Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 14 de novembro de 2000 Páx. 15.229

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 270/2000, do 26 de outubro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

Pola Lei 3/1998, do 30 de xuño, constituíuse o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

O devandito colexio, reunido en asemblea constituínte, celebrada o 27 de marzo de 1999, procedeu á aprobación dos seus estatutos, e solicitou da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal emitiu informe favorable sobre a súa adecuación á legalidade.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteseis de outubro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de outubro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais

ANEXO

TÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1º

Os presentes estatutos teñen por obxecto regula-la organización e actuación do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, a teor do establecido nas disposicións legais sobre a súa creación e conforme a lexislación vixente sobre colexios profesionais.

Artigo 2º

Son principios esenciais da súa estructura a igualdade dos seus membros e a democracia na súa organización e funcionamento, o que inclúe a elección democrática dos seus órganos de goberno e a adopción de acordos por maioría.

A vontade do colexio é dota-los fisioterapeutas dunha institución que represente e defenda os seus intereses e que contribúa na sociedade á promoción do dereito á saúde e a unha asistencia sanitaria e, noutros ámbitos, de calidade.

Artigo 3º

1. O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e con plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións. Poderá adquirir a título oneroso ou lucrativo, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigas e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, executar ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recursos en tódalas vías e xurisdiccións.

2. Tralo acordo da Xunta de Goberno correspóndelle ó presidente do colexio o exercicio das facultades establecidas no punto anterior, agás os actos de disposición, para os que se esixirá ademais a ratificación da Asemblea Xeral.

3. A representación legal do colexio, tanto en xuízo coma fóra del, recaerá no seu presidente, quen estará lexitimado para outorgarlles poderes xerais ou especiais a procuradores e avogados ou a calquera clase de mandatario, logo do acordo da xunta.

Artigo 4º

O ámbito territorial do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia será a Comunidade Autónoma de Galicia.

O colexio terá a súa sede na cidade da Coruña e o seu enderezo oficial será na rúa San Agustín, nº 7, 1º, 15001 A Coruña.

Os cambios de domicilio poden ser acordados, por proposta da Xunta de Goberno, pola Asemblea Ordinaria por maioría.

Artigo 5º

O colexio réxese polos presentes estatutos, pola súa lei de creación, pola Lei de colexios profesionais

e por calquera outra lexislación comunitaria, estatal ou autonómica que lle afecte.

Artigo 6º

Nos seus aspectos institucionais e corporativos, o colexio relacionarase coa Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais que ten atribuídas as competencias en materia de colexios. Nos seus aspectos de carácter sectorial e relativos á profesión, deberá relacionarse coa Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que é a que ten atribuídas as competencias en materia sanitaria, e con aquelas consellerías que teñan relación co ámbito profesional.

Artigo 7º

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia relacionarase co Consello Xeral de Colexios Profesionais de Fisioterapeutas de España, de acordo coa lexislación xeral do Estado.

Sen prexuízo do que dispón o punto anterior, o colexio poderá establecer acordos de reciprocidade e cooperación con outros colexios e asociacións, calquera que sexa o seu ámbito territorial.

O colexio poderá establecer cos organismos profesionais estranxeiros ou internacionais as relacións que, dentro do marco da lei, teña por conveniente.

Artigo 8º

De acordo coa disposición adicional primeira do Decreto 161/1997, do 5 de xuño, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia asume as funcións que a lei determina para os consellos de colexios de Galicia.

Artigo 9º

Co fin de asegura-lo funcionamento colexial e de facelo do xeito máis práctico que sexa posible, a Xunta de Goberno pode proporlle á Asemblea que se aprobe un Regulamento de réxime interno.

TÍTULO II

Finalidades e funcións

Artigo 10º

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia asume no seu ámbito territorial tódalas competencias e funcións que a lexislación vixente lle outorga, así como, as que dunha maneira expresa lle pode delega-la Administración co fin de cumpri-los seus obxectivos de cooperación na saúde pública, ordenación do exercicio profesional da fisioterapia e garantía do exercicio ético e da calidade dela.

Neste sentido sinálanse como finalidades esenciais do colexio:

a) Ordenar dentro do marco que establecen as leis e orientar e vixia-lo exercicio da profesión.

b) Colaborar cos poderes públicos na regulamentación das condicións xerais do exercicio da profesión.

c) A representación e defensa dos intereses xerais dos fisioterapeutas e da fisioterapia, en especial das súas relacións con administracións e institucións sanitarias.

d) Promover e vixia-la fisioterapia desde a perspectiva científica, cultural, laboral e social e potencia-la súa integración e relevancia na estructura sanitaria.

Artigo 11º

En especial, correspóndelle ó colexio desenvolver, dentro do seu ámbito de actuación, as seguintes funcións:

A. En relación coa finalidade de representación e defensa dos intereses xerais dos fisioterapeutas e da fisioterapia:

a) Desempeña-la representación e a defensa da profesión ante as administracións públicas e institucións de todo tipo, tribunais, e demais persoas públicas e privadas con lexitimación para seren parte nos litixios que afecten os intereses profesionais.

b) Intervir en tódolos ámbitos de regulación da actividade sanitaria que afecte a fisioterapia e participar nos consellos e órganos consultivos da Administración en materia de saúde e asistencia sanitaria e, en xeral, naqueles que traten temas competencia da profesión.

c) Amparar e defende-los dereitos e o prestixio profesional dos colexiados en xeral ou de calquera dos seus grupos ou individuos en particular, se fosen obxecto de vexación ou menoscabo por motivo da súa actividade profesional.

d) Emitir informe sobre tódalas normas que elabore a Xunta de Galicia no tocante ás condicións do exercicio da fisioterapia en Galicia.

e) Auxiliar e asesora-las autoridades e tribunais emitindo os informes técnicos e profesionais que se lle pidan.

f) Vixiar para que a utilización do nome e o exercicio das técnicas propias da fisioterapia se ateñan a unhas normas reguladoras da profesión e do seu exercicio, impedindo e perseguindo tódolos casos de intrusión profesional. Para ese efecto poderase requiri-lo apoio das autoridades gobernativas e sanitarias e leva-los casos perante os tribunais de xustiza.

g) Establece-las normas orientadoras de honorarios profesionais e contribuír á súa percepción polos procedementos que se establezan.

B. En relación coa finalidade de ordenación, orientación e vixilancia do exercicio profesional:

a) A ordenación do exercicio profesional da fisioterapia no ámbito das súas competencias e de acordo co marco que establezan as leis.

b) Leva-lo censo de profesionais e o rexistro de títulos.

c) Vixiar para que o exercicio profesional responda, tanto no número de profesionais coma na calidade, ás necesidades da sociedade.

d) Velar pola salvagarda e cumprimento dos principios éticos e legais da profesión, elaborando e aprobando un código deontolóxico dela e coidando o seu respecto e efectividade.

e) Exerce-las funcións disciplinarias sancionando os actos dos colexiados que supoñan unha infracción da deontoloxía e das normas colexiais, e executa-las sancións impostas.

f) Velar para que os medios de comunicación social espallen a fisioterapia con base científica contrastada e combater toda propaganda ou publicidade incerta ou enganosa, ou a que con carácter xeral atente contra os dereitos dos consumidores ou usuarios ou contraveña os principios da lei especial.

g) Intervir como mediador e con procedementos de arbitraxe nos conflictos que por motivos profesionais xurdan entre os colexiados.

h) Estudia-los problemas creados pola intrusión profesional.

i) Informa-las industrias relacionadas coa fisioterapia das condicións desexables para o desenvolvemento de novos productos e establecer, se as condicións técnicas o permiten, un control de calidade sobre os materiais ofrecidos.

C. En relación coa finalidade de promoción científica, cultural, laboral e social da profesión:

a) Organizar actividades e servicios comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos, que sexan de interese para os colexiados.

b) Organizar conferencias, congresos, xornadas, publicar revistas, folletos, circulares e en xeral poñer en práctica os medios que se xulguen necesarios para estimula-lo perfeccionamento técnico, científico e humanitario da profesión.

c) Proporciona-los servicios de asesoramento xurídico, laboral, administrativo e fiscal que se crean convenientes.

d) Participar no asesoramento para a elaboración dos plans de estudios.

e) Informa-los profesionais da fisioterapia sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes e manter contacto permanente con eles e prepara-la información precisa para facilita-lo acceso á vida profesional dos colexiados.

D. En relación coa finalidade de fomenta-lo dereito á saúde:

a) Colaborar coas institucións e administracións públicas da Comunidade Autónoma na conservación e promoción do dereito á saúde e dunha asistencia sanitaria de calidade, participando na defensa e tutela dos intereses xerais da colectividade como des

tinataria da actuación profesional dos fisioterapeutas.

b) Contribuír dun xeito continuado ó asesoramento cidadán en temas relacionados coa promoción e a defensa da saúde.

E. Tódalas demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e que estean encamiñadas cara ó cumprimento dos obxectivos colexiais, de acordo cos intereses da sociedade.

Artigo 12º

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia asume como tarefa específica a definición do perfil profesional do fisioterapeuta. Neste sentido e a título de orientación, ó remata-la súa formación de pregrao básica, o diplomado en fisioterapia:

a) Deberá posuí-las aptitudes, habilidades e coñecementos precisos para aplicar técnicas, métodos e procedementos, así como actuar mediante o emprego de medios físicos que curan, prevén, recuperan e adaptan as persoas afectadas de disfuncións somáticas ou as que se desexan manter nun nivel de saúde axeitado; neste sentido será o responsable de establecer e de aplicar técnicas e métodos de fisioterapia, considerando o individuo nunha triple dimensión biolóxica, psicolóxica e social.

Asumirá a responsabilidade da propia aprendizaxe dun xeito continuado, de maneira que poida acceder á especialización, investigación científica, docencia universitaria e responsabilidade organizativa; desempeñará un exercicio profesional perfectamente actualizado.

b) Será capaz de:

1. Prestarlle ó individuo e á sociedade atención fisioterapéutica preventiva, curativa e de reinserción preventiva, tanto na saúde coma na enfermidade, aplicando tódolos medios físicos e técnicas manuais que estean ó seu alcance.

2. Proporcionarlle á poboación educación sanitaria nos distintos ámbitos: familiar, escolar, deportivo, laboral e de lecer.

3. Elaborar plans de atención fisioterapéutica individualizados e integrais, dirixidos á cobertura das necesidades da actividade da vida cotiá.

4. Colaborar cos servicios comprometidos no desenvolvemento da saúde e ser un axente del, incorporando todas aquelas novas técnicas de educación maternal, xeriátrica, escolar e laboral.

5. Participar nos diferentes niveis educativos a través da formación en pregrao, posgrao e continuada do diplomado en fisioterapia.

6. Desenvolver sistemas de control que contribúan á eficacia e eficiencia do sistema sanitario e da atención fisioterapéutica en xeral, así como elaborar informes que se soliciten de acordo coa súa función.

7. Mante-lo seu nivel de competencia a través dunha formación permanente actualizada.

8. Participar dentro do campo profesional no ámbito deportivo en aspectos de asesoramento proxectos e tecnoloxía á sociedade.

9. Ofrecerlle á sociedade técnicas de asesoramento, proxectos e tecnoloxía.

10. Participar en proxectos de investigación nas áreas relacionadas coa fisioterapia ou formando parte de equipos multidisciplinares e transmitirlle os resultados á comunidade científica.

11. Xestionar e participar na xestión de tódolos servicios de fisioterapia en tódolos niveis.

12. Realiza-la súa actividade seguindo en todo momento os principios de ética profesional.

13. Respectar, atender e coida-los pacientes, dedicándolles toda a súa capacidade e esforzo por riba de calquera outro interese.

TÍTULO III

Da colexiación e dos colexiados

Capítulo I

Da colexiación

Artigo 13º

Será requisito indispensable para o exercicio da profesión de fisioterapeuta no ámbito territorial de Galicia, en calquera das súas modalidades, a previa incorporación ó Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia. Os profesionais colexiados noutros colexios profesionais de fisioterapeutas deberán cumpri-los requisitos que se establecen no artigo 21º destes estatutos.

Os fisioterapeutas que non exerzan a profesión poderán incorporarse ó colexio de xeito voluntario sempre que cumpran o resto dos requisitos.

Artigo 14º

Poderán integrarse no Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia:

a) Quen posúa a titulación de diplomado universitario de fisioterapia de acordo coa lexislación vixente sobre a materia.

b) Os profesionais que teñan recoñecida a especialidade en fisioterapia conforme o Decreto do 26 de xullo de 1957, de creación da especialización en fisioterapia.

c) Os profesionais habilitados antes da promulgación do devandito decreto no parágrafo b) para exerce-la fisioterapia.

d) Os estranxeiros poderán incorporarse ó colexio cando cumpran os requisitos para exerce-la profesión en España.

Artigo 15º

A pertenza ó colexio enténdese sen prexuízo dos dereitos de sindicación e asociación.

Artigo 16º

1. Son condicións necesarias para obte-la alta como colexiado:

a) Posuí-la titulación legalmente requirida para o exercicio da profesión de fisioterapeuta en España.

b) Non encontrarse incapacitado nin inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión.

c) Non encontrarse suspendido no exercicio profesional por sanción disciplinaria colexial.

d) Aboa-los correspondentes dereitos ou cotas de incorporación.

e) Xustificación fidedigna da súa identidade.

A condición a) acreditarase mediante a achega do correspondente título profesional orixinal ou do testemuño auténtico del. No caso de tratarse dun título estranxeiro achegarase, ademais, a documentación acreditativa da súa validez en España para os efectos profesionais; de tratarse de súbditos doutros países, cumprirán os demais requisitos legalmente esixidos para o establecemento e traballo dos estranxeiros en España.

A condición b) acreditarase pola declaración do interesado.

A condición c) farase constar, agás que se trate da primeira colexiación, por certificación do colexio de procedencia.

A condición d), mediante o orixinal ou copia auténtica do documento de ingreso na conta do colexio.

A condición e), mediante copia auténtica do DNI ou pasaporte.

Declararanse ou acreditaranse os restantes datos que deban constar no rexistro do colexio.

O solicitante fará constar, se se propón exerce-la profesión, o lugar en que o vai facer e a modalidade do exercicio.

2. A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de colexiación, que se presentarán por escrito segundo o modelo aprobado, no prazo dun mes, podendo denegalas unicamente cando non se cumpran as condicións fixadas no parágrafo anterior. A resolución poderá deixarse en suspenso para arranxa-las comprobacións que sexan procedentes co fin de verifica-la súa lexitimidade e suficiencia.

Artigo 17º

1. A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se dean completado ou arranxado no prazo sinalado para ese efecto, ou cando o solicitante falsee os datos ou documentos precisos para a colexiación.

b) Cando o peticionario no acredite ter satisfeito as cotas de colexiación no seu colexio de orixe.

c) Cando sufrise algunha condena por sentencia firme que o inhabilite para o exercicio da súa profesión.

d) Por expulsión decretada en resolución da xurisdicción disciplinaria declarada firme.

2. Se no prazo previsto a Xunta Directiva acordase denega-la colexiación pretendida, comunicarallo ó interesado sinalando a data do acordo de denegación, os fundamentos do mesmo e os recursos dos que é susceptible.

3. No termo do mes seguinte á recepción da notificación do acordo denegatorio, o interesado poderá formular un recurso de reposición perante a Xunta de Goberno do colexio. Contra o acordo denegatorio definitivo desta, o interesado poderá acudir á vía contencioso-administrativa.

Artigo 18º

1. A condición de colexiado perderase polas causas seguintes:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Por separación ou expulsión do colexio acordada en expediente disciplinario.

d) Admisión da baixa voluntaria xustificada por cesamento da actividade profesional.

e) Non ter aboado o importe dos dereitos correspondentes a un ano de colexiación.

2. Para que a baixa forzosa por incumprimento das obrigas económicas sexa efectiva, cumprirá a instrucción dun expediente sumario que comportará un requirimento escrito dirixido ó afectado para que dentro do prazo dun mes se poña ó corrente dos descubertos. Transcorrido ese prazo sen cumprimento tomarase o acordo de baixa, que se lle deberá notificar de forma expresa ó interesado.

3. A perda da condición de colexiado non liberará do cumprimento das obrigacións vencidas.

Artigo 19º

Os colexiados poderán figurar inscritos como:

a) Exercentes: son aquelas persoas naturais que reunindo tódalas condicións esixidas obteñan a incorporación ó colexio e exerzan a profesión de fisioterapeuta.

b) Non exercentes: as persoas naturais que tras obte-la incorporación ó colexio, non exerzan a profesión.

c) Colexiados honorarios: os fisioterapeutas xubilados voluntaria ou forzosamente e que acrediten non ser altas no Imposto de Actividades Económicas; os declarados en incapacidade total para o exercicio da profesión, en invalidez permanente para todo tipo de traballo ou gran invalidez. Estes colexiados estarán exentos do pagamento das cotas colexiais.

d) Colexiados de honra: aquelas persoas naturais ou xurídicas que realizasen un labor relevante e meritorio a prol da profesión. Esta categoría será puramente honorífica e acordada pola Asemblea Xeral.

Artigo 20º

1. Os fisioterapeutas incorporados ó colexio poderán actuar profesionalmente:

a) Como profesional libre de forma independente ou asociado con outro ou con outros fisioterapeutas ou profesionais.

b) Como profesional asalariado de empresas ou doutro ou doutros profesionais.

c) Como funcionario contratado de calquera administración pública e dos seus organismos dependentes.

d) En calquera outra forma en que se poida exerce-la fisioterapia.

2. O fisioterapeuta deberá comunicarlle ó colexio, cando solicite a incorporación e sempre que se produzan variacións, a forma ou formas de actuación profesional que desenvolva.

Capítulo II

Dereitos e deberes dos profesionais

Artigo 21º

1. Os fisioterapeutas colexiados noutro colexio profesional de fisioterapeutas que pretendan exerce-la profesión no ámbito territorial de Galicia estarán obrigados a comunicarlle -a través do colexio ó que pertenzan- ó Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia as actuacións que vaian realizar na súa demarcación, co fin de quedaren suxeitos ás competencias de ordenación, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

2. Se os devanditos fisioterapeutas fixan en Galicia o seu domicilio único ou principal, deberán incorporarse ó Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

Artigo 22º

Son dereitos dos fisioterapeutas colexiados:

a) Exerce-la fisioterapia segundo os criterios deontolóxicos e profesionais recoñecidos.

b) Participar no goberno do colexio formando parte das asembleas e exercendo o dereito de solicita-la súa convocatoria, de formular no seu seo propostas, emendas, mocións de censura e rogos e preguntas, e de elixir e ser elixido para os cargos directivos, todo nas formas e condicións previstas neste estatuto.

c) Utiliza-las dependencias colexiais tal e como se regule e beneficiarse do asesoramento dos servicios, dos programas e outras vantaxes que o colexio poña ó seu dispor.

d) Ser asesorado ou defendido polo colexio en tódalas cuestións que poidan xurdir relativas ós seus dereitos e intereses lexítimos consecuencia dun recto

exercicio profesional. A Xunta de Goberno decidirá os asuntos en que os custos e os gastos que o procedemento ocasione sexan asumidos polo colexio.

e) Dirixirse ós órganos do colexio formulando suxestións, propostas, peticións e queixas.

f) Acceder á documentación e ós asentos oficias do colexio, obter certificacións dos documentos e actos colexiais que os afecten persoalmente e recibir información sobre temas de interese relacionados coa fisioterapia.

g) Pertencer ós programas de previsión e protección social que poidan establecerse.

h) Exerce-lo dereito de recurso contra acordos e resolucións dos órganos colexiais.

i) Afirma-la súa condición de colexiado e dispoñer de carné.

j) O colexio velará pola protección dos datos que posúe sobre os colexiados segundo o establecido e determinado nas leis, en concreto na Lei de protección dos dereitos fundamentais da persoa e da súa intimidade.

k) Calquera outro dereito que estea recoñecido pola lei ou sexa establecido polos órganos colexiais.

Artigo 23º

Son deberes dos fisioterapeutas colexiados:

a) Cumpri-las prescricións contidas nos presentes estatutos, nos regulamentos que os desenvolvan e nos acordos que adopte o colexio.

b) Pagar nos prazos establecidos as cotas e dereitos tanto ordinarios coma extraordinarios que fosen aprobados polo colexio para o seu sostemento.

c) Observa-la deontoloxía da profesión.

d) Mante-lo colexio informado dos cambios nos seus datos persoais e profesionais.

e) Comunicarlle ó colexio calquera acto de intrusión ou actuación profesional irregular.

f) Observar co colexio a disciplina axeitada e entre os colexiados os deberes de harmonía profesional evitando a competencia ilícita.

g) Poñer no coñecemento do colexio os feitos e as circunstancias que poidan incidir na vida colexial ou no exercicio da fisioterapia.

h) Exercer fielmente os cargos oficiais para os que sexan elixidos.

i) Participar nas asembleas xerais do colexio, salvando causas inevitables.

j) A publicidade está permitida, pero suxeita ás restriccións que seguen: haberá que cinguirse ó disposto na normativa reguladora dela, cinguirse á dignidade da profesión, ser veraz e responder a uns coñecementos, experiencia e reputación demostrados; estar visada polo colexio e prohíbese a comparación directa ou indirecta con outros profesionais.

Artigo 24º

Ademais das prohibicións que poidan recollerse nas normas deontolóxicas de rigoroso cumprimento, e do establecido nestes estatutos, todo colexiado absterase de:

a) Tolerar ou encubrir, baixo calquera forma, a quen sen título pertinente exerza a fisioterapia.

b) Prestarse a impartir, figurar, fomentar ou participar en cursos de formación ou noutros métodos, calquera que sexan, que induzan á intrusión profesional.

c) Prestarse a que o propio nome figure como director, asesor ou traballador de centros de curación ou de empresas relacionadas coa fisioterapia, que non dirixan, asesoren ou presten servicios persoalmente ou que non se axusten ás leis vixentes e ós presentes estatutos ou que violen as normas deontolóxicas.

d) Desvia-los pacientes das consultas públicas de calquera índole para a consulta particular con fins interesados.

TÍTULO IV

Dos órganos de goberno

Capítulo I

A Asemblea Xeral

Artigo 25º

A Asemblea Xeral é o órgano soberano do colexio e como tal, o máximo órgano de expresión da vontade colexial. Rexerase polos principios de participación directa, igual e democrática de tódolos colexiados asistentes. Nas asembleas xerais poden participar tódolos colexiados que estean en plenitude de dereitos.

Artigo 26º

As asembleas poderán ser ordinarias ou extraordinarias. A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario unha vez por ano, no mes de decembro. Incluirá na orde do día a lectura, debate e aprobación do plan de actividades, liquidación do orzamento vencido, orzamento para o ano seguinte e presentación da memoria. A asemblea anual ordinaria celebrarase na sede do colexio ou noutro lugar, sendo facultade da Xunta de Goberno sinala-lo lugar, o día e a hora da celebración.

A asemblea xeral extraordinaria celebrarase por iniciativa da Xunta de Goberno ou dun vinte por cento dos colexiados e terá unha orde do día concreta. A súa convocatoria non se producirá excedendo o prazo dun mes nin menos de cinco días, contando a partir da data da súa solicitude, sendo facultade da Xunta de Goberno sinala-lo lugar, o día e a hora da celebración.

Artigo 27º

1. As convocatorias das asembleas xerais ordinarias serán comunicadas por escrito, con notificación

individual a cada colexiado, con trinta días naturais de anticipación como mínimo respecto á data da celebración, especificando o día, a hora, o lugar e a orde do día. Os colexiados poderán consultar na secretaría do colexio os antecedentes dos asuntos que se vaian tratar. Deberá achegarse unha copia das propostas que teñan por obxecto a modificación deste estatuto para que poidan ser sometidas á votación na asemblea á que se refira a convocatoria.

2. Ata quince días antes da celebración das asembleas, os colexiados poderán presenta-las propostas que desexen someter a deliberación e acordo, se ben unicamente será obrigatorio para a Xunta de Goberno incluír na orde do día as que veñan avaladas por un cinco por cento do censo de colexiados.

Artigo 28º

1. As asembleas xerais serán dirixidas polo presidente do colexio acompañado polo resto dos membros da Xunta de Goberno. Actuará de secretario quen o sexa do colexio, encargado de levanta-la acta da sesión.

2. As asembleas xerais quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando participen a maioría dos colexiados. Quedará validamente constituída en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes.

3. Nas asembleas soamente se poderán tomar acordos sobre aqueles asuntos que fosen fixados na orde do día, que non pode ser modificada. Terán dereito a voz e a voto os colexiados que se encontran presentes na asemblea, a non ser que estean suspendidos dos seus dereitos.

Artigo 29º

1. A Asemblea procederá a debate-los asuntos que figuren na orde do día. A mesa poderá propoñerlle á Asemblea Xeral a modificación da orde de discusión dos asuntos incluídos na orde do día; ela decidirá se procede trala votación pertinente.

2. Na discusión dos asuntos estableceranse quendas a favor e en contra que se consumirán alternativamente, sen que poidan empregarse máis de cinco minutos en cada intervención. Os colexiados que desexen consumir quenda comunicaranllo á Presidencia antes do debate de cada asunto. Finalizadas as intervencións, procederase á votación.

3. Poderá concederse o uso da palabra, e por unha soa vez, por alusións e aclaracións logo de consumidas as quendas e antes da votación.

4. As emendas, adicións e propostas incidentais teñen que discutirse con preferencia á proposición obxecto de debate, comezando polas emendas á totalidade. Se a mesa non as asume votarase en primeiro termo a súa consideración cunha quenda previa a favor e outra en contra.

5. Os membros da Xunta de Goberno e os compoñentes das comisións nomeadas para algunha finalidade específica a quen se lles discuta a súa xestión, así como os colexiados cunha conducta que afecte

as proposicións sometidas á deliberación da Asemblea, poderán facer uso da palabra con carácter preferente sen consumir quenda. Tampouco consumirán quenda os autores da proposta que estea a ser discutida.

Artigo 30º

As votacións poden ser:

a) Ordinarias, como norma xeral.

b) Secretas, no caso de solicitude da cuarta parte dos colexiados presentes, e sempre que algún membro o solicite en casos de asuntos que afecten a imaxe do colexio ou a dignidade profesional dalgún colexiado, nos casos de moción de censura ou confianza e, en xeral, naqueles asuntos nos que puidese verse condicionada a liberdade na emisión do voto.

c) Nominais, se así o solicitan a terceira parte dos colexiados presentes.

Artigo 31º

1. Os acordos serán adoptados como norma xeral por maioría de votos favorables respecto dos votos en contra.

2. Non obstante precisaranse os quórums cualificados que de seguido se expresan nas materias que se sinalan:

a) Maioría absoluta dos colexiados inscritos para aproba-las propostas de fusión, absorción, segregación e disolución do colexio.

b) Maioría de votos favorables que representen máis do 50% dos votos emitidos para a modificación deste estatuto e para a aprobación de moción de censura revogatoria ou a retirada da confianza.

c) Os demais que se teñan en conta para asuntos específicos nos regulamentos que desenvolvan estes estatutos.

3. Os acordos tomados en asemblea xeral serán obrigatorios para tódolos membros do colexio, mesmo para os ausentes, os disidentes e os que se abstivesen sen prexuízo dos recursos procedentes.

Artigo 32º

Son competencia da Asemblea Xeral:

a) Aproba-lo estatuto do colexio, os regulamentos e a normativa xeral de cumprimento obrigado.

b) Coñecer e aprobar se procede a memoria anual de resumo da súa actuación presentada pola Xunta de Goberno.

c) Aproba-la liquidación do orzamento vencido e o balance e a conta de resultados da corporación.

d) Aproba-los orzamentos e o programa de actuación.

e) Autoriza-los actos de adquisición e disposición e gravame dos bens inmobles e de dereitos reais constituídos sobre eles.

f) Coñecer e controla-la xestión da Xunta de Goberno demandando informes e adoptando, se é o caso,

as mocións pertinentes, mesmo a de censura con carácter revogatorio consonte o previsto no artigo seguinte, así como resolver sobre mocións de confianza.

g) O establecemento de acordos ou convenios que vinculen o colexio por un período maior có de exercicio da xunta que os propoña.

h) A fixación das contribucións económicas extraordinarias.

i) Discutir e votar calquera asunto incluído na orde do día correspondente.

j) Aproba-las propostas de fusión, absorción, segregación e disolución do colexio.

k) Nomear colexiados de honra.

l) Coñecer dos rogos, preguntas e propostas sometidos á súa consideración.

m) A elección dos cargos directivos que deban ser substituídos por producirse unha vacante.

Artigo 33º

1. A moción de censura contra a Xunta de Goberno soamente se poderá presentar nunha Asemblea Xeral convocada para ese efecto. Teñen lexitimación para presentar moción de censura o 20% dos colexiados.

2. Os que presentasen unha moción de censura non poderán formular ningunha outra contra a mesma xunta de goberno no prazo dun ano.

3. A aprobación dunha moción de censura contra a Xunta de Goberno comportará a convocatoria de eleccións no prazo de dez días.

4. A Xunta de Goberno poderá someter á Asemblea Xeral moción de confianza para a ratificación da súa xestión e/ou programa de goberno; a súa tramitación, formulación e efectos axustaranse ó previsto para a moción de censura.

Artigo 34º

Das xuntanzas da Asemblea Xeral levantarase acta que quedará rexistrada nun libro para ese efecto, asinada polo presidente e polo secretario. A acta da asemblea será aprobada pola mesma asemblea e terá forza executiva ou ben elixiranse tres compromisarios pola asemblea que aprobarán a devandita acta.

Capítulo II

A Xunta de Goberno

Artigo 35º

A Xunta de Goberno ten encomendadas a dirección e a administración do colexio e constitúe o órgano executivo del con respecto ós acordos da Asemblea Xeral, ós preceptos contidos nestes estatutos e ó regulamento que se dicte, e con respecto ó resto das normas e acordos que regulen o réxime colexial.

Artigo 36º

A Xunta de Goberno ten carácter colexiado e estará integrada polo presidente, vicepresidente (o presi

dente e o vicepresidente serán de distintas provincias galegas), secretario, tesoureiro e vocais nun mínimo de catro e un máximo de oito, habendo como mínimo un vocal de cada provincia de Galicia. Cando resulte necesario para axiliza-lo labor do colexio, a Xunta de Goberno poderá acorda-la constitución dunha xunta permanente formada polo presidente, vicepresidente, secretario e tesoureiro. A Xunta de Goberno poderá nomear asesores coordinadores para o exercicio das funcións de información, asesoramento, enlace e coordinación das distintas comisións e grupos de traballo.

Artigo 37º

As funcións da Xunta de Goberno son as seguintes:

a) Cumprir e facer cumpri-los acordos da Asemblea Xeral, os estatutos, regulamentos e lexislación vixente que afecte o colexio.

b) Xestión e administración do colexio e dos seus intereses.

c) Decidir sobre as solicitudes de colexiación e sobre as baixas de colexiados.

d) Fixación do importe dos dereitos de incorporación e das cotas ordinarias de percepción periódica.

e) A representación do colexio nos ámbitos da súa actividade.

f) A elaboración do orzamento e do programa de actuación.

g) A tramitación e resolución dos expedientes disciplinarios e a aplicación das sancións.

h) Crear e reestructura-las comisións e grupos de traballo necesarios para o mellor cumprimento das funcións colexiais e para o estudio, control ou promoción de aspectos e trámites referidos á súa celebración.

i) A preparación dos asuntos que se teñan que tratar na asemblea e o coidado de tódolos aspectos e trámites referidos á súa celebración.

j) Fixa-la data de celebración das asembleas ordinarias e extraordinarias.

k) Cantas funcións non indicadas deriven destes estatutos ou sexan funcións propias do colexio e non estean expresamente atribuídas á asemblea.

Artigo 38º

A Xunta de Goberno celebrará sesión bimensual e tantas veces como o decida o presidente ou sexa solicitado por tres dos seus membros. As convocatorias faranse por escrito a través da secretaría, por mandado do presidente, cunha anticipación mínima de cinco días, e acompañadas pola orde do día correspondente. É obrigatoria a asistencia de tódolos membros. A falta de asistencia non xustificada a dúas sesións consecutivas ou catro non consecutivas estimarase como renuncia ó cargo. As sesións da Xunta de Goberno celebraranse nas dependencias do colexio.

Artigo 39º

A Xunta de Goberno quedará validamente constituída coa asistencia da metade máis un dos membros, entre os que terán que encontrarse polo menos o presidente ou vicepresidente e o secretario. Os acordos tomaranse por maioría dos asistentes, e no caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente. Os acordos da xunta consignaranse nas oportunas actas por orde de datas no libro que se disporá para ese efecto.

Artigo 40º

A duración dos cargos será de catro anos, podendo ser reelixidos para ocupa-lo mesmo cargo unha vez como máximo. Se algún dos compoñentes da Xunta de Goberno agás o presidente cesa por calquera causa, a mesma xunta designará o substituto con carácter de interinidade, ata que se verifique a primeira elección regulamentaria. A baixa do presidente ha de ser cuberta polo vicepresidente e comporta o nomeamento dun substituto deste entre os membros da Xunta de Goberno. De producirse a vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno ou do presidente e do vicepresidente ó mesmo tempo, convocaranse eleccións no prazo dun mes.

Artigo 41º

O presidente da Xunta de Goberno ten especialmente atribuídas as seguintes funcións:

a) A representación legal do colexio para tódolos efectos e a representación do colexio en tódalas relacións que manteña cos poderes públicos, entidades, corporacións de calquera tipo e persoas físicas ou xurídicas.

b) Leva-la dirección do colexio e decidir en casos urxentes que non sexan competencia da asemblea, coa obriga de manter informada a Xunta de Goberno sobre as súas decisións na primeira xuntanza que se celebre.

c) Visa-las certificacións que expida o secretario.

d) Subscribir e outorgar contratos, documentos e convenios de interese para o colexio.

e) É depositario da sinatura e do selo de colexio.

f) Autorizar coa súa sinatura todo tipo de documentos en relación co parágrafo a) do presente artigo.

g) Convoca-las xuntanzas da Xunta de Goberno e as asembleas xerais tanto ordinarias como extraordinarias.

h) Contratar e executar todo tipo de actos e documentos propios da xestión e da administración colexiais, incluídos os que sexan propios do terreo económico bancario e financeiro, se ben a mobilización de fondos hase facer conxuntamente co tesoureiro.

i) Coordina-lo labor de tódolos membros da Xunta de Goberno.

Artigo 42º

O vicepresidente colaborará co presidente no exercicio das súas funcións e exercerá todas aquelas

funcións específicas que lle sexan asignadas por este ou pola Xunta de Goberno e que resulten de interese para o Colexio de Fisioterapeutas de Galicia.

Artigo 43º

Son funcións do secretario:

a) Leva-los libros necesarios para consegui-lo mellor e máis ordenado funcionamento dos servicios do colexio. Será obrigatoria a existencia de libros de actas da asemblea xeral e da xunta de goberno, e de Rexistro de Entrada e Saída de Documentos.

b) Levanta-la acta das xuntanzas dos órganos do colexio e verificar coa súa sinatura a do presidente ou vicepresidente, expedir certificacións e testemuños; é depositario e responsable da documentación colexial.

c) Redacta-la memoria anual.

d) Coida-la organización administrativa e laboral das oficinas do colexio; garanti-lo seu funcionamento e o cumprimento das obrigas legais relacionadas.

e) Controla-la tramitación dos expedientes dos colexiados e ter permanentemente actualizado o rexistro deles.

f) Redactar e envia-los oficios de convocatoria para tódolos actos do colexio.

g) Facer cumpri-los acordos adoptados pola Xunta de Goberno.

h) Ten asignada a custodia dos períodos electorais durante os que dá fe da recepción e tramitación da documentación; é depositario dos votos recibidos por correo e vela polo cumprimento dos requisitos electorais.

Artigo 44º

Son funcións do tesoureiro:

a) Recadar, vixiar e administra-los fondos do colexio e leva-la contabilidade.

b) Efectua-los pagamentos ordenados pola Xunta de Goberno e asina-los documentos para o movemento dos fondos do colexio, conxuntamente co presidente ou vicepresidente.

c) Face-lo balance e a conta de resultados do exercicio, liquidando o orzamento vencido, e formula-lo orzamento de ingresos e gastos; todo isto, para sometelo á aprobación da Asemblea Xeral.

d) Levar ou supervisa-los libros de contabilidade que sexan necesarios.

e) Realiza-lo balance de situación tantas veces como o requira o presidente ou a Xunta de Goberno.

f) Mante-la Xunta de Goberno informada sobre o estado financeiro do colexio.

Artigo 45º

Serán funcións dos vocais:

a) Auxilia-los titulares dos outros cargos da Xunta de Goberno e substituílos nas súas ausencias.

b) Levar a cabo as tarefas que lles confíe o presidente da Xunta de Goberno ou a propia xunta.

Artigo 46º

O exercicio dos cargos do colexio é gratuíto, se ben poden ser reembolsados os gatos que comporta o exercicio do devandito cargo.

Capítulo III

Eleccións á Xunta de Goberno

Artigo 47º

Terán dereito a ser elixidos tódolos colexiados que leven ó corrente as súas obrigas colexiais, agás os afectados por unha sanción que comporte a suspensión de actividades colexiais en xeral ou a limitación dos seus dereitos. Os colexiados non exercentes non poderán ser candidatos para o cargo de presidente.

Artigo 48º

Soamente poderán concorrer ás eleccións as candidaturas completas nas que estean tódolos membros da xunta por elixir. As candidaturas deberán formarse indicando o cargo ó que opta cada candidato, quen deberán asina-la súa aceptación de formar parte dela. Ninguén poderá presentarse como candidato a máis dun cargo ou candidatura.

Artigo 49º

A convocatoria de eleccións deberá ser efectuada pola Xunta de Goberno cun mínimo de trinta días de anticipación respecto á data da celebración; farase pública ó mesmo tempo a lista de colexiados con dereito a voto. Os colexiados que desexen formular algunha reclamación contra as listas de electores deberán formalizala no prazo de cinco días tras ser expostas. Estas reclamacións deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno dentro dos tres días seguintes ó da expiración do prazo para formulalas, e a resolución deberá serlle notificada a cada reclamante dentro dos dez días seguintes. As candidaturas deberán presentarse na secretaría do colexio, debidamente asinadas por tódolos seus membros e con expresión do seu lugar de residencia (declaración xurada ou certificado) dentro dos oito días seguintes a aquel en que se faga pública a convocatoria; unha vez transcorridos eses oito días, a Xunta de Goberno deberá facer pública a relación de candidaturas dentro dos cinco días seguintes, e a

partir dese día poderá emitirse o voto por correo. A secretaría do colexio confeccionará unha relación coa copia literal das candidaturas presentadas, e remitirállelas ós colexiados coa papeleta de voto correspondente e cos sobres e instruccións para a emisión do voto por correo. No caso de presentación dunha candidatura única procederase igualmente á votación. O candidato a presidente por cada candidatura poderá presentar brevemente as circunstancias dos candidatos mailo programa da súa candidatura nun acto convocado para o efecto.

Artigo 50º

No día fixado para as eleccións, constituirase nos locais e á hora da convocatoria unha mesa electoral

que será a que dirixa a votación e as súas circunstancias. A mesa estará formada por tres persoas, non podendo ser candidata ningunha delas. O fisioterapeuta de máis idade será o presidente e os dous de menos idade serán secretario e vocal. Cada candidatura poderá designar entre os colexiados un interventor que a represente nas operacións electorais.

Os colexiados votarán no lugar e local designados para ese efecto. Na mesa electoral encontrarase a urna, que terá que ofrecer garantías abondas. Constituída a mesa electoral, o seu presidente indicará o inicio da votación, e á hora prevista para rematar, pecharanse as portas da sala e soamente poderán votar aqueles que se encontren dentro dela.

De seguido, e trala comprobación pertinente, introduciranse dentro da urna os votos que chegasen por correo certificado cos requisitos establecidos. A Xunta de Goberno determinará o horario da elección, que terá unha duración mínima de oito horas.

Os electores votarán utilizando exclusivamente unha papeleta. Trala identificación do elector, entregaráselle a papeleta ó presidente, que a depositará na urna en presencia do votante. O secretario da mesa sinalará na lista de colexiados os que vaian depositando o seu voto.

Os electores que non voten persoalmente poderán facelo por correo certificado remitíndollo á secretaría do colexio. O sobre certificado ha de conter unha fotocopia do DNI do elector acompañada pola solicitude de voto por correo, con sinatura manuscrita lexible, ademais dun sobre branco pechado que conteña a papeleta de voto ou que faga constar, mecanografada, a candidatura escollida coa relación de tódolos seus membros e cargos.

Para que os votos por correo sexan válidos, terán que reuni-los devanditos requisitos e recibirse na secretaría do colexio con dous días de anticipación respecto á votación.

Artigo 51º

Rematada a votación, procederase ó escrutinio. Serán declaradas nulas aquelas papeletas que conteñan expresións alleas ó escrutinio contido da votación ou borróns que imposibiliten a perfecta identificación da vontade do elector e aquelas que nomeen máis dunha candidatura ou unha candidatura incompleta. Rematado o escrutinio levantarase a acta do resultado, que será asinada polos interventores e por tódolos membros da mesa, e que o presidente fará pública.

Os membros elixidos da Xunta de Goberno tomarán posesión dos cargos nun prazo máximo de quince días desde a data da elección. Os nomeamentos seranlles comunicados ó departamento correspondente da Xunta de Galicia e ás instancias que correspondan dentro do prazo establecido no artigo 7.6º da Lei de colexios profesionais.

TÍTULO V

Do réxime económico

Artigo 52º

O colexio ten capacidade para a titularidade, xestión e administración de bens e dereitos pertinentes para o cumprimento das súas finalidades. A actividade económica realizarase de acordo co procedemento orzamentario.

Artigo 53º

Os recursos do colexio están constituídos por:

1. Recursos ordinarios:

a) As cotas e os dereitos de incorporación fixados pola Xunta de Goberno.

b) As cotas ordinarias periódicas que fixe a xunta.

c) Os dereitos e as taxas que eventualmente fixe a xunta polos servicios colexiais.

d) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúen o patrimonio colexial.

e) Calquera outro legalmente posible de características similares.

2. Recursos extraordinarios:

a) As contribucións ou achegas extraordinarias aprobadas pola asemblea.

b) As subvencións ou doazóns de calquera tipo de procedencia pública ou privada.

c) En xeral, os incrementos patrimoniais lexitimamente adquiridos.

Artigo 54º

A Xunta de Goberno presentará anualmente para a súa aprobación na asemblea xeral:

a) A liquidación do orzamento do exercicio anterior.

b) O orzamento para o exercicio seguinte. Unha vez aprobado, o orzamento soamente pode ser aumentado ou diminuído por circunstancias excepcionais, por acordo da asemblea extraordinaria convocada para ese efecto.

Artigo 55º

No caso de disolución ou reestructuración que afecte o patrimonio do colexio, este destinarase en primeiro lugar a cubri-lo pasivo. O activo restante adxudicarase coas cautelas que se establezan ó organismo ou organismos que os substitúan. De non darse esta circunstancia, o activo restante adxudicarase entre os colexiados que teñan, como mínimo, un ano de antigüidade e proporcionalmente ós anos que leven como colexiados. En todo caso, a asemblea xeral extraordinaria poderá facer outro tipo de liquidación do activo restante despois de cubri-lo pasivo.

TÍTULO VI

Do réxime disciplinario

Artigo 56º

O colexio ten xurisdicción disciplinaria para sanciona-las faltas cometidas polos profesionais no exercicio da súa profesión ou actividade colexial.

Artigo 57º

As faltas cualificaranse como leves, graves e moi graves.

Son faltas leves:

a) A desatención dos requirimentos colexiais e a falta de comunicación ó colexio das modificacións nos datos persoais e profesionais da persoa colexiada.

b) A realización de actos desconsiderados cara ós compañeiros, ó colexio e ós seus órganos rectores.

c) O incumprimento das instruccións colexiais debidamente aprobadas e xustificadas por interese xeral.

d) A emisión de publicidade sen visto e prace do colexio (dentro do prazo de sete días desde a súa publicación).

Son faltas graves:

a) A reiteración na comisión de faltas leves.

b) As accións de incumprimento dos estatutos e doutras normas colexiais, así como a vulneración dos deberes profesionais e principios deontolóxicos da profesión, sen animosidade.

c) A realización de actos profesionais manifestamente incorrectos polos que resulte prexudicado o paciente.

d) Cometer actos de desconsideración deliberada contra compañeiros, contra o colexio ou os seus xestores.

e) A falta de pagamento correspondente a un período que non exceda o ano de cota do colexio.

Son faltas moi graves:

a) O encubrimento ou promoción da intrusión profesional en calquera das súas facetas.

b) A realización de actos profesionais que sexan motivo dun veredicto xudicial e nos que se aprecie dolo ou engano.

c) O incumprimento dos estatutos e doutras normas colexiais e dos principios que inspiran a profesión, de forma deliberada e con dolo.

d) A falta de pagamento de máis duna no de cota do colexio. Este feito é motivo de expulsión sempre que o moroso fose debidamente requirido.

Artigo 58º

A imposición de calquera sanción disciplinaria esixe a formación e tramitación previa do expediente correspondente.

Forma do expediente: o expediente debe axustarse ás seguintes normas:

a) O procedemento iniciarase por acordo da Xunta de Goberno, sexa por iniciativa propia ou como consecuencia dunha denuncia formulada por calquera colexiado, persoa ou entidade pública ou privada. A Xunta de Goberno, cando reciba unha denuncia ou teña coñecemento dunha suposta infracción,

poderá acorda-la instrucción de información reservada antes de decidi-la incoación do expediente ou, se procede, que se arquiven as actuacións sen recurso ulterior. Tódalas actuacións relativas á tramitación do expediente irán a cargo do instructor, que será nomeado pola Xunta de Goberno entre os colexiados. A incoación do expediente, así como o nomeamento do instructor, seranlle notificados ó colexiado suxeito do expediente.

b) Correspóndelle ó instructor practicar tódalas probas e actuacións que leven ó esclarecemento dos feitos. Á vista das actuacións practicadas, formularase un prego de cargos en que se exporán os feitos imputados, ou ben a proposta de sobresemento e arquivo do expediente.

c) O prego de cargos seralle notificado ó interesado; concederáselle un prazo de quince días para poder formular alegacións e achegar e propor tódalas probas das que se intente valer.

d) O instructor, transcorrido o prazo, formulará a proposta de resolución, que lle será notificada ó interesado para que nun prazo de quince días poida alegar todo canto considere na súa defensa. Durante este período notificaránselle as actuacións practicadas.

e) A proposta de resolución con toda a actuación será elevada á Xunta de Goberno e esta dictará a resolución axeitada.

f) As resolucións de sanción conterán a relación dos feitos probados, a determinación das faltas constatadas, a cualificación da súa gravidade e a sanción imposta. A relación de feitos ha de ser congruente co prego de cargos formulados no expediente.

Artigo 59º

As sancións que se poden impoñer son:

a) Por faltas leves: amoestación verbal, represión privada e amoestación escrita.

b) Por faltas graves: amoestación por escrito con advertencia de suspensión, suspensión da condición de colexiado e do exercicio profesional durante un prazo non superior a tres meses e suspensión para o exercicio de cargos colexiais na xunta de goberno durante un prazo non superior a cinco anos.

c) Por faltas moi graves: suspensión da condición de colexiado e do exercicio profesional por un prazo superior a tres meses e non superior a un ano; inhabilitación permanente para o exercicio de cargos colexiais directivos e expulsión do colexio con privación da condición de colexiado.

Artigo 60º

O período de prescrición das faltas será de seis meses para as leves, de dous anos para as graves e de catro anos para as moi graves, interrompéndose a prescrición polo inicio do procedemento disciplinario.

Artigo 61º

O sancionado poderá solicitarlle á Xunta de Goberno a súa rehabilitación coas conseguintes cance

lacións da nota no seu expediente. Esta petición poderá realizarse no prazo de tres meses se a falta é leve; no prazo dun ano se a falta é grave; no prazo de dous anos se a falta é moi grave; e se resultase expulsado, no prazo de sete anos, dende a data de inicio do cumprimento da sanción.

TÍTULO VII

Do réxime xurídico

Artigo 62º

En todo o non previsto especificamente nestes estatutos aplicarase a Lei 30/1992, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo, e todas aquelas normas xurídicas vixentes e aplicables ó caso ou suposto concreto.