Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 25 de outubro de 2000 Páx. 14.542

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación a L.M.T., C.T., R.B.T. Lidor, Fontoira, Franqueán, no concello do Corgo. (Expediente 44/1998 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A. con domicilio para os efectos de notificación na avda. Arteixo, 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico,

e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997.

Visto que durante o período en que se someteu o expediente ó trámite de información pública, se formulou a seguinte alegación:

1. Purificación Rodríguez Mosteiro quen manifesta que, podéndose instalar tecnicamente o tendido eléctrico sobre terreo de dominio público, se opón á declaración de utilidade pública da liña ou a que o trazado grave os predios da súa propiedade. Subsidiariamente no caso de que non se varíe a traza da liña solicita que a servidume sexa soterrada e, por último, no caso de que tales demandas non fosen atendidas, que sexa indemnizadas pola perda das plantacións arbóreas afectadas e demais prexuízos que se lle ocasionen.

Considerando que esta alegación, vista a contestación a ela por parte da empresa beneficiaria e o resto de documentación que consta no expediente, non pode ser tida en conta polas seguintes razóns:

1. En canto ás modificacións do trazado da liña solicita por Purificación Rodríguez Mosteiro, tanto referidas á modificación do trazado aéreo como ó soterramento da liña, por que non se cumprirían os requisitos establecidos no artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aprobou o regulamento da Lei 10/1966, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas

2. Porque a fixación da indemnización que lle corresponda non é obxecto de tramitación nesta fase do procedemento senón que se substanciará nunha fase posterior segundo o establecido nos artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa de 1954, logo de levantamento, segundo o procedemento regulado no artigo 52 desta mesma lei, da acta previa á ocupación dos predios afectados na que se describirán de forma exhaustiva tódolos bens e dereitos afectados, acto ó que será citada a alegante co fin de que efectúe tódalas manifestacións que considere oportunas en defensa dos seus intereses.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que na liña, ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997, antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de fun-

cións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuídas polos decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. Alto de Gomeán-Sub. de Corgo e remate no C.T. de Lidor de 1.355 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón e metálicos en conductor LA-56.

2. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. ó C.T. de Lidor e remate no C.T. de Franqueán de 551 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón e metálicos en conductor LA-56.

3. Centro de transformación intemperie de Lidor de 50 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

4. Centro de transformación intemperie de Franqueán de 50 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

5. Rede de baixa tensión aérea de Lidor de 1.030 m de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

6. Rede de baixa tensión aérea de Franqueán de 1.440 m de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre os terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicio destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido do informe técnico do 16 de maio de 2000.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 31 do Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso do 16 de xuño de 2000, Diario Oficial de Gali

cia do 6 de xullo de 2000 e no BOP de Lugo do 30 de xuño de 2000, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello do Corgo. Ata o momento do levantamento das actas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954. Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ó seu dereito.

Lugo, 18 de setembro de 2000.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo