Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 30 de novembro de 2000 Páx. 15.950

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2000, da División de Recursos Humanos, pola que se modifican determinados aspectos da Resolución do 8 de abril de 1996, pola que se convocou concurso-oposición para o ingreso nas categorías incluídas na oferta pública de emprego para o ano 1995 do persoal laboral do Complexo Hospitalario Santa María Madre-Doutor Cabaleiro Goás de Ourense.

Con base no acordo acadado pola Administración sanitaria e os representantes do comité de empresa e a xunta de persoal do Hospital Santa María Madre de Ourense, polo que se regulan determinadas condicións de traballo e retributivas do persoal que presta servicios no dito centro de traballo, publicado por Resolución conxunta do 29 de xullo de 1994 (DOG nº 160, do 19 de agosto), da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, artellouse a oferta pública de emprego do persoal laboral do Complexo Hospitalario Santa María Madre-Doctor Cabaleiro Goás de Ourense para o ano 1995, mediante Decreto 246/1995, do 28 de xullo (DOG nº 169, do 4 de setembro).

Por Resolución do 8 de abril de 1996 (DOG nº 74, do 16 de abril), da Dirección Xeral de Recursos Humanos, convocouse concurso-oposición para o ingreso nas categorías incluídas na oferta pública de emprego para o ano 1995 do persoal laboral do Complexo Hospitalario Santa María Madre-Doctor Cabaleiro Goás de Ourense, aprobada polo Decreto 246/1995, do 28 de xullo.

Iniciada a tramitación do dito proceso selectivo e rematadas tanto a fase de oposición, coa publicación dos seus resultados en virtude das resolucións do 22 de xaneiro e 6 de marzo de 1998 (DOG nº 22 e 57, do 3 de febreiro e do 25 de marzo), como a fase de concurso mediante resolucións do 2 e do 22 de abril de 1998 (DOG nº 73 e 89, do 17 de abril e 12 de maio), dictáronse as resolucións do 14 e 26 de maio (DOG nº 100 e 106, do 27 de maio e do 4 de xuño), 30 de xullo (DOG nº 161, do 20 de agosto) e do 30 de novembro de 1998 (DOG nº 248, do 24 de decembro) polas que se declararon seleccionados os aspirantes que superaron o concurso-oposición convocado pola Resolución do 8 de abril de 1996.

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en sentencia do 28 de abril de 1999, estimou parcialmente o recurso contencioso-administrativo 01/0000766/1996, interposto polo Sindicato Nacional Comisións Obreiras contra a resolución do director xeral de Recursos Humanos do Sergas, do 8 de abril de 1996, anulando tal acto administrativo no particular correspondente á base sexta, B) Fase de concurso, número 18, por non atopala niso axustada ó ordenamento xurídico, con inaplicación ó respecto do Decreto autonómico 246, do 28 de xullo de 1995, no seu artigo 4.3º por contravi-lo principio de igualdade.

A devandita sentencia foi recorrida en queixa, polo Sergas, perante o Tribunal Supremo, estando na actualidade en trámite o recurso. Sen embargo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, mediante auto do 1 de setembro de 2000 (dictado no recurso de súplica interposto contra a Resolución do 22 de febreiro de 2000, pola que declaraba a firmeza da sentencia en cuestión) estimou que a interposición do recurso de queixa non comporta a paralización dos efectos da resolución así impugnada; esta debe de levarse a termo nos seus pronunciamentos, tal como se acorda na providencia agora recorrida; sen prexuízo das actuacións de reversión necesarias no suposto de chegar a prosperar aquel primeiro recurso de mención.

Cómpre, polo tanto, con base en tal pronunciamento e, así mesmo, no mandato contido no capítulo III do título IV da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, que a División de Recursos Humanos do Sergas proceda a lle dar efectivo cumprimento á sentencia do 28 de abril de 1999, coa excepción recollida polo propio tribunal no auto do 1 de setembro de 2000, e proceder á modificación da base sexta, B) Fase de concurso, número 18, nos exactos termos da resolución xurisdiccional, así como declara-la nulidade dos actos que teñan o seu fundamento nela, conservando os actos válidos para os principios de economía procedemental e seguridade xurídica.

Con esta finalidade, logo dos previos contactos e consultas coas organizacións sindicais afectadas, parece razoable confeccionar un baremo de méritos cunha estructura similar á aplicable nas convocatorias para o acceso á condición de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, que teña en consideración as peculiaridades do actual proceso selectivo.

Tal baremo goza da virtualidade que lle outorga o ter sido consensuado coas organizacións sindicais máis representativas no sector e non ter sido obxecto de impugnación ou recurso, polo que debeu a súa firmeza nos procesos selectivos das diferentes categorías de persoal estatutario.

Por outra banda, os criterios que sustentan o dito baremo caracterízanse pola súa xeneralidade xa que informan maioritariamente, tanto no territorio do Insalud como no ámbito do resto de servicios de sáude, os procesos selectivos do persoal estatuario, común en todo o Sistema Nacional de Saúde.

Non obstante o anterior, cómpre ter en conta as peculiaridades do proceso selectivo que nos atinxe, polo que este baremo ten en conta unha particular estructura na que se valoran cunha maior puntuación os servicios prestados como persoal laboral no Hospital Santa María Madre.

Finalmente, o baremo que se propugna adáptase ó teor literal da resolución da sentencia que agora se está a executar.

Xa que logo, trala negociación coa representación sindical no seo do comité de empresa do Hospital Santa María Madre-Doctor Cabaleiro Goás, este centro directivo, en uso das competencias que ten atri

buídas en virtude do artigo 4 c) da Orde do 21 de abril de 1998, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde,

RESOLVE:

Primeiro.-Declara-la anulación da base sexta, B) Fase de concurso, número 18, da Resolución do 8 de abril de 1996, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, pola que se convocaba o concurso-oposición para o ingreso nas categorías incluídas na oferta pública de emprego para o ano 1995 do persoal laboral do Complexo Hospitalario Santa María Madre-Doctor Cabaleiro Goás de Ourense, publicada no DOG nº 74, do 16 de abril de 1996.

Xa que logo, a citada base sexta, B) Fase de concurso, número 18, da Resolución do 8 de abril de 1996, queda redactada como segue: «Dentro desta fase de concurso valoraranse, consonte o baremo incluído no anexo a esta resolución, os servicios prestados como persoal laboral no Hospital Santa María Madre, outorgándolles valor preferencial ós prestados na categoría á que se opte e puntuación decrecente para os que correspondan a outras categorías dentro do mesmo grupo e a outras categorías fóra do mesmo grupo pero dentro da mesma clasificación do persoal, de acordo co que aparece no anexo do Decreto 246/1995, do 28 de xullo.

Así mesmo, para os efectos desta fase de concurso, teranse en conta, coa puntuación que se determina no anexo, tanto os servicios prestados como persoal estatutario das institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde en categoría idéntica, similar ou de igual contido funcional cá da praza á que se opte, como aqueles servicios prestados noutras institucións sanitarias públicas en categoría idéntica, similar ou de igual contido funcional cá da praza á que se aspire».

Segundo.-Declarar anuladas, en canto actos afectados pola disposición anterior, as resolucións deste centro directivo do 14 e 26 de maio de 1998, polas que se declarou concluso o proceso selectivo para o ingreso nas categorías incluídas na oferta pública de emprego para o ano 1995 do persoal laboral do Complexo Hospitalario Santa María Madre-Doctor Cabaleiro Goás de Ourense, convocado por Resolución do 8 de abril de 1996, e subseguintes resolucións do 30 de xullo e do 30 de novembro de 1998, así como tódolos actos que delas traen causa.

Terceiro.-Declara-la anulación das resolucións do 2 e do 22 de abril de 1998, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal laboral do Complexo Hospitalario Santa María Madre-Doctor Cabaleiro Goás de Ourense e se publican as puntuacións obtidas polos aspirantes das devanditas categorías relativas á baremación da fase de concurso.

Cuarto.-Abri-lo prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta

resolución no Diario Oficial de Galicia, para que tódolos aspirantes que superaron a fase de oposición presenten, para os efectos da fase de concurso, os documentos que acrediten os servicios prestados consonte o baremo anexo a esta resolución, ata a data na que finalizou o prazo de presentación das solicitudes para participar no proceso selectivo, convocado por Resolución do 8 de abril de 1996.

Quinto.-Retrotrae-las actuacións dos tribunais á fase de concurso deste selectivo.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2000.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

ANEXO

Valoración da fase de concurso

A) ATS/DUE/grupo de xestión da función administrativa/asistente social/auxiliar da función administrativa/auxiliar de enfermería.

(Puntuación máxima alcanzable: 50 puntos).

A.1. Puntuación por servicios prestados como persoal laboral no Hospital Santa María Madrei:

-Na mesma categoría á que se opte: 0,84 puntos por mes completo.

-Noutra categoría do mesmo grupo e da mesma clasificación do persoal: 0,54 puntos por mes completo.

-Noutra categoría de distinto grupo e da mesma clasificación do persoal: 0,25 puntos por mes completo.

A.2. Puntuación por servicios prestados nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

-En categoría estatutaria idéntica, similar ou de igual contido funcional que as prazas da categoría á que se opte: 0,42 puntos por mes completo.

A.3. Puntuación por servicios prestados noutras institucións sanitarias públicas.

-En categoría idéntica, similar ou de igual contido funcional cás prazas da categoría á que se opte: 0,21 puntos por mes completo.

B) TEL/TER.

(Puntuación máxima alcanzable: 37,5 puntos).

B.1. Puntuación por servicios prestados como persoal laboral no Hospital Santa María Madre:

-Na mesma categoría á que se opte: 0,625 puntos por mes completo.

-Noutra categoría do mesmo grupo e da mesma clasificación do persoal: 0,40 puntos por mes completo.

-Noutra categoría de distinto grupo e da mesma clasificación do persoal: 0,19 puntos por mes completo.

B.2. Puntuación por servicios prestados nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

-En categoría estatutaria idéntica, similar ou de igual contido funcional cás prazas da categoría á que se opte: 0,312 puntos por mes completo.

B.3. Puntuación por servicios prestados noutras institucións sanitarias públicas.

-En categoría idéntica, similar ou de igual contido funcional cás prazas da categoría á que se opte: 0,156 puntos por mes completo.

C) Telefonista/celador/operario.

(Puntuación máxima alcanzable: 25 puntos).

C.1. Puntuación por servicios prestados como persoal laboral no Hospital Santa María Madre:

-Na mesma categoría á que se opte: 0,42 puntos por mes completo.

-Noutra categoría do mesmo grupo e da mesma clasificación do persoal: 0,27 puntos por mes completo.

-Noutra categoría de distinto grupo e da mesma clasificación do persoal: 0,125 puntos por mes completo.

C.2. Puntuación por servicios prestados nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

-En categoría estatutaria idéntica, similar ou de igual contido funcional cás prazas da categoría á que se opte: 0,21 puntos por mes completo.

C.3. Puntuación por servicios prestados noutras institucións sanitarias públicas.

-En categoría idéntica, similar ou de igual contido funcional cás prazas da categoría á que se opte: 0,105 puntos por mes completo.