Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 21 de novembro de 2000 Páx. 15.518

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de novembro de 2000 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga xeral convocada para os días 22 e 23 de novembro e que se levará á efecto desde as 0 horas do día 22 de novembro ata as 24 horas do día 23 de novembro no ámbito dos centros públicos de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O exercicio do dereito fundamental á educación, así como dos seus corolarios, non se deben ver afectados gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afec

tados, para que, mediante orde, e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios; así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

O dereito á educación é un dereito de carácter social, e polo tanto reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poda levarse a cabo en igualdade de tódolos que se encontran en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro.

Por outra banda, a especial problemática de Galicia, coa maior porcentaxe de alumnos transportados e facendo uso dos comedores escolares ou o bo número de internados da Comunidade Autónoma, non poden quedar paralizados no seu funcionamento como consecuencia do dereito constitucional de folga.

Sinálase, por iso, os servicios mínimos necesarios para manter en funcionamento os comedores escolares a limpeza dos centros e un mínimo de vixilancia e atención para os alumnos que poidan acudir ós centros, xa que a maioría deles son menores de dezaoito anos e moitos deles con idades comprendidas entre os tres e os catorce anos.

Os centros de educación especial necesitan, polas características dos seus alumnos, un maior coidado e asistencia e é por iso polo que é necesaria a asistencia do maior número de persoal, como coidadores, persoal médico, etc.

Convocada a folga que afecta o profesorado que presta os seus servicios nos centros públicos de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que se levará a efecto durante toda a xornada e desde as 0 horas do día 22 de novembro ata as 24 horas do día 23 de novembro de 2000 e cumprido o preceptivo trámite de audiencia ó comité de folga, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta o profesorado que presta os seus servicios nos centros públicos de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, durante a folga que se levará a efecto durante toda a xornada desde as 0 horas do día 22 de novembro ata as 24 horas do día 23 de novembro, entenderase condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-lo necesario exercicio do dereito fundamental á educación.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do derei-

to á folga coa adecuada atención ós usuarios titulares do dito dereito fundamental.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección do centro respectivo; procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mismo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2000.

P.D. (Orde 21-6-1996)

Máximo García Serrano

Secretario xeral da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria

ANEXO

Nos centros públicos de ensino dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-O/A director/a ou un membro do equipo da dirección e un/unha subalterno/a en cada centro escolar.

-O 30% do persoal de comedores e do persoal docente encargado destes, nos centros de educación primaria/centros públicos integrados con servicio de comedor e centros públicos de ensino secundario, se é o caso.

-O 25% do persoal de comedores, limpeza e subalternos/as nas escolas-fogar.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas-fogar, garantindo un mínimo de dúas personas.

-O 30% do persoal de comedores, limpeza e subalternos/as nos centros residenciais docentes.

-O 25% do persoal de limpeza, nos centros de ensino secundario.

-A totalidade do persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.