Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 30 de outubro de 2000 Páx. 14.756

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE FERROL

EDICTO.

O Concello Pleno, en sesión que tivo lugar o día 31 de agosto do 2000, aprobou definitivamente a ordenanza municipal para a instalación de elementos engadidos nas fachadas posteriores de edificacións que literalmente di:

Ordenanza municipal para a instalación de elementos engadidos nas fachadas posteriores de edificacións.

Exposición de motivos.

A falta dunha normativa concreta que regule a instalación de elementos engadidos ás fachadas posteriores dos edificios, case sempre de vivendas tales como tapatendais e protección de saídas ás terrazas, fai que en moitos casos a súa presencia constitúa un problema tanto para o concello como para os habitantes dos edificios.

A finalidade desta ordenanza é regula-las institucións destes elementos fixando as súas dimensións e cando é posible instalalas, para deste xeito darlle unha cobertura normativa ó que necesariamente se produce como consecuencia non só do clima, senón tamén da antigüedade do parque de vivenda.

1. Ámbito de aplicación desta ordenanza.

Esta ordenanza é de aplicación para todo o concello e para tódalas ordenanzas de uso residencial. Regula as instalacións dos elementos engadidos ás fachadas posteriores de edificacións sempre e cando sexan fachadas sobre espacios privados.

2. Elementos autorizables.

Nas fachadas posteriores de edificacións residenciais sobre patios, patios de parcela ou patios de bloques de casa definidos pola normativa do Plan xeral, autorizarase a colocación de tendais, tapatendais, viseiras de protección de saídas ás terrazas, agás naqueles casos de vivendas de nova construcción nas que resolvan os tendais entre aliñación exterior e a interior.

3. Condicións xeométricas e constructivas.

Tendais e tapatendais: será posible a súa instalación sempre e cando non supoña o incumprimento da normativa de habitabilidade por afecta-la iluminación ou ventilación das vivendas do edificio.

A dimensión en perpendicular á fachada non excederá os 80 cm, e recuarase lateralmente das outras vivendas 60 cm. Salvo que se trate dunha obra feita conxuntamente en tódalas plantas do edificio, só se autorizará a instalación dun elemento de protección nun plano sensiblemente horizontal sen elementos que formen planos verticais ou celosías. Cando a instalación sexa conxunta en tódalas fachadas e a dimensión do patio ou permita por habitabilidade, poderanse poñer celosías en planos verticais sempre

que permitan a correcta iluminación e ventilación das estancias ás que dean fronte.

A fixación destes elementos á fachada será de xeito que non a deteriore nin lle cause prexuízos.

Faranse sempre con materiais duradeiros, translúcidos e que non sufran corrosión nin degradación por efecto da luz solar.

Os elementos superficiais horizontais serán de seguridade para facer imposible a súa rotura e posterior caída.

Colocaranse sempre por debaixo ou á altura do antepeito das ventás, agás que exista terraza transitable nesa planta, caso no que se poderán colocar á altura de lintel da ventá.

Viseiras de protección das saídas ás terrazas.

Cando existan portas ou ocos de saída ás terrazas, poderase colocar unha viseira de protección que cubra o largo de oco máis 50 cm a cada lado cunha medida en perpendicular á fachada de 120 cm. A viseira situarase sempre por debaixo da cara inferior do forxado.

Son de aplicación as condicións de fixación e materiais dos tapatendais.

Disposición derradeira.

As instalacións autorizadas nunca poderán contravi-las esixencias do planeamento superior, normativa de habitabilidade, normativa autonómica ou xeral de vivenda ni outra de maior rango.

O cumprimento desta ordenanza non eximirá do cumprimento das obrigas ou condicións derivadas da Lei de propiedade horizontal.

A presente ordenanza entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP.

O que se fai público para xeral coñecemento e pódese interpoñer contra a mencionada aprobación un recurso potestativo de reposición ante o órgano que dictou a resolución dentro do prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación no BOP, de conformidade co disposto nos arts. 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada por lei, sen prexuízo da posibilidade de interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación deste edicto no BOP e na forma establecida no art. 45 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Ferrol, 15 de setembro de 2000.

O alcalde

Rubricado