Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 13 de decembro de 2000 Páx. 16.364

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de decembro de 2000 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais,con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 17 de novembro de dous mil, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número dous mil sesenta e cinco do seu protocolo por Antonio Pillado Montero, Xesús Mosquera Sueiro, Xaime López Golpe, Fernando Roberto Acuña Rúa e Fausto Santamarina Fernández; interveñen Antonio Pillado Montero en nome e representación da Xunta de Galicia, Xesús Mosquera Sueiro en nome e representación do Sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia, Xaime López Golpe como mandatario verbal do secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia Xan María Castro Paz, Fernando Roberto Acuña Rúa como secretario xeral da Confederación Intersindical Galega e Fausto Santamarina Fernández como mandatario verbal do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia Antonio Ramilo-Fernández Areal.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos o obxecto da fundación é promove-la mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, especialmente nas pequenas empresas.

4. O padroado da fundación estará constituído polo director xeral de Relacións Laborais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, dous vicepresidentes, un en representación da organización empresarial e outro en representación das organizacións sindicais, vocais cinco representantes da

Administración autonómica de Galicia, designados pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, cinco representantes designados pola Confederación de Empresarios de Galicia e cinco representantes designados polas organizacións sindicais, Unión Xeral de Traballadores de Galicia, Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e Confederación Intersindical Galega; secretario a persona designada polo padroado como xerente da fundación.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinteoito de novembro de dous mil.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 1/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais e adscribila á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública