Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 08 de novembro de 2000 Páx. 15.029

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2000, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se lle dá publicidade ó Pacto sobre dereitos sindicais do persoal ó servicio da Administración de xustiza destinado na Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, dáselle publicidade, como anexo a esta resolución, ó Pacto sobre dereitos sindicais do persoal ó servicio da Administración de xustiza destinado na Comunidade Autónoma de Galicia, subscrito o 28 de setembro de 2000, entre a Dirección Xeral de Xus

tiza e as centrais sindicais CSI-CSIF, CIG,UGT, SPJ-USO e CC.OO., con representación entre o persoal da Administración de xustiza destinado nesta Comunidade.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Directora xeral de Xustiza

ANEXO

A Dirección Xeral de Xustiza e as organizacións sindicais Unión General de Trabajadores (UGT), Confederación de Sindicatos Independientes y Sindical de Funcionarios (CSI-CSIF), Comisiones Obreras (CC.OO.), Confederación Intersindical Galega (CIG), e o Sindicato Profesional de Justicia de la Unión Sindical Obrera (SPJ-USO) asinaron o 28 de setembro de 2000 o seguinte pacto:

1. Xuntas de persoal.

Son os órganos unitarios específicos de representación dos funcionarios ó servicio da Administración de xustiza destinados en Galicia. As facultades, dereitos e garantías das xuntas de persoal e dos seus membros son os que establecen os artigos 9 e seguintes da Lei 9/1987, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

As xuntas de persoal existentes actualmente en Galicia son: a do ámbito territorial da Audiencia Provincial da Coruña, con 19 membros.

A do ámbito territorial da Audiencia Provincial de Pontevedra, con 15 membros.

A do ámbito territorial da Audiencia Provincial de Lugo, con 11 membros e a do ámbito territorial da Audiencia Provincial de Ourense, con 7 membros.

Os membros das xuntas de persoal citadas no parágrafo anterior teñen dereito a dispoñer, no exercicio da súa función representativa, do crédito de horas mensuais establecido no artigo 11 d) da Lei 9/1987, do 12 de xuño.

2. Seccións sindicais e delegados sindicais.

2.1. As seccións sindicais son os instrumentos específicos para o desenvolvemento da acción sindical, e pódense constituír de acordo co que establece o artigo 8 e seguintes da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

2.2. As seccións sindicais ás que se refire o punto anterior só poden estar integradas polo persoal que se atopa no ámbito de aplicación do protocolo de creación e funcionamento da mesa de negociación do persoal ó servicio da Administración de xustiza, destinado en Galicia.

2.3. Co fin de dota-las organizacións sindicais de máis flexibilidade e operatividade no exercicio da acción sindical que lles é atribuída pola Lei orgánica de liberdade sindical mediante as seccións sindicais que se poidan constituír, os que asinan este pacto acordan articular un marco de acción sindical sobre a base dos seguintes principios.

2.3.1. Os créditos horarios que, de conformidade co artigo 10 da LOLS, poidan corresponder ós delegados sindicais que cada unha das organización sindicais que asinen este pacto teñen dereito a designar de conformidade con este texto legal, poden acumularse nunha bolsa única correspondente ó ambito territorial de Galicia, tendo en conta que se pode constituír unha sección sindical para o ámbito de cada unha das catro audiencias provinciais, co número de delegados sindicais que se determinará máis adiante.

2.3.2. O total de crédito horario resultante da acumulación citada no punto 2.3.1 pode ser libremente distribuído para cada unha das organizacións sindicais por medio da designación de delegados sindicais coas únicas limitacións que constan nos puntos seguintes.

2.3.3. A designación de delegados sindicais e as modificacións sobre asignación individual de créditos horarios e sobre acumulación de horas deben notificarse expresamente á Dirección Xeral de Xustiza cun mínimo de 30 días de anticipación.

2.4. Cada un dos delegados sindicais que fose designado pode dispoñer do crédito horario que lle corresponda:

2.4.1. Utilizando persoalmente o crédito que lle corresponda.

2.4.2. Cedendo total ou parcialmente o crédito horario a outro delegado sindical.

2.4.3. Cedendo total ou parcialmente o crédito horario á bolsa de ámbito territorial de Galicia da organización sindical á que pertenza.

2.5. As seccións sindicais que pertencen a unha organización sindical que obteña no ámbito autonómico unha representación, como mínimo, do 10% dos votos, teñen dereito ó seguinte número de delegados:

Ámbito territorialNº de delegados

Audiencia Provincial de A Coruña3

Audiencia Provincial de Pontevedra3

Audiencia Provincial de Lugo1

Audiencia Provincial de Ourense1

Os delegados designados deste xeito teñen dereito a un crédito mensual de 40 horas no ámbito da Audiencia Provincial da Coruña, de 35 horas mensuais para o ámbito territorial da Audiencia Provincial de Pontevedra, 35 para a de Lugo e 35 para a de Ourense, que poden ser utilizadas de conformidade cos puntos anteriores.

2.6. O dereito dos delegados sindicais a desfrutar do crédito horario correspondente prodúcese ós 30 días de entregar á Dirección Xeral de Xustiza por parte do sindicato correspondente unha copia do acta de constitución ou de modificación da sección sindical, previamente rexistrada na oficina pública da delegación provincial do ámbito territorial afectado.

3. Delegados de prevención de riscos laborais.

Os delegados de prevención de riscos laborais son os representantes dos traballadores con funcións específicas de prevención de riscos no traballo, de

conformidade coa Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e o seu desenvolvemento regulamentario.

O número de delegados representantes do persoal ó servicio da Administración de xustiza destinados en Galicia é o que establece o artigo 35 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

O crédito horario adicional que pode corresponder ós delegados de prevención é o que se determina no pacto sobre participación dos representantes de persoal na prevención dos riscos laborais, aprobado por Acordo de 16 de xaneiro de 1998, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do referido acordo.

4. Acumulación de horas.

4.1. Cada organización sindical asinante do pacto ten que constituír unha bolsa de horas de ámbito correspondente ó territorio, que pode estar integrada polas horas que lles corresponden ós seus delegados nas xuntas de persoal e as que lles corresponden ós seus delegados sindicais.

4.2. As acumulacións de créditos mensuais; procedentes de delegados nas xuntas de persoal e delegados de seccións sindicais, unicamente se poden facer efectivas, como máximo, a favor do número de persoas resultantes de suma-los membros de xunta de persoal e os delegados sindicais con dereito a horas de cada unha das organizacións sindicais.

4.3. Os sindicatos poden dispor libremente do número de horas existente en cada momento no ámbito correspondente de Galicia, e pódenllas outorgar a un delegado que poidan designar en calquera ámbito territorial; tamén llas poden atribuír a un delegado xa designado. No caso de que as horas sexan asignadas a un delegado sindical xa designado con anterioridade, se este dispón de crédito horario propio ou acumulado, o crédito horario pasará á bolsa de ámbito territorial de Galicia, excepto no caso de que o interesado comunique expresamente que lles cede este crédito a outros delegados.

4.4. A designación de delegados sindicais e as modificacións sobre a asignación individual de créditos horarios e sobre acumulación de horas teñen que notificarse expresamente á Dirección Xeral de Xustiza cun mínimo de trinta días de anticipación á súa utilización. A utilización dos créditos horarios producidos pola designación, cesión ou acumulación notificadas só pode facerse efectiva desde a recepción da notificación ó órgano no que se atopen destinados os interesados e da resolución da Dirección Xeral de Xustiza que acorde o recoñecemento ou a modificación do crédito horario comunicado.

A citada resolución farase, en calquera caso, dentro do prazo dos quince días seguintes á data do correspondente escrito da organización sindical afectada.

5. Liberacións institucionais.

A Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e de participación do persoal ó servicio das admi-

nistracións públicas, posteriormente, a Lei 7/1990, sobre negociación colectiva e participación na determinación das condicións de traballo polos empregados públicos recoñece o dereito á negoción colectiva e á participación na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos.

Neste sentido, as partes consideran conveniente regular un réxime de licencias sindicais que facilite e promova a actividade negociadora e de participación na determinación das condicións de traballo na Administración de xustiza, dentro do marco da plena participación de tódolos cidadáns na vida política, económica, cultural e social do país.

A Dirección Xeral de Xustiza emitirá informe favorable das liberacións a tempo total que corresponden, conforme os convenios que rexan na materia para a Mesa Sectorial de Negociación de Persoal ó Servicio da Administración de xustiza en Galicia.

6. Dereito de reunión.

6.1. Dentro do marco da actual normativa sobre o exercicio do dereito de reunión da Dirección Xeral de Xustiza e as organizacións sindicais que asinan este pacto entenden que a intensificación da información ó persoal como consecuencia dos diferentes procesos negociadores aconsella realizar unha regulación específica deste dereito nos diferentes ámbitos do persoal ó servicio da Administración de xustiza destinado en Galicia.

6.2. Neste sentido, as partes que asinan este pacto acordan que o número de horas anuais das que disporán para a realización de asembleas dentro da xornada laboral será de 36, das que 18 teñen que corresponder ás xuntas de persoal, e as outras 18 teñen que se utilizar no ámbito de cada sección sindical.

6.3. En canto ó procedemento, prazo e requisitos para o exercicio do dereito de reunión, debe axustarse ó que establecen con carácter xeral os artigos 42 e 41 da Lei 9/1987, do 12 de xuño.

En calquera caso, o dereito de reunión pódese facer efectivo entre as 7.30 e as 9 horas, e a partir das 14 horas.

6.4. En canto ás reunións das xuntas de persoal, os seus membros teñen dereito a seren indemnizados por gastos de manutención e de viaxe só cando sexan convocados pola Dirección Xeral de Xustiza.

6.5. As organizacións sindicais que asinan este pacto poden organizar reunións anuais, con presencia de tódolos membros das xuntas de persoal, delegados de prevención de riscos laborais e delegados sindicais en cada un dos diferentes ámbitos territoriais; neste caso, as reunións deben comunicarse con dous días hábiles de anticipación, como mínimo, á Dirección Xeral de Xustiza.

7. Vixencia deste pacto.

7.1. Este pacto manterá a súa vixencia ata que finalice o mandato dos actuais membros das xuntas de persoal.

7.2. Manterá tamén a súa vixencia mentres non se acorde un novo pacto que o substitúa.

Pola Administración: a directora xeral de Xustiza, Mª Reyes Carabel Pedreira.

Polas organizacións sindicais. CSI-CSIF, Manuel Díaz Mato. CIG, Delmiro Durán Garrido. UGT, Pedro Galán Horro. SPJ-USO, Manuel Pena Rivadulla. CC.OO., Ángel Garmendia Díaz.