Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 13 de novembro de 2000 Páx. 15.192

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2000 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico de Pena Grande. (Expediente 030-EOL).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Made Energía Renovables, S.A. (actualmente Endesa Cogeneración e Renovables), con enderezo para efectos de notificacións na rúa do Castiñeiriño, 12-3º A, CP 15702, Santiago de Compostela, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Pena Grande, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 23 de marzo de 1999, Jerónimo Llompart Homs, en nome e representación de Made Energías Renovables, S.A., solicitou a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, do parque eólico denominado Pena Grande, de 17,82 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, polo Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-A delegación provincial desta consellería en Lugo someteu a información pública o proxecto coas características fundamentais da instalación e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados por Resolución do 18 de maio de 1999, para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa mencionado, 2619/1966, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e Decreto 205/1995 citado. A resolución publicouse nos seguintes medios: DOG do 4 de xuño, BOP de Lugo do 5 de xuño, en El Progreso do 10 de xuño e La Voz de Galicia do 8 de xuño de 1999 e no taboleiro de anuncios do Concello de Muras e deuse coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

Manuel Gómez Vázquez propietario da parcela Tras da Pena Bella solicita ser incluído na relación de afectados polo citado parque.

Manuel Gómez Vázquez e irmáns respecto da parcela nº12 manifestan que na relación de afectados a citada parcela está erroneamente a nome de Elvira Serante Calvo.

Estela Álvarez Álvarez manifesta que a parcela nº 37 denominada Chao do Outeiro está afectada polo citado parque, non sendo notificada.

Terceiro.-O 27 de marzo de 2000, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Cuarto.-O 7 de xuño de 2000, a Dirección Xeral de Industria resolveu autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos e aproba-lo correspondente proxecto de execución, coas seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

Vértices

NomeMunicipioXY

Pena GrandeMuras 614000 4819750

614500 4819875

616350 4818400

616100 4817898

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores: 27.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

Xeradores: Made AE-46/I.

Potencia total instalada: 17,82 MW.

Producción anual estimada: 44.676 MWh/ano.

Investimento previsto: 2.860.749.658 pesetas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-27 centros de transformación de 700 kVA de potencia unitaria e relación de transporte de transformación 0,69/20 kV, instalados unitariamente no interior da torre do aeroxerador cos seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e subestación transformadora 20/132 kV.

Subestación transformadora 20/132 kV para evacuación de enerxía producida nos parques eólicos de Pena Grande e Silán, composta por dous transformadores principais 20/132 kV de 32 MVA de potencia nominal cada un e dous transformadores auxiliares 20/0,42 kV de 50 kVA de potencia nominal unitaria cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 212/1982, do 4 de novembro, e no Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, de 17 de xullo, en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa pro

motora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

Non podemos acepta-la alegación presentada por Manuel Gómez Vázquez relativa á parcela Tras da Pena Bella por non resultar afectada pola instalación do citado parque.

En relación cos cambios de titularidade solicitados por Manuel Gómez Vázquez e irmáns (parcela nº 12) e Estela Álvarez Álvarez (parcela nº 37), a empresa beneficiaria tomará razón delas e procederase á tramitación dos expedientes cos alegantes. Non obstante, durante a fase do levantamento de actas previas á ocupación, á que serán convenientemente notificados, deberán presenta-la documentación acreditativa da dita titularidade.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta consellería, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Pena Grande, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados a partir da citada data.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio