Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 18 de decembro de 2000 Páx. 16.569

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 290/2000, do 1 de decembro, polo que se resolve o expediente de deslinde entre os termos municipais de Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

O Concello de Vilanova de Arousa, con data do 20 de setembro de 1993, solicita ó Servicio de Deslindes e Grandes Escalas do Instituto Xeográfico Nacional a delimitación da liña límite xurisdiccional co concello de Vilagarcía de Arousa, no tramo comprendido entre os marcos primeiro e oitavo, levándose a cabo posteriormente a identificación sobre o terreo dos marcos primeiro a dezanove e desde este último (vintenove), solicitándose en 1995 a realización do deslinde á Xunta de Galicia.

Ámbolos concellos, por unanimidade na delimitación da liña xurisdiccional, excepto o referente ó marco 23, levantan con data do 7 de outubro de 1998 acta relativa ó deslinde, na que acordan someterse ó dictame da Xunta de Galicia, logo de informe preceptivo do Instituto Xeográfico Nacional.

Tramitado o expediente de acordo co procedemento establecido nas leis 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, o Instituto Xeográfico Nacional emitiu informe con data do 1 de marzo de 1999 (e informe aclaratorio de data 4 de maio de 2000), prestando a súa conformidade o Concello de Vilagarcía de Arousa dentro do prazo concedido ós concellos para presentaren alegacións.

Visto o disposto nos artigos 41.1º e 44.3º da Lei 5/1997, de administración local de Galicia,

segundo os cales os conflictos que poidan xurdir entre municipios en relación co deslinde dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da Deputación Provincial e da Comisión Galega de Delimitación Territorial e logo de dictame do Consello Consultivo de Galicia.

Por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia emitido o dezaseis de novembro de dous mil e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Resolve-la cuestión suscitada entre os municipios de Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa, sobre o deslinde dos seus termos municipais, no sentido de considerar válida e vixente a situación do marco nº 23 conforme se describe na acta de deslinde do 20 de abril de 1890 e na acta do 18 de novembro de 1977, levantada para a modificación do referido marco e que ratifica a súa localización no lugar acordado polas comisións de ámbolos concellos, tal e como se reflicte no ortofotomapa a escala 1:5.000 do Instituto Xeográfico Nacional, e que se representa na fotografía aérea que se recolle como anexo deste decreto.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais