Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 16 de outubro de 2000 Páx. 14.075

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2000 pola que se convoca un curso sobre medidas de protección do ambiente natural.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre medidas de protección do ambiente natural, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo contribuír á formación ambiental, tanto na teoría coma na práctica dos membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, que facilite o seu traballo nas competencias que teñen asumidas na nosa Comunidade.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e, no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 80.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 13 de novembro de 2000, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito significará a non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

-Módulo I: marco institucional do ambiente.

-Módulo II: conceptos básicos e introducción xeral.

-Módulo III: instrumentos de xestión ambiental.

-Módulo IV: xestión ambiental nos diferentes sectores (aire, auga e solo).

-Módulo V: xestión ambiental de instalacións industriais de especial interese.

-Módulo VI: Xestión do ambiental.

Datas.

O curso celebrarase en datas do 27 de novembro ó 1 de decembro de 2000.

O horario será o seguinte: de luns a venres de 10 a 14 horas, e de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 20 de novembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, A Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de setembro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade