Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 11 de decembro de 2000 Páx. 16.251

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa F. Lorente, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa F. Lorente, S.L. (código 1503722), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-9-2000 e posteriormente rectificado con data do 26-10-2000, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, o día 5-6-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 31 de outubro de 2000.

José Antonio Álvarez Vidal

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa F. Lorente, S.L.

Compañía auxiliar da E.N. Bazán

Anos 2000-2001-2002

Ámbito persoal.

No ámbito persoal inclúese á totalidade do persoal que presta os seus servicios para a empresa nacional Bazán.

Este convenio será aplicable ó persoal que durante a vixencia deste teña asinado ou asine un contrato de traballo coa empresa en calquera das modalidades vixentes.

Vixencia, duración e prórroga.

Este convenio entrará en vigor ó día seguinte da súa sinatura polas partes, con efectos retroactivos desde o día 1 de xaneiro de 2000.

Estará vixente ata o 31 de decembro de 2002, prorrogarase tacitamente de ano en ano, excepto que o convenio fora denunciado por calquera das partes asinantes. En calquera caso, a denuncia deberá ser efectuada con dous meses de antelación ó ano en que remate a súa vixencia ou a de calquera das súas posibles prórrogas.

Xornada laboral.

O cómputo de horas será de idéntica duración e reparto que teña o persoal da empresa nacional Bazán. Respéctanse os actuais horarios establecidos anteriormente a este acordo para o conxunto do persoal.

Vacacións.

Serán de idéntica duración e reparto que as que teña o persoal da empresa nacional Bazán. Polo exercicio do desfrute delas (interrupción en caso de rebaixe, etc.) haberá que aterse ó disposto na empresa nacional Bazán.

As vacacións anuais non poderán ser compensadas en metálico e aboaranse a razón do 100% de tódalas retribucións económicas que percibe cada traballador.

Cando coincidan matrimonios ou réxime de parella na empresa, se o solicitan, haberá que concedérlle-lo permiso nunha mesma data.

Festas.

Haberá que aterse ó disposto no convenio colectivo da empresa nacional Bazán.

Licencias retribuídas.

O/a traballador/a avisando con antelación, ou se isto non fora posible, xustificándoo a posteriori, poderá faltar ó traballo con dereito a percibi-lo 100% de tódalas retribucións económicas, polas seguintes causas:

1. Cinco días laborables por falecemento do cónxuxe, parella ou fillo. Terá a consideración de parella a persoal coa que demostre unha convivencia certa.

2. Tres días laborables en caso de falecemento de pais, netos, irmáns e avós, tanto carnais como políticos, prorrogables polo tempo necesario se os mencionados falecementos ocorren fóra da localidade, a criterio da dirección.

3. Un día laborable en caso de falecemento de tíos, sobriños e primos, todos eles carnais.

4. Por enfermidade grave ou hospitalización do cónxuxe, parella ou fillo menor de 14 anos, cinco días, prorrogables polo tempo necesario, logo da xustificación médica a criterio da dirección.

5. Por enfermidade grave ou hospitalización dos fillos, pais ou irmáns, tanto carnais como políticos, dous días, prorrogables logo da xustificación médica polo tempo necesario, a criterio da dirección.

6. Un día natural en caso de matrimonio ou inscrición oficial como parella de feito dos fillos, irmáns ou pais, tanto carnais como políticos, coincidindo coa celebración da cerimonia.

7. Un día en caso de primeira comuñón e bautizo de fillos e netos, coincidindo co día da celebración da cerimonia, ou calquera outra de similar rango ou doutra relixión.

8. Dous días naturais en caso de nacemento de fillos.

9. Quince días naturais en caso de matrimonio ou inscrición oficial como parella de feito. Cando a voda e/ou unión se produza dentro do período de vacacións, considerarase interrompido o desfrute delas.

10. Polo tempo necesario para asistencia a cursiños da Seguridade Social de preparación ó parto.

11. Por nacemento dun fillo, tres días laborables, prorrogables polo tempo necesario en caso de gravidade, a criterio da dirección. Cando o nacemento se produza dentro do período de vacacións, considerarase interrompido o desfrute delas.

12. Dous días por traslado do seu domicilio habitual, podendo desfrutarse en días alternos.

13. O tempo necesario para o cumprimento de funcións de carácter municipal e dos entes autonómicos, nos cargos representativos, cando estes dous últimos non sexan retribuídos e sempre que medie a oportuna e previa convocatoria e subseguinte xustificación de utilización.

As funcións de carácter municipal e dos entes autonómicos que sexan retribuídas por estes organismos só darán dereito a permisos sen retribuír.

14. Polo tempo necesario para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, entendéndose como deber inescusable a citación xudicial ou requirimento da facenda pública, logo da correspondente xustificación en cada caso.

15. Os/as traballadores/as por coidado de fillos menores de doce meses terán dereito a dúas horas de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. Poderá substituírse este dereito por unha reducción de xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

16. Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de oito anos ou a un diminuído físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe outra actividade retribuída terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, co diminución proporcional do salario, entre polo menos un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Igual dereito a reducción de xornada e nas mesmas condicións terá quen precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razón de idade, accidente ou enfermidade non poden valerse por si mesmos.

17. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atender ó coidado de cada fillo/a, tanto sexa este por natureza como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto preadoptivo como permanente, contado desde a data de nacemento, ou, se é o caso, da resolución xudicial administrativa. Tamén terá dereito a un período de excedencia non superior a un ano quen precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razón de idade, accidente ou enfermidade non poidan valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

A relación de parentesco referida para o coidado de familiares estenderase tamén ás parellas de feito.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que viñera desfrutando. A excedencia recollida no presente punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes e mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas por funcionamento da empresa.

Sempre que se opte por esta excedencia será considerada como forzosa para efectos legais, con dereito, por tanto, do traballador ó reingreso automático na empresa e computándose ese tempo como antigüidade.

Persoal accidentado.

Ó persoal accidentado a empresa aboaralle un complemento á prestación da Seguridade Social ata o 100% de tódalas retribucións económicas pactadas neste convenio (incluído o complemento de transporte). Os recoñecementos que fose pertinente efectuar realizaranse, se o traballador así o desexa, dentro da localidade.

Ó persoal que se encontre rebaixado á entrada en vigor do convenio actualizaráselle o cálculo da indemnización sobre a base das novas condicións pactadas desde o 1 de xaneiro de 2000, aboándolle, se é o caso, as diferencias que procedan.

Persoal hospitalizado.

Ó persoal hospitalizado a empresa aboaralle un complemento á prestación da Seguridade Social ata o 100% de tódalas retribucións económicas pactadas neste convenio, incluído o complemento de transporte.

Ó persoal que se encontre nas ditas circunstancias actualizaráselle o cálculo sobre as bases das novas condicións pactadas desde o 1 de xaneiro de 2000 aboándolle se é o caso as diferencias que procedan.

Persoal rebaixado por enfermidade.

Ó persoal rebaixado por incapacidade transitoria derivada de enfermidade común, a empresa aboaralle un complemento á prestación da Seguridade Social

ata o 100% de tódalas retribucións económicas pactadas neste convenio, incluído o complemento de transporte. Os recoñecementos que fosen pertinentes efectuar realizaranse se o traballador así o desexa, dentro da localidade.

Ó persoal que se encontre nas ditas circunstancias actualizaráselle o cálculo sobre as novas condicións pactadas desde o 1 de xaneiro de 2000, aboándolle, se é o caso, as diferencias que procedan.

Horas sindicais.

Os membros do comité de empresa disporán das horas sindicais necesarias para dedicarse ás tarefas propias do cargo.

Delegado/a de saúde laboral.

Os/as delegados/as de Saúde Laboral terán a mesma duración no cargo que os membros do comité de empresa. Recoñeceráselles, por parte da empresa, o seu dereito a participar na negociación colectiva no campo específico que lle corresponda e disporá das horas necesarias para o desenvolvemento da súa responsabilidade.

Recoñecemento médico.

Tódolos traballadores e traballadoras terán dereito a un recoñecemento médico anual, tendo coñecemento del, en primeiro lugar, o interesado e delegado/a de Saúde Laboral. O dito recoñecemento efectuarase en horas de traballo, sendo estas retribuídas.

Roupa de traballo.

A empresa entregará a cada traballador/a o seguinte material anual:

-Un par de botas.

-Unha roupa de faena, máis unha funda.

-Dous pares de zocos para o persoal que traballa en oficinas e despachos.

-Un par de chancos para todo o persoal que o necesite para o desenvolvemento do seu traballo.

-Dúas toallas de lavabo.

-Dúas toallas de baño.

-12 pastillas de xabón.

-Unha roupa de augas (esta peza entregarase cada dous anos).

Horas extraordinarias.

O tope de horas extraordinarias non poderá exceder do establecido na lei. Como norma xeral, procurarase que as horas extras queden limitadas a situacións especiais ou de urxente necesidade.

As horas que haxa que realizar, logo do acordo do comité de empresa, aplicaráselles o tempo de descanso e gratificacións recollidas neste capítulo no convenio colectivo da empresa nacional Bazán.

Traballos especiais.

Nos traballos especiais que tradicionalmente se veñen realizando (superestructura das barras de lanzamentos, probas, botaduras, manobras e entregas) que haxa que levalos a cabo dentro da xornada de traballo, aboaráselle un complemento de traballos especiais de

1.000 pesetas hora. Este complemento será aboado independentemente do que ó traballador/a lle correspondese percibir de acordo cos conceptos económicos pactados neste convenio.

Póliza de seguros.

A empresa concertará unha póliza de seguros colectiva dunha contía de 2.600.000 ptas. por cada traballador/a en caso de morte ou invalidez total ou absoluta por accidente laboral.

Así mesmo, a empresa concertará unha póliza de seguro de vida de 1.100.000 ptas. por traballador/a por riscos naturais.

Asembleas.

A empresa autorizará a realización de asembleas dentro do recinto e con carácter xeral, fóra das horas de traballo. En todo caso, comunicarase previamente á dirección a súa convocatoria.

As asembleas correspondentes á aprobación do convenio colectivo e aquelas outras de carácter excepcional que sexan autorizadas expresamente pola dirección non darán lugar a desconto retributivo.

Controis e garantías en aplicación de sancións.

A aplicación das sancións -excepto nos supostos de faltas leves en que será suficiente coa comunicación escrita ó traballador/a do traballador na que se indiquen a data e os feitos determinantes da sanciónrequirirá os seguintes trámites:

A) Procedemento xeral:

1. Comunicación escrita ó traballador/a do inicio do expediente, co correspondente prego de cargos.

2. Prazo de cinco días para que este formule un escrito de descargo e achegue as probas que considere oportunas.

3. Finalizado o prazo, a empresa terá 7 días para a imposición da sanción.

4. O procedemento rematará coa comunicación por escrito ó traballador/a do resultado do expediente e, se é o caso, da sanción que lle foi imposta.

5. A empresa dará conta á representación dos traballadores/as de toda sanción por falta grave ou moi grave que se impoña.

6. A cualificación de faltas graves ou moi graves por acumulación de sancións de inferior cualificación, só terán efecto se se constatan fidedignamente as sancións previas e estas non prescribiran.

B) Membros do comité de empresa.

Seguirase o procedemento xeral, pero antes de resolver darase un prazo de tres días ó comité de empresa para que coñeza o expediente e alegue o que considere oportuno.

C) Traballadores/as afiliados a un sindicato.

Igualmente, sempre que a empresa teña constancia da afiliación sindical do traballador/a, antes de resolver -incluso se se trata de falta leve darase un prazo de tres días ós delegados/as do sindicato ó que pertenza o traballador/a para que coñezan o expediente e aleguen o que estimen conveniente.

Axuda a minusválidos.

Por cada fillo/a, cónxuxe ou parella diminuído que teña recoñecida a mencionada minusvalidez polo Inserso (ou organismo que asuma as súas competencias), a empresa concederá unha axuda cunha contía que será a recollida no convenio colectivo da empresa nacional Bazán.

Falecemento.

Garantirase o ingreso na empresa dun fillo/a ou cónxuxe falecido en accidente, estudiando os casos que se produzan conxuntamente co comité, sempre e cando a empresa teña a autorización para cubri-la dita praza.

Conversión de contratos temporais en fixos.

O persoal que á sinatura deste convenio teña contrato temporal pasará a ser fixo no cadro de persoal.

Remuneración.

A remuneración de cada traballador/a está constituída por 12 pagas mensuais, máis dúas pagas extraordinarias os meses de xullo e decembro, así como unha paga de beneficios que se aboará no mes de marzo e unha paga de producción que se aboará no mes de setembro.

A) Soldo mensual: esta remuneración comprende os seguintes conceptos e contías económicas correspondentes ó ano 1999.

1. Salario base (1999). Fíxase un salario base de 146.347 ptas.

2. Complemento de carencia de incentivo (1999). Establécese para todo traballador un complemento fixo de carencia de incentivo de 23.824 ptas.

3. Complemento de transporte (1999). Establécese un complemento fixo de transporte para cada traballador de 7.271 ptas.

B) Complementos. Esta remuneración comprende os seguintes conceptos:

1. Bonificación de quenda. Ó traballador/a que perciba o dito concepto aboaráselle 9.229 ptas. mensuais (1999).

2. Antigüidade. O módulo de antigüidade do ano 1999 está fixado en 112.134 ptas. A antigüidade consolidarase por trienios e estes aboaranse a razón do 4% do módulo incrementado.

O módulo de antigüidade verase incrementado na mesma porcentaxe que o pactado no incremento salarial de cada ano.

O importe de cada trienio comezará a devengarse a partir do 1 de xaneiro do ano que cumpra se a data de vencemento é anterior ó 30 de xuño, e desde o 1 de xullo se é posterior.

C) Pagas extraordinarias. Os días 15 de xullo e decembro aboaranse integramente a cada traballador dúas pagas extraordinarias, máis a antigüidade do módulo salarial pactado. A contía económica das ditas pagas no ano 1999 están fixadas en 121.067 ptas. que se verán incrementadas na mesma porcentaxe que o que corresponda a cada un dos anos de vixencia deste convenio.

En caso de coincidir en sábado ou festivo aboaranse o día anterior.

D) Paga de beneficios. O día 15 de marzo aboarase integramente a cada traballador/a unha paga de beneficios máis a antigüidade do módulo salarial pactado. A contía económica da dita paga no ano 1999 está fixada en 119.217 ptas., que se verá incrementada na mesma porcentaxe que o acordado para cada un dos anos de vixencia deste convenio.

En caso de coincidir en sábado ou festivo aboarase o día anterior.

E) Paga de producción. O día 15 de setembro aboarase integramente a cada traballador/a unha paga de producción máis a antigüidade do módulo salarial pactado. A contía económica da dita paga no ano 1999 está fixada en 119.217 ptas., que se verá incrementada na mesma porcentaxe que o acordado para cada un dos anos de vixencia deste convenio.

En caso de coincidir en sábado ou festivo, aboaráselle o día anterior.

Crédito.

Cada traballador/a terá dereito a un crédito anual de 72.000 ptas. que se descontarán en doce meses, sen xuros. O mencionado crédito terá a mesma vixencia que o presente convenio.

Todo traballador/a que solicite o dito crédito terá que notificalo á empresa o día 5 ó 15 de cada mes.

Incremento salarial.

Ano 2000. No ano 2000 incrementaranse tódolos conceptos económicos no 2% que está fixado o IPC previsto.

O complemento de transporte ademais incrementarase no IPC previsto, sinalado anteriormente, terá un incremento adicional de 2.827 ptas. mensuais.

Garantirase, a final de ano, unha revisión salarial correspondente á diferencia entre o IPC previsto e o IPC real en tódolos conceptos económicos con efectos retroactivos desde xaneiro.

Ano 2001. Despois de aplica-la revisión salarial correspondente ó ano 2000, incrementaranse tódolos conceptos económicos no IPC previsto para este ano.

As pagas de marzo e xullo, ademais de incrementarse co IPC previsto, sinalado anteriormente, terán un incremento adicional de 16.964 ptas. ó mes cada unha delas, que se computarán como complemento de transporte. Esta contía de 16.964 ptas. ó mes será revisada incrementándolle o IPC previsto no ano 2001.

Garantirase, a final de ano, unha revisión salarial correspondente á diferencia entre o IPC previsto e o IPC real en tódolos conceptos económicos con efectos retroactivos desde xaneiro.

Ano 2002. Despois de aplica-la revisión salarial correspondente ó ano 2001, incrementaranse tódolos conceptos económicos no IPC previsto para este ano con efectos retroactivos desde xaneiro.

A paga de setembro terá un incremento adicional, este ano, ata igualala na súa contía e conceptos económicos coa paga do mes de marzo do mesmo ano.

A paga de decembro terá un incremento adicional, este ano, ata igualala na súa contía e conceptos económicos coa paga do mes de xullo do mesmo ano.

Garantirase, a final de ano, unha revisión salarial correspondente á diferencia entre o IPC previsto e o IPC real en tódolos conceptos económicos con efectos retroactivos desde xaneiro.

Compensación e absorción.

As condición aquí pactadas son, en conxunto, máis favorables que as mínimas legais que ó traballador/a lle corresponden, formando un todo indivisible e que, para efectos da súa aplicación, serán consideradas globalmente. Así mesmo, as melloras económicas aquí establecidas absorben ou compensan as que puideran establecerse no futuro por calquera disposición obrigatoria, se estas fosen menores ás pactadas.

Comisión mixta.

Para interpreta-lo convenio resolverá a representación dos traballadores existentes en cada momento e a dirección da empresa. Tanto na negociación como na interpretación deste convenio e sucesivos, a parte social poderá solicita-la axuda de asesores, sexan ou non da empresa, a cal será recoñecida como parte integrante da comisión mixta.

Ferrol, 13 de xullo de 2000.

Pola empresaPola parte social

RubricadoRubricado