Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 14 de novembro de 2000 Páx. 15.226

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 7 de novembro de 2000 sobre axudas ós agricultores e gandeiros para os gastos relacionados coa adecuación das explotacións ós métodos de producción ecolóxica.

O Regulamento (CEE) 2092/1991, do Consello, do 24 de xuño, sobre a producción agrícola ecolóxica e a súa indicación nos productos agrarios e agroalimentarios (DOCE L198, do 22 de xullo), estableceu unhas bases comúns para a regulación da agricultura ecolóxica no territorio da Unión Europea.

Con base neste regulamento, e disposicións posteriores que o modifican e complementan, comezou a súa andaina nesta comunidade autónoma a producción agraria ecolóxica, atopándose na actualidade nunha fase de desenvolvemento incipiente, aínda que as súas potencialidades son moi elevadas, dadas as características da estructura productiva agraria de Galicia.

Un dos problemas que ocasiona o desenvolvemento desta actividade son os gastos ós que ten que facer fronte o productor, derivados da transición da producción convencional ós métodos da agricultura ecolóxica. Ademais os agricultores que se acollen a este sistema de producción necesitan pasar, en moitos casos, un período de reconversión previo sen que os seus productos poidan leva-lo indicativo de ecolóxico. Nese período prodúcese unha necesaria desintensificación dos sistemas productivos, que non se ve recompensada cun maior valor da producción, coa conseguinte perda de renda.

Por todo o anterior, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-las axudas que vai concede-la Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ós gastos realizados polos agricultores e gandeiros relacionados coa adaptación das súas explotacións ós métodos de producción ecolóxica.

Artigo 2º.-Gastos subvencionables.

Serán subvencionables tódolos gastos realizados no ano 2000 e antes do prazo de finalización de presentación de solicitudes e, en todo caso, antes do 15 de novembro de 2000, relativos á adaptación das explotacións ós métodos de producción ecolóxicos. Estes gastos inclúen os relacionados cos controis

que se van realizar, análises, labores, gastos de inscrición no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, gastos de xestión administrativa e calquera outro gasto relacionado co obxecto desta orde, excluíndose os impostos recuperables.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas os agricultores e gandeiros inscritos no Rexistro de Operadores en Producción Vexetal ou Animal do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, con alta anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de axuda e, en todo caso, anterior ó 15 de novembro de 2000.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

A axuda consistirá nunha subvención de ata o 100% do gasto subvencionable aprobado.

Artigo 5º.-Tramitación dos expedientes de axuda.

1. Os interesados deberán presentar, preferentemente nos servicios centrais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a seguinte documentación:

a) Instancia de solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, segundo o modelo do anexo que se xunta a esta orde.

b) Breve memoria explicativa dos gastos realizados e a súa relación co obxecto da orde de axudas.

c) Relación dos gastos efectuados e xustificación documental de cada un deles.

d) Declaración xurada sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin.

e) Compromiso de manter durante polo menos 5 anos a explotación baixo os métodos de producción ecolóxica.

f) NIF ou CIF, segundo corresponda.

g) Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario para o pagamento da subvención.

2. O conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no prazo máximo de dous meses

contados desde a publicación da presente orde, resolverá as solicitudes por proposta do director xeral de Industrias e Alimentación en función das dispoñibilidades orzamentarias e das peticións presentadas, tendo en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Calidade dos productos amparados.

-Valor engadido das produccións obtidas.

-Importancia da producción para o desenvolvemento da zona.

-Volume dos gastos presentados.

Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa petición por silencio administrativo.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles desde a data de entrada en vigor da presente orde.

Artigo 7º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estas, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 8º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ó abeiro desta orde, e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos recollidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Gali

cia, na súa redacción dada polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, na súa redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, antes citados.

Artigo 9º.-Compatibilidade.

As axudas concedidas a través da presente orde poderán ser compatibles con calquera outra, sen que, en ningún caso, a contía total das axudas percibidas supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición adicional

O pagamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo ós orzamentos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para o ano 2000, na aplicación orzamentaria 09.04.714A.470.0, dotada inicialmente con 8.000.000 de ptas., así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir no mesmo concepto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria