Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 13 de novembro de 2000 Páx. 15.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga (Aclad) da Coruña (código 1503652).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga

(Aclad) de A Coruña (código 1503652), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 25-9-2000, suscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo comité de empresa, o día 15-9-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 28 de setembro de 2000.

José Antonio Álvarez Vidal

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo da Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga (Aclad), A Coruña

Capítulo I

Unidades de negociación

Artigo 1º.-Partes concertantes.

A comisión negociadora do convenio que se subscribe está integrada por César Álvarez Vázquez, Joaquín Nebot Guiñales e Julio Portela Ceballos en representación da Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga e polos delegados de persoal, Aurelia Mariño Blanco, Alfonso Caparrós Esperante e Octavio Susacasa Doval.

Capítulo II

Ámbito, vixencia e denuncia

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Rexeranse polo presente convenio a totalidade dos traballadores que na actualidade ou no sucesivo preste os seus servicios á Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga, o cal regula as normas de carácter xurídico laboral entre as partes.

Artigo 3º.-Vixencia e denuncia.

Este convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2000, con independencia da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e finalizará o 31 de decembro de 2000.

A súa vixencia prorrogarase tacitamente de ano en ano, se ningunha das partes o denunciase fide

dignamente coa anticipación mínima de dous meses, á data do termo da vixencia ou das súas prórrogas.

Capítulo III

Representación das partes negociadoras

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio.

Esta comisión estará formada logo de acordo das partes, pola representación empresarial e social que o deliberou.

Para efectos de notificacións, sinálase como domicilio o da empresa, sito na Ronda de Nelle, etc.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

Establécese unha xornada laboral para o presente convenio de 38 horas semanais de traballo efectivo. Os traballadores da Unidade Asistencial e Unidade de Día gozarán dunha hora de reducción de xornada nos meses de xullo, agosto e setembro.

Se, como consecuencia dalgunha norma de carácter xeral e rango superior, se decretase a reducción da xornada aquí pactada, reducirase nos termos que estableza a dita norma a xornada establecida no presente convenio.

II. Horas extraordinarias:

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias corresponde á empresa e á libre aceptación do traballador, salvo as expostas no punto b) deste artigo, a realización das cales será obrigatoria para o traballador.

Aboaranse de acordo co valor da hora ordinaria de traballo, ou por común acordo entre a empresa e traballador poderanse compensar por tempos equivalentes de descanso retribuído. En ausencia de acordo ó respecto, entenderase que as horas extraordinarias realizadas deberán ser compensadas mediante descanso, dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

Ámbalas partes acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, conforme o seguinte criterio:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, así como de risco de perda de materiais e materias primas: realización obrigatoria.

c) Horas extraordinarias necesarias por ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural, derivadas das especiais características da actividade de que se trata: mantemento, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas na lexislación vixente.

d) O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a oitenta ó ano, reducíndose estas na mesma proporción ó contrato, se este por modalidade ou duración significase a realización dunha xornada, en cómputo anual, inferior á xornada xeral da empresa.

Para efectos do cómputo, non se terán en conta as horas extraordinarias realizadas polos motivos expostos no punto b) do presente artigo, nin tampouco aquelas que fosen compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

Artigo 6º.-Permisos retribuídos.

O traballador, logo de aviso de 48 horas, salvo urxencia acreditada, e xustificación posterior, encóntrase facultado para se ausentar do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e tempos seguintes:

-Casamento do traballador: 15 días naturais.

-Por falecemento do cónxuxe, pais, pais políticos e fillos: 4 días naturais.

-Por falecemento de irmáns consanguíneos ou afíns: 2 días naturais.

-Polo nacemento ou adopción de fillos: 4 días naturais.

-Por casamento de fillos: 2 días naturais.

-Por enfermidade grave do cónxuxe, pais ou fillos: 2 días naturais.

-Por traslado de domicilio habitual sen cambio de residencia: 1 día, e 2 días con cambio de residencia.

-Para concorrer a exames e demais probas de aptitude e avaliación durante os días de celebración, como consecuencia dos estudios que estea a realizar en centros de ensino recoñecidos.

-Por asuntos propios: 9 días. O desfrute deste permiso está suxeito ás necesidades do servicio, dado o carácter especial das actividades da empresa.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

-Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos legais establecidos.

-Os traballadores, por lactación dun fillo menor de doce meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións de media hora. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada normal en media hora, coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai, en caso de ambos traballaren.

Artigo 7º.-Excedencias e permisos.

Os traballadores fixos que leven un ano de servicio ininterrompido na empresa poderán solicitar dela unha excedencia por un tempo mínimo de dous anos e un máximo de cinco. Este dereito só poderá ser exercido unha vez transcorridos catro anos desde o desfrute dun período de excedencia anterior, e

ata un máximo de 1/3 do cadro de persoal simultaneamente.

No restante relativo a esta materia, excedencia para cargo público, sindical, servicio militar, por maternidade ou adopción, aplicarase o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Os traballadores fixos que leven un ano de servicio ininterrompido na empresa poderán solicitar dela un permiso non retribuído dun a tres meses con reserva do posto de traballo. Este dereito só poderá ser exercido unha vez transcorridos tres anos desde o desfrute dun período de permiso anterior.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito ó desfrute dun período de vacacións anuais retribuídas de trinta días naturais.

Os traballadores coñecerán as datas das súas vacacións dous meses antes, polo menos, do comezo do desfrute delas. En todo caso, observarase o previsto no artigo 38 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo V

Percepcións económicas e revisión

Artigo 9º.-Salario base.

O concepto de salario base mensual para cada categoría profesional será o que se detalla na táboa salarial anexa e terá efectos económicos desde o día 1 de xaneiro de 2000.

Artigo 10º.-Remuneración anual.

Dando cumprimento ó disposto no artigo 26.5º do vixente Estatuto dos traballadores, detállanse na segunda columna das táboas salariais anexas os salarios en cómputo anual.

Artigo 11º.-Cláusula de garantía salarial.

De conformidade co acordo da xunta directiva, establécese a garantía de revisión salarial cada ano.

Esta revisión estará en función da aprobación pola Xunta de Galicia das correspondentes subvencións do mencionado P.G.D, e será negociada anualmente dentro da comisión paritaria, sendo os salarios revisados en función do IPC.

Artigo 12º.-Complemento persoal de antigüidade.

A partir da entrada en vigor do presente convenio, o complemento de antigüidade percibirase por trienios, de acordo cos seguintes supostos:

a) Ó persoal que viña percibindo complemento de antigüidade antes de 1994 seguiránselle aplicando trienios na contía do 4% do seu salario base.

b) Para o resto do persoal, o valor do trienio será de acordo coa súa categoría profesional de:

-Grupo I: 6.812 pesetas/trienio.

-Grupo II: 5.677 pesetas/trienio.

-Grupo III: 4.560 pesetas/trienio.

-Grupo IV: 4.560 pesetas/trienio.

-Grupo V: 3.420 pesetas/trienio.

O importe de cada trienio comezará a se devenga-lo día 1 do mes seguinte ó seu cumprimento.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse dúas pagas extraordinarias, que se farán efectivas nos meses de xullo e decembro, e que consistirán nunha mensualidade do salario base incrementado coa antigüidade correspondente a cada traballador.

Artigo 14º.-Complemento de incapacidade laboral transitoria.

A empresa aboaralle ó traballador en situación de baixa por ILT, accidente ou maternidade, e por un período máximo de 12 meses, un complemento que, sumado á prestación da Seguridade Social, alcance o 100% da retribución bruta con relación ó mes anterior á situación de baixa.

O importe que se percibirá non poderá ser nunca superior ó que se perciba en situación de alta no traballo.

Capítulo VI

Conceptos extrasalariais

Artigo 15º.-Axudas de custo e gastos de locomoción.

Atendendo á natureza do servicio que se vai realizar, o persoal afectado polo presente convenio percibirá polo concepto de axudas de custo as cantidades seguintes:

-Por gastos de manutención: 3.600 pesetas/diarias.

-Por gastos de locomoción: 24 pesetas por quilómetro percorrido, cando o desprazamento se realice no vehículo do traballador.

Tódolos gastos indicados deberán ser autorizados pola xunta directiva e xustificados documentalmente nas condicións máximas establecidas para cada concepto.

A contía das axudas de custo e gastos de locomoción será revisada segundo establezan en cada momento as directrices da Administración.

Artigo 16º.-Complemento de transporte.

Establécese o complemento de transporte na cantidade de 18.748 pesetas para axudar a gastos de desprazamento, que será aboado mensualmente, salvo o período de vacacións, é dicir, en once mensualidades.

Por razón da súa natureza non salarial, este complemento non será absorbible nin compensable en ningún concepto.

Artigo 17º.-Complemento de responsabilidade directiva.

O persoal con responsabilidade directiva percibirá por este concepto, mentres exerza esa responsabilidade, que é inherente ó cargo, a cantidade que se detalla a seguir:

-Complemento de dirección: 136.649 pesetas.

-Complemento de especialidade: 19.990 pesetas.

-Xefe de sección: 56.767 pesetas.

-Xefatura de administración: 56.767 pesetas.

-Responsable prog.: 28.384 pesetas.

Artigo 18º.-Complemento de formación.

A empresa asignará para cada grupo profesional unha cantidade anual en concepto de formación, en función dos orzamentos aprobados.

Dentro de cada grupo, a dirección distribuirá a cantidade asignada a el entre os traballadores que realicen cursos de formación, a realización dos cales fose aprobada por aquela, segundo criterios que serán coñecidos sempre polo persoal.

Artigo 19º.-Complemento de comunidade.

O persoal que desempeñe o seu traballo na comunidade terapéutica percibirá por este concepto a cantidade de 34.060 pesetas/paga, en función do seu traballo, a quendas, horario nocturno, desprazamentos, etc.

Capítulo VII

Acordos sociais

Artigo 20º.-Provisión de vacantes e ascenso de categoría.

Establécese a garantía de ofertar tódalas vacantes por provisión interna, con anterioridade á provisión externa.

Os ascensos de categoría do persoal e a provisión interna das vacantes, en caso de reuni-las condicións requiridas, valoraranse en primeiro lugar a cualificación específica para o desempeño da categoría profesional e, en segundo lugar, a antigüidade.

Artigo 21º.-Póliza de seguros.

A empresa estará obrigada a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de tres meses, unha vez homologado o presente convenio, unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de invalidez ou falecemento dos traballadores por accidente de traballo, incluídos os accidentes in itinere, que garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa nos casos de falecemento ou invalidez producidos por causa fortuíta espontánea, exterior e independente do traballador, a percepción da indemnización seguinte:

-2.500.000 pesetas no caso de falecemento do traballador por accidente de traballo.

-4.000.000 de pesetas no caso de invalidez permanente ou grande invalidez, se o traballador cesa na empresa.

A referida póliza só abrangue os procesos indicados a partir da vixencia dela, sendo compatible coa pensión e indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social.

No obstante o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo ó contrato de seguro de accidentes que voluntariamente se contén neste convenio, considerarase como entregada á conta da indemnización que, se for o caso, puidesen

declarar con cargo á empresa os tribunais de xustiza compensándose ata onde aquela alcance.

Capítulo VIII

Acción sindical

Artigo 22º.-Dereitos sindicais.

En todo o concernente ós aspectos sindicais, observarase o que sobre esta materia dispón o vixente Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 23º.-Garantías dos representantes dos traballadores.

Os membros do comité de empresa ou delegados de persoal terán as garantías que establece o artigo 68 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e as que se determinen a seguir:

-Non se computará dentro do máximo legal de horas mensuais dispoñibles para: o exercicio das súas funcións de representación, ou o exceso que sobre el se produza con motivo da súa actuación como membros da comisión negociadora do convenio polo que estean afectados.

-Sen supera-lo máximo legal poderán ser consumidas as horas retribuídas de que dispoñen os delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia deles a cursos de formación organizados polos seus sindicatos, institucións de formación e outras entidades.

Capítulo IX

Cómputos e vinculacións

Artigo 24º.-Compensación e absorción.

As condicións que se implantan por virtude deste convenio compensarán e/ou absorberán calquera outra que exista á súa entrada en vigor, sexa cal for a súa natureza ou a orixe da súa existencia, así como as que se poidan establecer por normas publicadas durante a súa vixencia, a non ser que estas formen un conxunto máis beneficioso para o traballador, consideradas en cómputo anual, caso no que substituirán integramente as deste convenio.

Artigo 25º.-Garantía persoal e condición mínima.

Serán respectadas as condicións superiores pactadas con anterioridade a este convenio, ou que se pacten durante a súa vixencia, con persoa ou grupo de persoas, sempre que no seu conxunto e en cómputo anual superen as establecidas por este, debido á condición que ten de normas mínimas de relación, tanto no que se refire ó social coma ó económico.

Artigo 26º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas no presente convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

No suposto de que a autoridade laboral, en uso das súas facultades, non aprobase algún dos pactos contidos nel, este quedará sen eficacia práctica, debendo ser reconsiderado o contido na súa totalidade.

Disposición derradeira

No non establecido de maneira expresa no presente convenio, observarase o disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

Distribución actual do persoal por grupos profesionais

Grupo IP. tit. superiorPsiquiatra, médico, psicólogo, informático
Grupo IIP. tit. medioDiplomado enfermería, diplomado en traballo social, xefe de administración
Grupo IIIP. técnicoEducador social, monitor
Grupo IVP. admtvo.Auxiliar administrativo, auxiliar de clínica
Grupo VP. subalternoCelador

ANEXO II

Táboa salarial para o ano 2000

Grupo profesionalSalario baseC. transportePaga extra

G. I-P. tit. superior289.86418.748289.864

G. II-P. tit. medio222.35418.748222.354

G. III-P. técnico157.64918.748157.649

G. IV-P. administrativo165.39618.748165.396

G. V-P. subalterno113.53418.748113.534