Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 07 de decembro de 2000 Páx. 16.205

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 98/203-4).

Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

Solicitante: Unión Fenosa, S.A.

Domicilio social: avda. García Barbón, 38, 36201 Vigo.

Denominación: L.M.T., C.T. e R.B.T. Piñeiro-Bouzada.

Situación: Tomiño.

Descricións técnicas: L.M.T., aérea, a 20 kV, de 381 m de lonxitude, con conductor tipo LA-56, sobre apoios de formigón, desde o apoio 205 da L.M.T. A Guarda-Tui ata o C.T. existente de Piñeiro. L.M.T., aérea, a 20 kV, de 1.476 m de lonxitude, con conductor tipo LA-56, sobre apoios de formigón, desde o apoio 1 da L.M.T. proxectada ó C.T. de Piñeiro ata o C.T. que se proxecta en Bouzada, concello de Tomiño. C.T. de 100 kVA, relación de transformación 20 kV-380/220 V. R.B.T., aérea, de 820 m de lonxitude, con conductor tipo R.Z., sobre apoios de formigón, desde o C.T. de Piñeiro. R.B.T., aérea, de 185 m de lonxitude, con conductor tipo R.Z., sobre apoios de formigón, desde o C.T. de Bouzada.

Realizada a información pública e a notificación individual a cada un dos afectados, presenten alegacións os propietarios dos predios seguintes:

Predios 3, 5, 7, 6, 8, 10, 24, 8/1, 25, 29, 32, 21, 61, 37, 38/a, 53, 58 e 60. Manifestan que o trazado secciona o centro do pobo afectando a posibles edificacións, polo que presentan un trazado alternativo máis curto e con menos afeccións.

Predio 3/1. Oponse ó trazado por inutilizar o seu predio para calquera uso que puidera corresponder nesa zona.

Predios 4, 13, 18, 19, 55 e 62. Solicitan que o trazado pase por terreos do concello ou polos lindeiros dos predios. Presentan plano con variación e en concreto o propietario do 18 e 19 din que a súa modificación non sobrepasa o 10% do orzamento do proxecto e os propietarios da 55 e 62 manifestan que teñen previsto edificar.

Trasladadas as alegacións á empresa eléctrica esta contesta: que as variacións propostas afectarían a novos propietarios non implicados no expediente. Que nas solicitudes de variación tense que acreditar a conformidade previa dos novos afectados. Que a servidume de paso dunha liña non impide o dono do terreo cercalo, edificar ou plantar nel deixando a salvo dita servidume. Que está prohibida a colocación de apoios en zonas de influencia de estradas na rede veciñal, as distancias inferiores a 15 m de aínda cumprindo co anterior, a menos de 8 m da arista exterior da explanación ou a unha distancia do borde de plataforma inferior a vez e media a altura do apoio. Respecto ó predio 62 engade que a alternativa proposta supera o 10% do orzamento. Enviouse copia dos escritos de contestación da empresa a tódolos propietarios, non presentando estas novas alegacións.

Solicitada información detallada á empresa eléctrica sobre a variante proposta pola maioría dos afectados, esta informa que o entronque realízase nunha liña particular da que non é beneficiaria Fenosa, polo que non é posible esa variación.

Considerando que a liña que vai a Bouzada no paso polo centro do pobo como alegan os afectados, e que de feito a forma poligonal da mesma realizouse para conseguilo, e por outro lado o trazado alternativo que indican toma a tensión dunha liña particular e non da distribuidora eléctrica, e que por outra parte respecto á posible utilidade ou uso dos terreos consideraráselle ó longo do procedemento de expropiación.

Vistos e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997 do 27 de novembro, e nos capítulos III e IV dos decretos 2617 e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas, esta delegación provincial

RESOLVE:

Autorizar, declarar, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que

leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características axustaranse en tódalas súas partes ás que figuran no mesmo e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos reglamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan nos expedientes.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ó seu dereito.

Pontevedra, 16 de outubro de 2000.

Carmen Bianchi Valcarce

Delegada provincial de Pontevedra