Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 16 de outubro de 2000 Páx. 14.074

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2000, da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, pola que se fixan as normas do sorteo de permisos de pesca en coutos para a tempada de 2001.

De conformidade co establecido no artigo 34 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), correspóndelle a esta dirección xeral fixa-las normas que rexerán o sorteo de permisos de couto para pescadores.

Para a tempada de pesca do 2001 as normas do sorteo de permisos serán as seguintes:

-As solicitudes presentaranse antes das 14 horas do 15 de novembro no rexistro do servicio provincial de Medio Ambiente Natural que corresponda, ou mediante os procedementos descritos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-En cada servicio provincial de Medio Ambiente Natural e na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural estarán ó dispor dos pescadores os correspondentes modelos de solicitude.

-O sorteo terá lugar nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural o día 27 de novembro.

-A hora do sorteo, os procedementos do sorteo e de selección de permisos e outras normas complementarias serán establecidas por cada servicio provincial de Medio Ambiente Natural e expostas no taboleiro de anuncios de cada delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente.

-A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual de pesca continental para a tempada 2001. Os permisos serán outorgados con esta condición e sen que os posibles cambios na normativa poidan dar lugar a cambios de permisos, agás no caso concreto de que se prohiba a práctica da pesca na data ou no couto obtido.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2000.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Medio Ambiente

Natural