Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 18 de decembro de 2000 Páx. 16.565

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 30 de novembro de 2000 de subvencións para empresas privadas que realicen actividades de promoción e difusión dos Camiños de Santiago no ano 2001.

O unanimemente recoñecido papel do Camiño de Santiago, como elemento de integración de pobos, ideas e culturas, acentuado aínda máis se cabe, no novo espacio común europeo, foi recoñecido polo Consello de Europa, a Comunidade Europea e a Unesco.

Na Comunidade Autónoma de Galicia levouse a cabo nos últimos anos un intenso labor co fin de conservar, promocionar e difundir ese importante legado cultural, para o que é preciso continuar prestando apoio ás diversas iniciativas privadas xurdidas con idéntica finalidade e que se orientan cara a unha maior proxección dos valores espirituais, históricos e culturais do Camiño de Santiago.

Con esta declarada finalidade, a Xunta de Galicia, a través das competencias atribuídas á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se regula o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, considera de interese a concesión de axudas ós empresarios que realicen actividades de difusión e promoción dos diversos Camiños de Santiago.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante a concesión de subvencións a fondo perdido, as empresas privadas que leven a cabo actividades de promoción e difusión dos Camiños de Santiago.

Artigo 2º.-Partida orzamentaria.

O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é de trinta millóns de pesetas, e farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-D.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001. En todo caso, o gasto proxectado, que é compatible con outras posibles axudas, subvencións, ingresos ou recursos, suxeitarase á existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 e ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998.

Os remanentes do orzamento que resultasen de non realiza-la totalidade das actividades subvencionadas, destinaranse a outras actividades que o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo considere axeitadas para a promoción dos distintos camiños.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións tódalas empresas privadas con forma xurídica societaria conforme o disposto na lexislación civil e mercantil que leven a cabo actividades que contribúan á promoción e difusión dos distintos camiños de Santiago.

Así mesmo, poderán solicitalas os profesionais ou empresarios individuais que estean dados de alta no imposto de actividades económicas e que realicen as anteditas actividades.

Quedan expresamente excluídas as asociacións, fundacións, comunidades de bens e calquera outra institución que non se encontre nos supostos previstos nos epígrafes anteriores.

Artigo 4º.-Solicitudes de beneficios.

Os interesados enviarán as súas solicitudes no modelo oficial que figura ó final desta orde, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Proposta das actividades que solicitan ser subvencionadas e polas que poidan presentar factura na data de 30 de setembro de 2001, orzamento detallado das citadas actividades, así como unha breve memoria delas.

b) Breve descrición, se é o caso, das actividades realizadas os anos anteriores en relación co Camiño de Santiago.

c) Declaración xurada de estar ó día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

d) Declaración xurada de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

e) Declaración xurada de que solicitou ou non axudas para a mesma finalidade de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, se é o caso, contías solicitadas.

f) Fotocopia da tarxeta do CIF ou, se é o caso, do NIF.

g) Fotocopia de alta no IAE e do último recibo que acredita estar ó día do pagamento.

No suposto de que, en calquera momento posterior á presentación da instancia, os interesados soliciten as axudas ás que se refire o epígrafe e) deste artigo, será obrigatorio poñelo en coñecemento dos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, dando conta da axuda solicitada, contía e administración ou ente público ou privado ó que se dirixe.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días hábiles dende a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións unha vez obtidas estas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

1. No caso de que a subvención fose concedida para a realización de calquera obra nova, relativa á propiedade intelectual e susceptible de ser reproducida, como publicacións, vídeos, películas, reportaxes fotográficas, CD, debuxos, gravados, etc., os beneficiarios reservarán unha porcentaxe da obra para a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo -Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago- con fins de promoción e divulgación. A mencionada porcentaxe, que non superará o 20% do total, será determinada pola Comisión de Valoración a que se refire o artigo 9º desta orde, con base na importancia da subvención concedida en relación o investimento total do proxecto e, se é o caso, á achega particular a el, a que se refire o artigo 4º letra e).

2. Cando a subvención se solicita para a realización de actividades que afecten á propiedade intelectual como publicacións, vídeos, películas, reportaxes fotográficas, CD, debuxos, gravados, etc. os beneficiarios comprométense a autoriza-la utilización gratuíta deles con destino a actividades promocionais e divulgativas da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo -Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

3. A facer constar en cada proxecto subvencionado, na primeira e sucesivas edicións, que esta recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo -Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago- utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.-Beneficios.

As actividades poderán ser subvencionadas ata o esgotamento do crédito orzamentario previsto para o efecto.

A subvención farase efectiva sempre que, na data do 30 de setembro do ano 2001, se rematase a actividade especificada na solicitude a que se refire

o artigo 4º e se entregase completa a documentación que a continuación se relaciona:

a) Informe acreditativo de que se completou o obxecto da subvención xunto con fotografías, notas de prensa e demais material que da testemuño suficiente do seu cumprimento.

b) Facturas orixinais, ou se é o caso, fotocopias compulsadas dos gastos realizados para o seu cumprimento.

c) Certificación bancaria actualizada orixinal e acreditativa de que a conta sinalada para o pagamento está a nome do beneficiario.

d) Certificación actualizada do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

e) Certificación actualizada de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

f) Certificación actualizada da empresa de que recibiu ou non axudas para a mesma finalidade de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, se é o caso, contías recibidas.

Así mesmo, e sen prexuízo do anterior, no momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto subvencionado das distintas administracións públicas ou calquera dos organismos, entes ou sociedades.

Artigo 8º.-Tramitación.

As solicitudes serán tramitadas polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

Unha comisión de valoración creada para o efecto examinará e cualificará as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes criterios:

a) Interese da actividade para a difusión, investigación e promoción dos distintos camiños de Santiago.

b) Orixinalidade da actividade que se vai realizar.

c) Contías económicas.

d) Cumprimento dos requisitos esixidos pola orde de convocatoria.

A comisión estará integrada por un presidente, tres vocais e un secretario.

-O presidente será o secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Serán vocais o director xeral de Patrimonio Cultural, o director xeral de Promoción Cultural e a xerente de Promoción do Camiño de Santiago.

-Actuará como secretario un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago nomeado pola xerente.

Artigo 10º.-Resolución.

O prazo máximo de resolución previsto neste procedimento será de seis meses contados desde o día seguinte ó derradeiro día para a presentación de solicitudes.

A comisión elevará a súa proposta motivada ó conselleiro, que resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Prazo de aceptación.

Os beneficiarios deberán confirma-la súa aceptación da subvención no prazo de 5 días desde a recepción da notificación da concesión da subvención, mediante escrito dirixido á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, comprometéndose a executa-lo proxecto ou actividade subvencionada no prazo establecido.

Se transcorrido o anterior prazo non se confirmase a aceptación, entenderase que se renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 12º.-Denegación da subvención.

A denegación da subvención será expresa e motivada e os interesados poderán interpoñer contra a dita resolución denegatoria recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ó da súa notificación, ou ben presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

Malia o anterior, no suposto de non recaer resolución expresa dentro do prazo máximo previsto no artigo décimo desta orde, o sentido do silencio será negativo.

Artigo 13º.-Realización das actividades.

As actividades subvencionadas executaranse con estricta conformidade coa proposta recollida no artigo 4º desta orde e na súa realización deberase deixar constancia de que se trata de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e no caso de actividade que comporte difusión escrita, deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo da Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago de Compostela, e o anagrama do Xacobeo.

Artigo 14º.-Seguimento.

O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo velará para que as actividades subvencionadas se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo toma-las medidas que estime oportunas ó respecto.

En calquera caso, os beneficiarios deberán facilita-la información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15º.-Perda da subvención.

Procederase ó reintegro total ou parcial e á esixencia dos xuros de demora, de conformidade co Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Obtención de subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de modo tal que exceda o custo da actividade desenvolvida.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo