresas correspondentes ós estudios de formación profesional de segundo grao, artes aplicadas e oficios artísticos, módulos profesionais experimentais, ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica, artes plásticas e deseño e programas de garantía social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento

e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), establece no seu artigo 34.2º, que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha formación práctica obrigatoria nos centros de traballo e indica que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e institucións se incorporen ó desenvolvemento destas ensinanzas.

O Real decreto 676/1993, do 7 de maio (BOE do 22 de maio), no seu artigo 4, desenvolve as finalidades do módulo de formación práctica en centros de traballo.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), desenvolve o anterior R.D. 676/1993, establecendo a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional específica, así como as directrices sobre os seus títulos.

O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira do orzamento destinado a prácticas en alternancia e á formación en centros de traballo.

A Orde do 31 de maio de 1999 (DOG do 1 de xullo, corrección de erros no DOG do 23 de xullo), pola que se regula o desenvolvemento, en réxime ordinario e de adultos, dos ciclos formativos de formación profesional específica, e a Orde do 1 de xuño de 1999 (DOG do 9 de xullo), pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia autorizan a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-la Resolución do 14 de xuño de 2000 (DOG do 29 de xuño), pola que se dan instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica de cara ó curso 2000-2001, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Considerando que as prácticas en empresas teñen un gran valor didáctico e pedagóxico por achega-lo alumnado ó mundo socio-laboral no que se vai desenvolve-la súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promocionar mediante o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, como unha das iniciativas dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas económicas, cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para a realización da formación práctica en empresas destinadas ós alumnos

do derradeiro curso de formación profesional de segundo grao, de artes aplicadas e oficios artísticos, de módulos profesionais experimentais, de ciclos formativos de grao medio e superior e dos programas de garantía social.

Segundo.-Requisitos para solicita-la axuda.

1. Poderán concorrer a esta convocatoria o alumnado dos centros públicos, privados concertados ou privados autorizados, dependentes desta Comunidade Autónoma que estea matriculado no derradeiro curso de:

-Unha especialidade de formación profesional de segundo grao.

-Unha especialidade de artes aplicadas e oficios artísticos.

-Un módulo profesional de nivel 2.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional específica.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.

-Un programa de garantía social.

2. Que o período de formación práctica se realice entre o 1 de setembro de 2000 e o 31 de agosto de 2001.

Terceiro.-Solicitudes, prazos e lugar de presentación da documentación.

1. Os alumnos e alumnas que reúnan os requisitos para participar nesta convocatoria presentarán a correspondente solicitude de axuda económica no modelo que figura como anexo I desta orde, no mesmo centro onde están matriculados, no prazo de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude deberá te-lo visto e prace do director ou directora do centro educativo -cando se trate dun centro público- e da inspección educativa, se for un centro privado ou privado concertado.

2. A dirección do centro, visadas as solicitudes de axuda dos alumnos, confeccionará un único proxecto de expediente económico, segundo o modelo que figura como anexo II desta orde, no que incluirá os distintos grupos de alumnado por modalidades de ensino, que teñan previsto realizar prácticas, especificando para cada un destes: código da especialidade, denominación, número de xornadas, importes para cada especialidade e total. Este proxecto virá asinado pola dirección do centro e o coordinador ou coordinadora de educación e emprego e será presentado polo centro no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Educación ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte á data final de presentación de solicitudes.

3. A inspección educativa, revisados tódolos proxectos económicos presentados, elaborará un cadro-resumo no que figurará a relación de centros públicos e privados acollidos a esta convocatoria, especificando: código do centro, denominación, concello, número de alumnos, importe total por centro e por provincia.

Este cadro, unido ós proxectos económicos dos centros participantes, unha vez elevado ó delegado provincial para o seu visto e prace, será tramitado posteriormente pola inspección educativa á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, para o que disporá de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte á data final de presentación dos proxectos económicos dos centros nas respectivas delegacións provinciais.

Cuarto.-Comisión de selección das axudas.

A selección das peticións e importes solicitados será levada a cabo por unha comisión integrada por:

-A subdirectora xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos, que actuará como presidenta.

-A xefa de Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral.

-Catro inspectores de institutos de educación secundaria, un por cada provincia, por proposta do delegado provincial.

-Catro directores de centros educativos con formación profesional, un por provincia, por proposta do inspector ou inspectora xefe.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión de selección poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción, por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Quinto.-Criterios de selección para a adxudicación destas axudas.

Para a adxudicación das axudas teranse en conta os seguintes criterios:

1. Que os alumnos solicitantes realicen esas prácticas entre o 1 de setembro de 2000 e o 31 de agosto de 2001.

2. Que os alumnos/as pertenzan a algunha das seguintes modalidades de ensino: formación profesional de segundo grao; unha especialidade de artes plásticas e oficios artísticos; un módulo profesional experimental de nivel 2; un ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional específica; un ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño; un programa de garantía social.

3. Que o centro presente un proxecto de expediente económico segundo o modelo do anexo II desta orde.

4. Que o proxecto económico (anexo II) recolla o número total de alumnos solicitantes das distintas modalidades de ensino por subgrupos, se houbese máis dun, especificando a denominación de cada grupo ó que pertenzan, o importe que supón cada grupo e o importe total de tódolos alumnos.

5. O cálculo da contía para cada alumno/a estará en función do número de xornadas formativas que teña previsto realizar, multiplicada polo importe da xornada ( tramos abaixo sinalados), elixindo a menor das distancias existentes entre a empresa e o domicilio do alumno ou centro educativo, segundo o seguinte baremo:

DistanciaImporte por xornada

Nun raio de 5 km400 ptas.

DistanciaImporte por xornada

Entre 6 e 15 km700 ptas.

Entre 16 e 30 km900 ptas.

Entre 31 e 50 km1.300 ptas.

Máis de 50 km (retornando no día)1.700 ptas.

Máis de 50 km (sen retorno no día,

máximo 15 xornadas)5.500 ptas.

6. O número máximo de xornadas que hai que ter en conta será de 80 e terán que realizar un mínimo de 10, para percibir esta axuda.

Para os alumnos de ciclos formativos, para os efectos de calcula-lo número de xornadas, este número obterase de dividi-lo número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar entre oito (o equivalente a unha xornada laboral).

7. Para o desprazamento dentro dun mesmo concello, o importe por xornada que haberá que considerar será de 400 pesetas, independentemente da distancia existente entre a empresa e o domicilio do alumno ou entre a empresa e o centro educativo.

8. Para calcula-la distancia existente entre distintos concellos, tomarase como referencia o cadro de distancias quilométricas por estrada, obtida a partir do mapa de estradas do MOPU.

Sexto.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.480.2 dentro do exercicio orzamentario do ano 2001, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ata un importe máximo de 400.000.000 de pesetas (catrocentos millóns de pesetas).

A teor do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19 de febreiro), sobre a tramitación anticipada de expediente de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia do crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2001, en trámite parlamentario.

Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito do que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para axusta-los importes solicitados por cada centro no proxecto de expediente económico, de xeito que a suma total dos importes de tódolos centros de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Sétimo.-Cada alumno en prácticas estará acollido á Mutualidade do Seguro Escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil, subscrita pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Oitavo.-A comisión de selección das axudas, á vista das solicitudes presentadas, os proxectos económicos dos centros e do crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación destas axudas á directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Noveno.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional resolverá esta convocatoria no prazo máximo de seis meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde, notificando a cada centro a resolución que proceda coa concesión, denegación ou modificación da contía solicitada. De non dictarse resolución expresa nese prazo, entenderase denegada.

O centro, posteriormente, informará a cada alumno ou alumna do importe que lle vai corresponder, debendo este deixar asinado no centro un escrito conforme acepta a axuda que lle corresponda.

Décimo.-Reclamacións.

A partir da data de comunicación ó centro do importe que se lle autoriza, este terá un prazo de reclamacións de 15 días naturais para formula-las alegacións que considere oportunas, en caso de desacordo coa resolución da dirección xeral.

Décimo primeiro.-Unha vez vistas e estimadas, se procede, as reclamacións que houbese, a dirección xeral, no prazo dun mes, notificará ó centro afectado a nova resolución, que terá carácter definitivo. Contra esta resolución definitiva poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Décimo segundo.-O pagamento das axudas efectuarase nun só reintegro a través da delegación provincial, unha vez rematadas as prácticas de todo o alumnado previsto no proxecto económico do centro. Para poder recibi-lo importe destas axudas, o centro debe enviar, ó remata-las prácticas de tódolos alumnos e alumnas, unha certificación orixinal -dirixida á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, San Lázaro, 107; CP 15771 de Santiago de Compostela, entre os meses de maio e xullo de 2001, asinada polo secretario, co visto e prace da dirección do centro, conforme os alumnos realizaron esa actividade e facendo consta-lo importe que vai percibir cada un deles.

O centro deixará arquivado un duplicado desa certificación que envía, xunto cun duplicado do proxecto de expediente económico presentado, máis as copias das solicitudes de axuda dos alumnos de prácticas acollidos a esta convocatoria.

Décimo terceiro.-Os cambios de empresa, variacións de períodos, baixas ou calquera outra modificación de circunstancias, deberán ser comunicados por escrito, mediante oficio, á Inspección Educativa, co fin de que esta o poña en coñecemento da Inspección de Traballo e dea traslado desta notificación a esta dirección xeral. En ningún caso as variacións suporán un aumento no importe total das axudas que se comunicou mediante resolución ó centro.

Décimo cuarto.-O cobro destas axudas é compatible con outras de carácter xeral con cargo ós fondos públicos.

Décimo quinto.-A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades a que houber lugar.

Décimo sexto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria