Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 25 de outubro de 2000 Páx. 14.515

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de outubro de 2000 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José, con domicilio en Baralla (Lugo).

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación a efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Sarria, o día dez de outubro de dous mil, ante o notario Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, co número dous mil seiscentos cincuenta e nove do seu protocolo por Ramón Rodríguez González, María Teresa Vázquez Santiso e María del Pilar Barreira García, interveñen todos no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a atención ás persoas maiores, enfermos e necesitados: atención a domicilio, atención en residencia de día e residencia completa e atención en pisos tutelados.

4. O padroado da fundación estará constituído por Ramón Rodríguez González como presidente, María

del Pilar Barreira García como vicepresidenta e María Teresa Vázquez Santiso como secretaria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día dezasete de outubro de dous mil.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Complejo Residencial y de Servicios San José e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, dezaoito de outubro de dous mil.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública