Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 08 de novembro de 2000 Páx. 15.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da sentencia do Xulgado do Social número un da Coruña, sobre impugnación do convenio colectivo da empresa Ferroatlántica, S.L. fábricas de Cee-Dumbría e centrais eléctricas.

Vista a sentencia do 22 de xuño de 2000, dictada polo Xulgado do Social número un da Coruña, recaía no xuízo número 319/2000, sobre impugnación de convenio colectivo;

Resultando que no BOP nº 100, do 3 de maio de 2000 e no Diario Oficial de Galicia nº 110, do 7 de xuño de 2000, publícase a resolución da Dele

gación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Coruña, de data 14 de abril de 2000, na que se ordenaba inscribir no Libro Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo e publicar no BOP e no Diario Oficial de Galicia o convenio colectivo da empresa Ferroatlántica, S.L. (fábricas de Cee-Dumbría e centrais eléctricas).

Considerando que, de conformidade co establecido no artigo 164.3º do Real decreto lexislativo 521/1990, do 27 de abril, pola que se aproba o texto refundido da Lei de procedemento laboral, cando a sentencia sexa anulatoria, en todo ou en parte, do convenio colectivo impugnado a este fose publicado, tamén se publicará no boletín oficial en que aquel se insiriu.

Por todo o exposto, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición da sentencia do Xulgado do Social número un da Coruña recaída no xuízo nº 319/2000 no libro-rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 26 de setembro de 2000.

José Antonio Álvarez Vidal

Delegado provincial da Coruña

Sentencia nº 386.

Na Coruña o vintedous de xuño de dous mil.

María Antonia Rey Eibe, maxistrada-xuíza do Xulgado do Social número un desta cidade, viu os presentes autos do xuízo nº 319/2000, seguidos por instancia da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, representada polo letrado Valencia Vila, contra a empresa Ferroatlántica, S.L., representada por Perfecto Trillo Trillo, asistido do graduado social Verdía Rodríguez, o comité de empresa de Ferroatlántica, S.L., representado por José Jorge Fernández Rodríguez e Alfonso Luis Louzán Tomé, asistidos do letrado Nouche Ferreira, Jesús Casais Domínguez, Manuel Lema Casais, Fernando Castro Ezara, José Díaz López, Jesús A. Castro González e Cándido Santos Rodríguez, representados e asistidos da letrada Gómez Lozano e Plácido Trillo Fernández, sendo parte o Ministerio Fiscal; non compareceu o avogado do Estado; é obxecto da reclamación a impugnación do convenio colectivo.

I. Antecedentes de feito.

Primeiro.-No 19 de abril de 2000 a parte demandante presentou demanda perante este xulgado na que suplicaba que se dictase sentencia pola que se resolvese sobre a legalidade ou non dos artigos 2,2 núme-

ro 3, artigo 3.11.2º e 1º b) e art. 7.2. número 2 do convenio colectivo da empresa Ferroatlántica, S.L.

Segundo.-Admitida a trámite a demanda, convocouse as partes ós actos de conciliación e xuízo, que tiveron lugar na data sinalada, coa asistencia

da parte demandante, que ratificou a súa demanda, e a representación dos demandados, que se opuxeron a ela polos motivos que constan acreditados en autos. Recibido o xuízo a proba, declarouse pertinente a que tivo lugar no acto, uníndose a documental achegada. Seguidamente, as partes fixeron uso da palabra para conclusións, insistindo nas súas pretensións e quedando os autos á vista para sentencia.

Terceiro.-Na tramitación destes autos observáronse as prescricións legais.

II. Feitos que se declaran probados.

1º. Na data 28 de febreiro de 2000 recibiuse na Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia o convenio colectivo da empresa Ferroatlántica, S.L. para as fábricas de Cee, Dumbría e centrais eléctricas, para o seu rexistro, depósito e publicación.

2º. Que, unha vez recibido o texto do convenio, con data 8 de marzo de 2000, a delegación provincial, por considerar que os artigos do convenio 2.(2), 3(11) conculcaban a legalidade vixente, efectuou comunicación á comisión negociadora do convenio colectivo, concedéndolles un prazo de dez días para a súa corrección, recibindo a rectificación dos artigos do convenio en data do 20 de marzo de 2000, sen a sinatura da maioría dos representantes sociais, reiterándose de novo en virtude de escrito do 24 de marzo de 2000, sen que se chegase á aprobación por maioría para a súa validez na reunión celebrada pola comisión negociadora no 6 de abril de 2000.

3º. Con data do 13 de abril de 2000 celebrouse na delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais acto de mediación co fin de tentar chegar a un acordo entre a empresa e a representación social da comisión negociadora do convenio non asinante do convenio colectivo nin da corrección dos artigos cuestionados, a cal finalizou sen avinza.

4º. Que en data 14 de marzo de 2000 sete membros do comité de empresa de Ferroatlántica, S.L. nas fábricas de Cee, Dumbría e centrais eléctricas presentaron escrito na delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais na que se comunicaba que, ademais dos citados artigos citados, tamén podía conculca-la legalidade vixente o art. 7(2) do citado convenio colectivo.

5º. No 19 de abril de 2000 tivo entrada no Xulgado Decano a demanda remitida pola delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, sobre impugnación do convenio colectivo de Ferroatlántica, S.L. nas fábricas de Cee, Dumbría e centrais eléctricas, solicitando desde xultado que se resolvese sobre a legalidade dos arts. 2.2 número 3, art. 3.11.2º e 1b) e art. 7.2 número 2, remitindo a dita consellería e na mesma data resolución na que ordenaba o rexistro e publicación do convenio.

III. Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O tema obxecto do presente litixio céntrase en determina-la legalidade ou non dos artigos

2.2 número 3, artigo 3.11.2º e 1b) e art. 7.2 número 2 do convenio colectivo da empresa Ferroatlántica, S.L. das fábricas de Cee, Dumbría e centrais eléctricas que a través da presente demanda de oficio remitida pola delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais considera que conculca a legalidade vixente, establecendo para tal efecto a dita demanda a concreción da lexislación e puntos dela que se consideran conculcados polo convenio colectivo, así como os fundamentos xurídicos da dita ilegalidade, mostrando a súa conformidade con tales pretensións o comité de empresa, os traballadores comparecidos e o Ministerio Fiscal, así como a empresa Ferroatlántica, S.L., canto ó artigo 2.2. número 3 e artigo 7.2 número 2 do dito convenio.

Canto o primeiro artigo, do que se cuestiona a legalidade, isto é, o art. 2.2 número 3, dispón verbo das vacacións que: «O traballador coñecerá as datas que lle correspondan un mes antes, polo menos do comezo do desfrute», precepto convencional que non respecta o disposto no art. 38(3) do Estatudo dos traballadores, segundo o teor do cal: «O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses, polo menos, do comezo e desfrute», o que leva á conclusión de que, en efecto, independentemente de que o período vacacional será o que se pacte no convenio colectivo ou contrato individual, o certo é que, canto á fixación do período de desfrute das vacacións, se conculca o disposto no art. 38 do E.T., que establece a obrigatoriedade do coñecemento por parte dos traballadores da data das súas vacacións, cunha anticipación mínima de dous meses, co conseguinte prexuízo que isto ocasionaría ós traballadores en suposto de discordia co

empresario no que atinxe a data do desfrute, de ter que acudir á xurisdicción social, cos prazos que para a reclamación prevista no art. 38(3) do Estatuto dos traballadores determina o art. 125 da lei de procedemento laboral, vendo así reducido o prazo temporal para presenta-la correspondente demanda; en definitiva, ó non respecta-lo art. 2.2 número 3 do convenio colectivo as normas mínimas de dereito necesario, por canto a negociación colectiva terá de mellorar e completa-los mínimos legais canto ó tema obxecto da regulación que agora se debate, a conclusión non pode ser outra senón que a de determina-la non legalidade do citado precepto convencional.

Segundo.-Idéntica conclusión cabe argumentar canto ó art. 3.11.2º e 1b) do citado convenio colectivo, por canto ó regula-lo traballo a quendas dispón que: «Ó traballador a que se lle cambie a quenda por circunstancias especiais, con menos de doce horas de descanso, tendo feito a quenda completa anterior, daráselle equivalencia a tres chamadas», e o punto 1.b) «se se chama e termina o traballo antes das dúas da mañá, ten que ir á súa xornada habitual ó día seguinte. Se non hai doce horas de descanso pagaranse tres chamadas», por canto conculcan directamente o contido do art. 34(3) do Estatuto dos traballadores que determina que «entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán

como mínimo doce horas», así como o art. 19 do R.D. 1561/1995, do 21 de setembro, sobre xornadas especiais de traballo, que dispón no seu art. 19 que: «nas ditas empresas cando ó cambia-lo traballador a súa quenda de traballo non poida desfrutar do descanso mínimo entre xornadas establecido no art. 34 do E.T. poderase reducir este, no día en que así aconteza, ata un mínimo de sete horas, compensándose a diferencia ata as doce horas establecidas con carácter xeral nos días inmediatamente seguintes», así como no artigo 2, que dispón que: «o desfrute dos descansos compensatorios non poderá ser substituído pola compensación económica, salvo no caso de finalización da relación laboral por causas distintas ás derivadas da duración do contrato e no previsto no artigo 18 c) polo que prohíbe a substitución do descanso por compensación económica; e sen que sexan de recibo as manifestación vertidas pola representación da empresa Ferroatlántica, S.L., na contestación á demanda, ó argumentar que

se trata dun complemento salarial como mellora da lexislación vixente, toda vez que tanto o Estatuto dos traballadores como a disposición legal citada regulan as condicións mínimas esixibles en materia de descanso, debendo o convenio colectivo mellorar tales condicións mínimas, que non se poden substituír por compensación económica, ó non estaren comprendidas dentro dos dous únicos supostos que o R.D. 1561/1995, de xornadas especiais de traballo expresamente regula.

Terceiro.-Exposto o anterior, e canto ó art. 7.2. número 2 do convenio colectivo, a impugnación do cal foi presentada perante a delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais en data 14-3-2000 por sete membros do comité de empresa, e que dispón que: «Os traballadores terán dereito a convocar por parte do comité de empresa ou polo menos un 25% do cadro de persoal cantas asembleas achen convenientes, as cales se celebrarán dentro do respectivo centro de traballo. Estas asembleas estarán presididas polo comité de empresa de forma colexiada e a elas poderán asistir unicamente os integrantes do cadro de persoal da empresa», tamén se debe considerar que conculca a legalidade vixente, en concreto o art. 77/(1-2) do Estatuto dos traballadores, que permite a presencia na asemblea de persoas non pertencentes á empresa, coa única esixencia de comunica-lo nome das ditas persoas ó empresario, así como o art. 9 (1-c) da LOLS 11/1985, que permite que outras persoas

alleas á empresa e, especialmente, cargos electivos a nivel provincial ou autonómico ou estatal das organizacións sindicais máis representativas poidan asitir ás asembleas dos traballadores da empresa.

Cuarto.-Pola contra, non poden estimarse as manifestacións vertidas na contestación á demanda polos traballadores comparecentes cando á denuncia do art. 5(3) do citado convenio colectivo, sobre complemento de baixa ou enfermidade, por consideralo discriminatorio, e isto porque aínda sen ter en conta que tal feito non foi alegado na denuncia ante a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Labo

rais, xunto cos demais artigos do convenio impugnado pola dita parte obxecto do expediente e posterior acto de mediación ó que se refire o feito terceiro de proba, porque a carga da proba corresponde a quen impugna o convenio colectivo, a acreditación dos vicios que impute ó mesmo, pois estes son feitos constitutivos da pretensión exercitada e a «aparencia de validez» que caracteriza os convenios colectivos só é desvirtuable por «proba de cargo de quen o impugne», limitándose a dita parte a alegar exclusivamente no acto do xuízo a conculcación do art. 14 da Constitución española, o considerar discriminatorio o dito precepto convencional, sen probar, nin sequera concretar, qué puntos con referencia a fundamentos xurídicos da ilegalidade se consideran conculcados polo art. 5, parágrafo 3º do convenio colectivo, cos restantes traballadores cuxa discriminación salarial sen especificar en que termos se denuncia, polo que a sentencia só se pode limitar a declara-la ilegalidade dos arts.

2.2. número 3, artigo 3.11.2º e 1b) e art. 7.2 número 2 do convenio colectivo da empresa Ferroatlántica, S.L., fábricas de Cee-Dumbría centrais eléctricas.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido

Que, estimando a demanda interposta pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, debe declara-la ilegalidade dos arts. 2.2 número 3, art. 3.11.2º e 1b) e art. 7.2 número 2 do convenio colectivo da empresa Ferroatlántica, S.L., fábricas de Cee-Dumbría centrais eléctricas.

Notifíqueselles esta resolución ás partes, ás que se lles fará saber que contra ela cabe recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que poden anunciar perante este xulgado dentro dos cinco días seguintes á notificación desta resolución cos requisitos esixidos no art. 191 e seguintes da Lei de procedemento laboral.

Así, por esta miña sentencia, xulgando definitivamente en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo.