Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 16 de outubro de 2000 Páx. 14.072

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2000 pola que se lle dá publicidade ó acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma galega e as centrais sindicais UGT, SPJ-USO e CC.OO., con representación entre o persoal da Administración de xustiza destinado nesta comunidade, para a mellora do servicio público da xustiza no marco da disposición adicional novena do Real decreto 1616/1989, do 29 de decembro.

Por Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, prodúcese o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ó servicio da Administración de xustiza, funcións e servicios que asume a Comunidade Autónoma por Decreto 438/1996, do 20 de decembro, asignándoas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, con efectividade do 1 de xaneiro de 1997.

O aspecto retributivo deste persoal está regulamentado polo Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza, e mais polo Real decreto 1616/1989, do 29 de decembro, polo que se establece o complemento de destino. Mediante Real decreto 668/1999, do 23 de abril, modifícase o texto da disposición adicional novena do Real decreto 1616/1989, coa finalidade de poder establecer programas concretos de actuación para a mellora do funcionamento da Administración de xustiza, ben polo Ministerio de Xustiza ou polas Comunidades Autónomas con transferencias en materia de persoal.

Corresponde á Administración autonómica o desenvolvemento da referida disposición adicional novena do Real decreto 1616/1989, e neste sentido coa finalidade de acadar unha mellora na prestación do servicio público da xustiza, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia logo de negociación coas centrais sindicais representativas do per

soal ó servicio da Administración de xustiza, no marco da Mesa Sectorial de Negociación deste colectivo veñen, desde a vixencia da modificación do Real decreto 1616/1989, polo Real decreto 668/1999, negociando determinados programas de actuación e a correlativa contraprestación retributiva. Como froito da citada negociación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e as centrais sindicais UGT, SPJ-USO e CC.OO., acordaron os obxectivos e plans de actuación que, oído o Consello Xeral do Poder Xudicial, se poñerán en vigor nos termos acordados, e que por medio de anexo fanse públicos.

Así mesmo a consellería levará a cabo tódalas actuaciónse tendentes a súa efectividade.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

ANEXO

Acordo entre a Administración da Comunidade autónoma galega e as centrais sindicais UGT, SPJ-USO e CC.OO., con representación entre o persoal da Administración de xustiza destinado nesta comunidade, para a mellora do servicio público da xustiza no marco da disposición adicional novena do Real decreto 1616/1989, do 29 de decembro.

Por Real decreto 2397/1996, de 22 de novembro, prodúcese o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ó servicio da Administración de xustiza, funcións e servicios que asume a Comunidade Autónoma por Decreto 438/1996, do 20 de decembro, asignándoas á Consellería de Xusticia, Interior e Relacións Laborais, con efectividade do 1 de xaneiro de 1997.

O aspecto retributivo deste persoal está regulamentado polo Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, polo que se aproba o regulamento orgánico dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza, máis polo Real decreto 1616/1989, do 29 de decembro, polo que se establece o complemento de destino.

Esta última norma foi modificada polo Real decreto 668/1999, do 23 de abril, que introduce unha nova redacción da disposición adicional novena, do Real decreto 1616/1989, que se establece coa finalidade de acada-la modernización e mellora da prestación do servicio público da xustiza, logo de negociación coas centrais sindicais máis representativas e oído o Consello Xeral do Poder Xudicial, o establecemento de programas concretos de actuación, fixando os órganos xudiciais afectados e os funcionarios integrantes destes; literalmente establece que o cumprimento dos programas esixe o establecemento dunha serie de obxectivos concretos, tales como sobrecargas de traballo, diminución de atrasos, posta en marcha de proxectos informáticos, atención ó público nas linguas propias das comunidades autónomas, así como outros que poidan establecerse necesarios para a consecución daqueles, que poderán cifrarse ou non na realización dunha maior xornada e que serán avaliados mensual, trimestral ou

semestralmente.

Neste sentido coa finalidade de acadar unha mellora na prestación do servicio público da xustiza, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as centrais sindicais representativas do persoal ó servicio da Administración de xustiza, no marco da Mesa Sectorial de Negociación deste colectivo veñen, desde a vixencia da modificación do Real decreto 1616/89, polo Real decreto 668/1999, negociando determinados programas de actuación e a correlativa contraprestación retributiva. Como froito da citada negociación, a Consellería de Xustiza, Interior y Relacións Laborais e as centrais sindicais UGT, SPJ-USO e CC.OO.,

ACORDAN:

Primeiro.-O ámbito obxectivo do presente acordo consiste no establecemento dun complemento no marco da disposición adicional novena do Real decreto 1616/1989, coa finalidade de acadar unha mellora na prestación do servicio público da xustiza, e polo que atinxe ó ámbito subxectivo, segundo permite a citada disposición, serán os integrantes dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza, tanto titulares como interinos destinados en órganos xudiciais ou fiscais da Comunidade Autónoma galega, que voluntariamente decidan a súa adhesión ó programa que se reflicte do presente acordo.

Segundo.-A mellora do servicio público da xustiza, pola súa incidencia xeral, céntrase entre outros en dous aspectos inseparables, por unha banda nunha racionalización da xornada de traballo e pola outra no fomento da presencia efectiva no posto de traballo, evitando ausencias que non respondan a causas non xustificadas.

A racionalización do horario de traballo, pola incidencia positiva no nivel de rendemento cuantitativo e cualitativo dos órganos xudiciais, aconsella que a atención ós xusticiables e ós profesionais sexa prestada de xeito continuado na banda horaria común para a función pública, concentrando o desempeño

do traballo por medio da realización dunha xornada laboral continuada de seis horas e trinta minutos, poidendo opta-lo funcionario por unha banda horaria entre as 8 ás 14.30 horas, ou entre as 8.30 ás 15 horas, agás no período comprendio entre o 1º de xullo e o 15 de setembro, que será de seis horas, das 8.30 ás 14.30 horas; sen prexuízo de garanti-lo cumprimento do horario laboral vixente do xeito que se indica na resolución da Secretaría de Estado de Xustiza, do 5 de decembro de 1996.

Con relación á presencia efectiva no posto de traballo, evitando ausencias que non respondan a causas non xustificadas, deberán acreditarse as ausencias totais ou parciais ó posto de traballo mediante un parte ou informe médico xustificativo. Tal xustificante será esixido desde o segundo día de ausencia total ou parcial.

Cando segundo o citado parte ou informe a enfermidade prevexa unha duración superior ós cinco días de ausencia, deberá tramitarse así mesmo no segundo día a correspondente solicitude de licencia por enfermidade; igualmente deberá tramitarse a correspondente licencia acompañada de novo parte médico, cando a pesar da previsión inicial a enfermidade se prolongue máis dos cinco días de ausencia.

Terceiro.-Ademais vinculados á atención ó cidadán e a mellora-lo rendemento, os seguintes obxectivos:

a) A implicación do funcionario no labor común do centro de traballo, así como o apoio mutuo en momentos determinados para a realización de tarefas equivalentes, todo iso co fin de propicia-lo impulso dos expedientes e a mellora na atención ó cidadán. Procurarase especialmente que as curtas ausencias dun ou varios funcionarios por enfermidade ou outros motivos afecten o mínimo posible ó rendemento da oficina, evitando acudir a reforzos e interinidades.

b) A colaboración e cumprimento das instruccións dos órganos competentes en materia de organización do traballo, especialmente no eido dos programas e actuacións tendentes á optimización do gasto corrente dos xulgados e tribunais.

c) A implicación no eido da normalización lingüística e en garanti-lo cumprimento dos dereitos lingüísticos dos usuarios da Administración de xustiza.

d) A implicación na utilización das novas tecnoloxías.

Cuarto.-A adhesión inicial ó presente programa deberá ser acreditada por certificación do titular ou secretario do órgano xudicial ou fiscalía. A certificación indicará os funcionarios que voluntariamente optan por adherirse ó programa e a banda horaria pola que opten.

Co obxecto da actualización e seguimento do programa, os titulares ou secretarios de cada órgano xudicial ou fiscalía remitirán mensualmente certificación coas alteracións das circunstancias deste,

xa sexa por cambios de destino dos funcionarios ou baixa voluntaria no programa; así mesmo a certificación reflictirá o caso dos funcionarios adheridos ó programa e que o incumpriran.

A certificación enténdese sen prexuízo das facultades de inspección do seguimento do programa polos órganos competentes.

O incumprimento do programa que resulte da certificación ou do resultado da inspección dará lugar á non percepción do complemento retributivo do mes correspondente e á suspensión da aplicación do programa. O incumprimento reiterado, entendendo por tal o que teña lugar en dous meses consecutivos ou tres alternos nun período de nove meses, dará lugar á exclusión do funcionario implicado da aplicación do presente programa, sen que poida admitirse de novo antes de que transcorran outros seis meses.

No caso de baixas ou licencias regulamentarias seguirá a percibirse o dito complemento.

Os funcionarios implicados nestas medidas acreditarán na súa nómina a contía, segundo os corpos funcionariais, de:

1. No período comprendido entre xullo do ano 2000 ata setembro do ano 2001, ambos inclusive, o complemento económico será:

a) Oficiais: 7.918 ptas./mes (2,06 puntos).

b) Auxiliares: 10.745 ptas./mes (2,79 puntos).

c) Axentes: 15.629 ptas./mes (4,06 puntos).

2. No período comprendido entre outubro do ano 2001 ata decembro do ano 2002, ambos inclusive, o referido complemento será:

a) Oficiais: 12.647 ptas./mes (3,29 puntos).

b) Auxiliares: 15.475 ptas./mes (4,02 puntos).

c) Axentes: 15.629 ptas./mes (4,06 puntos).

O devengo económico das cantidades anteriores, ou da parte proporcional no caso de reducción de xornada, será mensual na nómina do funcionario, iniciándose o seu aboamento por motivos de xestión no mes de setembro do ano 2000, todo iso sen prexuízo de que constatada a baixa voluntaria ou incumprimento en meses polos que se aboase o complemento, detraerase da nómina as cantidades indebidamente percibidas.

Quinto.-No marco do presente acordo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará persoal de reforzo nos órganos xudiciais e fiscais ata unha contía máxima de vinteoito millóns anuais. Así mesmo comprométese a dota-las novas prazas de persoal ó servicio da Administración de xustiza precisas pola creación de novos órganos, no sentido de adecua-lo número destes ás necesidades do servicio público da Administración de xustiza.

Sexto.-O presente acordo entrará en vigor a partir do primeiro de xullo do ano 2000, trala correspondente tramitación e unha vez ratificado polos órganos

competentes do goberno da Xunta de Galicia, e estenderá a súa vixencia de xullo do ano 2000 a decembro do ano 2002, ambos inclusive. Por variación da regulamentación de calquera orde no réxime xurídico ou sistema retributivo do persoal ó servicio da Administración de xustiza afectado polo presente acordo, quedará este en suspenso con efectividade do mes seguinte á vixencia da nova norma retributiva. Igualmente quedará en suspenso e sen efectos, no caso de resolución xudicial anulatoria do contido do programa, dalgunha das súas cláusulas ou de calquera acto administrativo dictado en aplicación do presente acordo.

Sétimo.-Constituirase unha comisión de seguimento formada por un membro de cada organización sindical asinante do acordo, podendo ter cada un deles o correspondente substituto, e un número igual de representantes da Administración, con funcións de información, seguimento e asesoramento no que atinxe á aplicación do complemento retributivo fixado no presente acordo.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2000.

Pola Administración autonómica: conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, Antonio Pillado Montero.

Polas organizacións sindicais asinantes. UGT, José A. Rilo Diaz. SPJ-USO, Manuel Pena Rivadulla. CC.OO., Ángel M. Garmendia Díaz.