Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 13 de novembro de 2000 Páx. 15.181

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 27 de outubro de 2000 pola que se regula a levanza informática do libro do rexistro de socios nas confrarías de pescadores de Galicia.

A implantación de sistemas integrados de xestión nas confrarías de pescadores de Galicia, que supuxo o desenvolvemento informatizado de práctica totalidade dos procedementos administrativos e contables das actividades que realizan os pósitos na súa actividade diaria, fai necesario que o libro de rexistro de socios que viña regulado pola Orde do 4-1-1999, poida ser levado baixo soporte informático, cunha serie de garantías que dote da máxima fiabilidade este novo libro, adecuando a nova realidade que lles toca vivir a estas corporacións ós novos sistemas e medios técnicos.

Por todo iso, considérase oportuno establece-la posibilidade de levar informaticamente un libro de rexistro de socios nas distintas confrarías de pescadores de Galicia.

Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

As confrarías de pescadores de Galicia poderán levar informaticamente un libro de rexistro dos seus socios, que deberá ser visado anualmente, numerado e dilixenciado a posteriori, polas distintas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 2º

O dilixenciado do libro correspondente ó ano en curso realizarase no mes de febreiro do exercicio seguinte e, en todo caso, cando se celebren procesos electorais.

Artigo 3º

As listaxes informáticas deberán conter, para cada unha das seccións de traballadores e empresarios que establece a Orde do 4 de xaneiro de 1999 os seguintes datos:

-Número de orde ou número de socio.

-Data de solicitude.

-Data de alta.

-Identificación persoal na que conste nome, apelidos e DNI / CIF.

-Enderezo, localidade e teléfono.

-Clase de título administrativo habilitante.

-Data de baixa.

-Observacións.

Artigo 4º

Os socios inscribiranse no libro por orde de antigüidade, e a numeración deberá ser correlativa.

Artigo 5º

Como mínimo, e con ocasión de cada proceso electoral, renumerarase o censo como consecuencia das baixas regulamentarias que acontezan.

Disposición adicional

No non previsto na presente orde, será de aplicación a Orde do 4 de xaneiro de 1999 pola que se establece a obriga de levar un libro de rexistro de socios nas confrarías de pescadores de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura