Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 12 de decembro de 2000 Páx. 16.326

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2000, da División de Recursos Humanos, pola que se abre un prazo de dez días para presentar solicitudes de selección temporal para vinculacións temporais de diversas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

No seo da comisión central de seguimento do pacto de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde (DOG nº 39, do 25 de febreiro de 2000) celebrada o pasado día 16 de outubro debatiuse a problemática derivada da resolución do concurso de traslados feita o día 5 de outubro de 2000 e da oferta de emprego do día 18 do mesmo mes e ano.

Por mor da citada resolución e incorporación efectiva dos adxudicatarios de novas prazas, varios profesionais do sector sanitario non poden acceder a vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas, por diversas razóns e circunstancias sobrevidas á convocatoria de selección temporal formalizada o día 1 de marzo de 2000.

As demandas de solución, suscitadas con base nesas circunstancias sobrevidas, agrúpanse en tres motivos.

1. Algúns aspirantes, que figuran nas citadas listas de selección temporal, ven modificadas as súas circunstancias familiares e o seu domicilio por mor do novo destino obtido polo seu cónxuxe, familiar ou parella, en virtude da resolución do concurso de traslados e da oferta de emprego de diversas categorías de persoal estatutario, levada a efecto no mes de outubro no Sergas. Deste xeito, solicitan que se lles admita o cambio da área da incialmente solicitada, alegando a necesidade de concilia-la súa vida familiar e laboral.

2. Así mesmo, os profesionais que obtiveron un novo destino, por mor da resolución do concurso de traslados, ven frustrada a súa posibilidade de promoción profesional ó non poderen acceder ás listas de promoción profesional temporal dos novos centros.

3. Por último, un número reducido de profesionais, que prestan servicios nas institucións sanitarias do Sergas, resultan cesados por mor da incorporación de persoal propietario, derivado da resolución dos procesos de provisión e selección citados, sen que solicitasen a inclusión nas listas de selección temporal. A súa perda do vínculo temporal nas institucións sanitarias do Sergas, onde viñan prestando servicios desde hai tempo, carretaralles, sen lugar a dúbidas, importantes prexuízos de tipo profesional e persoal. Como primeira consecuencia, -que devén ineluctable, á vista dos criterios de incorporación e cesamento actualmente en vigor- resultarán cesados por non figurar nas listaxes de selección temporal; e, en segundo lugar, -circunstancia realmente importante e agora contemplada e analizada- concorre o feito de que a próxima convocatoria de aspirantes está prevista para o último trimestre do ano 2001.

Tales afectados solicitan que se lles permita a inclusión nas listaxes de selección temporal, por causa da súa vinculación ó longo dos anos co Sergas, de indefectiblemente termo, e a circunstancia apuntada da ausencia de inscrición nas listaxes de selección temporal correspondentes.

Os supostos anteriores derívanse da resolución do concurso-oposición e do concurso de traslados promovidos polo Sergas, en unión das devanditas circunstancias sobrevidas (colexidas da aplicación dos novos criterios de incorporación e cesamento formalizados, que non eran materialmente coñecidos no momento da convocatoria do pacto de selección temporal, se ben aparecen dispostos de plena virtualidade e lexitimación, non só por mor do consenso obtido na súa configuración, senón tamén pola xustiza e equidade que os impregna) que menoscaban e afectan a virtualidade das futuras vinculacións temporais dos interesados que neste momento non figuran inscritos nas listas.

Por iso, a comision central de seguimento do pacto de selección temporal, no exercicio das súas competencias de interpretación, aplicación, unificación de criterios e consecución dos fins lexítimos que informan o pacto de selección temporal, acorda facilita-la incorporación deses aspirantes ás listaxes de selección temporal, con carácter extraordinario por mor, reitérase, desas especiais circunstancias que concorren. Se ben o citado órgano estima que a avaliación dos novos aspirantes debe cohonestarse plenamente coa situación anterior e, xa que logo, ter en conta exclusivamente os requisitos e méritos causados o día anterior da convocatoria ordinaria vehiculada o día 1 de marzo de 2000 (DOG nº 42, do 1 de marzo de 2000).

Vista a proposta do citado órgano de interpretación e consenso, esta División de Recursos Humanos en virtude das súas competencias na materia de selección de persoal estatutario previstas na Orde do 21 de abril de 1998 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde (DOG nº 88, do 11 de maio)

RESOLVE:

Face-la presente convocatoria conforme as disposicións seguintes, ás que lle serán aplicables as normas xerais e demais disposicións compatibles con elas do pacto de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde (DOG nº 39, do 25 de febreiro de 2000) e as disposicións e modelos de solicitude da convocatoria desta división para a selección temporal de aspirantes publicada no DOG nº 42, do 1 de marzo de 2000.

Primeira.-Convócase a tódolos aspirantes que, por mor da resolución do concurso de traslados de persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario (Resolución do 9 de outubro de 2000, DOG nº 202, do 18 de outubro) obtiveran un novo destino, para que presenten a solicitude, de seren incluídos na categoría procedente de promoción profesional no novo centro, de reuni-los requisitos fixados no pacto de selección temporal na data da convocatoria publicada no DOG do 1 de marzo de 2000.

Tales requisitos e méritos teranse en conta e computaranse exclusivamente ata a mesma data do 29 de febreiro de 2000, con aplicación das mesmas disposicións cá convocatoria anteriormente citada.

De figurar como aspirante nas listas de promoción temporal noutro centro ou área, a dirección provincial que corresponda procederá ó traslado do expediente coa puntuación acadada incluíndoo nas listas oportunas do novo destino ou área.

O prazo para presenta-la solicitude será de 10 días contados desde o día seguinte ó da data da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De ser posterior a data da toma de posesión, por mor da súa prórroga ou outras circunstancias xustificadas, o prazo de dez días computarase desde o inicio do específico prazo posesorio.

Segunda.-Os aspirantes que figuren inscritos nas listas definitivas de selección temporal de diversas

categorías de persoal estatutario do Sergas poderán solicitar cambiar da área na que figuran como aspirante, con base na devandita medida de procura da conciliación da vida familiar e profesional, tal solicitude formalizarase no modelo que se xunta a esta resolución como anexo I.

Xa que logo, os interesados, no prazo de 10 días, presentarán solicitude de cambio de área indicando a nova área á que acceden, que será tramitada e resolta pola dirección provincial correspondente, co traslado do expediente do afectado.

Terceira.-Os aspirantes que non figuren inscritos nas listas vixentes de selección temporal do Sergas poderán presenta-la súa solicitude, demais requisitos e documentación acreditativa con aplicación da convocatoria do 1 de marzo de 2000 no modelo de solicitude que se xunta como anexo II, no indicado prazo de 10 días contados desde o día seguinte ó da publicación da presente resolucion no Diario Oficial de Galicia. Así, tanto os requisitos coma os méritos, retrotraeranse ás datas fixadas na citada convocatoria, polo que só se terán en conta e se computarán ata o día 29 de febreiro de 2000.

Cuarta.-Debido ás posibles incorporacións de novos aspirantes, operadas polas circunstancias anteriormente sinaladas, será preciso que se publique e estea á disposición dos interesados unha relación dos novos aspirantes, debidamente ordenados pola puntuación que acrediten e con indicación do número que lles corresponda dentro da listaxe xeral. Igualmente, deberán publicarse as novas puntuacións e números de orde dos aspirantes que obtivesen resolución estima

toria de recursos de alzada, actualmente en curso, contra as listas definitivas.

Quinta.-As puntuacións acadadas conforme a presente convocatoria ordenaranse dentro e coas puntuacións asignadas ós aspirantes nas listas definitivas vixentes.

Sexta.-Os aspirantes que soliciten o traslado de expediente, xa sexa por promoción profesional temporal ou cambio de área, disporán dun prazo de 10 días desde a publicación da listaxe prevista na disposición cuarta desta resolución para facer reclamacións ante a Dirección Provincial do Sergas sobre do cambio solicitado, polo que non se reabre prazo ningún para reclamar contra as puntuacións obtidas de xeito definitivo na área de orixe.

Sétima.-Os aspirantes que deban ser baremados por aplicación das disposicións previstas nesta resolución disporán dun prazo de 10 días desde a publicación da listaxe prevista na disposición cuarta desta resolución para facer reclamacións ante a respectiva Dirección Provincial do Sergas.

Unha vez resoltas as reclamacións citadas resolverase a publicación das listaxes anexas previstas na disposición cuarta desta resolución de xeito definitivo, contra a dita resolución definitiva caberá recurso de alzada ante esta división.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2000.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde

Áreas de xestión:

A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol (provincia da Coruña).

Lugo, Burela, Monforte de Lemos (provincia de Lugo).

Ourense, O Barco de Valdeorras (provincia de Ourense).

Pontevedra-Norte (Pontevedra); Pontevedra-Sur (Vigo) (provincia de Pontevedra).

Titulación esixida:

Diplomatura universistaria de enfermería ou ATS.

Idade: a idade mínima esixida será de 18 anos cumpridos, alomenos, o derradeiro día do prazo de presentación de solicitudes e non exceder da idade de xubilicación forzosa.

Documentos que se xuntarán obrigatoriamente a esta solicitude:

r Copia do DNI ou documento que legalmente o substitúa (ou carta identificativa e permiso de traballo e residencia no suposto de cidadáns da UE).

r Copia compulsada da titulación académica esixida á praza solicitada.

r Orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de méritos achegados. De non achegalos non se valorarán os ditos méritos.

r Certificados da experiencia da área sinalada (listaxe especial, punto 3). De non achegala, non se considerará a citada experiencia.

Advertencia:

1. A presentación de solicitudes en máis dunha categoría ou dúas provincias, suporá a exclusión automática das listas (norma xeral 5ª do pacto).

2. Non poderán presenta-la súa solicitude os aspirantes excluídos das listas por non ter superado o período de proba ou por acordo de exclusión firme fundado en incumprimento grave do aspirante (norma xeral 5ª do pacto).

3. Non será preciso achegar certificación ou documentos xustificativos dos requirimentos habilitadores e méritos xa tidos en conta en anteriores convocatoria (norma xeral 5ª do pacto).

Áreas de xestión:

A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol (provincia da Coruña).

Lugo, Burela, Monforte de Lemos (provincia de Lugo).

Ourense, O Barco de Valdeorras (provincia de Ourense).

Pontevedra-Norte (Pontevedra); Pontevedra-Sur (Vigo) (provincia de Pontevedra).

Relación de categorías que poden solicitarse coa indicación da titulación mínima esixida para cada grupo de titulación:

(Nos taboleiros de anuncios das direccións provinciais do Sergas e dos centros de xestión de atención primaria e especializada, figura a relación de categorías que poden solicitarse para cada área sanitaria).

Categorías do grupo A:

-Grupo técnico da función administrativa (título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente).

-Psicólogo clínico (título de licenciatura en psicoloxía, coa especialidade de psicoloxía clínica).

-Odontoestomatólogo (título de odontoestomatoloxía, ou de licenciado en medicina coa especialidade de estomatoloxía).

-Pediatra (título de pediatría, ou de licenciado en medicina coa especialidade de pediatría).

Categorías do grupo B:

-Matrona (título de diplomado en enfermería, coa especialidade de matrona).

-Fisioterapeuta (título de diplomado en fisioterapia).

-Terapeuta ocupacional (título de diplomado en terapia ocupacional).

-Logopeda (título de diplomado en logopedia).

-Grupo de xestión da función administrativa (enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico, formación profesional de 3º grao ou equivalente).

-Traballador social (título de diplomatura de traballador social).

Categorías do grupo C:

-Cociñeiro (bacharelato superior, formación profesional de 2º grao ou equivalente).

-Técnico especialista en laboratorio, radioloxía, anatomía patolóxica, radioterapia, hixienista dental (formación profesional de 2º grao rama sanitaria).

-Técnico en dietética e nutrición (formación profesional de 2º grao).

-Categorías do grupo D:

-Auxiliar de enfermería (técnico en coidados auxiliar de enfermería, formación profesional 1º grao, rama sanitaria).

-Grupo auxiliar da función administrativa (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Albanel (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Electricista (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Fontaneiro (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Calefactor (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Mecánico (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Carpintero (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Perruqueiro (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Conductor (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Pintor (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Costureira (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-Telefonista (graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente).

-PErsoal de servicios xerais (PSX) (1)

Categorías do grupo E:

-Celador (certificado de escolaridade ou equivalente).

-Pinche (certificado de escolaridade ou equivalente).

-Lavandeira (certificado de escolaridade ou equivalente).

-Pasadora de ferro (certificado de escolaridade ou equivalente).

-Limpadora (certificado de escolaridade ou equivalente).

Categorías con algún requisito especial:

-Conductor (carné de conducir B2).

-Cociñeiros e pinches (carné de manipulador de alimentos).

-Calefactores (carné de operador industrial de caldeiras).

* Os tres documentos indicados deberán ser achegados coa solicitude.

(1) Categoría constituída por Decreto 160/1996, do 25 de abril (DOG nº 94, do 14 de maio). Ver tamén Orde do 8 de novembro de 1996 (DOG nº 224, do 15 de novembro).

Idade: a idade mínima esixida será de 18 anos cumpridos, alomenos, o derradeiro día do prazo de presentación de solicitudes e non exceder da idade de xubilación forzosa.

Documentos que se xuntarán obrigatoriamente a esta solicitude:

r Copia do DNI ou documento que legalmente o substitúa (ou carta identificativa e permiso de traballo e residencia no suposto de cidadáns da UE).

r Copia compulsada, se é o caso, da titulación académica esixida á praza solicitada.

r Orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de méritos achegados. De non achegalos non se valorarán os ditos méritos.

Advertencia:

1. A presentación de solicitudes en máis dunha categoría ou dúas provincias, suporá a exclusión automática das listas (norma xeral 5ª do pacto).

2. Non poderán presenta-la súa solicitude os aspirantes excluídos das listas por non ter superado o período de proba ou por acordo de exclusión firme fundado en incumprimento grave do aspirante (norma xeral 5ª do pacto).

3. Non será preciso achegar certificación ou documentos xustificativos dos requirimentos habilitadores e méritos xa tidos en conta en anteriores convocatoria (norma xeral 5ª do pacto).