Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 25 de outubro de 2000 Páx. 14.511

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 253/2000, do 5 de outubro, polo que se crea e regula o Consello Galego das Persoas Maiores.

A Constitución española no artigo 50 declara que os poderes públicos promoverán o benestar social das persoas maiores mediante un sistema de servicios sociais que atenderán os seus problemas específicos, considerándose que forma parte do dito sistema o mantemento de estructuras participativas que garantan a intervención dos afectados nas propostas de solución das súas propias necesidades.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, de conformidade co establecido no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1º 20 da Constitución española.

No artigo 4 do Estatuto de autonomía establécese que corresponde ós poderes públicos de Galicia facilita-la participación de tódolos galegos na vida política, económica, cultural e social.

Así mesmo a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais recolle no seu artigo 3.8º como un dos principios inspiradores do sistema de servicios sociais a participación, sinalando que os poderes públicos promoverán a incorporación dos cidadáns á programación e prestación dos servicios sociais.

O interese na participación social dos maiores non só se apoia nos principios xerais expresados senón tamén no contido concreto dos servicios sociais de atención especializada para os maiores que estarán orientados á consecución do seu maior nivel de benestar posible, así como acada-la súa integración social, para o que é necesario a súa colaboración a través dos máis variados instrumentos.

Por outra banda, cada día é máis importante a presencia dos maiores na sociedade galega o que require crear novas canles de participación deste colectivo en tódolos ámbitos da vida social e especialmente no campo dos servicios sociais dirixidos a eles.

Sendo así a colaboración dos maiores na programación e prestación dos servicios sociais un principio que debe orienta-la actuación dos poderes públicos resulta conveniente crear e regular un Consello Galego das Persoas Maiores, que veña configurarse como un instrumento de participación que dea resposta ás aspiracións dos maiores da nosa Comunidade Autónoma.

O Consello Galego das Persoas Maiores constitúese como un órgano consultivo de participación e colaboración deste colectivo, adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que estará formado por representantes das administracións, asociacións de persoas maiores, federacións de centros de atención ás persoas maiores e dos sindicatos que conten con áreas sectoriais específicas para este colectivo. O Consello ten como finalidades, entre outras, constituír un foro de encontro e debate no que se reflictan as inquedanzas da poboación maior de Galicia, promove-las relacións interxeracionais así como colaborar cos poderes públicos en materias dos servicios sociais relacionados cos maiores.

A estructura do Consello articúlase a través de dous órganos o Pleno e a Comisión Permanente. Crease un pleno amplo para dar cabida ás organizacións que teñan relación coas persoas maiores. Constitúese unha comisión permanente como órgano executivo, de composición máis restrinxida, que levará a cabo o traballo diario do consello.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de outubro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e obxecto.

O presente decreto ten como obxecto crea-lo Consello Galego das Persoas Maiores, e regula-la súa composición e funcionamento como órgano consul

tivo de participación e colaboración deste colectivo nas materias dos servicios sociais que lles afecten, e sexan de competencia da Comunidade Autónoma.

Artigo 2º.-Natureza e adscrición.

O Consello Galego das Persoas Maiores é un órgano colexiado consultivo que se adscribe á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 3º.-Órganos do Consello.

O Consello estará estructurado en:

O Pleno do Consello Galego das Persoas Maiores.

A Comisión Permanente do Consello.

Artigo 4º.-Funcións do Pleno do Consello.

O Pleno do Consello Galego das Persoas Maiores ten as seguintes funcións:

1. Constituír un foro de debate sobre a temática relacionada coas persoas maiores.

2. Impulsa-la participación dos maiores na prestación dos servicios sociais propondo ós poderes públicos as iniciativas que considere oportunas.

3. Aprobar un informe-memoria anual das actividades realizadas.

4. Promove-las relacións interxeracionais que faciliten a solidariedade e a integración dos maiores en tódolos ámbitos da vida social.

5. Fomenta-lo asociacionismo das persoas maiores e prestar apoio ás asociacións que xa existen para potencia-la presencia dos maiores na sociedade.

6. Colaborar co Consello Galego de Servicios Sociais nas áreas relacionadas coas persoas maiores.

7. Aprobar e modifica-lo seu regulamento de funcionamento interno.

8. Propor ós poderes públicos as medidas que consideren oportunas para conseguir un maior benestar dos maiores.

9. Representar ós maiores de Galicia nos órganos de representación dos maiores a nivel estatal; Consello Estatal das Persoas Maiores.

10. Calquera outra función, relacionada coas persoas maiores, que lle poida ser encomendada.

Artigo 5º.-O Pleno do Consello.

O Pleno do Consello estará integrado por:

Presidente: o titular da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Vicepresidente: o/a titular da Dirección Xeral de Servicios Sociais que substituirá ó presidente en caso de ausencia, vacante ou enfermidade deste.

Vocais:

A) Seis en representación da Administración autonómica designados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

B) Dous en representación das corporacións locais, sendo un deles en representación das deputacións provinciais e un en representación dos concellos, designados pola FEGAMP.

C) Catro en representación dos centros residenciais de atención ós maiores e dos fogares dos maiores que dependan da Administración autonómica, sendo un en representación de cada provincia, designados por cada delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

D) Vinte en representación das asociacións de persoas maiores (entidades prestadoras de servicios sociais ós maiores que non dispoñan de centros) que teñan implantación e organización propia dentro da Comunidade Autónoma e figuren inscritas no Rexistro de entidades que actúen na área dos maiores previsto no artigo 32.3º da Lei 4/1993 e no Decreto 291/1995, do 3 de novembro, desenvolvido pola Orde do 5 de febreiro de 1996.

E) Un en representación de cada unha das federacións de centros residenciais de atención ás persoas maiores.

F) Un en representación dos consumidores e usuarios designado polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

G) Un en representación de cada unha das tres organizacións sindicais máis representativas de Galicia, a través das súas áreas sectoriais específicas para as persoas maiores, xubilados e/ou pensionistas.

O presidente nomeará un secretario do consello, que non terá voto, por proposta do vicepresidente.

Artigo 6º.-Duración do mandato dos vocais.

6.1. A duración do mandato dos vocais en representación das asociacións de persoas maiores previstas no artigo 5º parágrafo D) será de catro anos.

6.2. Os vocais do Pleno do Consello, sen prexuízo do previsto no parágrafo anterior, permanecerán no seu cargo mentres non se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando sexa substituído polas administracións ou polas organizacións ás que representen.

b) Por renuncia, incapacidade permanente ou falecemento.

c) Por incorrer en penas que inhabiliten para o exercicio de cargos públicos.

d) Cando deixen de concorrer neles os requisitos que determinaron a súa designación. No caso dos vocais que representan ás entidades ou asociacións cando sexa cancelada a súa inscrición no Rexistro de entidades o seu vocal perderá a condición de membro do Pleno do Consello.

Artigo 7º.-Elección dos representantes das asociacións de persoas maiores.

As asociacións previstas no parágrafo 5º D) poderán presentar ante a Dirección Xeral de Servicios Sociais unha candidatura cun só candidato a vocal do Pleno do Consello Galego das Persoas Maiores.

Presentadas as candidaturas das asociacións, a Dirección Xeral de Servicios Sociais convocará unha reunión entre os candidatos presentados para que por e entre eles elixan os representantes das asociacións dos maiores no Pleno do Consello Galego das Persoas Maiores. Transcorrido o período do seu mandato, os representantes das asociacións no Pleno permanecerán no seu cargo mentres non se proceda á súa renovación.

Artigo 8º.-Sesións do Pleno.

O consello reunirase unha vez ó ano en sesión ordinaria, podendo reunirse en sesións extraordinarias cando o solicite o presidente, ou a Comisión Permanente.

Para quedar validamente constituído deberán estar presentes en primeira convocatoria a metade dos seus membros ou en segunda convocatoria un tercio deles.

Artigo 9º.-Comisión Permanente.

A Comisión Permanente estará integrada por:

Presidente: será o/a vicepresidente do Consello.

Vocais:

A) Catro en representación da Administración autonómica.

B) Dous en representación das corporacións locais.

C) Catro en representación dos centros residenciais de atención ós maiores e dos fogares dos maiores que dependan da Administración autonómica.

D) Cinco dos representantes das asociacións de persoas maiores (entidades prestadoras de servicios sociais ós maiores que non dispoñan de centros) que serán elixidos por e entre os seus vocais no Pleno por maioría por un período de catro anos e poderán ser reelixidos. Transcorrido o período do seu mandato, os representantes das asociacións na Comisión permanecerán no seu cargo mentres non se proceda á súa substitución ou renovación.

E) Un en representación das federacións de centros residenciais de atención ás persoas maiores.

F) Un en representación dos consumidores e usuarios.

G) Tres en representación das organizacións sindicais que conten con áreas sectoriais específicas para as persoas maiores.

Os membros da Comisión Permanente serán nomeados entre os vocais do Pleno polo presidente do consello por proposta dos vocais que representen a cada grupo deles.

O seu mandato durará mentres non sexan revogados por acordo do grupo de vocais ós que representen ou mentres non se dea algunha das circunstancias recollidas no artigo 6º, no caso dos vocais representativos das asociacións haberá que aterse ademais ó recollido no parágrafo D) deste artigo. No caso de que un vocal perdese a condición de

membro do Pleno perderaa tamén como membro da Comisión Permanente.

Actuará como secretario quen o sexa do Pleno do Consello.

Artigo 10º.-Funcións da Comisión Permanente.

Son funcións da Comisión Permanente:

1. A execución e seguimento dos acordos do Pleno.

2. Elabora-la memoria-informe anual de actividades para sometela posteriormente ó Pleno.

3. Propo-los asuntos a debater e eleva-las propostas de resolución ó Pleno.

4. Desenvolve-las funcións atribuídas polo Pleno ou polo Regulamento de funcionamento interno.

5. A emisión de informes e propostas ante os poderes públicos, sen prezuízo das funcións propias do Pleno.

6. Toma-las decisións de carácter urxente que non poidan ser tomadas polo Pleno dando conta delas ó Pleno na primeira sesión ordinaria ou extraordinaria que se celebre.

Artigo 11º.-Sesións da Comisión Permanente.

A Comisión Permanente reunirase dúas veces ó ano en sesión ordinaria, podendo reunirse en sesións extraordinarias cando o solicite o presidente da Comisión ou a maioría absoluta dos membros desta.

Para quedar validamente constituída deberán estar presentes a metade máis un dos seus membros.

Artigo 12º.-Normas de funcionamento.

Os acordos do Pleno ou da Comisión adoptaranse por maioría dos membros presentes, decidindo o voto do presidente en caso de empate.

O Consello Galego das Persoas Maiores rexerase polo presente decreto e polas súas propias normas de funcionamento e en todo caso polo previsto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións transitorias

Primeira.-No prazo de seis meses desde a entrada en vigor do presente decreto deberá constituírse o Consello Galego das Persoas Maiores.

Segunda.-O Pleno do Consello deberá aprobar, por maioría absoluta, un Regulamento interno de funcionamento, nun prazo de seis meses desde a súa constitución.

Terceira.-Para os efectos do previsto no artigo 7º do presente decreto as asociacións de persoas maiores (entidades prestadoras de servicios sociais ós maiores que non dispoñan de centros), poderán presentar ante a Dirección Xeral de Servicios Sociais unha candidatura cun só candidato a vocal do Pleno do Consello Galego das Persoas Maiores, nun prazo dun mes desde a publicación deste decreto.

O resto das entidades representadas no Consello deberán designa-los seus representantes no Consello no prazo dun mes desde a publicación deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución desta norma.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de outubro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais