Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 17 de outubro de 2000 Páx. 14.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 244/2000, do 29 de setembro, polo que se acorda a mutación demanial e a adscrición ó Servicio Galego de Saúde dunha parcela que integra o inmoble do antigo centro primario de inseminación artificial, sito no lugar do Carregal, termo municipal de Betanzos (A Coruña).

Mediante o Real decreto 1462/1989, do 1 de decembro (BOE nº 294, do 8 de decembro), ampliáronse os medios adscritos ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 999/1984, do 28 de marzo, en materia de agricultura. Na relación de bens que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia figura o centro primario de inseminación artificial gandeira, situado en Betanzos, cunha superficie total de 21.973,5 m, sendo a superficie real traspasada mediante este real decreto de 10.173,5 m, xa que os 11.800 m restantes se transferiron no Real decreto 999/1984, de 28 de marzo (BOE nº 128, do 29 de maio).

En virtude do Decreto 285/1989, do 16 de decembro, (DOG nº 4, do 5 de xaneiro de 1990), o dito inmoble foi asignado á Consellería de Agricultura. Na actualidade, despois dos distintos cambios na estructura orgánica da Xunta de Galicia, atópase

adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Posto de manifesto pola antedita consellería que un dos predios que integran o dito inmoble, que é independente do resto das edificacións, non resulta necesario na actualidade para o exercicio das súas competencias e constando a petición subscrita polo Servicio Galego de Saúde na que solicita a súa adscrición para a construcción dun centro de saúde, procede, de conformidade coa disposto nos artigos 12 e 13 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, acorda-la mutación de destino do dito predio.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a mutación de destino do predio que se describe a continuación, co fin de destinalo á construcción dun centro de saúde, que permita dar unha mellor resposta ós problemas de saúde da colectividade, mediante unha máis rápida atención asistencial ó cidadán:

Soar de 10.574,5m, no lugar do Carregal, parroquia de San Pedro de Viñas, no termo municipal de Betanzos (A Coruña), que linda ó norte, camiño ou estrada do Carregal, que a separa do predio da Dirección Xeral de Gandería do Ministerio de Agricultura; ó sur, en parte, herdeiros de Etcheverría, e no resto Concello de Betanzos; leste, Concello de Betanzos, sobre o que se atopa construído o polideportivo municipal; e ó oeste, estrada de circunvalación. O dito predio atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos, no tomo 967, libro 142, folio 57, predio nº 11.030, inscrición 3ª.

Artigo 2º

Adscríbese o antedito inmoble ó organismo autónomo Servicio Galego de Saúde, de acordo co seguinte réxime:

1. A adscrición conferirá as facultades de administración, xestión e conservación, tendo o seu uso e desfrute que ser conforme co fin previsto.

2. A dita adscrición non suporá cambio na titularidade ou cualificación xurídica do ben.

3. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, da que depende o dito organismo autónomo, adoptará as medidas que considere oportunas para a súa adecuada conservación e a efectiva aplicación ó fin expresado.

4º Cando o ben adscrito deixe de ser necesario para o cumprimento do fin determinante da mutación, reverterá o seu uso á consellería da que dependa administrativamente o organismo autónomo.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para dar efectividade ó disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda