Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 13 de novembro de 2000 Páx. 15.191

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2000 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico de Silán. (Expediente 031-EOL).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Made Energías Renovables, S.A. (actualmente Endesa Cogeneración y Renovables) con enderezo para efectos de notificacións na rúa do Castiñeiriño, 12-3º A, C.P. 15702, Santiago de Compostela, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Silán; resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 23 de marzo de 1998, Jerónimo Llompart Homs, en nome e representación de Made Energías Renovables, S.A. solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución, do parque eólico denominado Silán, de 13,2 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-A delegación provincial desta consellería en Lugo someteu a información pública o proxecto coas características fundamentais da instalación e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados por Resolución do 18 de maio de 1999, para os efectos previstos no Decreto 2617/1966, xa mencionado, 2619/1966 sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e Decreto 205/1995 citado. A resolución publicouse nos seguintes medios DOG do 4 de xuño, BOP de Lugo do 4 de xuño, BOE do 3 de xuño en O Progreso do 3 de xuño e A Voz de Galicia do 9 de xuño de 1999, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Muras e deuse coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro.-O 10 de marzo de 2000, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Cuarto.-O 14 de abril de 2000, a Dirección Xeral de Industria resolveu autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos e aproba-lo correspondente proxecto de execución, coas seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

Vértices

NomeMunicipioXY

SilánMuras 614500 4819875

615000 4820000

616600 4818900

616350 4818400

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores: 20.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

Xeradores: Made AE-46/I.

Potencia total instalada: 13,2 MW.

Producción anual estimada: 37.431 MWh/ano.

Investimento previsto: 1.894.499.639 pesetas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-20 transformadores de 0,690/20 kV, de potencia unitaria 700 kVA, instalados unitariamente no interior da torre do aeroxerador, coa súa correspondente infraestructura enterrada de evacuación de enerxía.

Subestación transformadora situada no parque eólico de Pena Grande.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificada polo Decreto 181/1999, do 17 de xullo, en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico polo Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto, cumpríndose os trámites regulamentarios.

Esta consellería, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Declara-la utilidade pública en concreto das instalacións do parque eólico Silán, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados a partir da citada data.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio