Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 16 de outubro de 2000 Páx. 14.064

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 6 de outubro de 2000 pola que se establece, para os gandeiros da Comunidade Autónoma de Galicia, no período 2000/2001, o procedemento para a adquisición de cantidade de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas.

O Fondo nacional de cotas lácteas, concibido, dentro da reserva nacional, como un elemento básico para a modernización do sector, está constituído, na actualidade, polas cantidades de referencia adquiridas mediante o programa de abandono indemnizado executado durante o período 1999/2000 de acordo coa disposición adicional terceira do R.D. 1486/1998, do 10 de xullo e a orde do MAPA de 9 de setembro de 1999, programa desenvolto nesta Comunidade Autónoma mediante a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 26 de outubro de 1999. A distribución das cantidades adquiridas entre os productores de cada Comunidade Autónoma efectuarase ó abeiro do disposto no segundo parágrafo do punto 1.a) do artigo 15 do Real decreto 324/1994, do 28 de febreiro, polo que se establecen normas reguladoras do sector do leite e dos productos lácteos e do réxime da taxa suplementaria.

É necesario, polo tanto, establece-lo procedemento para que os productores de leite poidan acceder á cota existente no fondo, así como á asignación complementaria de cota da reserva nacional. Neste sentido, a normativa estatal precitada xa establece os aspectos básicos, como requisitos dos beneficiarios, contías máximas a solicitar do fondo, prazo de solicitude, criterios básicos de prioridade, prezo e procedemento de xestión, así como límites máximos das asignacións complementarias da reserva nacional en función das cantidades adquiridas do fondo, quedando pendentes de establecer, a nivel de Comunidade Autónoma, determinados aspectos complementarios dos anteriores, ademais dos de carácter procedemental.

De acordo co anterior, o obxecto da presente orde é establece-las condicións e procedemento para a adquisición de cantidades de referencia do fondo

nacional coordinado de cotas lácteas e para a asignación complementaria de cantidades da reserva nacional, no marco do establecido no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, sobre modernización e mellora da competitividade do sector lácteo e da orde do MAPA de 26 de setembro de 2000 que establece o marco correspondente para o período 2000/2001 da que se transcriben, total ou parcialmente, algunhas das súas disposicións, para unha mellor comprensión por parte dos interesados.

Por outra parte, de acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no que respecta á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la xestión das solicitudes de adquisición polos gandeiros de cantidade de referencia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto

Pola presente orde establécese o procedemento para a adquisición de cantidades de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas, en adiante fondo, segundo o disposto no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, a asignación complementaria da Reserva Nacional para o período 2000-2001.

Artigo 2º.-Cantidades existentes e prezo.

1. A cantidade existente no fondo correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia é de 6.450.599 quilos.

2. O prezo de venda das cantidades do fondo establécese en 52,81 pts./quilo.

3. A cantidade correspondente a productores da Comunidade Autónoma de Galicia existente na reserva nacional ascende a 6.450.599 quilos.

4. Con cargo ás cantidades sinaladas nos puntos 1 e 3 deste artigo atenderanse os recursos presentados contra a denegación do fondo coordenado e asignación complementaria da campaña 99/00, que resultaran estimados. As cantidades restantes, unha vez atendidos os ditos recursos, serán as dispoñibles para a adquisición do fondo e reserva complementaria regulados nesta orde.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán, unha vez aboado o importe correspondente, ser beneficiarios do fondo e da asignación complementaria da reserva nacional aqueles productores que o soliciten, que teñan a súa explotación na Comunidade Autónoma de Galicia e que cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 4º.-Limitacións.

De acordo co establecido no artigo 15.4º do R.D. 1486/1998, os gandeiros adquirentes de cantidade de referencia do fondo comprométense a non transferir nin ceder temporalmente tanto a súa cota propia como a adquirida do fondo durante cinco períodos.

As cantidades de referencia asignadas da reserva nacional ó abeiro da presente orde, non poderán ser obxecto de transmisión por venda ou arrendamento, nin de cesión temporal ou abandono indemnizado, e serán reintegradas na reserva nacional cando o productor cese na actividade ou transfira, total ou parcialmente, a súa cota.

Exceptúanse do establecido no parágrafo anterior os casos de herdanza, doazón e cambio de titularidade, sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as cantidades de referencia procedentes da reserva nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

Artigo 5º.-Requisitos.

1. Poderán solicita-la asignación de cantidades de referencia do Fondo os productores que reúnan os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de cota asignada inferior a 400.000 quilogramos a data 1 de abril de 2000.

b) Estar incluído nalgunha das categorías de productores recollidas no artigo 34.1º do Real decreto 1486/1998, e que se indican a continuación:

1. Que teña a condición de agricultor a título principal, tal e como se define no punto 6 do anexo 1 do Real decreto 204/1996, do 9 de febreiro, sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias, ou a acade en virtude da adquisición.

2. Que sexa agricultor novo, tal como se define no punto 9 do anexo I do Real decreto 204/1996 e acceda por primeira vez á producción de leite.

3. Que se trate de agrupacións de productores agrarios, sociedades agrarias de transformación, cooperativas de producción, comunidades de bens ou sociedades civís.

4. Que a súa explotación estea situada nas zonas agrícolas desfavorecidas definidas no artigo 3 da Directiva 75/268/CEE, do consello, ou en zonas de recollida con problemas específicos.

5. Que se trate dunha institución de carácter benéfico ou docente.

c) Non se ter acollido ós programas de abandono definitivos da producción de leite, financiados con cargo a fondos da Unión Europea, nacionais ou autonómicos.

d) Non ter transferido nin cedido cota durante os últimos cinco períodos, incluíndo aquel no que se presenta a solicitude ó Fondo Coordinado.

e) Ter comercializado na campaña 1999/2000 polo menos o 90 por 100 da súa cantidade de referencia individual.

f) Cumpri-las condicións sanitarias esixibles á producción e comercialización de leite e productos lácteos.

g) Te-la condición de productor de leite a título principal.

Entenderase como tal, no caso de persoas físicas, as que obteñan o 50% da sua renda, alomenos, da actividade agraria e, á súa vez, o 50% dos seus ingresos agrarios, como mínimo, procedan da venda de leite da explotación, e, no caso de persoas xurídicas, o titular dunha explotación agraria prioritaria que obteña o 50% dos seus ingresos, como mínimo da venda do leite da explotación.

Se se trata dunha comunidade de bens, deberán te-la condición de productor de leite a título principal tódolos membros dela ou un deles, como mínimo, se existe un pacto de indivisibilidade da comunidade por período mínimo de cinco anos, contados a partir do 1-1-2000.

2. A esixencia indicada no punto 1.a) anterior entenderase sen prexuízo do establecido no último parágrafo do artigo 7º.

Os requisitos expresados no punto 1.b) deberán cumprirse na data de publicación desta orde.

-As condicións sanitarias indicadas no punto 1.f) consideraranse cumpridas para os productores con entrega a compradores, cando os resultados das análises de leite da explotación efectuadas polos laboratorios interprofesionais de análises de leite ou laboratorios autorizados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, correspondentes ós meses de abril, maio, xuño, e xullo de 2000, demostren que, alomenos, nas medias dun deses meses o contido en xermes/ml é inferior a 100.000, en células somáticas inferior a 400.000, non hai presencia de residuos de substancias farmacoloxicamente activas e non existe presencia de auga engadida.

No caso de que se trate de explotacións de cota exclusivamente de venda directa, consideraranse cumpridas as esixencias de calidade, se a explotación está cualificada sanitariamente de acordo coa normativa vixente.

Artigo 6º.-Puntuación e clasificación das solicitudes.

1. Puntuación.

No marco do establecido no artigo 15 do R.D. 1486/1998, a clasificación das solicitudes para a adquisición de cantidades de referencia do fondo, efectuarase co seguinte baremo de puntuación:

a) Por ter aprobado, no período do 1 de agosto de 1995 ó 31 de xullo de 2000, un plan de mellora da explotación ou unha axuda á primeira instalación de agricultores novos, ó abeiro dos reais decretos 204/1996 e 1887/1991, coas melloras realizadas ou en execución: 1 punto.

b) Por ser agricultor mozo, tal como se define no punto 9 do anexo I do Real decreto 204/1996: 1 punto.

No caso de cooperativas, SAT, sociedades civís, laborais, mercantís ou comunidades de bens, poderán obter esta puntuación se, alomenos, o 50% dos socios cumpre a condición de agricultor mozo.

c) Se a explotación acredita reuni-la condición de prioritaria, de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias prioritarias da Comunidade Autónoma de Galicia: 2 puntos.

d) Por te-la explotación integrada no control de rendemento leiteiro oficial e cumpri-lo establecido na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 14 de abril de 1999, de desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX), como mínimo, no período do 1-10-1998 ó 30-9-1999: 1 punto.

O Servicio de Producción Animal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria facilitará ó Ilgga a información necesaria para a comprobación deste requisito.

e) Por ter sido destinatario dunha transferencia de cota doutra explotación para a campaña 2000/2001 ou precedentes, no marco dos reais decretos 2307/1994 ou 1486/1998: 2 puntos:

f) Por ser socio, con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2000, de cooperativa, sociedade agraria de transformación ou asociación de productores, que sexa primeiro comprador de leite, autorizado polo FEGA ou que participase en programas de asistencia técnica a explotacións leiteiras subvencionados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en 1999: 1 punto.

g) Por non ter recibido cota da reserva nacional no marco da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 6 de xullo de 2000 (DOG do 10-7-2000) nin do Fondo Nacional de Cotas Lácteas de acordo co establecido na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 17 de setembro de 1999 (DOG do 27 de setembro): 3 puntos.

Para que poidan ser obxecto de puntuación as condicións establecidas nas letras b) e c), estas terán que cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Clasificación das solicitudes.

A distribución entre os productores das cantidades de referencia do fondo efectuarase tendo en conta a puntuación acadada segundo o baremo establecido no punto 1 e a cantidade de referencia dispoñible do solicitante, coas cantidades máximas previstas no artigo 7º.

Para tal fin, tódolos expedientes que cumpran tódolos requisitos indicados no artigo 5º relacionaranse polo número total de puntos obtidos, e procederase á distribución das cantidades de referencia do fondo por orde de puntuación, de maior a menor, ata que se esgote a cantidade dispoñible.

No caso de que dous ou máis solicitantes tivesen a mesma puntuación, daráselles preferencia ós productores que teñan menor cantidade de referencia o 1 de abril de 2000 e, en caso de persisti-la igualdade, terá prioridade o solicitante de menor idade, ou con data de constitución da entidade máis recente.

Artigo 7º.-Cantidade máxima para solicitar do fondo.

A cantidade máxima que poderá solicitar establécese en función da cantidade de referencia que teña asignada o 1 de abril de 2000, segundo o que a continuación se indica:

a) Se a súa cantidade de referencia asignada é inferior a 150.000 quilos, ata un máximo do 33 por 100 dela.

b) Se a súa cantidade de referencia asignada está comprendida entre 150.000 e 250.000 quilos, ata un máximo do 25 por 100 da diferencia entre a súa cota e 350.000 quilos.

c) Se a súa cantidade de referencia asignada está comprendida entre 250.000 e 400.000 quilos, ata un máximo do 10 por 100 da diferencia entre a súa cota e 500.000 quilos.

Nos tres puntos anteriores a cantidade que se solicitará ó fondo non poderá ser superior a 15.000 quilos, así como tamén con independencia da cota láctea do gandeiro, non se asignarán cantidades inferiores a 5.000 quilos.

Nos casos de sociedades agrarias de transformación e cooperativas de producción con cota asignada, os límites sinalados de acceso ó fondo calcularanse dividindo a cota asignada polo número de agricultores a título principal que as integren, e a cantidade que se solicitara será o resultado de multiplicar polo dito número a cantidade que correspondería a cada un, segundo os baremos anteriores.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. Os productores de leite que teñan a súa explotación na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os requisitos do artigo anterior e estean interesados en obter cantidades de referencia do fondo de cotas para o período 2000/2001 presentarán, antes do 1 de novembro de 2000, unha solicitude dirixida ó director do Ilgga, de acordo co modelo incluído como anexo I, preferentemente, nas oficinas comarcais de Extensión Agraria. Así mesmo, poderán presentarse as ditas solicitudes en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os interesados comprometeranse na solicitude a que unicamente poderán desistir da mesma con anterioridade á remisión ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación polo Ilgga da proposta de asignación.

Artigo 9º.-Documentación.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación xustificativa do cumprimento de requisitos esixidos ós solicitantes e as súas explotacións.

1. No caso de ter presentada solicitude de asignación de cantidade de referencia de leite da Reserva Nacional segundo o disposto na Orde do 6 de xullo de 2000 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria soamente será necesario xuntar á solicitude de cota do fondo, fotocopia cotexada da dita solicitude rexistrada dentro do prazo

correspondente, e, se é o caso, o boletín de análises do indicado no punto 2.e).

2. Se o solicitante é persona física:

a) Fotocopia do DNI e NIF do solicitante.

b) Para xustifica-la condición de agricultor a título principal, fotocopia cotexada da declaración do IRPF do exercicio 1999, e fotocopia cotexada do recibo da cotización á Seguridade Social do mes de xullo de 2000.

c) No caso de entrega a compradores, certificado do primeiro comprador, relativo ás entregas de leite e productos lácteos comercializados na campaña 1999/2000, así como do importe da venda de leite e productos lácteos do 1-1-1999 ó 31-12-1999 segundo o modelo incluído como anexo II.

d) No caso de vendas directas, fotocopia da declaración obrigatoria de leite e productos lácteos comercializados directamente no período 1999/2000, así como fotocopia compulsada das facturas de venda directa ou da contabilidade que debe levarse, segundo a normativa vixente, correspondente ás vendas de leite e productos lácteos realizada entre o 1-1-1999 ó 31-12-1999.

e) Un boletín de análises, xustificativo do requisito do artigo 5.1º.f), dun Laboratorio Interprofesional de Análises do Leite ou doutro laboratorio autorizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria correspondente á media dun mes do período 1-4-2000 ó 31-7-2000, se o leite da explotación non se analiza no LIGAL.

Nas explotacións de cota exclusivamente de venda directa, para acredita-lo previsto no artigo 5º.2, presentarase copia do comunicado da última campaña oficial de saneamento gandeiro realizada na explotación (folla verde), na que conste a súa cualificación sanitaria.

f) Se é o caso, certificado da cooperativa, SAT ou asociación de productores, xustificativo do indicado no punto f) do artigo 6, segundo modelo do anexo III.

g) De se-lo caso, documentación xustificativa da condición de prioritaria da explotación.

3. Se o solicitante é unha comunidade de bens:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento constitutivo da comunidade de bens.

c) Certificación do órgano rector da comunidade de bens autorizando ó representante para face-la solicitude e indicando a relación nominal e o NIF de tódolos socios.

d) Os documentos indicados no punto 2, letras a) e b) para tódolos membros da comunidade ou, como mínimo, para un deles e documento xustificativo do pacto de indivisibilidade por un período mínimo de 5 anos desde o 1-1-2000, neste último caso.

e) Se é o caso, as certificacións indicadas nas letras c), d), e) e f) do punto 2.

4. Se o solicitante é unha persona xurídica:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento de constitución da entidade.

c) Copia da certificación expedida polo órgano rector da entidade ou escritura de apoderamento na que conste a identificación da persoa autorizada para a realización da solicitude.

d) No caso de cooperativas e sociedades agrarias de transformación, certificación do órgano competente dos socios que a constitúen, así como os documentos indicados nos apartados a) e b) do punto 2 para aqueles socios que reúnan a condición de agricultor a título principal.

e) Se é o caso, os certificados indicados nas letras c), d), e) e g) do punto 2.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. As solicitudes presentadas remitiranse ós servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a súa comprobación e análise, os cales, tendo en conta os requisitos e puntuacións previstas na presente orde elaborarán un informe, que elevarán, coa proposta correspondente, ó director do Ilgga.

2. Recibidas tódalas propostas dos servicios provinciais, a Dirección do Ilgga, segundo os baremos e condicións establecidas, elaborará a proposta de asignación, que notificará ós interesados e á Dirección Xeral de Gandería do MAPA antes do 15 de decembro de 2000.

3. No prazo de 10 días a partir da recepción da proposta, os gandeiros deberán ingresa-lo importe do prezo das cantidades de cota que figuran nela, na conta corrente que figura no anexo IV, remitíndolle unha copia do xustificante do ingreso ó Servicio Provincial do Ilgga.

4. A Dirección do Ilgga, unha vez comprobado o ingreso efectivo en prazo remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA a relación dos gandeiros incluídos na proposta que non constituiran en prazo o ingreso, para o efecto da súa exclusión da resolución de asignación, de acordo co artigo 15 do R.D. 1486/1998.

5. Unha vez realizada pola Dirección Xeral de Gandería do MAPA a asignación de cota ata o límite dos dereitos dispoñibles do fondo, a relación das cantidades asignadas a cada productor exporase nos taboleiros de anuncios da Dirección do Ilgga, servicios provinciais do devandito instituto, así como nas oficinas comarcais de Extensión Agraria.

Artigo 11º.-Renuncias.

De acordo co establecido no artigo 6 da orde do MAPA de 26 de setembro de 2000, os solicitantes que non efectúen en prazo o ingreso do importe das cantidades adquiridas do fondo considerarase que renuncian á súa solicitude.

Así mesmo, non se poderá renunciar á asignación unha vez efectuado o ingreso das cantidades correspondentes á adquisición de cota do fondo.

Artigo 12º.-Asignación complementaria.

1. Tendo en conta o establecido no artigo 17 do R.D. 1486/98 e no artigo 7 da orde do MAPA do 26 de setembro de 2000, o director xeral de Gandería asignaralle, ós gandeiros que obtiveran cota do fondo e que o soliciten, unha cantidade de referencia complementaria da reserva nacional, en función da cota individual que teña xa asignada e da cota obtida do fondo, conforme os siguientes estratos:

a) Un solicitante non poderá recibir asignación complementaira por encima do límite do 100 por 100 da cantidade de referencia adquirida ó fondo de cotas, cando a súa cantidade de referencia asignada sexa inferior a 250.000 quilogramos.

b) Nos caso nos que a súa cantidade de referencia asignada estea comprendida entre 250.001 e 400.000 quilogramos, os solicitantes non poderán recibir asignación complementaria por encima do límite do 80% da cantidade adquirida ó fondo de cotas.

2. O director do Ilgga remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA a proposta de asignación complementaria conxuntamente, se é o caso, coa proposta de asignación de cantidade de referencia do fondo.

3. Unha vez realizada a asignación complementaria, se é o caso, polo director xeral de Gandería do MAPA, conxuntamente coa asignación de cantidades de referencia do fondo, a relación de productores e cantidades expoñeranse nos lugares indicados no artigo 10.5º da presente orde.

Artigo 13º.-Falsidade dos datos.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou na documentación presentada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de acordo coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de todo tipo que puideran derivar, especialmente as da taxa suplementaria.

Artigo 14º.-Inspección e control.

O Ilgga poderá solicita-la documentación complementaria e realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos para comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada.

O productor deberá colaborar nas devanditas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións necesarias para o mellor cumprimento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria