Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 11 de decembro de 2000 Páx. 16.234

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición derradeira segunda da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, encomenda ó Consello da Xunta de Galicia o desenvolvemento regulamentario dos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (TRLRFO).

É obxectivo do presente decreto facilita-la completa aplicación das normas substantivas contidas no texto legal, mediante a regulación sistemática dos distintos procedementos que deben articularse na xestión das axudas e subvencións e pola concreción e desenvolvemento daqueles aspectos do réxime destas que pola súa transcendencia así o requiran.

O capítulo I delimita o ámbito de aplicación en torno ó concepto de axuda ou subvención recollido no TRLRFO, xustificando, polo tanto, a exclusión daquelas disposicións de fondos a favor de entidades vinculadas ou dependentes doutras administracións, que deban ser conceptuadas como transferencias.

Os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade no outorgamento das axudas e subvencións garántense a través do procedemento de concesión regulado no capítulo II, adecuado ás normas vixentes de procedemento administrativo común. Este deslíndase da aprobación das bases reguladoras, establecéndose de modo expreso a posibilidade de que estas se formulen con carácter indefinido, para rexe-la concesión en sucesivas convocatorias. Co fin de aclara-lo modo de cumprimento das obrigas derivadas da aplicación da normativa comunitaria, recóllese a tramitación interna da notificación á Comisión Europea.

Así mesmo, contémplase separadamente a tramitación da concesión daquelas axudas e subvencións que, por estar previsto legalmente, non se sometan ó réxime xeral de publicidade e concorrencia.

A regulación do pagamento e das garantías abórdase asumindo a establecida con carácter obrigatorio en sucesivas leis de orzamentos, remitindo ás normas e bases reguladoras a súa fixación nos demais supostos, con carácter facultativo.

O capítulo IV articula o procedemento de reintegro na súa fase declarativa polo órgano xestor da axuda ou subvención, integrándose coas previsións existentes para a fase recadatoria deste.

O capítulo V introduce, de forma novidosa, a regulación das actuacións de control ás que se someten,

por imperativo legal, os perceptores e xestores das axudas e subvencións públicas.

O capítulo VI recolle a normativa material de infraccións e sancións recollida no artigo 79 do TRLRFO mediante a remisión expresa á normativa xeral existente para o exercicio da potestade sancionadora.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto do presente decreto é o desenvolvemento do disposto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (TRLRFO).

2. As normas contidas neste decreto son de aplicación ás axudas e subvencións públicas que se outorguen con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Este decreto será de aplicación supletoria nos seguintes supostos:

a) Nos procedementos de xestión de axudas e subvencións relativas á Comunidade Autónoma establecidas en normas da Unión Europea ou naqueles que, sendo da Comunidade Autónoma, sexan de desenvolvemento ou transposición das normas europeas.

b) Para os casos en que corresponda a outra Administración a regulación básica.

c) Nos procedementos de xestión daquelas axudas ou subvencións en que o outorgamento e a contía resulten impostas para a Administración en virtude de normas con rango legal.

3. Quedan excluídas da aplicación deste decreto as transferencias realizadas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. En particular, excluiranse:

a) As destinadas ó financiamento dos gastos correntes e operacións de capital das entidades incluídas no ámbito de aplicación dos artigos 11 e 12 do TRLRFO.

b) As realizadas con carácter permanente a prol doutras administracións públicas.

Artigo 2º.-Órganos competentes.

1. Son órganos competentes para a aprobación das bases reguladoras das axudas ou subvencións así como para resolve-los procedementos de concesión

e acorda-lo seu reintegro, os conselleiros, os presidentes ou directores dos organismos autónomos e os órganos rectores dos demais entes segundo as súas leis de creación ou normativa específica, sen prexuízo da delegación das ditas atribucións, así como o Consello da Xunta de Galicia nos supostos legalmente previstos.

2. Malia o anterior, requirirá autorización do Consello da Xunta de Galicia a concesión de axudas ou subvencións cando o gasto que se vaia aprobar sexa superior a 500.000.000 de pesetas.

Capítulo II

Réxime de concesión

Sección primeira

Principios de concesión e bases reguladoras

Artigo 3º.-Principios de concesión.

1. A concesión de axudas e subvencións axustarase ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade e efectuarase mediante o procedemento regulado na sección terceira do presente capítulo.

Sempre que a natureza ou finalidade da axuda ou subvención o permita, o outorgamento das axudas ou subvencións realizarase mediante concurso.

As bases reguladoras poderán establecer que a concesión se realice en réxime de concorrencia competitiva. Para os efectos do presente decreto enténdese por concorrencia competitiva a forma de concesión daquelas subvencións que, imputadas a un mesmo crédito orzamentario, implican a existencia dunha pluralidade de solicitudes e a súa comparación nun único procedemento, de acordo cos criterios establecidos nas bases reguladoras para resolver sobre a concesión e, se é o caso, establece-la contía.

Neste suposto poderanse estima-las solicitudes ás que se outorgara maior valoración, sempre que reúnan os requisitos determinados nas bases reguladoras, ata que se extinga o crédito orzamentario.

2. Cando por ter asignación nominativa nos orzamentos ou porque excepcionalmente non resulte posible promove-la concorrencia, a concesión de subvencións se exceptúe da aplicación dos principios ós que se refire o parágrafo anterior, a súa tramitación realizarase conforme o disposto na sección cuarta do presente capítulo.

Artigo 4º.-Aprobación das bases reguladoras.

1. As bases reguladoras da concesión de axudas ou subvencións serán aprobadas polo órgano concedente con carácter previo á disposición dos créditos e deberán ser publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Con anterioridade á súa aprobación deberán someterse a informe da Asesoría Xurídica Xeral, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como doutros órganos cando sexa preceptivo segundo a normativa de aplicación.

Os informes correspondentes á Asesoría Xurídica Xeral e á Intervención Xeral serán emitidos pola Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada adscritas ó órgano competente ou polas que os centros directivos designen se carecesen destas.

2. As bases reguladoras da concesión de axudas ou subvencións deberán conte-los extremos esixidos no artigo 78.6º do TRLRFO. Cando, por se formular con vixencia indefinida, parte do seu contido se difira ás correspondentes convocatorias periódicas, as bases reguladoras deberán incluí-los seguintes extremos:

a) Definición precisa do obxecto da axuda ou subvención.

b) Requisitos que deberán reuni-los beneficiarios para a obtención da axuda ou subvención pública.

c) Criterios obxectivos de adxudicación, graduados segundo a súa importancia en relación coa finalidade da axuda ou subvención.

d) Órganos competentes para a xestión da axuda ou subvención e para a resolución da concesión, e prazo en que será dictada.

e) Indicación de se a concesión se realiza mediante o réxime de concorrencia competitiva.

f) Posibilidade de concorrencia con outras axudas, subvencións, ingresos ou recursos e, se é o caso, incompatibilidade coa súa percepción.

g) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como os criterios de cuantificación en atención ó grao de cumprimento destas.

h) Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

i) Se é o caso, as condicións de solvencia e eficacia que teñen que reuni-las entidades colaboradoras.

j) Mención expresa da posibilidade de modificación da resolución de concesión por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, ou en todo caso pola obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

k) Expresión dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, con indicación do órgano administrativo ou xudicial ante o que tivesen que se presentar, prazo para interpoñelos e demais requisitos esixidos pola normativa de xeral aplicación.

3. Sempre que a aprobación das bases reguladoras se acompañe da convocatoria, deberase aprobar, con anterioridade á súa publicación, o correspondente expediente de gasto, que incluirá a acreditación da

existencia de crédito e a fiscalización da Intervención.

No caso de que o expediente se tramite no exercicio orzamentario anterior a aquel no que se vaia imputa-lo gasto correspondente, deberá axustarse ó disposto para a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 5º.-Informe de coherencia e compatibilidade.

1. O informe da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios ó que se refire o punto primeiro do artigo anterior, versará acerca da coherencia do proxecto coa planificación económica da Xunta de Galicia e cos documentos de programación e outras formas de intervencións comunitarias, así como da compatibilidade coas normas comunitarias de aplicación, en particular, as relativas a información, publicidade, transparencia e competencia.

2. Á solicitude de informe xuntaráselle o proxecto de disposición xunto cos informes e documentos que sexan necesarios para a completa avaliación daquel.

3. O informe que se emita indicará:

a) O tipo de axuda de Estado de que se trate e a normativa comunitaria aplicable.

b) O cumprimento das normas relativas á acumulación de axudas e a existencia dun mecanismo de control deste.

Entenderase por acumulación de axudas a aplicación de máis dun réxime de axudas a un proxecto de investimento cando este cubra tódolos investimentos en capital fixo necesarios para a súa realización, con independencia de que se localicen no mesmo ou distinto lugar.

c) As modificacións que se deban introducir para adecualos á normativa comunitaria europea, especificamente respecto das actuacións financiadas con fondos comunitarios.

d) Se en virtude do establecido na normativa comunitaria é preceptivo antes da súa aprobación a súa comunicación á Comisión Europea.

4. No suposto de que sexa preceptiva a devandita comunicación, a Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios porao en coñecemento da Secretaría de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior para a súa tramitación segundo o procedemento establecido na sección segunda deste capítulo.

Sección segunda

Notificación á Comisión Europea dos proxectos

dirixidos a establecer, conceder ou modificar

axudas públicas

Artigo 6º.-Obriga de notificación.

Deberanse notificar á Comisión Europea, previamente á súa execución, os proxectos para a concesión de axudas públicas que non estean amparados por

un réxime de axudas autorizado por esta, así como os proxectos de modificación dos réximes de axudas xa autorizados, nos casos previstos na normativa comunitaria.

Artigo 7º.-Procedemento de notificación.

1. Os proxectos de axudas que se deban comunicar á Comisión Europea serán remitidos pola Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, no prazo de dez días e nos modelos normalizados de comunicación establecidos, ó órgano da Administración do Estado competente para a súa remisión á Comisión Europea.

2. Non se poderá publicar ningunha convocatoria de axudas públicas que, debendo notificarse previamente, non estea debidamente autorizada pola Comisión Europea.

Non obstante, unha vez realizada a notificación e con anterioridade á súa autorización, poderase proceder á súa publicación sempre que a devandita convocatoria poida asumir posteriormente as observacións que a Comisión Europea poida formular.

3. En calquera caso, non se poderá concede-la axuda ata que se obteña a autorización expresa ou silencio positivo da Comisión Europea do réxime que a ampara, polo que a convocatoria deberá indicar expresamente o condicionamento da concesión ó cumprimento do que sinale a Comisión Europea.

4. Cando a Comisión Europea solicite información complementaria sobre un proxecto de axuda, unha vez recibida a devandita solicitude a través do órgano competente da Administración xeral do Estado, a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior comunicaraa á Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, para que, no prazo de quince días, remita a información solicitada.

5. Recibida a comunicación da Comisión Europea de aprobación ou rexeitamento do proxecto de réxime de axudas, comunicarallo á Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios que o porá en coñecemento do órgano xestor.

Sección terceira

Procedemento de concesión

Artigo 8º.-Iniciación.

1. O procedemento para a concesión de subvencións iniciarase por solicitude de persoa interesada ou de oficio, de conformidade coa normativa que lle resulte aplicable a cada unha delas.

2. Iniciarase por solicitude de persoa interesada mediante a presentación da solicitude formulada cos requisitos establecidos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRPAC), conforme, se é o caso, co disposto na norma reguladora. A aquela xuntaranse os documentos determinados na norma reguladora.

A presentación das solicitudes dos interesados poderá ser precedida dunha convocatoria por parte da Administración que terá o carácter de orzamento dos distintos procedementos que se inicien posteriormente, e que conterá os requisitos que se consideren oportunos de entre os enumerados no punto seguinte deste artigo.

3. Iniciarase de oficio mediante a publicación da convocatoria, que deberá incluí-las bases reguladoras da axuda ou subvención co contido mínimo previsto no artigo 78.6º do TRLRFO.

Cando as bases reguladoras se formulasen con vixencia indefinida deberase indica-lo Diario Oficial de Galicia no que estean publicadas e, como mínimo, os seguintes extremos:

a) Condicións e finalidade da subvención.

b) Créditos orzamentarios ós que se deban imputar e importe máximo que se destina, especificando que a concesión se limitará ás dispoñibilidades orzamentarias.

c) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a que lle foi concedida a subvención ou axuda pública e da aplicación dos fondos percibidos.

d) No suposto de preve-la posibilidade de realizar aboamentos á conta e pagamentos anticipados, prazos, modo de pagamento e réxime particular de garantías que deberán achega-los beneficiarios, así como aqueloutras medidas de garantía a prol dos intereses públicos que se poidan considerar precisas.

En todo caso, a convocatoria establecerá o prazo no que se debe presenta-la solicitude, que non será inferior a vinte días hábiles, e indicará os documentos que deben acompañala, o lugar da súa presentación e o prazo de duración do procedemento.

4. Entre a documentación que acompañe a solicitude, necesariamente figurará unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior as axudas e subvencións financiadas con cargo a fondos do FEOGA-Garantía.

Artigo 9º.-Instrucción do procedemento.

1. O órgano xestor das axudas ou subvencións realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se deba pronuncia-la resolución, conforme o que establezan as normas ou bases reguladoras, a normativa xeral e específica de subvencións e de acordo coas normas do procedemento administrativo común.

2. Na fase de instrucción realizarase a petición dos informes que sexan esixidos polas normas ou bases reguladoras da axuda ou subvención e todos aqueles que estime oportunos o órgano instructor.

3. A avaliación das solicitudes realizarase conforme os criterios expresados nas normas ou bases reguladoras. As bases reguladoras poderán establecer que a proposta de concesión sexa realizada ó órgano concedente por un órgano colexiado que terá a composición que naquelas se estableza.

4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución poráselles de manifesto ós interesados ou, se é o caso, os seus representantes que, no prazo de dez días, poderán alegar e presenta-los documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

Non obstante, poderase prescindir do trámite ó que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. A proposta de resolución expresará a persoa solicitante ou relación de persoas solicitantes para as que se propón a concesión da subvención e a súa contía de modo individualizado, especificando a súa avaliación segundo a aplicación dos criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as que se propoña a súa denegación relacionaranse conservando indicación da causa dela.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución será motivada, de acordo cos criterios de outorgamento da norma reguladora, notificarase ós interesados e porá fin á vía administrativa agás nos supostos determinados nas normas correspondentes.

2. O prazo máximo para a duración do procedemento será o que estableza a norma reguladora e, no seu defecto, o de seis meses. Dito prazo computarase nos procedementos iniciados por solicitude de persoa interesada, a partir da data na que a dita solicitude tivese entrada no rexistro do órgano administrativo competente para a súa tramitación; e nos iniciados de oficio, a partir do día seguinte á publicación da correspondente convocatoria.

3. Transcorrido o prazo máximo para resolve-lo procedemento sen que teña recaído resolución expresa, a solicitude entenderase estimada ou desestimada por silencio, segundo o establecido nas normas reguladoras aplicables para cada procedemento. En defecto de previsión, resultará aplicable o disposto nos artigos 43 e 44 da LRPAC para os procedementos iniciados por solicitude do interesado ou de oficio.

4. As resolucións de concesión serán obxecto de publicación nos casos e forma establecidos nas normas de procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Publicidade das resolucións de concesión.

Cando a contía da subvención supere os 50.000.000 de pesetas ou así o establezan as bases reguladoras, publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión que deberá conter indicación da norma reguladora, beneficiario,

crédito orzamentario, cantidade concedida e finalidade da axuda ou subvención.

Artigo 12º.-Modificación das resolucións de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando as normas ou bases reguladoras da axuda ou subvención así o prevexan, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conducta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución, ou se é o caso se denegue, será dictado polo órgano concedente logo da instrucción do correspondente expediente no que se dará audiencia ós interesados na forma prevista no número 4 do artigo 9º.

4. Cando o Consello da Xunta de Galicia autorizase a concesión inicial deberá autorizar igualmente a súa modificación.

Sección cuarta

Réxime de subvencións nominativas

e de concesión directa

Artigo 13º.-Réxime de subvencións nominativas.

1. Enténdese por subvención nominativa aquela que figura con tal carácter nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma ou en norma de rango legal.

2. O procedemento de concesión das subvencións nominativas iniciarase de oficio, e o acordo ou resolución de concesión deberá incluí-los seguintes extremos:

a) Definición precisa do obxecto e finalidade da axuda ou subvención.

b) Crédito orzamentario ó que se impute o gasto e contía.

c) Posibilidade de concorrencia con outras axudas.

d) Órgano encargado da súa xestión, prazos e modos de pagamento, garantías e medios de xustificación.

e) Previsión, se é o caso, da subscrición dun concerto ou convenio de colaboración.

3. Os documentos de formalización dos convenios que se celebren deberán incluí-la identificación das partes, a competencia ou capacidade xurídica en virtude da que actúan, mecanismos de seguimento, vixencia, causas de extinción e obrigas específicas que correspondan ó beneficiario, así como as xerais derivadas da aplicación da normativa de axudas e subvencións.

Artigo 14º.-Réxime de subvencións de concesión directa.

1. A concesión directa de axudas ou subvencións realizarase mediante acordo ou resolución dictados en procedemento iniciado de oficio ou por instancia de parte, ou mediante a subscrición de concertos ou convenios de colaboración celebrados cos requisitos esixidos e logo do cumprimento dos trámites establecidos con carácter xeral para a súa validez.

2. As propostas de acordo de concesión, de resolución ou, se é o caso, o instrumento do convenio autorizado a subscribir, deberá conter, segundo proceda, os extremos ós que se refiren os números 2 e 3 do artigo anterior.

3. O expediente incorporará, ademais dos informes e trámites preceptivos, xustificación razoada do órgano xestor da imposibilidade de promove-la concorrencia pública cando resulte esixible segundo a normativa que fundamenta a concesión, unha memoria económica, o certificado da existencia de crédito e a fiscalización da intervención.

Capítulo III

Xustificación e pagamento de axudas

e subvencións públicas

Artigo 15º.-Xustificación.

1. Enténdese por xustificación a acreditación da realización da conducta, actividade ou proxecto subvencionado e do cumprimento das obrigas ou requisitos establecidos para a súa concesión, así como da aplicación dos fondos públicos ó fin destinado.

2. Son medios de xustificación preferentes, sen prexuízo doutros que poidan establecerse, segundo resulten procedentes pola finalidade da subvención concedida:

a) Presentación de facturas orixinais, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, documentos de retencións do imposto da renda das persoas físicas, certificacións bancarias, certificacións de obra e documentos similares.

b) Cando o beneficiario estea suxeito ó réxime de contabilidade empresarial, a presentación das contas do exercicio onde se reflictan as operacións relacionadas coa subvención concedida, elaboradas segundo normas de contabilidade recollidas nas disposicións mercantís.

c) Nas subvencións concedidas a outras administracións públicas, entidades de dereito público vinculadas ou dependentes daquelas, corporacións de dereito público e universidades, mediante certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados a tal efecto.

O disposto nas alíneas anteriores enténdese sen prexuízo das actuación de comprobación e control dos órganos que as teñan atribuídas e da obriga de custodia e posta á súa disposición dos documentos acreditativos do gasto.

3. As axudas e subvencións de capital superiores a 10.000.000 de pesetas, destinadas a investimentos en activos tanxibles, esixirán para proceder ó seu pagamento a comprobación material do investimento polo órgano xestor da axuda ou subvención, quedando constancia no expediente mediante informe de comprobación. Excepcionalmente esta comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Cando as normas reguladoras ou convocatorias prevexan anticipos de pagamento ou pagamentos parciais da axuda ou subvención de capital, a comprobación material do investimento realizarase no momento da liquidación e pagamento final desta, sen prexuízo das que proceda realizar para a concesión dos devanditos anticipos ou pagamentos parciais.

4. Non obstante o disposto no artigo 8º.4 deste decreto, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior as axudas e subvencións financiadas con cargo a fondos do FEOGA-Garantía.

Artigo 16º.-Pagamento.

1. O pagamento das axudas e subvencións realizarase conforme o previsto na norma reguladora ou convocatoria ou, se é o caso, no convenio ou acordo de concesión, e en calquera caso axustarase ó disposto neste capítulo.

2. Poderanse realizar pagamentos parciais ou anticipos de pagamentos de axudas ou subvencións concedidas, nos casos e coas condicións seguintes:

Un.-Subvencións correntes.

Para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas, poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata un 80% e librarase o importe restante no momento da

completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións coas que lle foi concedida.

Cando o importe da axuda ou subvención supere a cifra de 1.000.000 e se concedan baixo principios de publicidade e concorrencia a entidades sen ánimo de lucro, poderá autorizarse un anticipo do 10% da subvención no momento da concesión, sempre que a norma reguladora ou convocatoria así o teña previsto e estableza os medios documentais de xustificación provisional que deban achega-los beneficiarios. Excepcionalmente, logo da oportuna xustificación, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar que a norma reguladora prevexa anticipos no momento da concesión da subvención, nunha porcentaxe superior á sinalada.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, ata a porcentaxe que estableza a norma reguladora ou convocatoria, que nunca será superior ó 80% da subvención concedida.

Dous.-Subvencións de capital.

1. Naquelas que non excedan de 5.000.000 de pesetas poderán efectuarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os investimentos efectuados. Estes pagamentos non superarán o 80% da subvención concedida, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que lle foi concedida.

2. Igualmente, naquelas que superen a contía de 5.000.000 de pesetas poderán efectuarse pagamentos parciais á conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e circunstancias seguintes:

a) Que o interesado o solicite.

b) Que se xustifique non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto da subvención concedida ata ese momento con cargo ó proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco supera-lo 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención.

3. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería correspondente ou do órgano superior da entidade concedente, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da anualidade naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos.

4. Quedan exentos dos requisitos e limitacións ás que se refire o punto dous deste artigo as axudas e subvencións instrumentadas mediante convenio con outras administracións públicas, que se xestionarán nos termos previstos nel.

Artigo 17º.-Garantías.

1. Sempre que as normas reguladoras ou as convocatorias prevexan a posibilidade de realizar anticipos de pagamentos ou pagamentos parciais ou resulte necesaria a súa esixencia para o aseguramento dos intereses públicos, poderá establecerse a esixencia de garantías segundo o disposto no presente artigo.

Será obrigatoria a prestación destas para a expedición de anticipos ou de pagamentos parciais de subvencións de capital nos seguintes supostos:

a) Anticipos que superen o importe de 5.000.000 de pesetas.

b) Pagamentos parciais cando a contía das subvencións exceda de 5.000.000 de pesetas.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior as axudas e subvencións ás que se refire o número 4 do artigo 16º.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ó remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

3. A garantía deberá cubri-lo importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

4. A presentación da garantía realizarase perante o órgano concedente no prazo de quince días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ampliarse polo órgano concedente cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización no prazo anteriormente sinalado.

5. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas. Non obstante, no suposto de que se teñan constituído para garantir pagamentos parciais, correspondentes a fases ou partes dunha actividade ou proxecto susceptibles de avaliación independente, poderán ser liberadas cando se teña comprobada a realización da parte ou fase da actividade ou proxecto para o que se concedeu, de conformidade co establecido na resolución de concesión.

Artigo 18º.-Acreditación de non ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma e do cumprimento de obrigas tributarias e sociais.

Para os efectos do disposto no artigo 78.4º.c) do TRLRFO:

1. A circunstancia de non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración da Comunidade Autónoma poderá acreditarse mediante certificación dos órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda expedida a solicitude do beneficiario. Igualmente, esta circunstancia quedará acreditada, se así o prevén as bases reguladoras ou convocatorias, mediante a emisión de certificación por eses órganos por instancia do órgano xestor con carácter previo á realización da proposta de pagamento, sempre que entre a data desta última e a da certificación non transcorran máis de tres meses.

2. A circunstancia de estar ó corrente de obrigas tributarias e coa Seguridade Social poderase acreditar mediante certificación emitida polos órganos competentes da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou as entidades xestoras da Seguridade Social, por instancia do beneficiario, sen prexuízo dos medios de subministración de información que se establezan mediante disposición regulamentaria ou en convenios de colaboración con ámbalas dúas administracións que para estes efectos se poidan celebrar.

Capítulo IV

Reintegro

Artigo 19º.-Supostos de reintegro.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 20º.-Procedemento de reintegro.

1. O procedemento declarativo e de procedencia do reintegro iniciarase de oficio, por iniciativa do órgano competente, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros

órganos que teñan ou non atribuídas facultades de inspección na materia ou por denuncia.

2. O órgano competente para iniciar, tramitar e resolve-lo expediente será aquel que dictou o acto administrativo de concesión da axuda ou subvención.

3. Na tramitación do procedemento garantirase, en todo caso, o dereito do interesado a audiencia, segundo o previsto no número 4 do artigo 9º do presente decreto.

4. Se no prazo de seis meses desde o inicio non se tivese dictado e notificado resolución expresa, entenderase caducado o procedemento, sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a dita circunstancia de caducidade e ordenando o arquivo de actuacións, cos efectos previstos no artigo 92 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dicte resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puideran ser constitutivos de infracción administrativa.

6. Será competencia dos respectivos órganos de recadación a xestión recadatoria en período voluntario e executivo dos expedientes de reintegro, en virtude do disposto pola Consellería de Economía e Facenda. As contías para reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación o previsto nos artigos 19 a 23 do TRLRFO.

Capítulo V

Control de axudas e subvencións

Artigo 21º.-Formas de exercicio.

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma realizará o control interno de axudas e subvencións mediante o exercicio da función interventora e o control financeiro.

Artigo 22º.-Función interventora.

A función interventora exercerase, no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos, de conformidade co disposto nos artigos 94 e 97 do TRLRFO, sobre os actos dos procedementos de xestión de axudas e subvencións co fin de verificar que se axustan ás disposicións aplicables.

En todo caso, nos expedientes de aprobación das bases reguladoras e convocatorias verificarase a existencia dos extremos ós que se refiren os artigos 4º.2 e 8º.3 do presente decreto.

Artigo 23º.-Ámbito do control financeiro.

O control financeiro exercerase respecto:

1. Das sociedades mercantís, empresas, entidades e particulares por razón das axudas e subvencións

concedidas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma ou a fondos da Unión Europea xestionadas pola Comunidade Autónoma.

2. Dos sistemas de xestión de axudas e subvencións públicas dos servicios da Comunidade Autónoma, dos organismos autónomos, os entes públicos e das sociedades públicas.

Artigo 24º.-Obxecto do control financeiro.

1. O control financeiro a sociedades mercantís, empresas, entidades e particulares por razón das axudas e subvencións públicas percibidas, ten por obxecto comproba-la adecuada e correcta obtención, utilización e desfrute destas.

2. O control financeiro dos sistemas de xestión de axudas e subvencións ten por obxecto comprobar que a actuación dos órganos a que se refire o número 2 do artigo anterior se axusta ó ordenamento xurídico e ós principios xerais da boa xestión financeira.

Artigo 25º.-Resultados do control financeiro.

1. O órgano que desenvolvese o control deberá emitir informe escrito comprensivo dos feitos postos de manifesto e das conclusións e recomendacións que se deduzan deste, así como, se é o caso, das alegacións recibidas do ente controlado e do xestor e das observacións do órgano de control sobre estas.

2. Os informes de control financeiro serán remitidos pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ó ente controlado ou á entidade colaboradora e ó órgano concedente das axudas controladas.

Se é o caso, o informe remitirase, ademais, ó titular da consellería da que dependa ou á que estea adscrito o órgano concedente.

Artigo 26º.-Seguimento das recomendacións derivadas do control financeiro.

1. Cando nos informes de control financeiro se indiquen actuacións que vaian realiza-los órganos xestores, os devanditos órganos deberán comunicar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma as medidas que se adoptasen ó respecto.

A devandita información presentarase dentro do mes seguinte ó remate de cada trimestre e será a referida ás actuacións realizadas durante o dito período.

2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, cando dos informes ou das actuacións realizadas se deriven reintegros ou perdas do dereito ó cobramento das axudas ou subvencións, seguirase o seguinte procedemento:

a) Nun prazo máximo de dous meses contados desde a recepción do informe, o órgano concedente manifestará á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a súa conformidade ou discrepancia total ou parcial co contido do informe, e, se é o caso, as actuacións que ó seu xuízo procedan.

b) No suposto de que manifestase a súa conformidade, o órgano concedente, no prazo dun mes, deberá comunicarlle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o inicio da instrucción do procedemento de reintegro da axuda ou subvención indebidamente percibida ou de declaración de perda do dereito ó cobramento da axuda ou subvención concedida. Esta comunicación indicará a data de notificación ó interesado.

c) Durante o mes seguinte ó remate de cada trimestre, o órgano concedente informará a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma das actuacións realizadas durante o trimestre respecto dos procedementos iniciados, así como daqueles que nese período fosen rematados.

d) No prazo ó que se refire o parágrafo anterior, os órganos de recadación competentes remitirán a cada órgano xestor e á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma información sobre a xestión recadatoria realizada sobre aqueles expedientes de reintegro que se atopasen pendentes de xestión no devandito período.

Artigo 27º.-Informes de actuación.

1. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitirá informe de actuación dirixido ó órgano concedente cando se dea algún dos seguintes supostos:

a) Que tendo transcorrido o prazo previsto no parágrafo a) do número 2 do artigo anterior non lle manifestara á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a súa conformidade ou discrepancia total ou parcial co contido do informe de control financeiro.

b) Que tendo manifestado a súa conformidade co informe de control financeiro, non comunicara o inicio da instrucción do expediente de reintegro ou de declaración de perda do dereito ó cobramento da axuda no prazo previsto no parágrafo b) do número 2 do artigo anterior.

c) Que o órgano concedente manifeste discrepancia total ou parcial co informe de control financeiro e esta non sexa aceptada pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Se é o caso, o informe de actuación remitirase, ademais, ó titular da consellería da que dependa ou á que estea adscrito ó órgano concedente.

2. O órgano concedente, no prazo máximo de dous meses a partir da recepción do informe de actuación, manifestará á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a súa conformidade ou discrepancia co seu contido.

No suposto de que o órgano concedente manifestara a súa conformidade, deberá realiza-las actuacións precisas para que se inicie o procedemento de reintegro ou de declaración de perda do dereito ó cobramento da axuda.

3. No prazo dun mes contado desde a comunicación á que se refire o parágrafo anterior, o órgano concedente deberalle comunicar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o inicio da instrucción

do procedemento que corresponda. Esta comunicación indicará a data de notificación ó interesado.

4. Unha vez transcorridos os prazos establecidos, as actuacións realizadas serán sometidas á consideración do Consello da Xunta, nos seguintes casos:

a) Que o órgano concedente manifestara a súa discrepancia.

b) Que, transcorrido o prazo establecido no número 2, non se manifestase.

c) Que, manifestando a súa conformidade, non comunicara no prazo establecido no número 3 o inicio da instrucción do procedemento de reintegro ou de declaración de perda do dereito ó cobramento da axuda.

Correspóndelle ó Consello da Xunta adoptar unha resolución definitiva.

Capítulo VI

Entidades colaboradoras

Artigo 28º.-Entidades colaboradoras.

Poderán considerarse entidades colaboradoras na entrega e distribución de fondos públicos de axudas ou subvencións:

a) As entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Administración da Comunidade Autónoma.

b) As sociedades mercantís participadas maioritariamente pola Administración da Comunidade Autónoma, os seus organismos autónomos ou polas demais entidades públicas.

c) As corporacións de dereito público no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

d) As persoas xurídicas que reúnan os requisitos de eficacia e solvencia establecidos no artigo seguinte.

Artigo 29º.-Designación de persoas xurídicas.

1. As persoas xurídicas ás que se refire a letra d) do artigo anterior deberán ter plena capacidade de obrar e non estar incursas en ningunha das circunstancias ás que se refire o artigo 20 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

2. Entenderase xustificada a solvencia técnica e a eficacia cando, mediante a documentación que o órgano concedente encontre suficiente, se acrediten as seguintes circunstancias:

a) Que o seu obxecto social ou actividade estea relacionada co sector ó que se dirixen as axudas ou teña desenvolvido actividades pertencentes ou relacionadas con este.

b) Que conte con medios persoais e materiais suficientes para o desenvolvemento das súas funcións.

c) Que posúa o grao de implantación territorial axeitado para o seu desempeño.

3. A solvencia económica xustificarase mediante a acreditación dalgunha das seguintes circunstancias:

a) Existencia dun patrimonio propio superior ó importe dos fondos públicos que deba xestionar como entidade colaboradora.

b) A constitución dunha garantía na forma prevista no artigo 17º deste decreto.

Artigo 30º.-Limitacións á designación.

1. Será incompatible a designación como entidade colaboradora e a condición de beneficiario das axudas e subvencións para as que a colaboración se estableza.

2. En ningún caso as entidades colaboradoras poderán encomendar a terceiros as funcións atribuídas para o desenvolvemento da colaboración.

Artigo 31º.-Contido da designación.

1. O réxime de dereitos e obrigas das entidades colaboradoras establecerase nas bases reguladoras ou nos convenios de colaboración que para tales efectos poidan subscribirse.

2. De acordo coa finalidade da colaboración que se pretende e as necesidades da xestión das axudas e subvencións concretas, poderanse establece-los seguintes dereitos:

a) A solicita-lo apoio técnico e material do órgano xestor das axudas.

b) Ó acceso á información necesaria para a execución das súas funcións.

c) Á liberación e devolución, se é o caso, da garantía constituída ó cesamento normal da colaboración.

d) Aqueloutros dereitos que resulten indispensables para o desenvolvemento da súa función.

3. Son deberes das entidades colaboradoras:

a) Entregarlles ós beneficiarios os fondos recibidos de acordo cos criterios establecidos na norma reguladora da axuda ou subvención.

b) Verificar, se é o caso, o cumprimento e a efectividade das condicións ou requisitos determinantes do seu outorgamento.

c) Xustifica-la aplicación dos fondos percibidos ante a autoridade concedente e, se é o caso, entrega-la xustificación presentada polos beneficiarios.

d) Garanti-la confidencialidade dos datos subministrados polos beneficiarios.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos poida efectua-la entidade concedente e as de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e os procedementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

f) Colaborar na restitución das subvencións outorgadas nos supostos en que concorra causa de reintegro.

4. A colaboración terá carácter gratuíto. Non obstante, poderase establecer unha compensación económica polos gastos xerados á entidade colaboradora no exercicio das funcións encomendadas.

Artigo 32º.-Libramentos e contabilidade dos fondos.

1. As entidades colaboradoras recibirán os fondos de axudas e subvencións na medida e coa antelación necesaria para facilita-los pagamentos ó beneficiario de conformidade co establecido no artigo 16º do presente decreto e o previsto na norma reguladora daquelas.

2. Os fondos recibidos non se integrarán en ningún caso no patrimonio nin no orzamento da entidade colaboradora, nin poderán ser obxecto de retención ou minoración e deberán ser obxecto de contabilización separada.

3. Ademais dos xustificantes previstos na norma reguladora da axuda ou subvención e, se é o caso, no convenio de colaboración, as entidades remitirán coa periodicidade que se estableza, a conciliación bancaria da conta, detalle dos pagamentos efectuados e informe das actuacións realizadas no período.

4. Os remanentes de fondos non xustificados que permanecesen na conta, así como os xuros ou rendementos destes deberán ser reintegrados ó Tesouro da Comunidade Autónoma coa periodicidade que se estableza.

Capítulo VII

Procedemento sancionador

Artigo 33º.-Procedemento sancionador.

A imposición de sancións administrativas reguladas no artigo 79 do TRLRFO realizarase logo da instrucción do oportuno expediente, que se axustará ó disposto no presente decreto, no TRLRFO, na LRPAC e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 34º.-Órganos competentes.

1. A competencia para a incoación dos procedementos sancionadores corresponderá ós órganos que teñan atribuída a resolución destes.

2. Son órganos competentes para resolve-lo procedemento:

a) Nas infraccións leves e graves, o titular da consellería que concedese a axuda ou subvención ou á que estivese adscrito o órgano concedente.

b) Nas infraccións moi graves, así como nas relativas a aquelas subvencións que autorizara, calquera que fose a súa cualificación xurídica, o Consello da Xunta.

Disposicións adicionais

Primeira.-Control de axudas financiadas con fondos comunitarios.

De conformidade co disposto no artigo 18.1º do texto refundido da Lei xeral orzamentaria aprobado

polo Real decreto lexislativo 1091/1988, do 23 de setembro, nos regulamentos (CE) números 1260/1999 e 1263/1999, e nas demais disposicións aplicables, correspóndelle no ámbito de Galicia á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a elaboración e execución dos plans de control sobre beneficiarios de axudas financiadas total ou parcialmente con fondos comunitarios a que se refiren as devanditas normas.

Segunda.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

Nos réximes de axudas ó investimento e nas resolucións de concesión de axudas individualizadas ó investimento, ademais dos extremos esixidos pola normativa reguladora das axudas e subvencións, farase constar expresamente:

a) A posibilidade ou imposibilidade de compatibiliza-las axudas que os beneficiarios reciban por este réxime de axudas ou axuda individualizada con outros réximes de axudas ou con outras axudas individualizadas.

b) A porcentaxe máxima das axudas que poidan recibi-los beneficiarios en función do disposto nas normas comunitarias europeas para o investimento de que se trate.

c) A obriga do beneficiario de comunicar ó órgano concedente tódalas axudas solicitadas e as concedidas para a execución dun mesmo investimento.

d) As condicións de mante-lo investimento de que se trate ou o emprego ligado a este durante un período mínimo de cinco anos, así como a de non supera-las porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

Para estes efectos enténdese por emprego ligado a un investimento aquel que se refire á actividade á que se destina o investimento e sendo preciso que a creación se produza nos cinco primeiros anos a partir da realización íntegra do investimento ou que se cree como consecuencia dun aumento da taxa de utilización da capacidade creada polo devandito investimento.

Terceira.-Base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas.

1. Os titulares das consellerías e os presidentes ou directores dos organismos autónomos e entes públicos que xestionen axudas e subvencións públicas, facilitarán información sobre a xestión das devanditas axudas e subvencións á Consellería de Economía e Facenda.

2. Coa información remitida, a Consellería de Economía e Facenda configurará unha base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas que permita:

a) Ter un completo coñecemento do réxime de axudas e subvencións públicas concedidas pola Comunidade Autónoma.

b) Identificar perfectamente a tódolos beneficiarios finais das axudas e subvencións públicas que se concedan.

c) Realiza-lo control e seguimento da acumulación de axudas e subvencións públicas das distintas administracións públicas nun proxecto ou beneficiario.

d) Efectua-lo seguimento e a avaliación das medidas contempladas nos distintos plans e programas da Comunidade Autónoma.

e) Subministrar información ós órganos xestores das axudas e subvencións públicas.

f) Efectua-la planificación e o seguimento das actuacións de control.

Disposición transitoria

Única.-Procedementos xa iniciados.

Os procedementos de concesión de axudas e subvencións públicas iniciados con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto, rexeranse polo disposto nas normas ou bases reguladoras e a respectiva convocatoria.

Disposición derrogatoria

Única.-Disposicións que se derrogan.

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a Consellería de Economía e Facenda para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2001.

Santiago de Compostela, vinteún de novembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda