Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Mércores, 18 de outubro de 2000 Páx. 14.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 4 de outubro de 2000 pola que se determina a relación de aglomeracións urbanas suxeitas ó canon de saneamento para usos domésticos.

O artigo 35 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, establece o seguinte:

«Estará exento do canon de saneamento o consumo ou a utilización de auga para usos domésticos das aglomeracións urbanas de menos de 2.000 habitantes, entendidas estas como aquelas zonas xeográficas formadas por un ou varios municipios, ou parte dun ou varios deles, que pola súa poboación ou actividade económica constitúan un foco de xeración de augas residuais que xustifique a recollida e conducción a unha instalación de tratamento ou a un punto de vertido final.

Regulamentariamente determinarase a relación de aglomeracións urbanas que, consonte o antes disposto, non estarán exentas do canon de saneamento. O límite do número de habitantes poderá ser variado anualmente na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma».

De acordo co mandato legal, por Orde do 10 de xuño de 1999 determinouse a relación de aglomeracións urbanas suxeitas ó canon de saneamento para usos domésticos a partir dos datos das previsións do Plan de saneamento para Galicia. As últimas modificacións levadas a cabo no devandito plan, que comportaron a súa aprobación pola Xunta de Goberno do organismo Augas de Galicia en data 28 de xuño de 2000, comportan algunhas variacións nas aglomeracións anteriormente

aprobadas, o que fai preciso proceder á súa incorporación na orde xa aprobada. Non obstante, e para maior seguridade xurídica, na presente orde relaciónase a totalidade das aglomeracións coa finalidade de facilita-la aplicación do canon de saneamento.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase a relación de aglomeracións urbanas suxeitas ó canon de saneamento para usos domésticos, que figura como anexo a esta orde.

Disposicións derradeiras

Derrógase a Orde do 10 de xuño de 1999 pola que se determina a relación de aglomeracións urbanas suxeitas ó canon de saneamento para usos domésticos.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2000.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda