Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 24 de novembro de 2000 Páx. 15.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 16 de novembro de 2000 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2001.

Mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

Na antedita transferencia a Administración do Estado reserva para si, entre outras funcións, a da aprobación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP). En exercicio de tal competencia díctase o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, no que se marcan as pautas e as directrices que deben seguir tanto o Instituto Nacional de Emprego (Inem) como as comunidades autónomas con competencias na materia, e se establece a necesidade de realizar unha convocatoria pública durante o trimestre anterior ó comezo do exercicio anual para aquelas entidades que desexen participar na correspondente programación, indicando os termos, prazos e condicións nas que as solicitudes deben presentarse e as accións executarse.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional; o Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de emprego recolle, no seu artigo 2º a), as axudas para a impartición de cursos de formación ocupacional, así como para a realización de actuacións en materia de avaliación e cualificación profesional, e preconiza a necesidade de que a súa concesión se efectúe de conformidade cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto

lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ós que se axusta a presente disposición.

Esta orde pretende concreta-los principios xerais contidos na antedita Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia no relativo ás axudas relativas ós cursos de formación ocupacional para os traballadores desempregados dirixidas á súa cualificación para o acceso a un emprego.

Todas estas accións de formación ocupacional conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como obxectivo da política de emprego europea acordada polo Consello Europeo

Extraordinario de Luxemburgo, da estatal de acordo co Plan Nacional de Acción para o Emprego e da galega tal e como se recolle nos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia. 1998-2001, subscritos o día 13 de xullo de 1998 entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos UGT e CC.OO.

De conformidade co establecido no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación. Así, o financiamento das axudas previstas na presente orde de convocatoria farase con cargo ós créditos dos programas 14.03.241A.471.0 (1.499.292.000 pesetas) e 14.03.241A.480.0 (4.639.815.000 pesetas), que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas do Plan FIP, correspondentes ó exercicio do ano 2001, xestionadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través das súas delegacións provinciais e da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 2º.-Impartición.

1. A impartición das accións de formación profesional ocupacional realizarase, ademais de nos centros de formación profesional titularidade da Xunta de Galicia, naqueles de que dispoñan as entidades que a continuación se indican e que, consecuentemente, poderán participar na convocatoria pública:

a) As que, de conformidade co disposto no Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para inscrición no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional da Con-

sellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispoñan de centros que estean inscritos nel, para impartir aquelas especialidades formativas que teñan homologadas ou solicitada a súa homologación ata o día 30 de setembro de cada ano natural, tal e como sinala o artigo 3.2º do citado Decreto 208/1995, despois da súa modificación polo Decreto 218/1998, do 17 de xullo, se ben as ditas solicitudes estarán supeditadas á resolución positiva de homologación.

b) As organizacións empresariais ou sindicais, os organismos paritarios de formación de ámbito sectorial e as organizacións representativas da economía social que dispoñan de centros con especialidades homologadas de conformidade co establecido na alínea a).

c) As empresas ou grupos de empresas que, non dispoñendo de centro colaborador con especialidades homologadas, presenten un proxecto formativo específico para elas cun compromiso de contratación de polo menos o 60 por cento dos alumnos que inicien o curso.

Só poderán acudir a este procedemento aquelas empresas que non reduciran o número total de traballadores, nin o número total de traballadores con contrato indefinido nos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude do curso, salvo que se trate de empresas que tiveran un expediente de regulación de emprego nese período. Neste caso seguirase o procedemento de homologación previsto no artigo 8 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo. No caso de que a entidade careza de instalacións axeitadas para a impartición deste proxecto formativo, poderá autorizarse a súa impartición nas instalacións dun centro inscrito no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional.

A aprobación de proxectos formativos con compromiso de contratación poderá facerse por resolución do órgano competente, ou ben mediante a sinatura dun convenio.

2. As entidades beneficiarias de axudas para a impartición de cursos de formación ocupacional non poderán subcontratar ou ceder a un terceiro a execución dos cursos aprobados.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. O importe destas subvencións concretarase no producto do número de horas do curso polo número máximo de alumnos que tivese este dentro do seu primeiro cuarto e polo importe do módulo que lle corresponda ó propio curso. O módulo que se aplicará a cada curso será determinado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, tendo como límite máximo o fixado pola normativa estatal do Plan FIP.

3. O módulo correspondente a cada curso constará de tres partes: «A» referida ós custos de persoal,

«B» referida ó resto dos custos aboables do curso e «C» referida ás bolsas e axudas ós alumnos.

A cada unha destas partes fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual á do módulo completo.

4. Sobre as partes «A» e «B» do módulo efectivamente gastadas e xustificadas poderá calcularse un 10 por 100 correspondente a gastos de difícil xustificación. Este importe deberá imputarse, en todo caso, á parte A do módulo.

A cantidade global resultante, despois de efectuada a antedita aplicación, non poderá ser superior ó importe da subvención máxima deducido segundo as regras do parágrafo segundo do presente artigo.

5. O cobramento desta subvención será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 4º.-Custos subvencionables.

1. Poderanse recoller como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «A» do módulo os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado, que comprenderán os soldos ou honorarios do persoal docente contratado, fixo ou eventual, ou o prezo do servicio externo docente, que incluirá a elaboración de medios e materiais didácticos e os gastos de Seguridade Social.

b) Gastos das actividades de coordinación, que deberán ser realizados por persoas físicas distintas das encargadas da impartición do curso, sen que poida superarse o 15 por 100 da parte «A» do módulo. Terase en conta que unha mesma persoa non pode dirixir nin coordinar máis de cinco cursos correspondentes a distintos centros colaboradores, nin percibir por este concepto máis de tres millóns de pesetas.

2. Poderanse recoller, como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «B» do módulo, os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, de se-lo caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización de actividades relacionadas co curso.

b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumno e os materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de instalacións, equipos e maquinaria, de duración superior a un exercicio anual. En ningún caso, os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade, poderán superar unha imputación do 25 por 100 da parte «B» do módulo. As empresas ou grupos de empresas que asinen proxectos formativos establecidos no artigo 2.1º c) non poderán recoller este concepto como un custo aboable.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos xerais, que en ningún caso poderán supera-lo 10 por 100 desta parte «B» do módulo; comprenderán os seguintes gastos, que deberán te-la súa orixe na actividade do curso: seguros; comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e permanencia dos cursos; gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que así sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente pola correspondente delegación provincial. Neste caso tamén poderá incluírse o importe das entradas para alumnos e profesores, pero non a manutención durante as visitas; gastos de limpeza do lugar ou lugares de impartición do curso: aulas, talleres e elementos comúns; gastos de publicidade do curso necesarios para a incorporación dos alumnos, de conformidade co establecido na presente disposición ou na súa normativa de desenvolvemento, para a execución dos cursos aprobados dentro do Plan FIP.

f) Gastos de alugueres de instalacións e de maquinaria.

3. A parte «C» do módulo estará constituída polas bolsas e axudas ós alumnos, nas condicións establecidas nas normas que en desenvolvemento desta orde dicte a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 5º.-Obrigas.

Ademais das obrigas establecidas con carácter xeral para tódolos centros colaboradores no artigo 11 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, os beneficiarios das axudas deberán:

1. Cando se trate de entidades con ánimo de lucro, acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Cando se trate de entidades que presenten proxectos formativos con compromiso de contratación, deberán acredita-lo establecido no parágrafo anterior todas aquelas que participen no proxecto, directa ou indirectamente, ben impartíndoo ou ben asinando os compromisos de contratación. Así mesmo, as empresas vinculadas a unha mesma dirección deberán achega-la documentación relativa ás súas diferentes razóns sociais.

2. Pedir, no momento da incorporación dos alumnos, a seguinte documentación, que deberá arquivarse separadamente por cada curso:

-Copias compulsadas dos seus DNI.

-Ficha individual de cada alumno.

-Documentación acreditativa de atoparse nos supostos de concesión das bolsas e axudas ós alumnos.

3. Remitir, como mínimo cinco días antes do inicio do curso, á delegación provincial correspondente:

-As datas de inicio e remate e o horario de impartición, respectando o mes de inicio e a previsión de horario de mañá ou tarde, no caso de que fosen fixadas na resolución de concesión.

-A planificación temporal dos módulos do curso e daquelas actividades relacionadas con el que se pretendan realizar.

-O programa completo do curso cando non estea publicado oficialmente.

-O enderezo completo do lugar de impartición.

-A relación dos docentes que van imparti-lo curso xunto coa documentación acreditativa da súa formación e experiencia, cando esta non estea xa en poder da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, facendo consta-la súa formación metodolóxica.

4. Remitir, o día de inicio de cada curso, certificación xustificativa do seu comezo e, se é o caso, das modificacións producidas en relación cos datos sinalados no punto anterior.

5. Remiti-lo resto da documentación necesaria para a impartición e xestión do curso no tempo e forma que se estableza por resolución do director xeral de Formación e Colocación.

6. Os datos da xestión do curso poderán introducirse en liña a través da aplicación informática que a Dirección Xeral de Formación e Colocación poñerá a disposición dos centros. Para que este proceso en liña poida realizarse, os centros colaboradores que non dispoñan dun acceso permanente á rede corporativa da Xunta de Galicia deberán dispoñer de saída a Internet a través dunha liña RDSI, ADSL ou outra de calidade equivalente ou superior.

Os centros colaboradores que utilicen o acceso vía Internet para a xestión do curso deberán ter unha impresora soportada polo sistema operativo instalado no correspondente servidor de terminais dos Servicios Centrais da Xunta de Galicia. Os centros poñerán á disposición da Dirección Xeral de Formación e Colocación o controlador para a citada impresora.

7. Enviar, sen prexuízo do disposto no artigo 7º.3, como data límite o 30 de novembro de 2001, á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á correspondente delegación provincial, segundo quen concedese o curso, a xustificación dos custos inherentes a el, a través da seguinte documentación que deberá presentarse selada e asinada:

-Solicitude de liquidación final.

-Relación de facturas.

-Certificación dos gastos por módulos.

-Declaración complementaria do conxunto de tódalas axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución), para a mesma acción formativa, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

8. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo do curso temporizado por módulos, así como os dereitos e deberes dos alumnos e dos centros colaboradores.

9. Aboar mensualmente ós alumnos as axudas previstas no artigo 4º, así como ós profesores a súa remuneración. Non exime desta obriga o feito de que a entidade impartidora non percibise os anticipos previstos nesta orde.

10. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa.

11. Contratar un seguro de accidentes para os alumnos, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso, como os do traxecto ó lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá estrictamente o período do curso, incluíndo expresamente as prácticas non laborais en empresas cando estas se realicen, sen que poida admitirse restricción nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado.

12. Cando se realicen prácticas non laborais en empresas, ou outras actividades relacionadas co curso, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da súa realización.

13. Comunicarlles ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo de cinco días, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos cursos programados.

14. Solicitarlles ás delegacións provinciais, con cinco días de antelación, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos cursos.

15. Acepta-las modificacións que, de se-lo caso, introduza o órgano encargado da resolución dos expedientes en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

16. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 6º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

Cando se produza incumprimento de calquera das obrigas previstas nesta orde ou se dea calquera dos supostos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados na citada lei.

Artigo 7º.-Pagamento.

1. Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, no momento no que a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou a Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo proceda, reciba comunicación da entidade impartidora notificando o inicio do primeiro dos cursos previstos, así como a documentación sinalada no parágrafo 1 do artigo 5º.

b) O importe restante, unha vez rematadas tódalas accións formativas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha mediante certificación do responsable da entidade por conceptos orzamentarios. A xustificación realizarase curso a curso dentro dos quince días seguintes á súa finalización, sen prexuízo do sinalado no parágrafo terceiro e no artigo 5º.6.

Nos proxectos formativos con compromiso de contratación, non se aboará a liquidación final en tanto a empresa non remita as copias dos contratos de traballo rexistrados que supoñan unha relación indefinida ou temporal de seis meses como mínimo, e acredite que se mantén a ratio desde a data de solicitude entre traballadores con contrato indefinido e sen contrato indefinido.

2. Poderán acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ó 80% da subvención concedida.

3. A documentación requirida para a xustificación final dos gastos de cada curso deberá presentarse no prazo de 15 días desde o remate do curso, tendo data límite o 30 de novembro do ano 2001.

Ás entidades que transcorrido o antedito prazo non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos, poderáselles esixi-lo reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, consonte co disposto no artigo 6º da presente orde.

4. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ó disposto nesta orde ou na súa normativa de desenvolvemento, o Servicio de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación, nos servicios centrais, ou o Servicio de Formación e Colocación, nas respectivas delegacións provinciais, emitirán certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

En caso de que a xustificación fose incorrecta, requirirase á entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle que, de non facelo, procederase, se é o caso, a reclama-lo reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 8º.-Seguimento e control dos cursos.

1. Para verifica-lo cumprimento do disposto na presente orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas a tódolos cursos aprobados.

2. Cando nun curso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser emendadas no prazo concedido para o efecto polo delegado/a provincial correspondente, e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión, coa obriga de reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións establecidos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 9º.-Remate das accións.

O remate e xustificación dos cursos producirase, necesariamente, como data límite o 30 de novembro de 2001. Excepcionalmente, por causas xustificadas, e sempre logo de autorización do órgano competente, os proxectos formativos con compromiso de contratación poderán rematar con posterioridade a esa data.

Artigo 10º.-Colectivos beneficiarios.

Tódolos cursos regulados nesta orde van dirixidos a desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego con data anterior á súa incorporación ó curso. Terán preferencia para participar nas accións formativas os colectivos sinalados no artigo 1º.2 do Real decreto 631/1993, do 3 de maio e nas disposicións que o desenvolven.

Artigo 11º.-Selección de alumnos.

1. A selección dos alumnos asistentes ós cursos realizarase na forma que se estableza por resolución do director xeral de Formación e Colocación.

2. O número máximo de alumnos participantes en cada curso será de 15, non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12. No suposto de que o curso se inicie con 12 ou máis alumnos e menos de 15, deberá completarse este número dentro do primeiro cuarto deste; en caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os alumnos que falten para completalo, de conformidade co disposto no artigo 3º.2.

Excepcionalmente, e só cando se trate dos proxectos formativos con compromiso de contratación previstos no artigo 2.1º c), o número de alumnos participantes nos cursos poderá variar entre un mínimo de 10 e un máximo de 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnos para o cómputo da subvención nin para a porcentaxe de alumnos que se van contratar.

3. De non se incorporaren os alumnos seleccionados ou de producirse baixas dentro do primeiro cuarto do curso, poderán ser substituídos sempre que os novos alumnos teñan o nivel de acceso corres

pondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

4. Nos cursos nos que, a pesar de que se intentase completa-lo número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser cancelados polo órgano competente en cada caso da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. En caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, que será proposta pola Comisión de Valoración prevista no artigo 17º desta orde e aprobada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou, de se-lo caso, polo respectivo delegado/a provincial por delegación da conselleira, calculada de acordo co principio de proporcionalidade.

Artigo 12º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. Os alumnos participantes nas accións formativas gozarán de formación gratuíta.

2. Os alumnos que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente e, salvo autorización expresa do director xeral de Formación e Colocación ou do respectivo/a delegado/a provincial, por causas excepcionais debidamente xustificadas, non poderán causar baixa nun para acceder a outro incluído dentro da programación de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

3. Terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento ós cursos, e de facilita-la documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora, dentro dos 10 primeiros días lectivos, sendo causa da súa exclusión incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes.

4. Os que rematen os cursos con aproveitamento recibirán un diploma oficial, no modelo que se estableza pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, acreditativo da súa realización, no que constarán os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI do alumno.

b) Denominación do curso.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e programa impartido.

e) Entidade impartidora.

Poderá concederse o diploma a aqueles alumnos que causen baixa no curso por colocación, cando o docente coide que teñen os coñecementos equivalentes ó nivel do curso e asistisen, como mínimo, ó 75 por 100 das horas lectivas.

5. Os alumnos que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se así o solicitan, unha certificación polas horas e módulos ós que asistisen.

Artigo 13º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial.

2. Con carácter xeral, tódalas especialidades formativas que se impartan dentro da programación do Plan FIP deberán estar incluídas no ficheiro de especialidades homologadas polo Inem e comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado de acordo co seu nivel e o grao de dificultade establecido.

3. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, excepcionalmente, poderá autoriza-la impartición de especialidades formativas que non estean recollidas no ficheiro sinalado no parágrafo anterior, como proxectos experimentais ou innovadores, sempre que as entidades que os promovan xunten a solicitude da seguinte documentación:

a) Informe motivado das necesidades de formación nesa especialidade en relación co mercado de traballo.

b) Descrición do programa formativo segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional.

c) Valoración estimada do custo da formación de acordo co sistema de cálculo establecido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

4. O programa que se impartirá en cada curso será o previamente homologado, salvo cando non estea publicado oficialmente nos compromisos de contratación cando sexa expresamente autorizado e nas accións formativas experimentais previstas no artigo 13º.3.

Artigo 14º.-Prácticas non laborais en empresas.

A parte práctica do curso, de acordo co seu programa, poderá realizarse en aulas-taller apropiadas ou en empresas coas que se asinasen os oportunos convenios de colaboración, directamente ou a través da organización empresarial correspondente.

As prácticas en empresas, sempre que se realicen con base nos convenios asinados entre a Xunta de Galicia (Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude) e a empresa ou a organización empresarial correspondente, nos termos pactados neles, non suporá e existencia de relación laboral entre os alumnos e as empresas.

No convenio deberán figurar, como mínimo, o contido das prácticas, a empresa na que se realizarán, a súa duración, alumnos que as realizarán e número de horas por alumno, existencia dun seguro de accidentes para os alumnos, e dunha póliza de responsabilidade civil.

As empresas poderán recibir unha compensación económica por alumno e día de práctica.

Os convenios para a realización das prácticas non laborais relativas ós cursos de carácter provincial serán asinados polos respectivos delegados provinciais, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. O resto dos convenios serán asinados pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 15º.-Solicitudes.

1. As entidades que, estando incluídas no artigo 2º, desexen colaborar na impartición das accións formativas correspondentes ó Plan FIP, deberán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publica como anexo I á presente orde e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ó Cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado, segundo o anexo II, na que necesariamente deberá indicarse o mes do seu inicio e a previsión da súa impartición en horario de mañá ou tarde.

c) Se é o caso, compromiso de contratación asumido pola/as empresa/as que vaian contrata-los alumnos. Neste caso presentarase o anexo III debidamente cuberto e asinado polo representante legal da empresa.

d) Cando as accións solicitadas non estean incluídas no ficheiro de especialidades, as entidades deberán achega-lo programa completo do curso temporizado por módulos e unha relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres indicando metros cadrados, condicións de luminosidade, de seguridade, etc., xuntando planos.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Cando se trate de entidades que estean integradas na rede informática corporativa da Xunta de Galicia como centros asociados ó Servicio Galego de Colocación, agás que se trate de proxectos formativos con compromiso de contratación, a solicitude poderá presentarse telematicamente, no prazo sinalado no artigo 16º.1, no modelo que xere o Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos.

Neste caso as entidades deberán remitir ás respectivas delegacións provinciais, no prazo de dez días desde a transmisión da solicitude, a documentación acreditativa da representatividade suficiente para formulala.

4. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma acción for

mativa das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 16º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de vinte días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación da presente orde, excepto no casos dos proxectos formativos con compromisos de contratación nos que o prazo rematará o 31 de outubro de 2001.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 17º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no artigo 5 e 6 do Decreto 377/1998, do 23 de decembro, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados no punto 1º do artigo 6 do antedito decreto, os expedientes remitiránselle á Comisión de Valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

3. Para o efecto previsto no presente artigo a Comisión de Valoración estará composta:

a) Nas delegacións provinciais, polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Formación e Colocación, que actuará como secretario e un funcionario designado polo delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de entre o persoal adscrito a ela.

b) Nos servicios centrais, polo director xeral de Formación e Colocación, que a presidirá, e serán vocais o subdirector xeral de Formación Ocupacional e os xefes dos servicios de Xestión Administrativa e de Planificación de Formación Ocupacional, actuando este último como secretario.

c) Se por calquera causa, no momento no que as comisións de valoración teñan que examina-las solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou o director xeral de Formación e Colocación, segundo proceda.

4. A Comisión de Valoración á hora de avalia-las solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

a) A existencia de proxectos formativos previstos no artigo 2º.1 c).

b) A existencia dun compromiso de contratar alumnos que realicen o curso por parte das entidades previstas no art. 2º 1 a) e b).

c) A impartición de accións formativas en exercicios anteriores cun grao de cumprimento, de calidade da formación impartida e de colocación de alumnos satisfactorio.

d) O número de desempregados e adecuación ás necesidades de formación detectadas no territorio para o que se soliciten os cursos.

e) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais en empresas, axeitadas ós coñecementos impartidos, promovendo para o efecto o oportuno acordo entre Administración e empresa ou organización empresarial.

f) A realización, acreditada, de actuacións previas tendentes a detecta-las necesidades de formación nas especialidades que se van impartir entre as empresas do sector co fin de acada-la promoción ou inserción laboral dos alumnos no mercado de traballo.

g) A existencia doutros recursos formativos na zona, de acordo co mapa integrado de recursos de formación profesional en Galicia, editado pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

h) A impartición de especialidades que se axusten ós certificados de profesionalidade e/ou se refiran a novas actividades profesionais ou viveiros de emprego.

i) A demanda desa especialidade na área funcional que se solicita o curso, ben efectuada polo sector productivo ou detectada por outros medios.

Artigo 18º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da Comisión de Valoración, do Consello Galego de Formación Profesional ou dos comités provinciais de emprego e seguimento da contratación, segundo proceda, do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención, corresponderalle á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando se trate de entidades con centros homologados en máis dunha provincia, ou, no ámbito provincial, ós respectivos delegados provinciais por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e deberán ser notificadas ós interesados.

A resolución dos proxectos formativos con compromiso de contratación corresponderalle, en todo caso, á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde.

3. Nos proxectos formativos con compromiso de contratación a resolución deberá producirse no prazo de seis meses desde que a solicitude do interesado teña entrada no rexistro correspondente.

Transcorrido o citado prazo en ámbolos dous casos sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

4. As resolucións dictadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas na presente orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos programas 14.03.241A.471.0 e 14.03.241A.480 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001. A forma de pagamento prevista no artigo 7 da presente orde estará supeditada á autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Poderán efectuarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado, ou doutros remanentes dos módulos. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras homologacións distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Cuarta.-Poderán financiarse con cargo ás axudas e subvencións da presente orde os proxectos formativos con compromiso de contratación previstos no artigo 2º.1 c), aínda que as accións formativas, previamente solicitadas, se inicien, por necesidades de contratación das empresas, antes de que se dicte a correspondente resolución de concesión, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as accións formativas se inicien e rematen dentro do ano 2001.

b) Que se cumpran tódolos requisitos formais e de procedemento, aínda que sexa a posteriori, previstos na presente orde.

c) Que o inicio dos cursos sexa notificado con cinco días de antelación ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Quinta.-De acordo co disposto no artigo 3º.2 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, modificado polo Decreto 218/1998, do 17 de xullo, entre o día 30 de setembro e o día seguinte ó do remate do prazo sinalado no artigo 16º.1 da presente orde non poderán presentarse solicitudes de homologación e de inscrición no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Sexta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no ámbito das súas respectivas competencias, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde. Apróbase, así mesmo, a delegación para asina-los convenios que se subscriban para a realización das prácticas non laborais en empresas relativas ós cursos de carácter provincial.

Sétima.-En todo o non disposto na presente disposición será de aplicación o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan FIP, así como a súa normativa de desenvolvemento.

Disposición transitoria

De conformidade co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 424/1996, do 21 de novembro, polo que se regula a Plan Autonómico de Formación de Formadores de Formación Ocupacional, amplíase ata a programación de cursos de formación ocupacional correspondente ó ano 2002 o prazo para entrada en vigor do requisito sinalado no artigo 7 do citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude