Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 11 de decembro de 2000 Páx. 16.246

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 288/2000, do 16 de novembro, polo que se aproban os estatutos do Consorcio para o Servicio Contra Incendios e de Salvamento da Comarca de Verín.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten transferidas, entre outras, as competencias sobre prevención e a extinción de incendios.

A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servicio fai necesaria unha organización axeitada del en todo o territorio galego. Este feito aconsellou que a Xunta de Galicia elaborara o Plan Galego de Dotación de Parques Contra Incendios Urbanos baseado en criterios de racionalidade técnica e económica que permita dota-la Comunidade Autónoma dun servicio integrado de extinción de incendios que garanta este servicio en toda Galicia, baixo condicións aceptables, en función do risco e a dificultade técnica da extinción, sendo o Parque Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín un dos parques previstos no plan galego.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito, acordou participar no Consorcio do Parque Contra Incendios e Salvamento da Comarca do Salnés, segundo o disposto no punto 3º do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A elaboración e aprobación dos estatutos do consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.- Aproba-los estatutos do consorcio para o Servicio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín, sendo o seu texto o que se recolle no anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de novembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

CONSORCIO PARA O SERVICIO CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO

DA COMARCA DE VERÍN

A Comunidade Autónoma de Galicia ten asumidas competencias sobre prevención e extinción de incendios e protección civil.

A necesidade dunha resposta eficaz dos servicios de salvamento ante calquera circunstancia que poida supoñer un perigo para a vida das persoas ou para os seus bens, así como a optimización e racionalización dos medios e recursos dispoñibles, fai necesaria unha organización axeitada destes servicios en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra parte os servicios de prevención e extinción de incendios e salvamento non se desenvolveron de forma suficiente dando unha cobertura axeitada a toda Galicia e non sempre se ten posibilidades para intervir dunha maneira rápida e eficaz.

Doutra banda, conforme a Decisión do Consello da Unión Europea, do 29 de xullo de 1991, polo que se crea o número único para as chamadas de urxencia denominado, un, un, dous (112), o Goberno da Xunta de Galicia en setembro de 1997 acordou a prestación do servicio público de atención de urxencias en Galicia a través do número telefónico 112, no que deberán quedar integrados os servicios contra incendios e salvamento como centros asociados do servicio 112, e un deles será o da comarca de Verín.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Ó abeiro do establecido na lexislación vixente, constitúese un consorcio entre a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e os concellos de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós, que son os que integran a comarca de Verín.

Artigo 2º

Para a constitución do consorcio requírese acordo de constitución e de aprobación definitiva dos seus estatutos por parte dos plenos da Deputación Provincial de Ourense e dos concellos que o integran,

así como acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que decida formar parte do consorcio:

-Os estatutos aprobaranse mediante decreto da Xunta de Galicia que se publicará no Diario Oficial de Galicia xunto co texto íntegro dos estatutos.

-Unha vez publicados os estatutos, o alcalde do concello onde radica o consorcio convocará a tódolos representantes das entidades que o integran co gallo de elixi-los órganos rectores e inicia-lo funcionamento do consorcio.

Artigo 3º

O consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido.

Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran e capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios.

Artigo 4º.-Enderezo.

1. O consorcio terá a súa sede no parque de bombeiros no municipio de Verín.

2. Créase unha subsede do consorcio en Laza, que estará suxeita ás directrices de actuación que sinale a sede principal, e con dependencia orgánica e funcional dela.

3. Por acordo do pleno do consorcio, poderá modificarse o domicilio fixado no punto anterior.

4. Provisionalmente, para o suposto de que o consorcio estivese constituído antes da construcción do parque de bombeiros, desígnase como sede provisional o Concello de Verín.

Artigo 5º.-Obxecto.

Constitúe obxecto do consorcio a prestación en réxime de xestión directa do servicio de contra incendios e salvamento.

Entre os fins do servicio estará colaborar cos servicios municipais de protección civil dos concellos consorciados no salvamento de persoas e bens, a extinción de incendios e a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro e situacións de risco e o asesoramento e asistencia en materia de seguridade, e sempre que se faga precisa a súa colaboración e sexa requirida para iso polo alcalde do concello consorciado que o precise.

Artigo 6º.-Ámbito de actuación.

1. O servicio que presta o consorcio esténdese ós concellos consorciados.

Así mesmo, actuará fóra do ámbito que lle é propio nos casos de sinistro, calamidade, catástrofe e grave perigo, cando fose requirido para iso, sempre que o demanden os órganos competentes, e o autorice o presidente do consorcio.

2. O consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ó cumprimento dos fins expresados no artigo anterior.

3. Formará parte da rede de emerxencias do Servicio 112-SOS-Galicia, de acordo co protocolo de actuación que ó efecto establecerase.

Artigo 7º.-Regulación dos servicios.

O consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servicios, de acordo coa lexislación do réxime local e os presentes estatutos.

Capítulo II

Órganos de goberno

Artigo 8º

Os órganos de goberno do consorcio son os seguintes:

-Pleno.

-Presidente.

-Vicepresidentes.

-Xerente.

Artigo 9º.-Composición do Pleno.

O Pleno do consorcio, máximo órgano colexiado del, estará integrado por:

-O alcalde de cada un dos concellos consorciados, ou concelleiro en quen delegue.

-Dous representantes da Deputación Provincial de Ourense, designados polo presidente da deputación.

-Dous representantes nomeados pola Xunta de Galicia, designados pola consellería con competencias en materia de protección civil.

Con voz pero sen voto:

* O funcionario que desempeñe as funcións de secretario do consorcio.

* O xerente do consorcio.

* A petición dos membros con voto do Pleno, poderán convocarse con voz pero sen voto os responsables técnicos dos servicios municipais de Protección Civil de cada concello, designados polos alcaldes.

Artigo 10º.-Presidente e vicepresidente.

O presidente do consorcio será elixido polo pleno do consorcio por maioría absoluta do número legal dos seus membros. De igual xeito, serán elixidos o vicepresidente primeiro e vicepresidente segundo.

Os cargos de presidente e vicepresidente renovaranse cada vez que se renoven os concellos consorciados, como consecuencia da celebración de eleccións municipais. Para tal efecto, o pleno do consorcio deberá celebrar sesión dentro do mes seguinte ó da sesión constitutiva das corporacións consorciadas.

O presidente exercerá as competencias que se lle atribúen nos presentes estatutos.

O vicepresidente substituirá ó presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mes

mas competencias que o presidente, durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Nomeamentos e cesamento dos representantes.

Os membros do Pleno poderán ser destituídos por acordo do mesmo órgano que os nomease.

Artigo 12º

As atribucións do Pleno serán as seguintes:

a) Aprobación do orzamento da entidade.

b) Aprobación das contas anuais e as operacións de crédito que poidan contratarse.

c) Aprobación de modificación e liquidación dos orzamentos.

d) Aprobación da memoria anual de actividades.

e) Iniciativa para a integración de novos entes e separación de membros do consorcio.

f) Aprobación do cadro de persoal orgánico.

g) Aprobación do programa anual.

h) Proposta de rectificación ou modificación dos estatutos.

i) Aprobación dos regulamentos que estime pertinentes dentro das súas competencias, así como as normas de funcionamento do propio Pleno.

j) O control da actuación do xerente.

k) Aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro, con administracións públicas ou entidades privadas.

l) Aprobación de proxectos de obras e servicios.

m) Aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servicios e subministracións que sexan da súa competencia. A adxudicación dos diversos tipos de contratos previstos na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, de acordo cos artigos 310 e seguintes da Lei 5/1997, de réxime local de Galicia.

n) A administración do patrimonio.

ñ) Sinala-lo enderezo do consorcio.

o) En xeral tódalas funcións que non están atribuídas dun modo expreso a outro órgano do consorcio.

p) Servir de comité asesor de protección civil a nivel comarcal e entidade de apoio ó presidente do consorcio, asumindo a nivel comarcal as funcións previstas no artigo 14 do Decreto 378/1998, do 4 de decembro, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil.

Artigo 13º.-Competencias do presidente do consorcio.

Serán funcións propias do presidente as seguintes:

a) Desempeña-la representación legal del para tódolos efectos.

b) Aproba-la orde do día, convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, así como dirixi-las deliberacións do Pleno.

c) Decidi-los empates nos acordos co seu voto de calidade.

d) Vixia-lo cumprimento e publicación dos acordos do Pleno.

e) Presenta-lo proxecto de orzamento ordinario.

f) Supervisa-lo funcionamento administrativo e técnico do consorcio.

g) Autorizar e ordenar gastos e pagos con cargo ós orzamentos do consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

h) Delegar funcións no vicepresidente ou no órgano que considere.

i) As demais competencias que lle atribúan as normas legais da Comunidade Autónoma, así mesmo recoñeceranse as competencias en materia de contratación establecidas para o presidente das entidades locais no artigo 314.1º da Lei 5/1997.

Artigo 14º.-Xerente.

1. O xerente é o órgano ó que lle corresponde realiza-la xestión ordinaria dos asuntos de competencia do Pleno, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente e será nomeado polo Pleno entre persoas que posúan a formación axeitada que os capacite para realiza-las funcións propias do cargo.

2. Serán funcións do xerente:

a) Dirixir e xestiona-lo servicio e resolve-los asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presenta-lo anteproxecto de orzamentos, os plans de actuación e programa de necesidades do consorcio.

c) Prestar asistencia técnica ó presidente e ó Pleno.

d) Informa-los asuntos que deban tratarse nas sesións do Pleno.

e) Exerce-la xefatura do persoal ó seu cargo, así como propoñe-las reformas que supoñan unha mellora do funcionamento das dependencias e servicios.

f) Prepara-los expedientes para a adquisición de material e realización das obras de mellora e mantemento do servicio.

g) Propoñerlle ó presidente do consorcio os pagamentos que deben de realizarse.

h) Propoñerlle e tramita-la contratación, destino, ascensos, excedencias, xubilacións, permisos e baixas do persoal do consorcio, segundo as disposicións legais vixentes.

i) Elabora-las estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual acerca do funcionamento, custo e rendemento dos servicios ó seu

cargo, propoñendo as modificacións encamiñadas a unha maior eficacia do servicio.

j) Asistir ás sesións do Pleno con voz e sen voto.

k) As demais funcións que o Pleno lle encomende.

Artigo 15º.-Funcións reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

As funcións reservadas a habilitados de carácter nacional exerceranse:

Por unha banda, a través de funcionarios con tal habilitación dalgunha das entidades locais que integran o consorcio baixo o réxime de acumulación previsto no artigo 31.2º do R.D. 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional; por outra banda, a través do servicio de asistencia da Deputación Provincial de Ourense, de conformidade co establecido no artigo 5 do devandito texto regulamentario.

Capítulo III

Réxime funcional

Artigo 16º

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez cada dous meses.

2. Celebrarase sesión extraordiaria a petición do presidente cando o considere oportuno, ou a petición dun tercio dos membros do Pleno.

3. O presidente poderá convocar sesións extraordinarias con carácter urxente. Nas ditas convocatorias non se esixirá a antelación mínima de 5 días á que se refire o artigo 17º.1.

Nas sesións extraordinarias urxentes, o Pleno deberá pronunciarse previamente sobre a urxencia da sesión. De non apreciarse a dita urxencia por maioría simple, levantarase acto seguido a sesión.

Artigo 17º

1. O presidente convocará as sesións cunha antelación mínima de 5 días e remitirá a orde do día a cada un dos membros do Pleno.

2. O Pleno constitúese validamente coa asistencia dun tercio do número legal dos seus membros, que nunca poderá ser inferior a tres. Este quórum deberase manter durante toda a sesión.

En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou dos que legalmente os substitúan.

Artigo 18º

1. Os acordos do Pleno adoptaranse, como regra xeral, por maioría dos membros presentes, agás nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 215 da Lei 5/1997.

2. Cada representante do Pleno terá un voto.

Capítulo IV

Do persoal

Artigo 19º

O persoal ó servicio do consorcio estará integrado por:

a) O persoal de prevención e extinción de incendios e salvamento.

b) O persoal que de conformidade co artigo 15 atenda as funcións reservadas a funcións da Administración local con habilitación de carácter nacional, salvo que estas funcións sexan asumidas polo servicio de asistencia da deputación provincial.

Artigo 20º

A División ou Unidade Operativa de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento estará composta polo xerente que será o xefe de servicio que realizará as funcións técnicas que lle son propias, así como as de dirección do resto do persoal; a escala operativa poderá estar formada por xefes de quenda, xefes de saída e bombeiros.

Artigo 21º

1. O persoal do consorcio terá carácter de funcionario ou laboral en atención ás funcións que desenvolvan.

2. As funcións deste persoal serán as que determinan nas normas de réxime interior do consorcio.

Artigo 22º

O consorcio aprobará o seu propio cadro de persoal, de acordo co previsto e acordará a súa provisión polos sistemas legais establecidos.

Capítulo V

Do réxime económico e financeiro

Artigo 23º

Para o cumprimento dos seus fins o consorcio disporá dos seguintes recursos:

a) As contribucións dos entes asociados.

b) Os créditos que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e da Deputación Provincial de Ourense.

c) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

d) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

e) Ingresos de dereito privado.

f) Calquera outro recurso que puidera serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

g) O producto de operacións de crédito.

Artigo 24º

1. As contribucións de cada ente consorciado ó orzamento ordinario de ingresos do consorcio para cada ano efectuaranse da maneira seguinte:

A Comunidade Autónoma de Galicia achegará o 50% da cantidade do total do orzamento do consorcio.

A Deputación Provincial de Ourense achegará o 30% da cantidade do total do orzamento do consorcio.

Os concellos consorciados contribuirán co equivalente ó 20% do dito orzamento, segundo a distribución que resulte do cadro incorporado como anexo II ós presentes estatutos.

2. O orzamento de ingresos do consorcio para cada exercicio económico será aprobado polo Pleno del.

Artigo 25º

1. Cada ente consorciado obrígase a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atende-las súas obrigas económicas relativas ó consorcio.

2. Unha parte da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase por anticipado cada dous meses, na Tesourería do consorcio.

Artigo 26º

Os entes consorciados poderán ceder medios materiais ó consorcio. Os medios cedidos seguirán sendo propiedade do ente que os achega ó que reverterán en caso de separación ou disolución do consorcio. No caso de que se constrúa un novo Parque Contra Incendios e Salvamento para o consorcio, os concellos consorciados están obrigados a achega-los medios tendentes para tal finalidade.

Artigo 27º

O orzamento do consorcio apróbao o Pleno.

Este orzamento será elevado ós entes consorciados para o seu coñecemento.

Capítulo VI

Réxime xurídico

Artigo 28º

A actuación do consorcio rexerase polo establecido nos presentes estatutos e nos regulamentos de organización e réxime interior, os que se supeditaran ó ordenamento xurídico vixente.

No non establecido nas disposicións anteriores aplicarase a lexislación reguladora do réxime aplicable ás entidades locais.

Artigo 29º

A tódalas actuacións do consorcio seralles aplicable a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Lei 7/1985, de bases do réxime local e o Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local e a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos de administracións públicas e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 30º

As modificacións estatutarias, así como as altas e baixas dos concellos integrantes do ente local consorciado, seguirán o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997.

Nos dous casos, e previamente, procederase á liquidación dos compromisos e obrigas, así como das posibles responsabilidades a que houbese lugar.

A separación requirirá os seguintes requisitos:

a) Que trancorresen 5 (cinco) anos desde a incorporación do dito ente ó consorcio.

b) Ser solicitada a separación con 1 (un) ano de aviso previo.

c) Que sexa aprobada a separación en acordo plenario do ente.

Artigo 31º

1. Calquera que sexa o momento no que se adopte o acordo de incorporación ó consorcio dun novo ente non producirá efectos ata a aprobación do orzamento ordinario do seguinte exercicio económico do consorcio.

2. No caso de que unha entidade das que integran o consorcio decida unilateralmente separarse del, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo.

Artigo 32º

1. Para a modificación dos estatutos do consorcio local así como para a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. En caso de disolución do consorcio practicarase liquidación de tódolos seus bens e dereitos, e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do consorcio, na mesma proporción que a establecida para a fixación das contribucións ó consorcio.

Artigo 33º

O consorcio facilitaralles ós entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Unha vez publicado no Diario Oficial de Galicia os presentes estatutos, o presidente da comisión xestora procederá á convocatoria da sesión constitutiva do Pleno do consorcio no prazo máximo de 1 mes na que se procederá á elección do presidente e vicepresidentes do consorcio do xeito establecido no artigo 10 dos estatutos, iniciándose o seu funcionamento.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

RELACIÓN DE CONCELLOS QUE INTEGRAN A COMARCA DE VERÍN

Castrelo do Val.

Cualedro.

Laza.

Monterrei.

Oímbra.

Riós.

Verín.

Vilardevós.

ANEXO II

RATIOS E CRITERIOS DE ACHEGA DOS CONCELLOS CONSORCIADOS (20%)

Castrelo do Val: 5,89%.

Cualedro: 7,05%.

Laza: 6,09%.

Monterrei: 9,89%.

Oímbra: 5,70%.

Riós: 6,85%.

Verín: 50,00%.

Vilardevós: 8,54%.