Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 11 de decembro de 2000 Páx. 16.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 7 de decembro de 2000 pola que se establecen as compensacións complementarias como consecuencia da declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina.

A Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se establecen as indemnizacións por sacrificio obri

gatorio dos animais como consecuencia da declaración oficial da existencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina, regula os mecanismos para conseguir que o importe que se vai a indemnizar sexa equivalente ó valor medio normal en vida nos mercados gandeiros de referencia, respecto dos animais sacrificados por motivo de sospeita ou confirmación das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

A declaración da enfermidade implicou, de conformidade co disposto no artigo 2.2º do Real decreto 2459/1996, do 2 de decembro, a aplicación das medidas preventivas específicas establecidas no Programa 2000 de normas de prevención e vixilancia das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais. A adopción destas medidas sanitarias tan rigorosas supón que, a diferencia do que acontece no resto das enfermidades obxecto dos programas oficiais de erradicación, ademais da inmobilización de tódolos animais daquelas explotacións, que de calquera xeito e de acordo cos criterios do citado programa son susceptibles dunha toma de mostras, para o caso de que non se poida descarta-la enfermidade, o sacrificio obrigatorio e destrucción de tódolos rumiantes seguido dunha hixienización das instalacións da explotación, imposibilitando a reposición con outros animais ata que sexa concedida a autorización sanitaria oportuna.

Aínda así, con todo, as indemnizacións establecidas na Orde do 27 de novembro son insuficientes para palia-las importantes perdas económicas dos productores, sobre todo naquelas explotacións nas que se fai un baleiro sanitario total por sacrificio preventivo e destrucción de tódolos animais, que, ademais, teñen que sufrir ese período de inactividade productiva ata que os servicios veterinarios oficiais autoricen novamente a reintroducción de animais novos nesa explotación.

As directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C-28/2), no caso das destinadas á loita contra enfermidades animais e vexetais, recollen a posibilidade de engadir unha compensación razoable por ingresos non percibidos, tendo en conta as dificultades que implica a reposición do gando e os períodos de espera ou de corentena impostos ou recomendados polas autoridades competentes para elimina-la enfermidade antes de efectua-la reposición.

De conformidade coas directrices subliñadas, gran parte dos estados membros que padecen esta epizootia, lograron ampara-los seus gandeiros con medidas que recollen tanto o dano emerxente como o lucro cesante.

Así, se ben a lexislación de epizootias recoñece expresamente o dereito do dono do animal a ser indemnizado polo dano causado ó sacrifica-los animais, a aplicación dos métodos de valoración existentes na actualidade non son proporcionais o deterioración patrimonial que efectivamente se produce porque se lle impide producir durante un período

de tempo que, en moitos casos, constitúe o seu medio de vida, polo que, unha vez declarada a enfermidade en Galicia, vanse producir na práctica situacións de grave desamparo e indefensión.

Consecuentemente co anteriormente exposto, faise imprescindible establece-los mecanismos de reparación e resarcimento dos danos realmente causados ó propietario ante o establecemento de medidas obrigatorias como consecuencia dun programa de prevención e erradicación desta enfermidade, da que en ningún caso se pode facer responsable ó propietario da explotación.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os titulares das explotacións nas que se sacrifiquen e/ou destrúan de forma preventiva, tódolos animais da especie bovina por motivos de sospeita e/ou confirmación da presencia dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles, recibirán unha compensación por ingresos non percibidos de acordo co establecido nos seguintes artigos desta orde.

Artigo 2º

O importe das referidas compensacións será determinado de acordo coas marxes brutas das principais actividades productivas gandeiras das explotacións, que se xuntan como anexo a esta orde, tendo en conta o período de prohibición de reintroducción de animais que establece o programa vixente de normas de prevención e vixilancia das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais, sempre de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º

Para poder ter dereito ás compensacións establecidas na presente orde, é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootias, programas de erradicación de enfermidades animais e a relativa á vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Artigo 4º

As compensacións establecidas nesta orde aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613-A.470.0, compensacións por encefalopatías esponxiformes, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, dotada con tres millóns de pesetas.

Artigo 5º

1. As compensacións serán tramitadas de oficio por esta consellería ó dispor dos documentos xustificantes da destrucción hixiénica das reses de xeito

que se asegure a súa destrucción total mediante incineración ou outro método autorizado pola normativa vixente e unha vez comprobados os requisitos esixidos no artigo seguinte desta orde.

2. Emitirase resolución da aprobación ou denegación das compensacións na que se especificarán os recursos que procedan.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que transcorridos tres meses desde a destrucción dos animais implicados non se dictase resolución expresa, entenderase denegada a compensación.

Artigo 6º

Os beneficiarios das compensacións presentarán antes do pagamento, unha declaración debidamente asinada de conformidade coa percepción da axuda e unha declaración complementaria do conxunto das

axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ademais deberán presentar certificación de encontrarse ó día das obrigas tributarias e sociais e que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

ANEXO

Marxes brutas das principais actividades productivas gandeiras das explotacións (valores en pesetas/unidade)

ActividadeUnidadesCaracterísticasPdto. brutoG. variabl.Marxe bruta

CabrúnNaiSen primas17.0001.60015.400

OvinoNaiCon primas15.0001.60013.400

OvinoNaiSen primas10.0001.6008.400

Vacún carneCab.Dereitos+prima extens.190.46559.687130.778

Vacún carneCab.Con dereitos173.82659.687114.139

Vacún carneCab.Sen dereitos142.60059.60083.000

Vacún leiteiroLitros/cota/ano<50.000 l./expl.53,024,328,7

Vacún leiteiroLitros/cota/anoDe 50.001 a 100.00053,823,830,0

Vacún leiteiroLitros/cota/ano>100.00057,125,231,9

Xatos cebaPraza (1,25 xato)0-9 meses142.125104.62537.500

Xatos cebaPraza (1,25 xato)Con prima175.403104.62570.778

Xatos cebaPraza (1,25 xato)Prima+prima extensi.196.201104.62591.576