Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 17 de outubro de 2000 Páx. 14.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 243/2000, do 29 de setembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela, situada no termo municipal de Ordes (A Coruña), para a instalación do Centro de Exposición e Promoción dos Recursos da Comarca de Ordes, ExpoOrdes.

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Ordes, en sesión do día 29 de xaneiro de 1998, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia unha parcela no termo municipal de Ordes (A Coruña), para a instalación do Centro de Exposición e Promoción dos Recursos da Comarca de Ordes, ExpoOrdes.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Ordes acordou a cesión, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dunha parcela, no termo municipal de Ordes (A Coruña), que a seguir se describe:

Parcela de 4.000 m situada no termo municipal de Ordes (A Coruña), que linda: norte, nunha lonxitude de cincuenta metros resto do predio matriz propiedade municipal; sur, parcela 212 do polígono 62 do catastro de rústica da parroquia de Ordes;

leste, nunha lonxitude de oitenta metros CN-550; e oeste, parcela de titularidade municipal, segregada do predio matriz para a súa cesión á Xunta-Consellería de Educación.

A dita parcela está inscrita no Rexistro da Propiedade de Ordes a favor do Concello de Ordes, no folio 223, do libro 156, tomo 641, predio nº 18.294, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A parcela cedida destinarase á construcción do Centro de Exposición e Promoción dos Recursos da Comarca de Ordes, ExpoOrdes.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda