Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 20 de outubro de 2000 Páx. 14.314

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2000 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico denominado Sil. (Expediente 027-EOL).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Iberdrola Diversificación, S.A. con domicilio para efectos de notificacións en r/ Circunvalación, nº 17, A Rúa (Ourense), sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Sil, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 15 de decembro de 1998, Heliodoro Oviedo Busto, en nome e representación de Iberdrola Diversificación, S.A. solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e a aprobación do proxecto de execución do parque eólico denominado Sil de 23,76 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O proxecto coas características fundamentais da instalación e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados someteuse a información pública por Resolución do 2 de febreiro de 1999, para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa mencionado, 2619/1966 sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e Decreto 205/1995 citado. A resolución publicouse nos seguintes medios: DOG do 3-3-1999, BOP de Ourense do 22-2-1999, no diario La Región do 10-2-1999, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil e Esgos e deuse coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Durante o período de información pública, Rafael Vallés Urriza, en representación da Comunidade de Montes en Man Común de Carballos de Portela, Cimbro e Cubela, presentou un escrito de alegacións contra a declaración de utilidade pública por entender que non está xustificada.

Terceiro.-O 2 de maio de 2000, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Cuarto.-O 13 de xuño de 2000, a Dirección Xeral de Industria resolveu autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos e aproba-lo correspondente proxecto de execución, coas seguintes características básicas:

Situación e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

X Y

SilNogueira de Ramuín607.500 4694.000

Xunqueira de Espadanedo608.500 4695.000

Parada de Sil610.000 4694.000

Esgos614.000 4690.000

613.000 4689.000

610.000 4691.000

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores: 36.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

Aeroxeradores: Gamesa G-47.

Potencia total instalada: 23,76 MW.

Producción anual estimada: 65.425 MWh/ano.

Investimento previsto: 3.046.558.687 ptas.

Características técnicas da infraestructura de transformación e interconexión:

-Interconexión dos aeroxeradores con tres circuítos eléctricos subterráneos a 20 kV, cada un deles cunha potencia instalada de 7,92 MW.

-Centro de transformación para instalar un en cada aeroxerador de 800 KVA de potencia e r/t 0,690/20 kV, cos elementos de protección e auxiliares necesarios.

-Subestación transformadora con entrada e saída á liña Santo Estevo e unha posición de transformador de potencia. Trafo trifásico de 50 MVA r/t 232,5/20 kV. Trafo de servicios auxiliares de 250 kVA con r/t 20/0, 420-0, 242 kV.

-Liña de alta tensión que conectará a subestación transformadora do parque eólico coa liña eléctrica Santo Estevo-Trives, aérea, a 220 kV, de dobre circuíto de 2.451 m en conductor AL-AC tipo Rail de 29,59 mm de diámetro en apoios metálicos.

-Sistemas de control e supervisión.

Quinto.-Os días 14 e 21 de xullo de 2000 Rafael Vallés Urriza, en representación da Comunidade de veciños de Vilar de Cerreda, propietaria dos montes en man común de Carballos de Portela, Cimbro e Cubela por unha parte, e Herminio Álvarez Martínez e os veciños do lugar de Xaravedra por outra banda interpuxeron recursos de alzada contra a citada Resolución do 13 de xuño de 2000, que foron desestimados por esta consellería con data do 13 de setembro de 2000.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Á vista da alegación presentada e da contestación dada a ela por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, cabe dicir que o artigo 52 da Lei 54/1997, reguladora do sector eléctrico, declara de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía, cos efectos que se determinan no artigo 54 da mesma norma.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966 e no Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixidos.

Esta consellería, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Sil, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses contados a partir da citada data.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio